11.10.10

Porto do Son: o PP insta á aprobación do Plan Especial do Castro de Baroña para protexelo

TOMÉ INSTA O GOBERNO DO PSOE E BNG A APROBACIÓN DO PLAN ESPECIAL DO CASTRO DE BAROÑA.

* UN INFORME DOS EXPERTOS ALERTAN DA GRAVE SITUACIÓN NO QUE SE ATOPA O VESTIXIO CELTA.

*O PLAN REDACTADO DURANTE O GOBERNO POPULAR, CONQUERIU TÓDALAS AUTORIZACIÓNS NECESARIAS.

*ESTA FIGURA URBANÍSTICA É NECESARIA E IMPRESCINDIBLE PARA REDACTAR O FUTURO PLAN DIRECTOR.

Porto do Son, 11de Outubro de 2010

O Portavoz sonense do Partido Popular Manuel Tomé Piñeiro, insta o goberno bipartito do PSOE e BNG a que o Plan Especial do Castro de Baroña, sexa levado ó vindeiro Pleno Ordinario para a súa aprobación.

Hai que lembrar que a Redacción de dito Plan Especial foi cofinanciado polo Goberno Popular Sonense xunto á Consellería de Cultura tendo un coste de trinta mil euros.

Dada a voz de alarma que distintos expertos na materia están a amosar por mor do rápido e progresivo deterioro que está a sufrir o vestixio, fai que o tempo sexa un instrumento prioritario en canto ás primeiras actuacións de emerxencia a levar a cabo.

Esta iniciativa foi levada a Pleno para a súa aprobación no derradeiro Pleno Ordinario do mes de Outubro 09 presidido por Manuel Tomé , no que foi rexeitado polos Grupos que agora forman parte do Goberno Municipal xustificando que non se chegara a acordos cos afectados no ámbito da actuación.


Distintas agresións sufridas polo vestixio durante os dóus últimos anos, ben sexa, a construcción de milladoiros dentro do castro, as acampadas ilegais, visitas descontroladas, vasoira que deixan os visitantes dentro da mesma, etc…fan que xa non se poida esperar máis en escomenzar a actuar no ben para intentar na medida do posible minimizar os impactos e afeccións.

A aprobación de dito Plan Especial, que en esencia significa unha ordenación urbanística do ámbito, non supón en ningún caso ningunha expropiación ou similares dentro da delimitación.

Esta aprobación é o paso previo necesario para empezar a redactar o Plan Director do Castro, que vai supor ás delimitacións e usos o igual que as actuacións en distintas fases a levar a cabo para protexer o ben.

Dende o Partido Popular Sonense visto que este Goberno do PSOE e BNG segue deixando durmir no caixón da Alcaldía dito Plan, vémonos, ante a falla de sensibilidade que amosa este goberno bipartito polo patrimonio etnográfico municipal, a instar a que se leve a Pleno dita iniciativa ou no seu defecto o PP vai presentar unha Moción con carácter de urxencia para que a “desfeita do patrimonio etnográfico municipal” non siga a pasos axigantados deteriorándose o maior vestixio e icono turístico do noso Concello.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: os socialistas reclaman á Xunta "que se molle" e defenda a planta de reciclaxe

Lage Tuñas presentou unha Proposición non de Lei para que a Xunta adopte decisións que permitan manter máis de cen postos de traballo 

Lousame, 11 de outubro de 2010. O deputado do PSdeG-PSOE José Manuel Lage Tuñas vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para interesarse pola situación da planta de tratamento de lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza, sita en Lousame. Explica que diante da situación de risco pola que atravesa a planta de tratamento de lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza, situada en Servia (Lousame), os socialistas galegos consideran "urxente a mediación e o apoio da Xunta de Galicia".

Na Proposición non de Lei ínstase á Xunta a adoptar decisións que permitan manter máis de cen postos de traballo que existen na actualidade arredor desta planta de tratamento de lixo. Asegúrase que "sendo conscientes do óptimo funcionamento da planta e do número de empregos que ten xerado, dende o PSdeG-PSOE entendemos prioritario que o poder político galego se implique na súa defensa".

"Para nós é fundamental garantizar a viabilidade da planta e os empregos existentes”, afirma Lage Tuñas. Ademais di que os socialistas galegos apostan dende os concellos pola planta de reciclaxe e compostaxe da Mancomunidade Serra do Barbanza e van seguir defendendo o seu funcionamento e os empregos existentes

O deputado do PSdeG considera que "a Xunta ten na súa man a mediación con Ecoembes e tamén pode tomar medidas que contribuían a consolidar esta planta". “A Mancomunidade Serra do Barbanza e os concellos nela participantes están facendo os deberes e pola súa parte hai esforzo para manter vivo un proxecto que fixo viable unha alternativa à incineración pura e dura”, concluíu Lage.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: cen quilómetros de sendeirismo ata Santiago para celebrar o Xacobeo, no "Camiño de Outono"

Unha actividade dividida en tres etapas, a facer os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro. Participan varias asociacións e outros dous concellos, Lousame e Negreira


Ribeira, 11 de outubro de 2010.- Con motivo do Ano Xacobeo, o Concello está a organizar unha ruta de sendeirismo na modalidade campo a través e cunha distancia de 100 quilómetros que descorrerá entre Ribeira e Santiago de Compostela. Esta actividade, denominada Camiño de Outono, celebrarase os días 30 e 31 de outubro e 1 de novembro, e conta coa colaboración da Asociación As Miñoteiras e a Asociación de Veciños de Carreira, ademais da dos Concellos de Lousame e Negreira. O concelleiro de Deportes Miguel Ángel Vidal Tomé, e o representante de As Miñoteiras Moncho Sampedro presentaron a iniciativa na Casa Consistorial.

As dúas primeiras etapas terán unha distancia aproximada de 40 quilómetros, mentres que a última será de 20.

A saída do día 30 terá lugar en dous lugares distintos. Por unha parte, na praza do Concello ás 8.15 horas e, por outra, na Capela da Guía, na parroquia de Carreira, ás 8 horas. Ambos grupos converxerán no parque periurbano de San Roque e atravesarán o Monte Curota, a Serra de Barbanza, o Parque Arqueolóxico das Chans e o Monte Iroite. Esta primeira etapa finalizará no poliderportivo de Lousame.

O roteiro pasará polos arredores de Toxosoutos, espectaculares para o sendeirismo

A segunda etapa partirá  da aldea de A Silva, lugar onde está enclavado o polideportivo, e pasará por Portobravo, o río San Xusto, o mosteiro de Toxosoutos, a central do Tambre, a devesa do Nimo e o embalse do Tambre. Os participantes pernoctarán no pavillón polideportivo de Negreira. Por último, a terceira etapa equivalerá aos 20 primeiros quilómetros do camiño oficial de Fisterra. O punto máis emblemático desta ruta é Pontemaceira.

Inscricións

Este mércores habilitarase unha páxina web (http://caminodeoutono.blogspot.com/) para que se poidan inscribir os interesados en participar. O prezo é de 50 euros, e da dereito as comidas, un coche de apoio (onde no que se poderán trasladar as equipaxes para facer menos dura a ruta) e o retorno dende Santiago en autobús. 

Ademais, os familiares dos participantes poderán ir a bordo deste autobús o domingo 31 ata Santiago para reunirse cos camiñantes, sempre en función do número de prazas dispoñibles.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a biblioteca organiza contacontos os xoves ata decembro e un club de lectura para adultos


Boiro, 11 de outubro de 2010. A Biblioteca Municipal do Concello de Boiro (ubicada na casa da cultura “Ramón Martínez López”) vai pór en marcha esta semana actividades para o fomento da lectura.

Por unha banda, haberá sesións de contacontos cada xoves, dende este 15 de outubro, ata o xoves 16 de decembro. Están dirixidas a nenos de 2º e 3º de Educación Infantil, en horario de catro e media a cinco e media da tarde. Hai que anotarse antes. Para inscricións, acudan á mesma biblioteca ou chamen ao 981 848410

Pola outra, fórmase un club de lectura para adultos maiores de 17 anos. Será tamén os xoves, ás cinco e media da tarde, pero non comeza ata o 4 de novembro.  Segundo explican dende o Concello, "o Club de Lectura é un grupo de lectores que se reúnen periodicamente para comentar un libro lido na casa. Nas reunións coméntase o lido e o impacto que tivo no lector: temáticas, estilo, acción, personaxes e, por suposto, sentimentos ou reflexións evocados polo texto. Non é unha reunión para especialistas en crítica literaria, nin para profesores de literatura, senón para lectores comúns. O obxectivo principal do Club de Lectura non é a análise exhaustiva da obra literaria senón incrementar o pracer da lectura ao compartilo con outros".


Quen estea interesado en participar no club e non poida participar nese horario (17:30) poderá comentar e debater  a través de Internet no blogue do Club de Lectura. O primeiro libro a comentar no club será: “84, Charing Cross Road”, de Helene Hanff. En outubro de 1949, Helene Hanff, unha escritora moza descoñecida, envía unha carta dende Nova Iorque a Marks & Co., a librería situada no 84 de Charing Cross Road, en Londres. Apaixonada, maniática, extravagante e moitas veces sen un peso, a señora Hanff reclámalle ao libreiro Frank Doel volumes pouco menos que inatopables que calmarán a súa insaciable sede de descubrimentos. Vinte anos máis tarde, continúan escribíndose e a familiaridade remata converténdose nunha intimidade case amorosa. Esta correspondencia excéntrica e chea de encanto é unha pequena xoia que evoca, con infinita delicadeza, o lugar que ocupan na nosa vida os libros e as librarías.

A biblioteca prestará os exemplares dos libros aos participantes do club. As sesións do Club de Lectura empezarán o xoves 4 de novembro.

Para inscribirse poden dirixirse á Biblioteca municipal (Casa da Cultura), por teléfono 981 848410 ou enderezo electrónico boiro@rbgalicia.org

Seminario en Holanda


Este mércores, 13 de outubro, terá lugar a presentación dun seminario que se vai celebrar en Holanda do 18 ao 25 de outubro no que participa o Concello de Boiro dentro do programa de voluntariado "Xuventude en Acción".
Este seminario insírese dentro do "I Love Culture", un proxecto global posto en marcha para crear o primeiro portal cultural global en liña (http://www.iloveculture.eu) onde se recollan entidades e proxectos que traballen no eido da xuventude a nivel internacional.
A este seminario acudirá, en representación do Concello, a técnica Margarita Sampedro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical