8.10.10

Boiro: Lino Sánchez Torrado, escultor de 80 anos, expón as súas figuras en pedra en O Faiado 2

Boiro, 8 de outubro de 2010. O escultor Lino Sánchez Torrado é o protagonista, xunto coas súas figuras en pedra, da vindeira exposición que organiza a asociación cultural O Faiado 2. O vindeiro mércores, 13 de outubro, terá lugar ás sete da tarde a inauguración da mostra, na que amosará os seus traballos máis destacados.

Segundo explica María Luísa López Otero, presidenta de O Faiado 2, Sánchez Torrado "é ós seus 80 anos todo un exemplo de superación.É autor, entre outras obras de gran porte, do cruceiro do cemiterio de Vista Alegre (Boiro) e do Nazareno e os bancos de pedra situados xunto á Igrexa de Santa Baia. Tamén está a piques de presentar unha gran escultura da Virxe que se situará no cemiterio de Vista Alegre. Ademais destas obras, esculpe animais, bustos e imaxes relixiosas de menor tamaño, que fan do seu patio e casa un lugar digno de visitar".

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o sábado 16 de outubro un especialista disertará sobre fungos en ecosistemas dunares e logo irán miralos por Corrubedo

Ribeira, 8 de outubro de 2010. O vindeiro sábado 16 de outubro, no edificioi do CIELGA (no entorno da praia do Vilar, ao pé de onde se recibe aos visitantes do parque natural de Corrubedo), a asociación micolóxica Refungando organiza, en colaboración coa asociación cultural Altofalante, unha charla de José Manuel Castro Marcote, que disertará sobre fungos nos ecosistemas dunares. Castro Marcote é coautor do libro "Cogomelos de Galicia" e comezará a súa charla ás 11 da mañá.

Edifico do Cielga. Foto de Javier Crugeiras para Wikipedia

Segundo explican en Refungando, "moita xente ten percorrido carballeiras, piñeirais, soutos, ribeiras de ríos, prados... pero, cantos percorreron a liña da costa entre dunas á procura de cogomelos? Neste ecosistema, que a priori nos pode parecer hostil para os fungos, desenvólvense sen problema unha ampla variedade de cogomelos que, polo seu especial hábitat, raramente poderemos contemplar. Da man de José M. Castro Marcote, coñeceremos as especies dunares galegas máis comúns e logo da charla sairemos á súa procura, unha experiencia á que dende Refungando vos invitamos a todos a compartir con nós".

Esta charla e saída micolóxica son os prolegómenos das vindeiras Xornadas Micolóxicas de Ribeira, que xa teñen data: 6 e 7 de novembro.

Vía Refungando

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o Bng insta á Xunta a que se dean solucións eficaces para manter a planta de reciclaxe


Manuel González é o responsable comarcal do Bng Muros-Noia

Lousame, 8 de outubro de 2010. O BNG da comarca de Muros e Noia indica nunha nota de prensa "a súa preocupación pola situación que se está a producir na planta de tratamento de residuos de Lousame e que lle afecta á recollida do lixo de varios dos concellos así como ao emprego de ducias de persoas da comarca".

Segundo os nacionalistas da bisbarra Muros-Noia, "debemos lembrar que a construción de dita planta foi impulsada pola decisión de varios concellos agrupados logo na Mancomunidade Serra do Barbanza sendo o BNG un dos principais artífices da mesma. A súa construción foi posíbel grazas a consecución de fondos europeos e non tivo aporte económico algún –ao contrario que a planta de SOGAMA en Cerceda- por parte da Xunta de Galicia, gobernada naquel momento por Manuel Fraga. A aposta pola separación de residuos e a reciclaxe foron os principais motivos para a súa posta en marcha. Hoxe podemos ver o acerto daquela decisión e esta planta funciona de xeito eficiente sendo, ademais, a que máis recicla no Estado Español. O contraste coa planta de SOGAMA é claro, xa que nestes momentos está en situación de colapso e utiliza ademais unha tecnoloxía pouco limpa (incineración)".

Diante dos problemas económicos de dita planta, dos que xa informamos nestes días, o BNG reclámalle á Xunta de Galicia que se comprometa a dar o seu apoio para o mantemento da mesma, ao igual que fai co modelo SOGAMA. En concreto solicitan da Xunta de Galicia:

  1.     Que se estableza unha dotación económica anual para o funcionamento da planta para evitar o agravio comparativo con SOGAMA.
  2.     Que inste á empresa ECOEMBES a recoller todos os materiais reciclados que lles correspondería segundo a Lei de Envases 11/1997. A decisión unilateral de ECOEMBES de deixar de recoller unha parte deste material afecta especialmente a aquelas plantas que máis reciclan, como é o caso da da Mancomunidade, coa conseguinte redución de ingresos.
  3.      Que faga as xestións necesarias para facilitar a amortización da débeda que varios concellos da comarca manteñen coa concesionaria.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: adxudicada provisionalmente a dotación da casa museo de Manuel Antonio á empresa Artifacto


Rianxo, 8 de outubro de 2010. Por decreto de Alcaldía nº 1452/2010 de hoxe mesmo, aprobouse a adxudicación provisional do contrato de subministro para dotación museográfica da casa de Manuel Antonio. Ascende a case 60.000 euros (ive incluído) e a empresa adxudicataria, Artifacto (A Coruña), ten 75 días para deixar lista a casa do poeta rianxeiro. Podería facelo en 90 días, pero nunca máis aló do 28 de febreiro de 2011.
A adxudicación foi feita polo procedemento negociado e sen publicidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o sábado 16 haberá unha charla informativa sobre a ampliación do cemiterio de Vista Alegre


Boiro, 8 de outubro de 2010. O Concello de Boiro informa sobre a celebración dunha xornada informativa sobre a ampliación do cemiterio de Vista Alegre para todos aqueles que estean afectados pola mesma. Será na casa da cultura da Cachada, ás seis da tarde, o sábado 16 de outubro.
Aos veciños que tiñan reservados nichos para comprar envióuselles unha carta e un precontrato para que o vaian estudando. Adxuntámolos a continuación por se houbera máis veciños interesados nesta ampliación do camposanto de Boiro.

Download now or preview on posterous
PRECONTRATO.pdf (68 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Mostra de Teatro integra nove representacións e será clausurada polo dramaturgo local Quico Cadaval

Ribeira, 8 de outubro de 2010. Un total de nove representacións dramáticas que terán lugar entre o 16 de outubro e o 26 de novembro conforman o programa da Mostra de Teatro, que foi presentado hoxe polo concelleiro de Cultura e Festexos, Luciano Fernández, e polo director da Escola Municipal de Teatro, Segundo Chiki Durán. 

A primeira delas terá  lugar o mencionado sábado día 16 coa posta en escena de “O meu home tolea” por parte da compañía Ad Libitum. O venres 22, o Teatro de Cámara Ditea interpretará a peza “Aquí cheira a morto”, mentres que o domingo 24 tocaralle o turno a S.C.A.R. A Pombiña coa obra “Ao son dos novos”. Pechando o mes de outubro, o venres 29 actuará Acontrabutaca Produccións con “Un morto moi vivo”. 

No mes de novembro, o venres día 5 de novembro participará Teatro do Improviso con “O lado torto do mundo”, mentres que o venres 12 o Grupo Municipal de Teatro de Ames escenificará “Cal Valentín”. Sete días despois, o 19, o Teatro Candelexas subirase ás táboas do Auditorio Municipal para representar a obra Faladoiro no Banco” e o venres 26 actuará Talía Teatro con “Volpone”. 

Colofón de ouro, con Quico Cadaval

Quico Cadaval en "Shakespeare para ignorantes"

Pechando a Mostra de Teatro 2010, e xa no mes de decembro, o venres 3 contará coa presenza nas táboas do Auditorio do director ribeirense Quico Cadaval, quen recalará no seu municipio para dirixir “Shakespeare para ignorantes”, unha obra escenificada por Mofa e Befa na que o propio Cadaval oficia como mestre de cerimonias. 

Cadaval cre que Shakespeare é a persoa máis importante da Humanidade

Todas as obras desenvolveranse no Auditorio Municipal. As que se celebren os venres e sábado comezarán ás 21.30 horas, mentres que as programadas para o domingo terán lugar ás 19 horas. Poderanse recollerse as entradas media hora antes das funcións.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: programa completo da XII Edición das Xornadas Valle-Inclán

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical