31.10.12

Colaboración: "Lennon e McCartney, artistas parisienses", por Javier Ferreirós

Media_httpuploadwikim_nuhwb

Lennon e McCartney, a parella de compositores máis famosa quizais do século XX. Wikipedia

Diego Manrique dedica un artigo, dentro do especial de El País sobre os Beatles con motivo do cincuenta aniversario da súa carreira discográfica, ó milagroso que resulta que aquel grupo de desastrados rockers chegaran a sacar un disco –“Love me do”- o 5 de outubro de 1962. Como estandartes do imaxinario popular do noso tempo, parécenos incrible que o seu destino non estivera gravado en mármore dende o principio dos tempos: é unha desas cousas que tiña que pasar. Pero o camiño que levou ó Beatles dende o momento que colleron por primeira vez unha guitarra ata a edición de “Love me do” aseméllase máis a aquela escena de Bugs Bunny cruzando a rúa entre un tráfico frenético mentres le distraído o xornal e chega ileso á outra beira: un milagre que a ratos resulta igual de cómico. Postos a divagar, poderiamos remontarnos na cadea de acontecementos favorables ata o Big Bang, pero o caso é que Manrique menciona no seu artigo un episodio deses anos de tugurios e tupés graxentos que eu esquecera: a viaxe de Lennon e McCartney a París facendo autostop. Se ben a súa intención non parecía ser instalarse alí e facerse “artistas bohemios”, neses anos de descubrimento e terra queimada moi ben poderían ter quedado aló enredados no encanto do vello París dos artistas que xa se esfumara décadas atrás. Cando es mozo e ademais artista, raras veces xurde a sensación de chegar tarde, porque o tempo é infinito na túa mente. Todo existe ó mesmo tempo. Tal vez, como lle pasou a Bob Dylan co poeta Carl Sandburg, este par de liverpoolianos de pantalóns estreitos terían petado á porta de Picasso e o vello diría que o deixaran en paz. (Ou, se tiña unha boa tarde, os convidaría ó té lembrando que de mozo pensara en instalarse en Londres polo liberadas que estaban as mulleres inglesas. E despois botaríaos fóra, deixádeme en paz, teño que traballar.)

 

A historia, tal e como a contan os seus protagonistas no Beatles Anthology, é a seguinte: polo seu 21 cumpreanos, chegando á maioría de idade, Lennon recibiu do seu tío cen libras como regalo, unha cantidade considerable daquela (McCartney di que aínda hoxe en día lle impresiona ver esa cantidade en efectivo...). Así que a el e a Paul se lles ocorreu gastalas nunha viaxe a dedo ata España. Alá foron, deixando colgados a Harrison e Pete Best (batería do grupo daquela) e pasando da súa axenda de concertos, anulados por incomparecencia. Semellaba a fin do grupo: John e Paul polas cunetas e Bugs Bunny a piques de ser atropelado. Para que os recolleran, McCartney, sempre espelido, propuxo que levaran uns bombíns para chamar a atención dos condutores, mostrando que viñan dun largo camiño dende Inglaterra: Lennon e McCartney con sombreiros de Charlot. Puro marketing incipiente. Entre o autostop e o tren chegaron a París, e unha vez deitados na cama do hotel decidiron que España estaba moi lonxe...así que se dedicarían a percorrer os cafés e a vivir coma nun vello cartel do Moulin Rouge.

Media_httpuploadwikim_rrpuk

The Beatles en Holanda, 1964. Wikipedia

Estiveron dando tombos e facendo o indio como correspondía  á súa idade e carácter; compraron pantalóns bombachos (que despois converteron tamén en pantalóns estreitos con agulla e fío) e Lennon fotografouse en calzóns. Unha semana despois volveron a Liverpool e ó rock and roll, e a historia seguiu camiño e o destino, esa ilusión, cumpriuse.

Agora xoguemos á historia-ficción: que tería pasado se decidiran quedar e se puxeran a debuxar (Lennon tiña no debuxo unha vocación paralela, estivera matriculado na Escola de Arte de Liverpool, e McCartney, como é sabido, pégalle a todo) e a vender os seus debuxos nos cafés? Non creo que iniciasen unha revolución pictórica, pero tal vez non teriamos escoitado falar de Andy Warhol; Lennon seguiría vivo, e despois duns aniños bos, malviviría nun faiado parisiense, convertido nun persoeiro rosmón co que se sacarían fotos os turistas, unha especie de Zapatóns da Rive Gauche. McCartney, prescindindo da careta de goma, posuiría unha cadea de galerías de arte, e vendería o seu produto cunha actitude semellante á do dono de Ryanair. George Harrison, farto de esperar, tería fundado un grupo tan lembrado como os Merseybeats e presentaría recopilatorios da música da época na teletenda, e Ringo sería hoxe un xubilado inglés residente en Málaga despois de toda unha vida como músico de sesión, e escribiría un libro de anécdotas (Batería de historias. Historias dun batería) no que contaría que unha vez coincidiu con Phil Collins e lle ensinou un ritmo de pandeireta da súa invención.

Media_httpuploadwikim_ewjrw

Paso de Abbey Road, con greñas. Wikipedia.

Pero o destino constrúese día a día con vontade, talento e paixón, e tamén con algo máis que un chisco de circunstancias favorables, abofé. No caso dos Beatles, tocando oito horas cada noite nos escenarios pegañentos de Hamburgo, para as putas,os mafiosos e os mariñeiros, entre esgarros e botellas escachadas. A fuxida parisiense só durou dúas semanas, pero o tempo parece ir máis rápido para os Beatles, que como tales só duraron oito anos dende aquel 5 de outubro de 1962; de aí que Harrison e Best se cheiraran aqueles días a fin do grupo.

O que si tiña que pasar é que Lennon e McCartney se separaran, porque non todas as historias de amor duran tanto como a de Victorio e Lucchino. De terse establecido a realidade paralela de París, Yoko Ono, despois dun bolo conceptual nas Galerías McCartney, botaría unhas moedas no bombín roído de Lennon sen mirarlle sequera ós lentes, e non tería a culpa de todo.

 


Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
dos principais discos da música mundial
"Música por dentro"

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este sábado, 3 de novembro, concerto coa banda local e a de Arteixo

Ciclo_de_outono_2012

Rianxo, 31 de outubro de 2012. Dende a Escola de Música de Rianxo comprácense en convidar a todo o mundo ao Concerto do Ciclo de Outono 2012:
  • CONCERTO CICLO OUTONO 2012
  • Banda de Música Santiago de Arteixo
  • Banda da Escola de Música de Rianxo
  • DÍA: Sábado 3 de novembro
  • HORA: 20:30 h
  • LUGAR: Auditorio de Rianxo

Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Colaboración: o novo conto da Tasca do Cuco fala da crise das concentracións de motos

Polo Padre Teixugo

Estabamos comentando na Tasca do Cuco os efectos da crise no número e na calidade das concentracións moteiras: non se puido celebrar a concentración dos moteiros da Ria de Noia, tampouco puidemos correr coas nosas monturas clásicas polo circuíto galego de velocidade (en Forcarei)...

Efectivamente, en Galicia temos un pequeno circuíto onde podedes facer series de velocidade sen risco da vosa seguridade: acabouse o de facer o indio pola estrada, manchando o nome dos colegas afeccionados ao mundo das dúas rodas. E na Barbanza, podemos utilizar o circuíto ribeirense de moto-cross do monte de San Alberte, cun fácil aceso dende o Polígono de Xarás.

En canto ao de circular polas vías públicas, algo ao que temos dereito sempre que respectemos aos demais cidadáns, tedes que recoñecer que o mellor evento cultural do motor na comarca da Barbanza, foi a Concentración do Moto Club Praia de Cabío, da Pobra do Caramiñal. Grazas a eles, ao seu traballo, mais a colaboración do Concello da Pobra, belezas de dúas rodas, coma a BMW con sidecar da Africa Korps, perfectamente restaurada, permaneceron expostas aos ollos do público na praza Segundo Durán da Pobra do Caramiñal.

Non querendo ofender aos demais compañeiros moteiros, vouvos xuntar unha pequena selección da mostra de reliquias que os moteiros clásicos coidamos con agarimo e moito esforzo, dadas as dificultades do momento. Non temos ningunha axuda para coidar e manter este patrimonio nacional que son algunhas das auténticas pezas de museo que puidestes contemplar facendo ruta polos concellos da zona, sen pedir nada a cambio. Porque a nos gústanos compartir a nosa ledicia con todos vós, sen amolar, dando unha nota de colorido e recordo dos vellos tempos.

Agora acércanse tempos complicados, temos que aproveitar o mal tempo para invernar os vehículos, reparar algunha que outra peza estragada polo esforzo... pagar os impostos de circulación aos concellos (non temos exención por ser vehículos clásicos), seguro de circulación, e pasar as duras probas da I.T.V.

Pero temos que dar grazas a Deus por permitirnos compartir este hobby con todos vós, e aproveito para recordarvos que, se tedes algún trasto vello e queredes información ou simplemente saír a pasear polo Barbanza, non tedes mais que contactar por este medio, de acordo colegas?

De momento, non podemos mais que ser un grupo de amigos, xa que non temos recursos económicos suficientes para ser Clube federado, pero xa realizamos o ensaio da primeira ruta para motos clásicas da Barbanza: dende Ribeira (Deán Grande) ate Boiro (Vilariño) por pistas asfaltadas ao carón da autoestrada, para logo subir ate o Confurco (Lousame). A idea vai ser para o ano repetir e colaborar cos motoclubes que queiran. Quedades convidados, colegas moteiros.

Unha aperta a tod@s, e o noso recoñecimento ao Moto Clube Praia de Cabío e ao Concello da Pobra do Caramiñal.

Anteriores contos da Tasca do Cuco, aquí


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o campo de céspede sintético da Fieiteira xa conta con grada

[[posterous-content:pid___0]]

Ribeira, 31 de outubro de 2012.- O Concello de Riveira informa de que se está a ultimar nestes momentos a instalación dunha grada no campo de herba artificial do Complexo Polideportivo da Fieiteira.

A nova infraesturura conta cunha capacidade cercana aos 200 espectadores e está sendo desenvolvida por iniciativa da Concellería de Deportes do Concello de Riveira, dando resposta así dende o Executivo a unha das principais demandas dos pais, nais, espectadores, clubs e usuarios en xeral do recinto deportivo.

A grada, que está ubicada baixo a cuberta anteriormente existente no campo en cuestión, xa está plenamente operativa durante os partidos de fútbol programados para o día de mañá.


Antes, en Certo:

Pode que tamén lle interese:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: fan xa un chamamento ás familias que desexen acoller saharauis o vindeiro verán

  • Dentro do programa "Vacacións en paz 2013"

Foto_saharauis

Noia, 31 de outubro de 2012. O Concello de Noia, a través da Concellería de Servizos Sociais Igualdade e Benestar, dirixida por Sofía Caamaño (BNG), xunto coa asociación SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui), fan un chamamento a todas aquelas famílias da nosa comarca interesadas en acoller solidariamente, durante os meses de xullo e agosto, un neno ou unha nena saharui na sua casa neste próximo verán de 2013,  dentro do” Programa Vacacións en Paz 2013”.

Para porse en contacto coas persoas responsables deste programa hai que chamar aos teléfonos seguintes:

Concello (Yolanda) / móbil: 677662500

SOGAPS (Bea) / móbil: 615977213

Máis información: http://www.sogaps.org





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o 5 de novembro comeza un curso virtual para familias

  • O seu obxectivo é a prevención de condutas de risco

Media_httpaulavirtual_wcfvb

Noia, 31 de outubro de 2012. A Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Noia comunica que o próximo día 5 de novembro, luns, o BBVA e a Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), no seu afán de dotar as familias de instrumentos que faciliten o seu labor de prevención de condutas de risco, pon a disposición de todos os internautas un curso online dirixido a pais e nais que desexen pautas de orientación ou de actuación en relación coa educación dos seus fillos.

O curso virtual para pais "En Familia" foi deseñado para fortalecer o papel preventivo de condutas de risco (entre as que se encontran os problemas derivados polo consumo de drogas), dende o convencemento de que previr na familia é algo natural, é dicir, algo posible de realizar día a día, de forma sinxela e constante dende unha idade moi temperá. Está dirixido a pais e nais con fillos en idade escolar, interesados en coñecer ou, no seu caso, afondar nas posibilidades de actuación preventiva na súa familia.

Hai que solicitalo e confirmar participación

Dado o carácter gratuíto da actividade e o gran nivel de aceptación, é conveniente confirmar o interese en participar no Curso Virtual. Para poder atender a solicitude das familias o máis eficazmente posible hai que achegarse á seguinte dirección Web http://aulavirtual.fad.es/enfamilia_BBVA.htm onde poderán inscribirse e encontrarán unha descrición pormenorizada dos Cursos Virtuais.

CURSO VIRTUAL PARA PAIS "EN FAMILIA"

http://aulavirtual.fad.es/enfamilia_BBVA.htm

 

Máis información: Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias

Rúa do Curro, 4 – 2º andar. 15.200 Noia. infodrogas@gmail.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: o ribeirense Quico Cadaval dirixe e actúa en "Románticos", a nova obra de teatro de Mofa e Befa

  • Estréase hoxe en Santiago, no Teatro Principal

Media_httpstaticdomes_kkkyx

Románticos! de Mofa & Befa
- ¡¡¡Grande Estrea!!! - Santiago de Compostela - Teatro Principal - 21 horas - Entradas á venda só na billeteira do teatro

Ribeira, 31 de outubro de 2012. Segundo informa hoxe a web do Consello da Cultura Galega, Mofa e Befa estrean novo espectáculo teatral, titulado "Románticos". De novo colabora, dirixindo e actuando, o dramaturgo ribeirense Quico Cadaval.

Texto íntegro da nova en http://www.culturagalega.org

"De Lord Byron a Edgar Allan Poe pasando por Julio Iglesias ou Sergio Dalma. Produción Teatrais Excéntricas méteos a todos no mesmo saco para revisar o espírito romántico. De feito, Románticos é o título do novo espectáculo que hoxe estrean no Teatro Principal (21:00 horas)de Santiago e onde estarán ata o domingo. Evaristo Calvo, Vitor Mosqueira, Quico Cadaval e Piti Sanz póñense ás ordes de Xan Cejudo para desmontar os mitos contemporáneos.

A idea deulla Vitor Carou, director xerente do Auditorio, cando hai un ano, ao rematar un concerto de música lle propuxo informalmente a Quico Cadaval facer algo relacionado con aquelo que acababan de escoitar. A idea madurou e foi o propio Carou quen lle abriu as portas do Teatro Principal, espazo pertencente ao concello, para exhibir esta proposta que se sitúa na aliña dos espectáculos de Mofa e Befa. “Hai en Románticos un pouco de ópera, de música popular, de música de todos os tempos” explicou Evaristo Calvo no marco da rolda de presentación do espectáculo. “Hai un pouco de intertextual, porque sacamos de moitas partes, e de multidisciplinar, de teatro de música, pero cun obxectivo claro que é entender”, puntualiza Calvo.

Desta volta está o equipo completo con Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, o músico Piti Sanz e Quico Cadaval, actor e director nesta montaxe que “visita os grandes temas do romanticismo” e nos que, segundo nota de prensa, se poderá “completar a loita do monstro de Frankenstein contra o sinistro Julio Iglesias, comparando as cicatrices operatorias. As Asombrosas revelacións do psicanalista arxentino de Rosalía de Castro ou ao conde Drácula cantando o afamado bolero pasarán máis de mil anos”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical