- O Instituto Enerxético de Galicia comprobará as vantaxes do uso de tecnoloxía eficiente cun programa experimental que se ensaiará en nove municipios galegos
- Substituiranse luminarias e equipos por outros máis eficientes, o que permitirá acadar aforros enerxéticos de ata o 60%, repercutindo tamén na factura eléctrica
- O custo total das actuacións ascende aos 500.000 euros, dos cales o Inega achegará o 40%
- Todos os concellos beneficiados (será por casualidade) son do PP
Boiro, 14 de febreiro de 2012.- Logo de sementar Galicia enteira con alumeados máis que cuestionables, para os que ninguén pedía proxecto nin utilidade e en boa parte dos casos tan só se buscaba o voto doado da veciñanza, acórdalle agora á Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), un proxecto piloto de tecnoloxía eficiente en iluminación pública que permitirá aos concellos galegos reducir custos enerxéticos e económicos. A través deste programa experimental, que se ensaiará en nove concellos galegos, desenvolveranse diferentes programas de actuación co obxecto de probar o comportamento da tecnoloxía eficiente de aforro enerxético en iluminación pública, permitindo dotar aos municipios dos sistemas más avanzados. Na Coruña foron escollidos Boiro e Boqueixón, ambos con maioría absoluta do PP; en Lugo, Foz -PP en minoría pero gobernando- e Taboada -maioría do PP-; en Pontevedra serán tres concellos, a saber: Nigrán, onde tamén goberna o PP; Moraña, tamén con alcaldesa do PP, e Ribadumia, oh casualidade, tamén con alcaldesa do PP. En Ourense, nin que dicir ten que os concellos beneficiados deste plan aforrista son do PP: Arnoia -cun alcalde do PP que leva 30 anos e tamén é delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o que foi ver o partido do Madrid mentres a provincia ardía por todos lados en outubro- e Pontedeva.
Aforros de ata o 60% no consumo eléctrico
Este proxecto piloto contempla tres opcións distintas en función dos municipios: a instalación de reactancias electrónicas regulables, a substitución de puntos de luz por outros electrónicos de menor consumo, e a instalación de tecnoloxía LED. O desenvolvemento de cada un deles permitirá acadar aforros enerxéticos que oscilan entre o 30% e o 60%, coa súa correspondente repercusión na factura eléctrica.
O departamento que dirixe Javier Guerra continúa así prestando "unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos", disque.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia