9.12.09

Lingua Galega: Tamara Peña entrevista a Craig Patterson para Certo

Craig_Patterson

Unha entrevista de Tamara Peña

Profesor,  tradutor ao inglés de "Sempre en Galiza" e

presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos

“Os meus pais tampouco me falaban en galego”

 

    Andar polo mundo é o que ten: á parte de ver de todo, tes a oportunidade de coñecer á xente máis sorprendente que sobre a terra anda pousando os pés. Sorprendente quizais non sexa a mellor palabra para describir este personaxe que hoxe comparte connosco catro verbas. Ao mellor a verba que dá no cravo á hora de colorear este profesor galés é a de paradóxico. Paradóxico porque atopar en Cardiff, a capital de Wales  (Reino Unido), un nativo que fale un galego máis perfecto ca unha, que é galega, de Arxellas, Lousame, cando menos choca. Choca do mesmo xeito no que o fai un día soleado no medio do inverno chuvioso galego.

   Para algúns, Craig Patterson, personaxe de hoxe, pode que lles resulte familiar  porque o galés non anda alonxado da vida galega. É un colaborador habitual de xornais de Galicia como Galicia Hoxe e, como el mesmo recoñece, a vida deste recuncho da península é a que realmente lle gusta. Para os outros, para os que non o coñezan, cómpre dicir que Craig Patterson é profesor de Hispánicas en Wales. Tras unha viaxe a Galiza quedou namorado desta terra e de todo o que aquí viu: as xentes, a gastronomía, a filosofía de vida. Hoxe anda a traducir ao inglés as obras máis sobresaíntes da nosa literatura, ésta que ten por nai a Rosalía de Castro. Aproveitando unha breve estadía da xornalista que escribe en Cardiff, houbo oportunidade de falar con el e preguntarlle como se ve a nosa terra dende as campiñas inglesas.

    Tamara Peña: .- Que é ser galego?

    Craig Patterson: .- Muller, como tódalas identidades, é unha cousa complexa porque debe o seu carácter sobre todo a cuestións históricas e culturais, e obviamente o que non se pode negar é que Galicia, e non o digo en plan político, dígoo en plan científico, Galicia foi unha colonia dun poder alleo. E dígoo baixo o enfoque dos estudos postcoloniais. As culturas ocupadas sofren algunhas consecuencias moi semellantes, que tódolos  escritores galegos, case todos, amosan na súa escritura. A regra é ser un pouco máis complexo, un pouco máis… tímidos. O pobo galego, coma outros países que sufriron este asoballamento, é un pobo tímido. Pero debaixo desas capas do devalar histórico tamén creo que os galegos son xente moi alegre, leda, moi boa, cunha grande actitude cara a vida.

"Non se pode negar que Galicia, e non o digo en plan político, dígoo en plan científico, foi unha colonia dun poder alleo"  

    TP: .- Considérase galeguista pero en Galicia, polo uso, o termo ten innumerables acepcións que cada quen utiliza como mellor lle convén: que é para vostede ser galeguista?

    C.P.: .- Ser galeguista é amar todo o que ten que ver con Galiza. Non amamos as cousas que en Galiza queren acabar coa lingua galega: iso non é ser galeguista. Galeguista é apoiar e interesarse nas cousas que son características de Galiza: a súa cultura, a súa lingua, as súas formas, a súa sociedade, a súa política. E defender esas cousas neste recuncho particular do mundo.

    T.P. .- Se un inglés puido aprender galego por que unha persoa que veña de Madrid e queira traballar en Galicia non pode facelo?

    C.P.:  .-Tamén hai moitos madrileños que aprenden galego e apréndeno de marabilla. E tamén moitos galegos que non saben nin queren aprender galego, e non o digo nin por ben nin por mal. A realidade é así. Acabo de recibir por correo un agasallo tardío polo meu cumpreanos. É unha camiseta na que de algunha forma se imprime o que eu sempre berraba cando me desesperaba algunha situación sociolingüística galega. A camiseta pon: “Os nosos pais tampouco nos falaban en galego”. Porque hai moita xente que emprega a escusa de que “no hablo gallego porque mis padres no me hablaban en gallego”. Dinmo a min moitas veces nos congresos, ou nos bares, en Galiza. Ás veces dígoo, cun pouco de sorna, iso de que meus pais tampouco me falaban en galego, pero eu fáloo. Por que? Hai algún que supoño que pode dicir que son profesor e ademais a ti dáche protagonismo, saír na prensa en Galiza interésache. Se non nos interesa non podemos aprendelo. Non sei cales son as razóns do mundo para non aprender galego.

   T.P.: .- Tería demanda un curso de galego aquí en Cardiff?

    C.P.: .- Si. Polo enfoque galés, polo enfoque de que é outra lingua minoritaria. Tamén porque, como sempre sosteño eu cando fago propaganda nas aulas, aprender galego vincúlate co mundo lusófono. Podes falar con douscentos millóns  de persoas, dende Lisboa ata Brasil. Ten un valor tanto práctico como filosófico.

"Se non nos interesa non podemos aprendelo. Non sei cales son as razóns do mundo para non aprender galego"

    T.P.: Se digo Antón Avilés de Taramancos e María Mariño, a que lle soan?

    C.P.: Mariño non me soa tanto. Taramancos non me soa, pero obviamente Taramancos vincúloo co meu amigo Martín Veiga, que foi un discípulo seu. Tomaba cuncas na taberna con Taramancos en Noia. E alí aprendín moito da súa poesía. Se penso en Taramancos penso en Noia. Se penso en Noia penso no meu amigo Martín, pero tamén penso obviamente naquela primeira noite que vivín Galiza no ano 95. Tres días que me cambiaron a vida.

"Encantaríame mudarme a Galiza. Estou aforrando para un pisiño coa idea de pasar tempadas de seis meses cada ano"

    T.P: .- Nunca pensou en mudarse a Galiza?

    C.P.: .- Encantaríame. De feito, cada vez que regreso  de Galicia despois dunha estancia sempre me da un pouco de mágoa, chámao o que ti queiras: morriña, saudade, pero mágoa sobre todo. Porque me encanta a vida galega. E teño moitas amizades. Eu penso e espero mudarme algún día: vou aforrando cartos para mercar un pisiño co tempo. Agardo, tampouco vou poder mañá, os meus medios non mo permiten. Calculo que se teño un piso en Galicia poderei pasar seis meses ao ano no país. En termos profesionais é difícil. Porque custa tanto tempo conseguir un posto titular que non é doado cambiar de aires, entre outras cousas.

    T.P.: .- Cales son os seus proxectos próximos?

    C.P.: .- Sempre estou co de Sempre: espero sacar o "Sempre en Galiza" de Castelao na editorial University of Wales . Ese é o gran desafío. Vai ser un gran puntazo cando o saque, iso espero. Espero que lancemos o libro en Rianxo. E dentro duns poucos meses vou a acabar a tradución de “A Esmorga”, de Blanco Amor. Entrementres vou organizando congresos de galego. Celebramos tódolos anos un panel de estudos galegos no congreso anual de hispanistas británicos e galeses, e sempre ten éxito. Tamén son o novo presidente da Asociación Internacional de Estudos galegos, que ten unha presidencia de tres anos. E, á parte disto, durmir, existir, tentar descansar un pouco, pero teño un par de anos comprometidos. Estou contento.

"Se dis Taramancos penso en Noia e nos tres días que me cambiaron a vida en Galiza no ano 1995"

    T.P.: .- Para rematar. Algunha vez falar en galego lle serviu para ligar con algunha rapaza nun bar?

    C.P.: .- Pregúntasme a min persoalmente? Home, sempre che miran como un marciano cando falas galego pero depende da noite, do estado no que te atopes. Ás veces sae mal, ás veces sae ben. Ben, eu son de Ponferrada! Obviamente se podes comunicarte cunha persoa, axuda.

Outras entrevistas de Tamara Peña, aquí


Publicado: miércoles 09-dic-09

Agregar Comentario
Agregar Comentario-->

Páxina anterior: Discos
Páxina seguinte: Webs

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Cultura: o proxecto Ronsel aprende a facer instrumentos musicais na casa

Vía Cultura Galega (.org)

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Motor: remontes en 4x4 nun regato de Ribeira

Hai máis, subidos polo usuario remontes4x4 de YouTube onte mesmo

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Rural: 17 millóns de euros para entrar mellor en viñas e granxas de vacas

Desta pedrea non caeu un só euro en Barbanza e Noia. Será que non hai, será que non toca, que será será?

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Cultura: o Consello da Cultura Galega celebra este xoves 10 o aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos


MAÑÁN, 10 DE DECEMBRO

61 ANIVERSARIO DA DECLARACION UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS

 

ACTO CÍVICO CONMEMORATIVO

 

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

 

11:00 HORAS

 

        O Seminario Galego de Educación para a Paz, en colaboración con UNICEF Galicia, o Colexio de Abogados de Santiago e o Consello da Cultura Galega, organiza un ACTO CÍVICO CONMEMORATIVO no 61 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948-2009), mañán, 10 de Decembro, a partir das 11:00 horas, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi), segundo o seguinte:

 

PROGRAMA

 

11:00 horas: Apertura Musical:

 

Xoan Curiel

 

11:15: Saúdas institucionais

 

11:30: Leitura Pública dos Artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e da Convención dos Dereitos de Nenos e Nenas (por personalidades do mundo da cultura, política, sociedade civil, nenas e nenos dos colexios e institutos de Santiago)

 

12:00: Conferencia: Sobre o uso militar de nenas e nenos

 

Karen Maron,

Xornalista especializada en conflitos armados

 

12:30: Presentación do libro: 1325 mujeres tejiendo la paz

 

Manuela Mesa,

Directora de CEIPAZ

Coordinadora da publicación.

 

13:00: Clausura:

 

Coro do Alumnado do IES Antón Fraguas

 

* Entre as persoas confirmadas para a Leitura da Declaración están, entre outras:

 

Xosé Antón Sánchez Bugallo

Alcalde

Roberto Castro

director xeral de relacións institucionais da Xunta de Galicia

Marta González Vazquez

Secretaria Xeral para a Igualdade

Mar Martín

Concelleira de Benestar Social

Mercedes Rosón

Concelleira de Educación

Socorro García

Concelleira de Cultura

Guadalupe Rodríguez

Concelleira de Participación Cidadá

Dolores Galobart

Vicevaledora do Pobo

Domingos Merino

Vicevaledor

Francisco Díaz Fierros

Vicepresidente do Consello da Cultura Galega

Enrique Monteagudo

Secretario do Consello da Cultura Galega

Xan María Castro

Ex- Secretario Xeral de CC.OO de Galicia

Suso Mosquera

Director da Fundación Luis Tilve

Estela Mouriño

Coordinadora de UNICEF Galicia


Avelino Pousa Antelo

Socio de Honra do Seminario Galego de Educación para a Paz

Presidente da Fundación Castelao

Mabel Rivera

Actriz

Helena Villar Janeiro

Poetisa, directora da Fundación Rosalía de Castro

...

Nenas e nenos de:

 

CEIP López Ferreiro

Colexio Compañía de María

IES Antón Fraguas

CEIP Fontiñas

Seminario Galego de Educación para a Paz

FUNDACION CULTURA DE PAZ

Rúa do Valiño 13- 1º

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Tfno: 981-561956

www.sgep.org

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical