Rosa Quintana visitou a lonxa de Rianxo para coñecer as reformas realizadas
Rianxo, 3 de novembro de 2009.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada do presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana visitou esta mañá as instalacións da antiga lonxa de Rianxo para comprobar o seu funcionamento e as reformas executadas coa axuda do Programa de Investimentos en obras Menores (PIM), de Portos de Galicia.
Durante a visita, a titular de Mar, xunto co presidente de Portos, o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro e o Patrón Maior, Baltasar Rodríguez, coñeceu os resultados das operacións de reforma da lonxa na que se subastan produtos recollidos coa arte bou de vara. Para a rehabilitación do edificio a confraría de Rianxo solicitou a axuda da Xunta, que concedeu unha subvención a través de Portos de Galicia para a execución das melloras.
As obras de acondicionamento deste edificio foron realizadas en dúas fases. A primeira consistiu na mellora do local e adaptación dos elementos demolendo paredes e adaptándoas con illamentos de pintura. A segunda foi a fase de informatización da pesaxe e a subasta, para o que foi preciso instalar terminais multiusos que incorporan a introdución dos datos, o etiquetado e a impresión de resumos de pesadas. Deste xeito pódense emitir os documentos para as transaccións solicitadas en tempo real.
Un dos novos elementos cos que conta a lonxa rehabilitada é unha báscula de ata 150 quilogramos conectada ao sistema informático. Ademais, a sala de subasta dispón dunha unidade de control de subasta, 25 mandos de parada, ordenador de man directo da subasta, un armario de conexión e un sistema de megafonía conectado ao calculador da subasta. Esta informatización permite que a sala de subasta das especies bou de vara estea integrada coa subasta principal a través da fibra óptica.
(vía Xunta.es)
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia