25.4.12

A Pobra: o Psoe pide un arquitecto municipal para que o concello "deixe de ser de segunda"

Arquitecto municiàl.docx Download this file

Moción para o vindeiro pleno:

Pode que tamén lle interese:


Viaxe do instituto: a Sicilia, co proxecto Comenius


Patrimonio: denuncian o abandono por parte do equipo de goberno



Transparencia esixida polo Bng: nas contratacións do Concello



Confraternidade: o xantar da vellez é o 4 de maio

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Cofradía da Dorna celebra este sábado 28 a súa primeira asemblea de peñas de 2012

Primeira_asamblea_de_peas_2012

Ribeira, 25 de abril de 2012. A Asociación Cultural Real e Ilustre Cofradía da Dorna convoca a tódalas peñas dorneiras a participar na Primeira Asamblea de Peñas Dorneiras da LXIV Singladura da Festa da Dorna. Celebrarase o vindeiro sábado 28 de abril de 2012 ás 20:32 no local da Cofradía (soto do Palco de Pedra, Avda do Malecón, Ribeira).

Como temas principais, informa Arturo González Mariño, vicepresidente da Cofradía, "están a presentación dos días dos que constará a Festa da Dorna 2012, a celebración da votación para a elección da cor das sudadeiras dorneiras para esta singladura entre outros temas de interese".






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o último Xoves Literario, mañá 26, está adicado a Valentín Paz Andrade

  •  A charla corre por conta de Xesús Manuel Valcárcel, ás oito da tarde no conservatorio

Media_httpvalentinpaz_lklsm

Valentín Paz na páxina web na súa  homenaxe

 

Ribeira, 25 de abril de 2012.- A programación dos Xoves Literarios chegará mañá ao seu fin coa conferencia que Xesús Manuel Valcárcel vai impartir en torno á figura de Valentín Paz-Andrade, homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas.

 

Baixo o título de "O multifacetismo emprendedor de Paz-Andrade", Valcárcel disertará mañá ás 20 horas no Conservatorio Municipal sobre unha persoa que nun municipio pesqueiro como Ribeira é moi coñecida como impulsor dunha das flotas máis importantes do mundo, pero non tanto pola súa faceta de intelectual e de poeta culto e sensible.

 

O acceso será, como de cote, libre e gratuíto. Os Xoves Literarios forman parte da programación do Abril Mes dos Libros (coorganizado polas Concellerías de Educación e Cultura) e adscríbese tamén ao programa Letras Vivas da Xunta de Galicia.

 

Xesús Manuel Valcárcel, catedrático de Lingua e Literatura Galegas de EEMM, foi profesor das universidades de Granada e Santiago de Compostela, cidade na  que exerce actualmente a súa actividade profesional.

 

Fundador de Sentimentalismo, Vangarda Artística Galega, Valcárcel conta cunha intensa produción literaria na que figuran títulos como Emaín (Premio Celso Emilio Ferreiro), Rosa clandestina  (Premio Leliadoura, da Editorial Sotelo Blanco), A porta de lume (Premio Esquío, da Fundación Caixa Galicia),  Contos nocturnos (Premio Galicia de Narrativa), O capitán Lobo Negro (Premio da Crítica Española), Os ollos da sentinela, As grandes carballeiras, etc.


En 1997 publica as tres primeiras obras teóricas sobre o sentimental_ISMO (Animal sentimental, Dialéctica sentimental e Práctica sentimental) nas que propón unha nova, e revolucionaria, concepción da literatura, a arte e o ser humano.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Natureza: a asociación ecoloxista Vox Ánima pronúnciase sobre a Campaña contra o Híbrido do Barbanza

Ribeira, 25 de abril de 2012. Seguen as reaccións sobre a campaña de exterminio dos lubicáns do Barbanza. Desta volta publicamos o comunicado da asociación Vox Ánima, de recente creación, e cuxa primeira actividade pública será unha manifestación o vindeiro sábado 28 de abril, da que xa informamos.


Comunicado completo:


Dende a Asociación Vox Ánima queremos amosar a nosa máis enérxica repulsa e indignación ante a campaña emprendida pola Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para exterminar o híbrido de lobo na Serra do Barbanza; polas seguintes razóns:

 

1. Sen infravalorar nin por un instante o dereito á vida dos híbridos de lobo, salientamos que as batidas e agardos contra estes, están a afectar tamén de forma irremediable ao lobo, xa que a única maneira de diferenciar un lobo dun híbrido é mediante unha análise de ADN. Por iso gustaríanos saber cales son os criterios polos que se rixen á hora de disparar. Ademais estas accións non están sendo levadas adiante por técnicos ou profesionais dependentes da Xunta de Galicia, senón por cazadores particulares que se prestan voluntarios.

 

2. Os agardos e trampeos, previstos para os meses de abril a agosto vanse facer en plena época de cría, polo que a captura ou morte da nai, vai supoñer a morte de todas as crías por inanición.

 

3. Na observación dalgúns dos animais abatidos, presuntamente híbridos, atopáronse sinais de manipulación por parte do home, xa que tiñan as orellas recortadas, o que fai tomar corpo á posibilidade de que eses exemplares foran criados en catividade e soltados posteriormente, non se sabe con que intención.

 

4. Tanto as batidas realizadas coma os agardos e trampeos, segundo a información de que dispoñemos, estanse a facer sen un coñecemento real sobre a poboación de lobos que nestes momentos hai no Barbanza.

 

5. Ademais consideramos que a morte destes animais, sexan híbridos ou non, é totalmente innecesaria, xa que, se o que se pretende é evitar a hibridación, podería procederse á captura e esterilización dos primeiros.

 

Por todo isto esiximos o cese inmediato de esta matanza. Ademais se o que se pretende é evitar novos casos de hibridación deberán poñer control aos abandonos de cans nos montes da Serra. A única solución real pasa por efectuar medidas que eviten os abandonos: coma controis exhaustivos dos cans de caza, revisións rutineiras de microchips, rexistro municipal destes animais, compromiso de esterilizacións, infraccións por abandono; o que significa, en definitiva, un interese por parte da Administración de educar á sociedade no respecto pola vida nos animais.

 

Por último, queremos amosar tamén o noso rexeitamento ao tratamento sensacionalista que determinados medios de comunicación lle están a dar a este tema. Creando un alarmismo en torno á figura destes animais, que en nada se parece á realidade.


Relacionadas:



Temos que facer tamén referencia a Axena, asociación que deu a voz de alarma en primeiro lugar e que lle leva adicadas xa seis entradas ao asunto no seu blog:

1.- Asasinos de lobos na Barbanza
2.- Os lubicáns
3.- A raza do can
4.- Orellas marcadas
5.- Manifestación o sábado 28 de abril
6.- Opinión dos gandeiros


Exterior diptico lobo definitivo.pdf Download this file

Interior diptico lobo definitivo.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o instituto Leliadoura desprazouse ata Londres

Ribeira, 25 de abril de 2012. Trinta e dous alumnos do IES Leliadoura estiveron 5 días en Londres, como parte das actividades da sección bilingüe


Na capital británica puideron mellorar os seus coñecementos e manexo da lingua inglesa. Ademais de percorrer as principais rúas londinenses, os estudantes visitaron os máis coñecidos monumentos e museos. Entre outros visitaron Westminster, a Torre de LondresBuckinghamPicadilly Circus e os mercados de Portobello e Camden. 

Tamén foron ao Museo Británico, ao de Ciencias e ao de Historia Natural.  Entre outras visitas máis lúdicas hai que salientar a do London Dungeon, onde puideron coñecer a historia do Londres máis terrorífico (o gran incendio, a peste, Jack o destripador...) e o London Eye (coas súas vistas panorámicas da cidade).


Como punto final, antes de emprender viaxe de regreso asistiron ao musical "We wil rock you".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o instituto viaxou a Sicilia dentro do programa europeo Comenius

A Pobra, 25 de abril de 2012. Unha representación do Instituto da Pobra do Caramiñal formada por catro profesoras e catro alumnos, integrantes do grupo de Comenius, están estes días a desenvolver as actividades do proxecto Let´s eat history? na localidade siciliana de Castelvetrano, agasallados polos compañeiros do Liceo Scientifico Estatale Michele Cipolla.

O plan de traballo inclúe presentacións dos traballos feitos en cada colexio por parte do alumnado participante, coa dificultade engadida de ter que facelo en inglés, que é o idioma común escollido para estes encontros; logo tamén haberá reunións do profesorado participante para poñer en común impresións e resultados e pechar este proxecto que acada agora o seu segundo e derradeiro ano.

Promocionando a xarda e o mexillón

Tamén entre todos elaborarán un libro de receitas elaboradas con produtos locais de cada zona, aportadas polas familias en cada un dos colexios participantes. As receitas do instituto da Pobra baséanse na sardiña e nos mexillóns. Esperan poder disfrutar coas receitas que traian doutros paises, ó igual que agardan que eles aprendan a disfrutar cos pratos galegos. Os asistentes ó encontro terán a vantaxe engadida de disfrutar in situ dun buffet elaborado entre todos, co mellor dos produtos aportados por cada país. Agradecen a aportación das conservas de Luis Escurís Batalla para poder elaborar os pratos.

A viaxe inclúe tamén a recepción no concello e moitas visitas guiadas: factoría de aceite, salinas, restos arqueolóxicos de Cave di Cusa, ou o meirande parque arqueolóxico de Europa, situado en Selinunte.


Templo E de Selinunte, na Wikipedia

Estamos desexando que volten para que nos conten polo miúdo as súas experiencias e nos falen dos novos amigos que quedan en Sicilia.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: os semáforos do Malecón comezarán a funcionar na primeira quincena de xuño

  • O Concello adxudicou hoxe a actuación por 80.800 euros
  • Instalarán dispositivos de última xeración, con tecnoloxía led de alta visibilidade e sinalización acústica para invidentes


Os primeiros semáforos do Malecón estiveron en probas
 

Ribeira, 25 de abril de 2012.- O Concello informa da adxudicación do subministro e instalación de semáforos na avenida do Malecón, por un importe de 80.800 euros. Esycsa resultou a empresa adxudicataria dunha actuación que –incluída no programa Riveira Atlántica 2015 que está cofinanciado nun 70% con fondos Feder- responde á necesidade de reordenar a mobilidade dunha das principais arterias da cidade.

A actuación dará comezo á vindeira semana e as previsións apuntan a que os semáforos estarán definitivamente instalados e en funcionamento na primeira quincena do mes de xuño. Vanse implantar na intersección do Malecón con Rosalía de Castro e nos tres pasos peonís comprendidos entre a oficina de turismo e o acceso peonil ao porto. Todo, co obxectivo de regular a mobilidade dos peóns e vehículos e aumentar a seguridade viaria sen prexudicar a fluidez do tráfico rodado.

Os semáforos que se instalarán son de última xeración: a iluminación será de tecnoloxía LED de baixo consumo e alta visibilidade, e ademais estarán equipados con dispositivos acústicos para invidentes. Todos os elementos estarán coordinados, funcionando de maneira sincronizada, e contarán con plans de tráfico específicos para datas estivais.

Cruce Canarias/Rodríguez Bautista

De xeito paralelo a esta actuación, o Concello trasladará algúns dos semáforos provisionais situados actualmente no Malecón á intersección entre a rúa Canarias e a avenida Miguel Rodríguez Bautista, a fin de comprobar se a introdución deste elemento contribúe a mellorar a fluidez do tráfico nun punto no que con certa frecuencia se producen retencións.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentado o programa "Galicia Saudable", onde se desvelou que o 70% dos galegos non facemos exercicio

  • Moito público escoitou os consellos do cardiólogo González Juanatey, que dará unha charla este xoves en Noia sobre os coidados do corazón. Tamén estiveron cargos da Xunta e o alcalde
 
Ribeira, 25 de abril -San Marcos- de 2012.- O Auditorio Municipal viviu no serán de onte un concorrido acto público co que se quixo difundir as vantaxes que para a saúde conleva unha vida máis activa e saudable. Tratábase da presentación do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, Galicia Saudable, promovido por Presidencia da Xunta e que reuniu no salón de actos ao cardiólogo de prestixio internacional José Ramón González Juanatey, xefe do servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e presidente da Sociedad Española de Cardiología xunto con altos cargos da Xunta e alcaldes do PP.

Os membros da mesa presidencial foron explicando os beneficios que para os homes e mulleres de calquera idade entraña a actividade física e unha dieta equilibrada. Tras a presentación, polo xornalista ribeirense David Bello, o primeiro en tomar a palabra foi Alfonso Cabaleiro, da Xunta, quen incidiu na idoneidade do acto para que os asistentes ao mesmo (e os que accedan a el por medio dos medios de comunicación) teñan a ocasión coñecer o Plan e “sobre todo, sexan capaces de poñer en práctica a actividade deportiva”.

José Ramón Lete, responsable de Deporte na Xunta, explicou que o programa Galicia Saudable é un programa que avoga por propiciar un cambio cultural entre a poboación, dado que os cidadáns teñen que ser conscientes de que a actividade física é un elemento fundamental da promoción da saúde. A este respecto, afirmou que segundo aseverou o doutor Casanueva, esta pode ser a primeira xeración da historia na que os pais vexan aos seus fillos. “Temos un problema importante como é o sobrepeso e a obesidade”, declarou. E esgrimiu: “Temos que tomar o control da nosa vida”.

Conferencia de Juanatey

O gran momento do acto chegou coa intervención de José Ramón González Juanatey, un dos maiores expertos en cardioloxía do mundo, quen pronunciou unha conferencia na que manifestou que o non fumar, o manter unha masa corporal e un peso axeitados, o realizar exercicio regular e o levar unha dieta regular evitan o risco de infarto cardiovascular. “Todos vostedes sodes coñecedores disto e está na nosa man poñelo en práctica”, dixo, desafiando así as últimas directivas do Fondo Monetario Internacional, ao que non lle parece demasiado ben que a xente vivamos moitos anos.

A continuación manifestou que o principal problema é modificar determinados hábitos de vida chegada unha determinada idade. “Tense que producir un cambio social consistente nunha participación máis directa dos cidadáns sobre a súa saúde”, declarou, e engadiu que a educación é fundamental para conquerir este fin.

O 70% dos galegos non facemos exercicio

O doutor Juanatey dedicou parte da súa intervención a resaltar a importancia da actividade física que, segundo explicou, é un elemento clave a calquera nivel da vida pero é especialmente relevante a unha idade avanzada: “O impacto da actividade física é máxima a partir dos 65 anos”, resaltou. A maior afondamento, informou de que case o 70% da poboación galega non dedica ningún tempo a actividade física reglada. “Isto non se pode permitir”, argüíu.

Tras unha nova intervención do secretario xeral para o Deporte, pechou o evento o alcalde Manuel Ruiz, quen destacou que entre as iniciativas se ten intención do Executivo para fomentar a práctica da actividade física figuran “dous proxectos importantísimos”, como son a realización dun entorno saudable de 4 quilómetros ao longo do río Artés/Arlés e a construción doutro paseo marítimo entre Ribeira e O Touro de 1,5 quilómetros. “Temos que ter a visión de permitirlle ao cidadán que disfruten do seu concello e dunha vida san”, dixo, como se os cidadáns de Ribeira non puidesen pasear por lugares sen piso liso de formigón ou plaquetas.

Obras en Olveira de Arriba e Reiriz

Por outra banda, o Concello tamén informa hoxe da licitación dunha actuación consistente na instalación de saneamento e pluviais nos lugares de Olveira de Arriba e Reiriz, ambos situados na parroquia de Olveira. Segundo recolle hoxe o Boletín Oficial da Provincia, o orzamento da acción ascende a 443.880,23 euros e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello no prazo de 26 días naturais contados a partir do día seguinte a esta publicación no BOP. O prazo de execución é de seis meses.

Na actualidade, os dous lugares citados carecen de rede de saneamento e pluviais, existindo unicamente algún tramo de cuneta destinado a canalizar as augas superficiais. Con tal motivo, técnicos municipais elaboraron un proxecto co obxectivo de instalar unha rede de saneamento que dea servizo aos veciños da zona, e que consistirá na colocación de dúas tubaxes (unha de 1.119 metros e outra de 164) de PVX compacto, dispoñéndose 43 pozos a 1,70 metros de profundidade e outros 13 a 2,90 metros.

A través dos colectores indicados conduciranse as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se implantará un bombeo no que se instalarán dúas bombas somerxidas. Dende aí, as augas impulsaranse a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade ata a súa conexión á rede xeral. Tamén se prevé a instalación dunha rede de pluviais a través de dúas tubaxes de 371 e 177 metros de PVC corrugado. Disporanse 26 pozos a 1,70 metros de profundidade, 17 arquetas sumidouro e unha canaleta con reixa de 37 metros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: Máis Galiza leva as súas primeiras mocións ao pleno deste venres 26


 

 

Outes, 25 de abril -San Marcos- de 2012. Xosé Ramón Riomao e José Manuel Ramos, membros da Agrupación Local de +Galiza Outes, formalizarán no pleno que se celebrará o vindeiro xoves día 26 ás 20:00 horas no Concello de Outes,  a súa baixa como membros do grupo municipal do BNG. Van conservar a acta de concelleiros e, aseguran en nota de prensa, "seguiremos defendendo como até o de agora os intereses de Outes e dos seus veciños".


Presentan ademais cinco mocións, que defenderán xa como concelleiros non adscritos.


A primeira trata de darlle publicidade ás normas e regulamentos aprobados no Concello e solicítase a súa recopilación e posta a disposición dos veciños na páxina web municipal.


Na segunda piden a suspensión da oposición de dúas prazas de técnicos de xestión de administración xeral, dado que se queren reducir gastos, o capítulo de persoal acapara un 41,90% do presuposto, e non parece unha decisión acaída na situación económica actual.


Na terceira instan ó goberno local a que cumpla coa obriga legal da elaboración do inventario de bens municipais.


No  cuarto lugar debatirase unha proposta destes concelleiros para convertir a antiga escola de Braño (Freixo) nunha vivenda-albergue para ofertar como complemento as actividades do Centro Náutico e Escola de Vela do Freixo.


A quinta é unha petición que veñen facendo ano tras ano, a limpeza, sinalización e dotación duns servizos mínimos ás praias do concello. No apartado de rogos e preguntas, farán chegar ó equipo de goberno a problemática que xurdeu na cobranza do recibo da taxa de saneamento.


Páxina web municipal de Outes: http://www.outes.es




 



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: do venres 27 ao domingo 29 de abril, Retruke convirte a vila na capital europea do circo

  • O Retruke, 2º Congreso Internacional de Malabaristas, recibirá a máis de 150 artistas de circo de toda Europa

Noia, 25 de abril -San Marcos- de 2012. Noia prepárase para vivir a gran festa do circo. Durante tres días, máis de cen malabaristas chegados dende todos os recunchos de Europa tomarán as rúas da localidade para asistir ao Retruke, o IIº Encontro Internacional de Malabaristas , cun programa inzado de galas circenses, concertos, pasarrúas, sesións de DJ's, obradoiros...

A organización deste seminario festivo corre a cargo do colectivo Circonove, o grande proxecto de consolidación dun proxecto circense profesional no noso país e que mantén a nave do circo na localidade do Milladoiro (Ames), un espazo para a creación, produción e formación no eido circense. Disporase de distintos espazos para acoller aos convidados, artistas (uns 150 aproximadamente) e público, que visitarán a vila durante a fin de semana, e para a celebración das distintas actividades, que configuran un calendario que non lle dá respiro ao divertimento.

Venres 27 de abril

O venres comezará o Retruke coa recepción de todos os participantes. Despois da comida, o espectáculo non parará ata o amencer. As 19:00 está previsto un espectáculo de malabares na rúa  na Alameda, e as 20 horas na Praza do Cantón Manu Lago ofrecerá o seu espectáculo Manicús. Ás dez da noite, no Pavillón municipal, terá lugar o open stage, un espectáculo de cabaré colectivo de circo dirixido pola Asociación Circonove. Ás 23:30, na Praza do Tapal, será a quenda do concerto de Tetehless e Fanfarria Taquicardia, ao que seguirá unha sesión de DJ´s.

Sábado 28 de abril

O sábado os espectáculos na rúa comezarán ás 12:00 na Praza da Constitución coa preestrea do espectáculo da Compañía Caír. Ás 19 poderase ver a Jesús Fornies na Alameda. Xa á noite, ás 22 hora terá lugar o acto central do Retruke, a Gran Gala na que se ofrecerán algúns dos espectáculos máis anovadores e de recoñecemento internacional no eido do novo circo. Ao remate, haberá unha espectacular noite de lume, un desfile de malabares con lume que se desprazarán dende o Pavillón até o Campo da Feira, como preludio dos concertos que se prolongarán durante toda a noite na Praza do Tapal.

Domingo 29 de abril

O domingo ao mediodía os artistas do Retruke percorrerán as rúas de Noia nun vistoso pasarrúas. Ao seu remate, terá lugar un dos eventos lúdicos máis salientables do encontro: as olimpiadas de malabares, unha serie de probas que abofé causarán a admiración e as risas do público. Xa á tarde, será o espectáculo 'Circo Beluí' no Cantón e ás 19 horas no Pavillón o Circo Multimedia, un atractivo espectáculo que mestura circo e novas tecnoloxías e que servirá de clausura a esta fin de semana de actividades ininterrumpidas.

Queres aprender a facer malabares? Hai obradoiros

Aqueles que non só queiran gozar coa arte dos malabaristas, senón que tamén pretendan iniciarse nela, terán a oportunidade de acudir aos obradoiros que se impartirán en horario de mañá e tarde, entre o venres e o domingo.


dossierretruke2012.pdf Download this file

Retruke_presentacin

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical