23.2.10

Cultura: Xosé Neira Vilas recibiu hoxe o Premio Laxeiro 2010 en Vigo


Neira Vilas na Feira do Libro da Habana de 2008


Vigo, 23 de febreiro 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela participou hoxe na reunión do Padroado da Fundación Laxeiro e posteriormente entregou a Xosé Neira Vilas o Premio Laxeiro 2010. Roberto Varela gabou a carreira do galardoado, afirmando que “é un dos grandes nomes da nosa cultura, para min e para todos os que na Xunta de Galicia traballamos en prol da nosa cultura, el será sempre un referente literario, intelectual e, sobre todo, humano”.

O conselleiro de Cultura e Turismo resaltou as afinidades entre o premiado neste 2010, Xosé Neira Vilas e José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, “por compartir o don extraordinario de repropoñer en formas aparentemente simples, inmediatamente comunicativas, toda unha tradición cultural” así como posuír “a cualidade rara e preciosa, de creadores verdadeira e sentidamente populares”.

“As afinidades, non tanto electivas coma biográficas e circunstanciais, entre estas dúas figuras clave do noso século vinte, comezan pola súa relación con Galicia, unha relación a miúdo mediada pola distancia da emigración. Laxeiro e Neira Vilas coñecéronse de feito, moitos saberédelo xa, fai case sesenta anos, na biblioteca do Centro Galego de Bos Aires”, engadiu o representante de Cultura.

Roberto Varela recordou que “moitas das figuras fundacionais do noso presente identitario e cultural, por circunstancias históricas, residiron durante longos anos lonxe de Galicia, pero, esa distancia, dolorosa distancia ás veces, foilles tamén de axuda nalgún momento no seu quefacer creativo. Se cadra permitiulles albiscar a necesidade de reinterpretar continuamente a tradición, fíxolles comprender que a identidade dun pobo coma o noso compre refundala cada día a través da lingua e da arte”.

Fundación Laxeiro

Ao fondo, cadro de Laxeiro dos fondos da Fundación CaixaGalicia

Para Roberto Varela a creación da Fundación Laxeiro a finais dos anos noventa supuxo “un impulso decisivo neste exercicio de memoria histórica” e o traballo que están a levar a cabo os seus responsables en múltiples ámbitos (expositivo, didáctico, de investigación) “contribúe de xeito notable non só á difusión da obra de Laxeiro senón tamén a promoción de toda a cultura contemporánea galega”.

Nesta liña o representante de Cultura recordou fitas coma a recente presentación do catálogo universal da obra do pintor, “constitúen propostas de altísimo nivel, proxectos esenciais dentro do panorama cultural do noso país”. Encanto as iniciativas como a creación do Premio Laxeiro constitúen, segundo Roberto Varela, “unha importante tarefa de divulgación e resultan fermosas e necesarias”. Neste senso, Roberto Varela subliñou que Laxeiro era “xustamente, un creador preocupado pola permanencia do seu extraordinario legado artístico, cultural e humano”.

O conselleiro de Cultura e Turismo considerou que o valor deste Premio, que chega xa á súa sétima edición, “é o de reivindicar non xa a obra senón o espírito mesmo de Laxeiro a través de persoeiros fundamentais da nosa culturas e as nosas artes, persoeiros que de formas diversas séntense próximos a este espírito”.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Boiro: a Casa do Concello que lle gustaba a Karl Rainer Birk e a imaxe da que hai na actualidade

  "Encontré la foto del Concello antiguo ( el que me gustó más). Espero que les sirva para algo", cóntanos Karl Rainer Birk, o trotamundos alemán que vive en Boiro, a quen entrevistamos aquí

Por suposto, partillámola con vostedes, e comparámola coa imaxe actual. Parafraseando a Alfonso Guerra: ao Concello de Boiro non o coñece nin a nai que o pariu!


Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Motor: poñédelle capota para Galicia a este "Coche Humano" meus!

Chuck Greenwood inventou este vehículo que emprega un sistema de transmisión que transforma a enerxía do movemento oscilatorio en rotacional, co que se propulsa o coche. Véndeo por Internet. Humildemente lle aconsellamos unha capota para que alguén o merque por estes lares.


Mais como segundo vehículo e para fardar por aí no verán, vémoslle moitas, pero que moitas opcións. Prezo? Din que entre 4.000 e 12.000 euros. Segundo os extras. Pero non sabemos se o paraugas é un complemento ou vén de serie. Para que o queres se non o podes empregar?

Posted via web from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Música: Rianxo, única vila das bisbarras de Barbanza e Noia que terá un concerto do Xacobeo "Raíces 2010"

Download now or preview on posterous
Rianxo Xacobeo.pdf (118 KB)


O próximo día 6 de marzo comeza o Xacobeo Raíces co ciclo Concertos Cantigas do Camiño. Vanse realizar 12 concertos en cidades e vilas galegas e un recital especial en Madrid, cun total de 25 artistas e agrupacións galegas. Rianxo terá no seu auditorio un concerto de Uxía xunto con Leilía o 22 de maio.


A páxina web de Uxía é http://www.uxia.net

Rianxo, 23 de febreiro de 2010.- Xacobeo 2010 presentou o ciclo Xacobeo Raíces, unha escolma do mellor da música galega contemporánea no que participan 25 artistas e grupos galegos. Pretende ofrecer unha serie de espectáculos de altísimo nivel, con producións técnicas exquisitamente coidadas. Para este obxectivo, reuniranse profesionais cunha formación académica contrastada e dunha sólida traxectoria tanto no ámbito da composición como sobre os escenarios. Cada proposta artística aspirará a sorprender cunha actuación interesante e única. A aposta do Xacobeo 2010 é amosar o intenso traballo de busca creativa, de orixinalidade dos nosos artistas, intentando ofrecer algo diferente e novo. Con esta iniciativa trátase de reivindicar a nosa expresión autóctona, única no mundo.

Os artistas que conforman o cartel de Xacobeo Raíces poden considerarse embaixadores da cultura galega, cunha recoñecida traxectoria da súa proposta musical en grandes festivais europeos, salas e teatros de toda América. Xacobeo 2010 posibilita este achegamento á música galega de exquisita riqueza nunha programación popular, atractiva e variada, aseveran dende a Xunta de Galicia.

Programación Xacobeo Raíces 2010

A web de Leilía é http://www.leilia.net

Xacobeo Raíces e o ciclo Concertos Cantigas do Camiño comezan a súa viaxe por Galicia o próximo día 6 de marzo. En total vanse realizar 12 concertos en cidades e vilas galegas e un concerto especial en Madrid, cun total de 25 artistas e agrupacións galegas.

Os concertos vanse prolongar durante máis de 3 meses. Cada sábado, dende o día 6 de marzo ata o día 6 de xuño, poderemos asistir a unha programación ecléctica e diversa con prezos populares. O sábado 22 de maior será a cita de Leilía e Uxía en Rianxo.

 

D + Libro Cantigas do Camiño

Cantigas do Camiño é un proxecto colectivo en forma de disco conxunto que recolle en cada canción unha busca creativa complexa, necesaria para compoñer unha obra inspirada e relacionada co Camiño de Santiago. Esta visión da música do Camiño de Santiago é herdeira de centos de anos de tradición musical, pero tamén é unha proposta persoal e contemporánea. Os artistas participantes neste disco constitúen unha magnífica representación da música de Galicia, unha música única no mundo, con personalidade e son de seu. A iniciativa foi posible grazas á colaboración e esforzo dos artistas que teñen creado cada canción especialmente para este disco e tamén de todos os profesionais, fotógrafos, ilustradores, técnicos e enxeñeiros de son que participaron nas gravacións.

O próximo mes de marzo sairá o disco Cantigas do Camiño no que participan 13 artistas galegos: Susana Seivane (Camiño longo), Faltriqueira (Ultreia et suseia), Guadi Galego & Vaamonde, Lamas e Romero (Dum Paterfamilias), Uxía (A casa da xente), Leilía (1000 camiños), Luar na lubre (Romance de Don Gaiferos), Sondeseu (Amence no camiño - Alborada de Pontecaldelas), Fuxan os ventos (Camiño de romaría), Treixadura (Foliada de Santiago), Milladoiro (O camiño), Bonovo (A ruta esquecida), Emilio Rúa (Crenzas) e Berrogüetto (Indosesta).

O proxecto Cantigas do Camiño, será accesible fisicamente en dous formatos de diversa edición. Poderá adquirirse o disco máis un libro escrito en galego, español e inglés, nunha edición de luxo de 90 páxinas con ilustracións, textos arredor do Camiño de Santiago, fotos e letras de cada unha das cancións dos artistas participantes
Asemade, editarase un CD en formato estándar, que será distribuído en exclusiva en máis de 400 supermercados, a un prezo especial de 4.95€.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: o programa local de mediación escolar, seleccionado para o programa europeo "Regio"

Rianxo: que van facer co edificio tras o santuario da Guadalupe?

O BNG de Rianxo insta a aclarar a situación do edificio municipal tras a capela da Guadalupe

Rianxo, 23 de febreiro de 2010. (Nota íntegra do Bng) Despois de meses sen actuación ningunha o BNG instará ao goberno muncipal a aclarar a situación do edificio construído tras a capela da Guadalupe. Antiga sede de Protección Civil, logo sofriu un incendio, e leva meses sen que os operarios realicen ningunha actuación nela depois de deixalo aparentemente amañado desde o exterior.

O BNG cre que se está todo en orde debe rematarse axiña definindo tamén a funcionalidade tamén que se pretende nel, pois se especulou en facelo o novo xulgado, logo sede para a Policia Local, etcétera. Estes vaivéns deben rematar programando unha actuación última para dotalo tamén do mobiliario preciso para acoller o servizo municipal correspondente e rachar coa situación de parálise e improvisación que mostra o executivo con estes e outros equipamentos que acumulan frecuentes demoras ou mesmo anulacións como a partida orzamentaria destinada a aula de formación nos baixos dos edificos de protección oficial na Martela que desapareceu. 

Alegrámonos tamén de que se retomararan as actuacións no Consitorio despois de varios meses sen obra ningunha. Agardamos sexan as obras definitivas para poñer á disposición dos veciños e dos traballadores dunhas instalacións máis axeitadas e funcionais.

Reiteramos tamén a demanda da mocidade rianxeira de locais para actividades deste colectivo de confirmarse a cesión de parte do edificio do ISM a Rianxo. Mágoa non chegara antes de que decidiran o destino dos fondos estatais co que podería incluírse o seu acondicionamento dentro deste ano 2010.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Noia: organizan un obradoiro de cociña de supervivencia para moz@s

Noia, 23 de febreiro de 2010A Concellería de Sanidade do Concello de Noia, dirixida pola Concelleira Rosa Ana Mariño González, informa que se vai levar a cabo un obradoiro de cociña de supervivencia para xente nova no Concello de Noia, en colaboración coa Deputación da Coruña.

O devandito obradoiro vai encamiñado a aprenderlle aos mozos cociña básica para elaborar pratos doados que lles poidan servir para aumentar a súa autonomía. Está dirixido a mozos de ambos os dous sexos e terá lugar nas instalacións da Casa da Agra, na Praza do Tapal. Comzarán este sábado 27 de febreiro de 12:00 a 14:00 h. e continuará o 6 de marzo e o 13 de marzo á mesma hora. Os mozos interesados pódense anotar no teléfono 609.82.31.34 (atende David Saavedra Pino, técnico de Prevención de Drogodependencias) ou no mail: infodrogas@gmail.com

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical