8.5.12

Ribeira: orzamentos que parecen negar a crise

  • O Concello conta con aprobar inversións por 5,27 millóns de euros excluíndo o proxecto Riveira Atlántica 2012, que é case totalmente de fondos europeos
  • Os orzamentos sumarán case 23 millóns de euros e serán aprobados en sesión extraordinaria o vindeiro martes 15 de maio

Farase nesta lexislatura a tantas veces prometida lonxa nova?

Ribeira.- 8 de maio de 2012.- A voceira de Goberno Herminia Pouso deu a coñecer na súa comparecencia dos martes un avance dos Orzamentos Municipais para o exercicio 2012: uns orzamentos cifrados en 22.829.948,22 euros, o que supón a terceira contía en importancia na historia do Concello (tan só os orzamentos de 2009 e 2011 –e hai que ter en conta que neste último estaban consignados os fondos europeos do Riveira Atlántica- foron superiores ao actual).

Pouso Maneiro destacou que "pese á dificilísima situación financeira na que se atopan numerosos municipios da xeografía española e de boa parte do resto de Europa, o Executivo ribeirense foi quen de deseñar uns orzamentos positivos e altamente equilibrados, que nos van permitir poder seguir cumprindo co noso programa de goberno para esta lexislatura”.

Medio cento de actuacións

A edil resaltou a cifra do capítulo de investimentos, por valor de 5.271.716 euros, o que representa un 23,09% do total, e que vai posibilitar ao Concello acometer ata medio centenar de novas actuacións nas nove parroquias do municipio. Isto, sen contar as  accións contempladas dentro do proxecto Riveira Atlántico 2015, xa que, tal e como recordou Herminia Pouso, non é posible volver incluílas no capítulo de investimentos ao estar consignados estes fondos europeos no orzamento do ano pasado. “Pero as importantísimas actuacións do Riveira Atlántica vanse desenvolver neste e no vindeiro ano”, engadiu.

Algunhas das actuacións que si están recollidas no capítulo de investimentos son a creación dun acceso peonil na praia do Prado en Corrubedo, a creación dunha área de ocio con parque canino e zona de skate na rúa Barbanza en Santa Uxía, a instalación de contedores subterráneos fronte ao mercado de Palmeira, a ampliación da escola infantil ou a ampliación de beirarrúas na parte traseira do Consistorio local.

Estabilidade orzamentaria

Doutra banda, Herminia Pouso destacou que se logrou incrementar o aforro bruto (pasando de 2,52 millóns de euros a 2,89 millóns) e o aforro neto (que ascendeu dende os 874.802 euros do ano pasado ata 1.109.422 euros), e que se deu cumprimento ao principio de estabilidade orzamentaria con algo máis de 600.000 euros. O endebedamento segue, aseguran, por debaixo do 60%.

Ao longo dos vindeiros días serán presentados os orzamentos municipais ao resto de grupos con representación na Corporación e aos sindicatos. Está previsto sometelos á consideración do Pleno nunha sesión extraordinaria que se celebrará o martes 15 de maio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: organizan o certame fotográfico "Imaxes con Fondo" para concienciar sobre a globalización negativa

  • O premio para a categoría da mocidade é dunha cámara ou 450€ en produtos de comercio xusto
  • O premio para adultos é dunha viaxe a Cabo Verde en 2013 para facer unha reportaxe fotográfica solidaria
  • Prazo: ata o 15 de outubro deste ano


Noia, 8 de maio de 2012. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é socio a Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Noia, organiza o concurso “Imaxes con Fondo”.

A finalidade de dito concurso é crear conciencia social sobre os efectos perversos da globalización. Creando unha cidadanía global responsable que denuncie as corrupcións, as inxustizas, a insolidariedade e os abusos que obstaculizan o desenvolvemento humano tanto no norte coma no sur.

Trátase de reflexionar sobre cales son as prácticas na nosa sociedade que repercuten negativamente no engrosamento das desigualdades entre os países do norto e do sur,  observando no noso entorno exemplos destas prácticas.

Para participar existen dúas categorías:

A categoría xuvenil (fai referencia a solidariedade) vai dos 13 a os 17 anos, ambos inclusive. As/os concursantes deberán achegar fotografías nas que se amose a solidariedade na nosa sociedade, entendido como un dos valores fundamentais e universais nos que deberían basearse as relacións entre os pobos e as persoas.

A categoría adultos/as (fai referencia á globalización) vai dos 18 anos en adiante: As/os concursantes deberán achegar imaxes que amosen como algunhas prácticas na nosa sociedade (tanto de persoas particulares coma de empresas e gobernos) repercuten negativamente nas poboacións dos países do sur de forma directa ou de forma indirecta, de cara a denunciar as iniquidades entre o norte e o sur que obstaculizan o desenvolvemento humano.

Premios:

Haberá só un premio por categoría:

- Para a categoría xuvenil: Cámara fotográfica Canon EOS 1100 + Obxectivo EF-S 18-55 mm (ou similar) e un lote de produtos de comercio xusto, valorado todo en 450€.

- Para a categoría adultas/os: Viaxe (inclúe billetes de avión e aloxamento) a un dos proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Cabo Verde, co obxectivo e compromiso de realizar un traballo fotográfico para o arquivo do Fondo Galego a modo de acción voluntaria. A viaxe ao terreo será realizada no 2013 e terá entre 15 días e un mes de duración. Cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías individuais, ou ben ata tres series compostas de tres fotografías cada unha.

Descrición nun tweet como máximo

Para participar no concurso fotográfico “Imaxes con Fondo” poderán presentarse ata tres fotografías que deberán ser realizadas en formato JPG, cunha resolución mínima de 300ppp e deberá ocupar 5MB como máximo. Pero, o máis importante é a breve descrición de cada obra (tweet), de 140 caracteres e en galego, na que se explique a relación da fotografía ou serie co tema proposto, facendo unha reflexión sobre o significado da imaxe.

Aquelas persoas interesadas poderán facer entrega das súas obras e demais documentos requiridos ata o 15 de outubro de 2012 no seguinte enderezo electrónico: imaxesconfondo@yahoo.es . Para máis información poden escribir un correo electrónico a dito enderezo ou chamar ao 698 156 127.

Para a elaboración das bases do concurso contouse co apoio de diferentes colectivos vinculados ao mundo da fotografía: Asociación de reporteiros solidarios (AGARESO), Asociación Provincial de Fotógrafos de Pontevedra, Asociación Provincial de Fotógrafos de Lugo, Agrupación Fotográfica Galega, Asociación Fotográfica ‘Os Negativos’ e a Asociación Fotográfica Galega ‘Phosgalicia’.

Máis información en http://www.fondogalego.org/web/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Xuventudes Socialistas acusa ao alcalde de ocultar a verdade no da privatización das pistas deportivas

  • Dende a Agrupación explican a intención realista do PP de cobrar polo uso das pistas deportivas despois de que o Alcalde boirense os culpase de alarmistas
  • Califican esta privatización futura -comezará en xullo a non ser que Dieste recúe- como "taxazo"

 

Boiro, 8 de maio de 2012. A Agrupación Local de Boiro das Xuventudes Socialistas, en base ás declaracións realizadas a pasada semana polo alcalde do PP, Juan José Dieste, quere manifestar que a intención de cobrar polo uso das pistas deportivas "é unha realidade que si pretenden levar a cabo dende o Goberno Local".

Os socialistas boirenses lémbranlle ao rexedor do Partido Popular a medida levada a cabo no Plan de Axuste Municipal onde realmente consta que si cobrarán unha taxa polo uso das pistas deportivas e que comezaría a aplicarse a partires do mes de xullo.

Que se rebaixe o soldo o alcalde antes

A Secretaria Xeral das XSG boirenses, Adriana Castro, denunciou que se o goberno local quere recadar fondos que comecen por reducir o soldo do Alcalde e non por recortar en instalacións públicas que afecten aos cidadáns. Consideramos que os rapaces e rapazas boirenses non teñen por qué pagar para facer deporte mentres o concello fai negocio. É por iso, que dende este colectivo consideran que a presenza de este tipo de taxas, ao igual que as que quere aplicar ao PP a nivel estatal ás matrículas dos graos universitarios "favorece a desigualdade social entre os cidadáns, e en especial entre os mozos".

Dende a Agrupación socialista quixeron incidir tamén, e en relación ás declaracións de Dieste, que continuarán en alerta "ante o intento de impoñer calquera tipo de taxa por parte do goberno local, esixíndolle ao rexedor claridade e transparencia ante as políticas de recortes que pretende aplicar".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: roteiro de sendeirismo este sábado 12 de maio polo río Sarela, en Santiago

  • Para maiores de 50. Custa 3 euros

O Sarela é un dos múltiples afluentes do río Sar. Na imaxe, este último ao seu paso por Padrón

Rianxo, 8 de maio de 2012. O Servizo de Deportes organiza o vindeiro sábado, 12 de maio, unha saída a pé na que se percorrerá o curso de río Sarela, desde o Romaño ata Vidán. A actividade vai dirixida ós maiores de 50 anos, e terán prioridade aqueles que participen nas actividades deportivas municipais.

O nivel de dificultade é baixo e o percorrido é de aproximadamente 6 quilómetros. O longo do curso do río Sarela atópanse lavadoiros, muíños, pontes singulares e varios curtidoiros. Os ameneiros, salgueiros, loureiros e sabugueiros propios do bosque de ribeira, acompañan durante todo o percorrido. O autobús fará a ruta polas paradas habituais a partires das 8:30, estando previsto a chegada ó Romaño e inicio da ruta para as 10. A volta está prevista para as 13:30 aproximadamente.

O custe da actividade é de 3 €. Mais información e inscricións no Servizo de Deportes e nos pavillóns deportivos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical