Os medios, e incluso os diferentes xornalistas dun mesmo xornal, discrepan respecto ás tendencias e intencións do novo Sumo Pontífice do catolicismo, que, copiando a un cantante valenciano, púxose Francisco, así, a secas (a que se vai liar na Wikipedia): é conservador, non, que é liberal, continuista, non, rupturista. É o Papa, e punto. Claro que está en contra do matrimonio entre homosexuais. Non o confundamos con Rouco, que cando vai de paisano faise chamar “Paco Clavel”.
Nun xesto de humildade exemplar, máis propia do herdeiro ó trono de Zamunda que dun cardeal ascendido, pagou a estancia da pensión na que estivo hospedado estes días en Roma. Supoño que os outros Papas dixeron que “xa mandarei a alguén a pagar outro día, que agora non levo cambio”, porque, como vai ter cambio o Papa? Se nin sequera ten petos. Estará obrigado a deixar os seus obxectos persoais no mostrador do Cuarto das Bágoas- onde lle obrigan a pasar de papable a Papa a través do troco de indumentaria- como Alex o de A laranxa mecánica ó ingresar no manicomio.
Agora xa podemos dicir “arxentino, coma o Papa”. Que raro. Cando dixeron que o elixido no conclave (récord da palabra máis queimada nestes días, ó nivel de “antesala dos Óscar” cando se fala dos Globos de Ouro) era da Arxentina, pensei que sería Messi, que ultimamente gaña todos os premios individuais que conceden os seus colegas. Tanto el coma Jorge Mario reciben a coroa de loureiro con “humilitatis”, sen cuspir ás bancadas.
Hai unha viñeta de El Perich na que se ve ó Papa mirándose no espello e dicindo para si: “Mira que se Deus non existe, e eu toda a vida con estas pintas...” Din que a Ratzinger se lle vía o “jarsé” por debaixo das pintas papais cando, nada máis ser elixido, saíu ó balcón. Raro tamén que, sendo arxentino, ó novo Encargado Supremo non se lle notasen as cores azul e grana do seu equipo (seguro que non es ti, Lionel?), o San Lorenzo de Almagro, xa que, como se pode comprobar nos anuncios da cervexa Quilmes, os afeccionados arxentinos levan a camisola do seu equipo pegada á pel. Como non, La Voz de Galicia, que lle atopa conexións galegas a todo cristo (con titulares tipo “Beethoven era gallego”) lembrounos ós cinco minutos da elección de Francisco que o San Lorenzo é o equipo dos galegos da Arxentina.
Non quero asustar a ninguén, pero olliño: xorden terribles augurios por partida dobre coa ascensión ó trono do bonaerense (que aproveita o balbordo para roubarlle fieis á Igrexa Maradoniana). Os afeccionados do San Lorenzo son coñecidos coma “corvos”; por outra banda (como din en Cifras e Letras), o cargo de xeneral dos xesuítas (orde da que procede o Papa Francisco), é tamén denominado “Papa negro”. Corvo; Papa negro; xa fregan as mans en Cuarto Milenio. Por se fora pouco, escolleron a Jorge Mario un día 13 do ano 13. É o Papa negro desas profecías que só saen á luz cando xa morreu o conto. Seguro que os cardeais, mentres botaban a partida na Capela Sixtina, xuntaron os dous treces coa intención de rirse de Iker Jiménez e a súa troupe, entre os que figura un que semella Curros Enríquez, e que sempre di que se o can ladrou, é que había unha pantasma. Para a próxima, que metan un can no conclave (maldita palabra bendita) e revele cos seus ladridos a presenza irrefutable do Espírito Santo pousando na cachola dun vello con saias.
Que riquiño o Papa! Vai en metro. Só lle falta ir en chándal.
https://www.youtube.com/watch?v=ZFSRLCbqepY
- Exposición no CGAC sobre música e censura: "Vibracións prohibidas"
Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario