19.8.10

Noia: o secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, visitou o cuartel da garda civil, recentemente ampliado

Noia, 19 de agosto de 2010. O secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, estivo esta mañá en Noia para visitar a rehabilitación e ampliación do cuartel da Garda Civil desta localidade. Estas obras foron financiadas con cargo ao Plan E, polo Ministerio do Interior, cunha inversión total de 596.371 euros.

Segundo o gabinete de prensa do Ministerio, os concellos da provincia coruñesa suman xa 776 proxectos que se van ir executando no que queda de ano con cargo ao Fondo Estatal para Emprego e Sustentabilidade Local, cunha inversión final que supera os 120 millóns de euros. No que atinxe ao FEIL 2009, o Ministerio de Política Territorial transferiu aos concellos coruñeses 200 millóns de euros, case o 100% do que se comprometera. No que corresponde aos concellos galegos, xa recibiron 190,05 millóns de euros para comezar obras de 1.830 proxectos do FEESL 2010. Polo FEIL 2009, o Ministerio xa traspasou 474 millóns de euros e estima a creación de emprego por estas obras en case 24.000 postos de traballo.
   Gaspar Zarrías tamén cursou visita ao concello de Ames, para visitar a reurbanización dunha rúa na que se investiu máis dun millón de euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: no Rúas Vivas, hoxe "O turista madrileño", de Evaristo Calvo. O venres, Los Chavales

Noia, 19 de agosto de 2010. O programa Rúas Vivas continúa, xa nos seus derradeiros días deste verán de 2010. Os xoves está reservado a monologuistas, e este xoves 19 tócalle dalo todo á metade de "Mofa e Befa", o actor Evaristo Calvo, que fará un monólogo titulado "O turista madrileño". Calvo presenta este monólogo, que estreou o ano pasado, e compaxina co seu traballo con Quico Cadaval e "Mofa e Befa", que están a representar "Shakespeare para ignorantes". Neste fragmento, Calvo é o que leva a guitarra:


Concerto de Los Chavales con petición especial

Na praza do Cantón terá lugar mañá, venres 20 de agosto, o concerto de Los Chavales. Hai en Facebook creado un grupo que reclama que estes artistas versioneen unha canción (unha polo menos) de Los Tamara. Sucederá? Mañá a partires das dez e media da noite comprobarémolo. Namentres, miren como sonan:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: Vai de Roda subiu a Picasa medio cento de fotos da súa actuación en Bueu

Se vou a Bueu nun bou, vou
pero se non vou a Bueu nun bou, non vou...
E como esta imaxe, 52 máis en http://picasaweb.google.com/vaiderodarianxo/VdRBueu

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arte: ata o 14 de setembro, no auditorio de Ribeira, MarArt


Muller con golfiño, de José Gude

Ribeira, 19 de agosto de 2010. O auditorio de Ribeira acubille ata o 14 de setembro unha mostra de autores do Barbanza. Entre eles están os ribeirenses Jontxu Argibay e José Gude, así como Uxía Santos, Pablo Ces, Antonio Callón ou Susi Rodríguez. O horario de apertura do auditorio para ver esta exposición é de once da mañá a dúas da tarde de luns a venres. Martes, mércores e sábados, tamén de sete da tarde a nove da noitiña.

Como indica o nome da exposición, MarArt, o principal motivo das obras é o mar, que se pode aprezar nas fotos de Pablo Ces ou nas xoias de Uxía Santos, que exploran as cunchas. José Gude, Antonio Callón e Jontxu Argibay mostran esculturas. Os ribeirenses amosan algunhas das súas pezas no seu blog http://arteleira.blogspot.com,


Peza de Jontxu Argibay en aglomerado que se pode ver na expo

Susi Rodríguez e Pablo Ces son fotógrafos. Ces ofrece as típicas estampas mariñeiras mentres Rodríguez fíxolle fotos ás alfaias de Uxía Santos en distintas paisaxes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical