4.11.10

Barbanza-Noia: o delegado territorial da Xunta en Coruña, Diego Calvo, di que os orzamentos para a zona "crearán emprego"

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 14,6 millóns de euros en infraestruturas viarias, entre as que destacan a conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos, que contará cun investimento de 7,8 millóns de euros, e a mellora do firme na estrada AC-550 en Muros, con 4,7 millóns de euros de inversión

Augas de Galicia consigna unha partida orzamentaria de 7,4 millóns para o saneamento integral das rías. En Muros, o ente autónomo destinará 1,5 millóns de euros para a mellora das infraestruturas hidráulicas; en Porto do Son, 1,9 millóns de euros nos colectores das EDAR de Tarrío e Porto do Son, e en Ribeira, as obras de saneamento contarán cunha partida de 1,3 millóns de euros

Portos de Galicia acometerá traballos de mellora e ampliación das instalacións portuarias por importe de preto de 4,5 millóns de euros en nove concellos da comarca, entre os que destacan os 1,6 millóns para a dársena de Muros e os preto de 500.000 euros para a ampliación do porto noiés

En materia social, o delegado lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar destinará 106 millóns de euros en toda a provincia para políticas activas de emprego e 152 millóns en materia de benestar


Diego Calvo, nunha foto de arquivo

Boiro, 4 de novembro de 2010.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, destacou esta mañá en Boiro que estes investimentos “ademais de impulsar as infraestruturas, permitirán a creación de moitos postos de traballo na comarca do Barbanza”, o que favorecerá á mellora da actividade económica na zona nun momento de crise.

Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 14,6 millóns de euros en infraestruturas viarias na comarca durante o próximo ano. Destacan os 7,8 millóns de euros da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos e que permitirá mellorar as comunicacións con Santiago de Compostela, e os 4,7 millóns de euros para o reforzo do firme e optimización da sinalización na AC-550 en Muros, que se realizará con cargo aos fondos da Sociedade Pública de Investimentos. A adecuación da AC-303 entre o Hospital Comarcal e Corrubedo, terá tamén unha partida da Consellería de 114.000 euros.


Zona da Ribeiriña, na Pobra do Caramiñal

O organismo autónomo Augas de Galicia consigna no próximo exercicio unha partida orzamentaria de 7,4 millóns para o saneamento integral das rías. En Muros, o ente autónomo destinará 1,5 millóns de euros para os colectores e as estacións depuradoras de Muros e Esteiro, así como para a mellora das infraestruturas hidráulicas en varias rúas da vila. En Porto do Son hai unha partida de 1,9 millóns para os colectores e as depuradoras de Tarrío e Porto do Son. En Ribeira, os traballos de saneamento, que inclúen actuacións nos colectores xerais de Ribeira e Corrubedo e a creación dunha liña independente dende Pantín ata o bombeo de Pedra Patieira, contarán cunha partida de 1,3 millóns de euros. Augas de Galicia tamén recolle un investimento de 466.000 euros no saneamento da Ribeiriña, en A Pobra, e 360.000 euros para o de Leiro e Isorna, en Rianxo, entre outras actuacións. Calvo lembrou que a mediados deste mes comezarán as obras da segunda fase de saneamento no río Coroño, en Boiro. Augas de Galicia vén de adxudicar estes traballos por un importe de 730.500 euros. O obxectivo é instalar unha rede de colectores residuais nos núcleos de Mieites, Comoxo e A Cuncheira.

Portos de Galicia contempla un investimento de preto de 4,5 millóns de euros para traballos de ampliación e mellora das instalacións portuarias de nove concellos da comarca. Destacan os 1,7 millóns de euros para a ordenación interior de atraques no porto de Muros e os preto de 500.000 euros para a ampliación das instalacións para embarcacións menores no de Noia. En Boiro, o investimento de Portos alcanzará os 650.000 euros, dos que 310.000 corresponderán á remodelación dos atraques no porto de Escarabote.

Pola súa banda, o investimento da Consellería do Mar na comarca para 2011 ascende a 1,4 millóns de euros e contempla actuacións nas instalacións dos servizos de Gardacostas; relativas á mellora do servicio de salvamento e loita contra a contaminación en Ribeira e Porto do Son e tamén vinculadas a ensinanzas náutico-pesqueiras.

Durante a súa visita a Boiro, o delegado lembrou que a todas estas cifras hai que engadir os 106 millóns de euros que destina a Consellería de Traballo en toda a provincia a políticas activas de emprego ou os 152 millóns de euros en materia de Benestar.

“Todas estas actuacións –sinalou- teñen como obxectivo primordial dar resposta as principais demandas dos concellos, impulsando proxectos clave para a comarca como o corredor Brión-Noia e a variante de Noia, o saneamento integral das rías ou as intervencións en materia portuaria”. Trátase, en definitiva, de mellorar a calidade de vida dos veciños do Barbanza e “xerar novas oportunidades e postos de traballo cun investimento eficiente e realista”.

Neste senso, Calvo gabou o esforzo realizado pola Xunta para coordinar aos distintos departamentos e cadrar con eles unhas contas “coherentes, sustentables, austeras e pegadas ao actual momento económico, nas que quedan garantidas a continuidade dos proxectos prioritarios do Barbanza”. Calvo lembrou tamén “o recorte de 1.177 millóns de euros por parte do Goberno central nos fondos que lle correspondían a Galicia”.

Visita CEIP Santa María do Castro en Boiro
Na visita ao CEIP Santa María do Castro, onde estivo acompañado pola xefa de Educación, Teresa Villaverde, polo alcalde de Boiro, Xosé Deira, e outros membros da corporación, Diego Calvo puido comprobar o resultado dos traballos realizados durante os meses de verán que, cun investimento de preto de 95.000 euros, permitiron reparar e substituír a cuberta do polideportivo do centro.

O delegado lembrou que Educación investiu 352.000 euros para a realización de traballos de mellora en cinco centros de ensino de Boiro durante o verán. Ademais do CEIP Santa María do Castro, no CEIP de Praia Xardín realizáronse traballos de adecuación do patio infantil; no CEIP de Escarabote, a construción de aseos en tres aulas de Infantil; no CEIP de Cespón, o acondicionamento do patio de xogos, e no IES Praia de Barraña, a substitución da carpintería exterior e a reforma dos vestiarios.
En total, na comarca do Barbanza, Educación investiu preto de 1,6 millón de euros en traballos de renovación e mellora nos centros de ensino. Calvo destacou que estas actuacións permitirán que os máis pequenos “poidan desenvolver as súas actividades nas mellores condicións” e, ao mesmo tempo, dar resposta ás necesidades do centro e ás demandas de pais e educadores.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o sábado 6 de novembro, representación de Smóking no teatro Elma


A Pobra, 4 de novembro de 2010. Este sábado, 6 de Novembro, ás 20:30 horas, haberá unha representación de "Smóking". de Santiago Moncada, no teatro Elma da Pobra do Caramiñal a cargo do Grupo Teatro Liceo de Noia, baixo a dirección do escritor e actor Ramón Carredano.
Esta agrupación teatral acadou o 2º premio e 4 nominacións a actores destacados por "Smóking" no XIII certame de Teatro Afeccionado D. Bosco da Coruña. Non é apta para menores de 14 anos.

Sinopse

Glamourosa comedia na que priman a resistencia a entrar na idade de xubilación; o respecto e admiración dos xóvenes polas formas de facer dos maiores e a amizade entre dous homes na plena madurez..
A acción ten lugar integramente nun salón de ambientación moderna, de luxo e seducción, na vivenda dun prestixioso arquitecto, maduro, atractivo, interesante e sempre disposto á aventura. Un arquitecto que ten éxito coas mulleres, cunha vida familiar estable e feliz.
Aparentemente. o protagonista dispón de todo e está convencido de que todas as mulleres con encanto se encaixan perfectamente a el. Imposible para o arquitecto imaxinar o xeito de pasar o resto da vida sen a súa dona, compartindo piso co seu mellor amigo.

“Smóking” é unha comedia na que destacan o seus excelentes e intelixentes diálogos, mergullados no cinismo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o club de lectura infantil bota a andar o 11 de novembro como nova alternativa de ocio


O club de lectura para rapaces de Boiro está destinado aos de quinto e sexto de Primaria

Boiro, 4 de novembro de 2010. A Biblioteca Municipal do Concello de Boiro, baixo a coordinación de Anxo Campos, promove a creación dun club de lectura para rapaces, que ten como obxectivo gozar da lectura e do contacto cos libros, ofrecer novas posibilidades para o tempo libre, e potenciar a biblioteca como un bo sitio para atoparse con outros rapaces e compartir o tempo e o gusto pola lectura. 
As sesións do club, que comezará a súa andaina o vindeiro 11 de novembro, desenvolveranse os xoves de 6 a 7 da tarde. Hai que inscribirse na biblioteca municipal (Casa da Cultura) ou no teléfono 981 8484 10. Está destinado a rapaces de 5º e 6º de Educación Primaria.

Bule con Alcer: comezan hoxe as actividades

Por outra banda, hoxe, xoves 4 de novembro, comezan ás cinco e media da tarde no Centro social de Boiro as actividades inseridas no programa "Bule con Alcer", que programa a Deputación da Coruña e a Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril xunto co Concello boirense. Estarán na inauguración o alcalde, a concelleira de Servizos Sociais e a deputada provincial Rosana Pérez.

Exposición de pinturas de Kukas, no Centro Social

O artista Marcelino de Santiago Viquera, máis coñecido como Kukas, expón pinturas no centro social dende este venres 5 de novembro. A inauguración é ás doce da mañá, co alcalde e o concelleiro de Cultura como anfitrións. Se queres saber quen é Kukas, aquí está o seu curriculum.

Antes publicamos:


Biblioteca: contacontos e club de lectura para fomentala. Os xoves


Bule con Alcer: programa aberto a enfermos crónicos

 


 

-         MAÑÁ VENRES, DÍA 5 DE NOVEMBRO, ÁS 18.00 HORAS NA SEDE DA ASOCIACIÓN DE MEXILLOEIROS DE CABO DE CRUZ (AMC), celebrarse a entrega de premios do concurso de tapas feitas con mexillón que organizou a Concellería de Turismo do Concello de Boiro, e que se desenvolveu a fin de semana pasada. Asistirá o Alcalde, Xosé Deira Triñanes, e a Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó.

 

 

Saúdos,

 

Ana Fernández Neira

Gabinete de Alcaldía

Telf. 981 847034

alcaldia@boiro.org

 

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical