- Os socialistas apoian ao alumnado na súa petición de supresión escalonada do Bacharelato e ESO e defenden as súas protestas defendendo medidas "moi sensatas"
- Lage Tuñas apoia o Centro Integrado en Coroso-Ribeira, "pero con planificación, pois hai improvisación. Parécenos un erro grave de Educación"
Lage Tuñas recorda na súa iniciativa que “estamos a falar dunha decisión tomada con nocturnidade e alevosía, comunicando aos centros que simplemente se estaban a estudar unha posibles decisións cara ao futuro, pero sen precisar nunca que xa serían tomadas este ano. Mesmo se indicaba ás direccións dos mesmos que seguiran cos procedemento habituais destas datas como se nada fora a cambiar no curso 2011-12.”
“Os distintos centros educativos galegos afectados por esta medida teñen iniciado xa a formalización da matrícula cara o curso 2011-2012, de forma que as nais e pais do alumnado daban por feito a continuidade dos seus fillos e fillas nos propios centros onde hoxe en día cursan os seus estudos.” explica Lage Tuñas.
O deputado do PSdeG recorda que “os departamentos dos centros educativos tiñan tomada, por exemplo, as decisións sobre os libros de texto do curso vindeiro e cuxos listados, nalgúns dos centros, xa foron postos en moitos dos casos á disposición dos equipos directivos e xa eran do coñecemento das nais e pais.”
Lage Tuñas engade que “tanto claustros, como equipos directivos e alumnado, están volcados coas tarefas propias de fin de curso e non parece que este cometido debera ser alterado por unha decisión da importancia para a comunidade educativa que se tenta acometer nestas sinaladas datas.”
O portavoz socialista di que “o calendario escollido pola Xunta de Galicia para acometer esta decisión só pode entenderse dende a decisión de actuar ás costas das distintas comunidades educativas afectadas, sen contar para nada coas súas achegas, e dun efecto calculado ao deixar pasar en primeiro lugar as eleccións municipais, para evitar unha máis que posible influenza adversa, e para achegarse, como estratexia que por desgraza repítese cada ano, aos meses de verán para provocar a desmobilización do conxunto de sectores da comunidade educativa afectados.”.
Ademais, detrás desta decisión ocúltase unha clara supresión de prazas públicas na E.S.O. e no Bacharelato que sen dúbida irá en contra da calidade educativa, e que os propios sindicatos están a calcular entre 150 e 200 prazas docentes que corren grave risco de ser amortizadas, por non falar do número de postos escolares que se reducen no ensino público e que provocarán, no mellor dos casos, un incremento da masificación das aulas.
“Dende o Grupo Parlamentario Socialista, estimamos conveniente a suspensión da decisión tomada e aprazar a mesma cando menos ata o vindeiro curso, de forma que a sociedade galega representada no Consello Galego de Formación Profesional, a Mesa Sectorial, os Consellos Escolares Municipais, os Consellos Escolares dos centros afectados, en definitiva, que o conxunto das comunidades sexan escoitadas e que as decisións que posteriormente se tomen conten co maior grao de consenso posible e sempre tendo en conta a singularidade de cada centro.” Lage Tuñas defende na súa iniciativa “iniciar un proceso participativo, claro, transparente e de consenso que contemple a singularidade de cada centro, que conte coa participación das distintas comunidades educativas dos mesmos e co conxunto dos órganos de representación implicados, nomeadamente os Consellos Escolares Municipais, o Consello Galego de Formación Profesional, o Consello Escolar de Galicia e a Mesa Sectorial Docente.”
“Coroso-Ribeira será un centro integrado, sempre o defendemos os socialistas, pero non se pode actuar por atrás e a última hora tal e como acaba de poñer de manifesto o propio alumnado do centro educativo”.
Antes, en Certo:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia