9.2.11

Porto do Son: a Xunta corríxelle ao Concello varios aspectos para a instalación do tanatorio

Debe manterse o estado natural dos terreos no 50 % do solo da parcela onde se quere situar e adaptarse á normativa vixente en materia de incendios forestais, así como as prescricións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito IV Barbanza

Porto do Son, 9 de febreiro de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas enviou esta mañá ao Concello de Porto do Son un informe previo á aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións para a implantación dun tanatorio municipal no lugar de Tarela. Neste documento, indícanselle ao concello as correccións que debe abordar no documento de planeamento. Neste informe especifícanselle que debe manterse o estado natural dos terreos no 50% da parcela onde se pretende ubicar un tanatorio municipal, tal e como indica a Lei do Solo, onde se expecifica que os plans especiais de dotación en solo rústico deben manter a metade do mesmo en estado natural, co fin de integrarse no solo rústico no que se atopan
.
O proxecto enviado por este concello non cumpre esta premisa, dado que a suma das superficies destinadas a viarios, aparcadoiro e edificación supón 4.935 m2 de solo, é dicir, un 80% da súa superficie, situación que se debe correxir.

O terreo ao que se fai referencia destinarse á construción dun tanatorio; polo que se subdivide en varias zonas segundo o destino concretado polo plan especial: 1.231 m2 a espazo libre, 1.477 m2 a tanatorio, 2.432 m2 a aparcadoiro e 1.026 m2 a ampliación da rede viaria.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo logo de analizar a documentación considera que o emprazamento desta infraestrutura funeraria está contigüa á principal área dotacional do núcleo, na que se sitúa o cemiterio e a igrexa parroquial. Así mesmo, o proxecto prevé, en canto a accesos viarios, a ampliación só no contorno inmediato da parcela, mentres que as previsións do plan xeral en tramitación darán lugar á ampliación do viario de acceso.

Máis correccións

Cabe sinalar que a ordenanza das normas subsidiarias municipais aplicable ao ámbito do plan especial é a de solo non urbanizable de protección agropecuaria, no canto da de sistema xeral de equipamentos, que é de aplicación aos sistemas delimitados polas propias normas subsidiarias municipais, polo que cómpre corrixir o que ao respecto figura no documento remitido porlo concello de Porto do Son.

Noutro orden de cousas, o plan especial deberá contemplar a adaptación á normativa vixente en materia de incendios forestais, así como as prescricións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito IV Barbanza, tal como sinala a Decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 16/6/2010 incorporada no expediente. Por isto e outras apreciacións, deberán corrixirse as deficiencias sinaladas no informe que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura fai chegar ao concello e solicitar novo informe a este departamento da Xunta, segundo o establecido no artigo 86.1d) da LOUG, con carácter previo á aprobación definitiva do Plan Especial.

O ámbito do plan especial está actualmente clasificado como solo non urbanizable de protección agropecuaria SNU PA, de acordo coas normas subsidiarias vixentes. Os terreos colindantes polo norte, vial por medio, están clasificados como solo urbano coa cualificación de equipamento.

O Concello de Porto do Son dispón na actualidade dunhas Normas Subsidiarias de planeamento municipais aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 27/10/1994.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a casa de cultura de Portosín acolle a mostra "O Son de Seoane" dende o sábado 12 de febreiro


A inauguración é ás oito da tarde este sábado 12. Pecha o 12 de marzo, tamén sábado


Luís Seoane foi unha figura clave do exilio galeguista, xunto con Castelao e Isaac Díaz Pardo

Web de referencia:
Fundación Luís Seoane

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: a directora xeral de Comercio da Xunta visitou a praza de abastos en compañía do alcalde

Pobra do Caramiñal, 9 de febreiro de 2011.- A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Nava Castro, visitou hoxe as prazas de abasto da Pobra do Caramiñal e de Padrón para trasladar ás praceiras e aos praceiros a importancia estratéxica que estes espazos comerciais teñen dentro da estratexia deseñada polo departamento que dirixe Javier Guerra para impulsar e apoiar o comercio de proximidade e recollida no Plan Ágora, dotado con 130 millóns de euros.

Segundo o Concello, "a directora Xeral quedou moi satisfeita, poñendo ao mercado da Pobra como un dos máis dinámicos de Galicia e cunhas instalación de acordo os novos tempos. O alcalde aproveitou para comunicarlle as obras que vai levar a cabo na praza, dende o cambio de portas, rexillas, pintado do edificio, chapeado dos pasillos e limpeza de toda a fachada de pedra, por un importe de 57.000 euros. 

A directora xeral de Comercio informoulle ao mesmo tempo ao alcalde que nuns días sairán no Diario Oficial de Galicia as subvencións para os mercados. O alcalde agradeceulle todo o que está a facer non só no mercado da Pobra senón de tódolos concellos de Galicia.O alcalde tamén lle propuxo o aire acondicionado nos postos pechados así como outras mellores no mesmo. Á directora xeral pareceulle moi ben a proposta, a cal apoiará, sen dúbida".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: o ribeirense Quico Cadaval, finalista aos Premios Max de Teatro, por "Shakespeare para ignorantes"


Francisco Cadaval Ayaso en plena faena, ilustrando a ignorantes

Ribeira, 9 de febreiro de 2011. Xa se coñecen os finalistas aos Premios Max de Teatro, galardóns que recoñecen aos mellores autores e obras dramáticas de España cada ano. Entre os finalistas, dentro da categoría do mellor autor teatral en galego está o ribeirense Quico Cadaval, coa súa obra -representada en compaña de Mofa e Befa- "Shakespeare para ignorantes".

Para obter o premio terá que competir con Eduardo Alonso (que é finalista tamén por "Glass City") e con Santiago Cortegoso (por "A filla de Woody Allen"). A entrega de galardóns será en Córdoba, o luns 9 de maio, na que xa é a XIV edición dos Premios Max.

Nin que dicir ten que lle desexamos toda a sorte do mundo, pois "Shakespeare para ignorantes" tivemos xa a sorte de vela e é magnífica.
Deixámolos cunhas esceas:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: alumnos do instituto amosan a aldea de Noal co rap rural de Steel Flow

Porto do Son, 9 de febreiro de 2011. A colleita da creatividade, esforzo e imaxinación dos alumnos que neste curso participan en SonCine, obradoiro de audiovisuais do instituto de Porto do Son, xa se pode ver na Rede. Se onte subiran un bucólico vídeo sobre un dos lugares preferidos do municipio, a praia do Dique, hoxe tócalle a esta sorte de documental etnográfico que se ve fortemente potenciado polo rap rural de Alexandre Ferreiro, que asina como Steel Flow en MySpace e tamén é de Porto do Son.

Os alumnos de 3º da ESO de Porto do Son crean contidos para a rede, aprenden a dominar as ferramentas audiovisuais do momento e, ao tempo, promocionan o seu concello e a súa lingua. Un estupendo xeito de facer país para os que son "máis de jaliñeiro que de sentro comersial", como rapea Ferreiro.

<div><embed style='display:inline;' quality='high' wmode='transparent' id='FlashDiv' FlashVars='songId=76160105&pid=-2620044060379893112' AllowScriptAccess='always' src='http://www.myspace.com/music/song-embed?songid=76160105&getSwf=true' width='400' height='77'/><p>Buscar más artistas como Steel Flow é Alexandre Ferreiro en <a target='_blank' href='http://www.myspace.com/music'> Myspace Music </a></p></div>

Onte, en Storify, publicamos o da praia do Dique.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: así soa "Lembranzas do mar", do compositor local Antón Alcalde


Rianxo, 9 de febreiro de 2011. A Banda da Escola de Música de Rianxo interpreta Lembranzas do Mar de Antón Alcalde, durante a súa actuación no III Certame Galego de Bandas de Música Populares celebrado en Santiago de Compostela en novembro de 2009. Esta banda participou na Sección Segunda obtendo o segundo posto. O vídeo coa información subiuno a Youtube a Federación Galega de Bandas de Música onte.

Máis videos do certame en www.youtube.com/FGdeBMP

Web de referencia
www.fgbmp.org

Para outras informacións sobre Antón Alcalde, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a mostra "Narrativas Dixitais" pode verse no auditorio ata o 24 de febreiro

Ribeira, 9 de febreiro de 2011. Baixo o título de “Narrativas Dixitais”, un equipo multidisciplinar de artistas e científicos da Universidade Federal de Bahía (en Salvador, Brasil) e da Universidade da Coruña desenvolveron no transcurso do 2010 dous obradoiros con xóvenes das localidades de Garapúa (Bahía) e Aguiño co propósito de, por medio das novas tecnoloxías, permitir a estas comunidades costeiras narrar aspectos da súa vida e o uso dos seus ecosistemas.

Agora o Auditorio Municipal albergar unha exposición artística na que se mostran os principais resultados obtidos nos devanditos talleres, celebrados nos meses de abril e xullo. Os materiais que se amosan foron producidos colaborativamente por un equipo dunhas 50 persoas. Mediante vídeos, audios, fotografías e mapas, os xóvenes elaboraron as súas narracións acerca dos aspectos ecolóxicos, culturais e socioeconómicos das súas comunidades e o seu territorio.

Esta exposición, que xa estivo no IES Leliadoura e na Confraría de Pescadores de Aguiño, pretende amosar na capital municipal o traballo realizado por estes rapaces e provocar unha reflexión sobre a identidade das comunidades e dos seus habitantes, así como os seus problemas e retos de futuro.

A mostra estará  aberta ata o 24 de febreiro, en horario de luns a venres, de 10 a 14 horas, e martes, mércores e sábados, de 19 a 21 horas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Martín Castro Tubío gañou o premio infantil do concurso "David Russell" de talentos mozos en Vigo

Ribeira, 9 de febreiro de 2011. A pasada fin de semana tivo lugar no auditorio do  Conservatorio  Profesional de Música de Vigo os Premios Honoríficos "David Rusell" para xóvenes talentos. En ditos premios podían participar alumnos  de todas as especialidades e que non tiveran máis de  18 anos no momento da proba (25 anos para os participantes de canto) e presentáronse máis de 40 participantes de toda a Península Ibérica.

O alumno do Conservatorio Profesional de Ribeira, Martín Castro Tubío, estudante de saxofón de 13 anos, foi distinguido co Premio Infantil "David Russell" para menores de 14 anos. Martín estivo acompañado na súa actuación ao piano polo profesor do Conservatorio Municipal, Luis I. Blanco Picos. Ademáis,  familiares e o profesor de saxofón e secretario  do conservatorio local,  José Fungueiriño, que se desprazaron ata Vigo para apoiar a Martín.

David Russell

Premio solidario: este ano a prol da India

Esta actividade tivo tamén una finalidade solidaria, xa que os fondos recadados, en concepto de matrícula  destinaranse  integramente á ONGD fundada por David Russell e a súa esposa en Vigo. As primeiras edicións permitiron o financiamento  da construción de catro pozos de auga en África. Nesta ocasión, ao igual que o ano pasado, os cartos  destinaranse a unha escola sen recursos de nenos discapacitados no estado de Guiarat, no norte da India.

A entrega de premios tivo lugar o domingo pola tarde nas mesmas instalacións e contou entre outros persoeiros  coa presenza do presidente do tribunal, o famoso guitarrista David Russell, nacido en Glasgow en 1953 pero criado en Menorca, así como o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Antes anunciamos:

Preséntase un alumno de saxo de Ribeira ao concurso "David Russell"

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: as actividades do Entroido irán do venres 4 de marzo ao Día do Enterro da Sardiña, o mércores 9

Uns nove mil euros en premios entre o festival de Dragqueens, o concurso infantil e o Rally París-Dakar


O último día de Entroido en Noia cadra co enterro da sardiña, este ano o 9 de marzo

Noia, 9 de febreiro de 2011. O programa de Entroido de Noia presentouse onte. Como en ocasións anteriores, o concelleiro de Cultura, Festexos e Mocidade, José Manuel Canabal, e o técnico de Cultura, Ramón Vidal, debullaron as actividades que se van desenvolver na semana que dura.

Venres, 4 de marzo: dragqueens


A actividade principal, e que diferencia nomeadamente a Noia doutros entroidos de Galicia, é o concurso de Drag Queens, que cumpre xa a súa oitava edición e abre o programa o mesmo venres 4 de marzo. Celébrase a partires das dez e media da noite nunha carpa instalada na Alameda. Presentado polo humorista J.M. Puente, alias "Isi", no certame cada participante deberá facer unha coreografía e tamén haberá unha performance.

O mellor concursante levará 700 euros e o título Miss Drag Queen 2011. A primeira dama farase con 400 euros, a segunda con 300, a terceira con 200 e con 100 a cuarta dama. Para inscribirse e recoller as bases (que colgaremos en vindeiras datas) hai de prazo ata o mesmo día do concurso, o 4 de marzo.


Isi (José Manuel Puente) é un recoñecido humorista da TVG

Luns, 7 de marzo

Xa o luns, 7 de marzo, celebrarase o concurso infantil de entroido, no pavillón Rosalía de Castro, ás seis da tarde. Os nenos que teñan 10 ou máis anos en competición deben participar tamén no desfile, que vai saír da rúa do Curro ás cinco e media da tarde.

Haberá premios por categorías, segundo os participantes vaian a título individual, en parella ou en grupo.

Martes, 8 de marzo

É outro dos días máis grandes do entroido noiés. Tarde de choqueiros: entre as cinco e as oito da tarde, na praza do Tapal. Animación, obradoiros de maquillaxe e outros, cata de produtos típicos do entroido para os que vaian disfrazados e música. No paseo marítimo, ás oito da tarde, orquestra.

Pola noite, ás nove e media, comeza a vixésima edición do Rally París-Dakar. Sae de San Lázaro e ten premios ben interesantes monetariamente falando: 1.500 euros para o primeiro; 1.000 o segundo; 700 o terceiro; 500 o cuarto e 300 o quinto. A maiores, premio especial ao concursante máis animad@ e simpátic@, dotado con 500 euros. Tamén hai laconadas e cinco mencións especiais.

Mércores 9 de marzo: Enterro da Sardiña

O loito queda para o último día. Será ás sete da tarde na Praza do Tapal. Para mollar as penas, chocolate, e para apagar os choros, churros. Ás oito e media da tarde, condución do cadaleito ata o paseo marítimo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical