23.7.11

Rianxo: o luns 25 de xullo, Festa de Exaltación da Xouba

Internet galega: o proxecto de xestión cultural Tinta de Lura presenta a súa web para facer visible a sociedade civil galega creativa

Barbanza-Noia, 22 de xullo de 2011. Desde a súa primeira aparición pública, durante a pasada edición do Achegarte na cidade da Coruña, o proxecto de xestión cultural Tinta de Lura leva percorridos xa varios centos de quilómetros para amosar os seus produtos e explicar o seu proxecto en canto encontro cultural se celebra en Galicia nestas datas.

Agora preséntanse tamén na rede, no enderezo www.tintadelura.com, sitio no que se diferencia por unha banda a tenda en liña e por outra o espazo de dinamización cultural.

Deste último espazo, os promotores salientan primeiro o apartado dedicado aos escritores e escritoras que colaboran con eles no que de momento é o seu produto estrela, as camisolas literarias, unhas prendas que ademais de deseños locen como lenda os versos de poetas galegos de todos os tempos. Tinta de Lura recorda que un dos obxectivos dese produto é axudar á visibilización da literatura galega, polo que a ideaba ficaba incompleta mentres non aparecese na rede o espazo que lle dedican a eses autores colaboradores no que elaboran un breve perfil da súa obra e achegan todo tipo de información que axude a difundir as súas creacións.

Oportunidades para creadoras e creadores

Ademais deste espazo, destaca tamén a axenda cultural, destinada a promover fundamentalmente a oferta cultural proveniente do asociacionismo e de todo tipo de pequenas entidades, como salas ou mesmo bares, iniciativas que loitan duro para ofrecer boas programacións ao público e oportunidades para os creadores e creadoras. Desde este sector lévase a cabo un enorme esforzo cuxos resultados polo xeral merecen transcender os ámbitos locais aos que decote se ven restrinxidos. Neste espazo, serán as propias entidades quen inclúan as diferentes actividades na propia axenda. O único que deberán facer para isto é contactar co equipo de Tinta de Lura que lles entregará unhas breves instrucións para subir a información na páxina. Desde Tinta de Lura cren que visibilizar toda esa actividade, sobre a que polo xeral se deita unha visión moi fragmentaria, pode axudar tamén a resituar a impresión sobre unha sociedade civil galega moito máis creativa e dinámica do que ás veces pode parecer.

Precisamente con ese enfoque nace a primeira categoría do blog, que é o terceiro pé  deste espazo de dinamización cultural. Baixo o lema de Xira da Lura Moinante, os membros da iniciativa irán dando novas cada fin de semana das actividades que visitan, co que pretenden que no remate do verán ter completado un bo tapiz das iniciativas que sobre todo neste tempo se estenden pola xeografía galega.

Este blog inaugúrase ademais cunha entrevista á cantante é compositora Sés, en vésperas da aparición do seu primeiro disco.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Centro de Recuperación da Fauna de Oleiros adopta unha cría de lontra

  • O animal foi atopado nas rochas do Touro

Ribeira, 22 de xullo de 2011.- Efectivos de Protección Civil de Ribeira entregaron esta mañá a responsables do Cielga a cría de lontra (nutria en castelán) rescatada o pasado mércores de entre as penas do Touro, despois de que resultase infrutuosa a idea inicialmente adoptada de soltar ao mamífero nas inmediacións de onde foi atopado por se atopaba aos seus proxenitores. 

Agora, será o Centro de Recuperación da Fauna situado no municipio coruñés de Oleiros o que se faga cargo deste animal, que lle será entregado a esta entidade por persoal do Parque Natural.

A lontra na Galipedia:

Animal mamífero (lutra lutra) pertencente á orde carnívora e á familia dos mustelídeos. Vive na Europa, Asia, parte sur da América do Norte e ao longo de toda a América do Sur, incluíndo o Brasil e a Arxentina. O seu hábitat natural é no litoral ou próximo aos ríos onde busca alimentos como peixes, crustáceos, réptiles e menos frecuentemente aves e pequenos mamíferos.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: as actividades do Verán Cultural están en marcha, con máis de 200 participantes

  •   A concelleira de Cultura visitou aos nenos que participan en "Xoga con nós"

Ribeira, 22 de xullo de 2011.- A concelleira de Cultura de Riveira, Elvira Pisos Arnoso, achegouse no día de hoxe ata o Colexio O Grupo de Santa Uxía para facerlles unha pequena visita aos nenos e nenas de entre 2 e 7 anos que están a asistir aos obradoiros Xoga con Nós, que se enmarcan dentro da programación do Verán Cultural 2011. 

Pisos Arnoso aproveitou a ocasión para incidir na idoneidade desta acción para axudar aos pais á conciliación da vida familiar e laboral na época de vacacións, e informou de que son máis de 200 os nenos que están a participar nestes obradoiros. 

Durante a súa estancia no centro educativo, a edil de Cultura entregou a cada neno un agasallo, consistente nun balón de praia serigrafiado cos logos do concello e cun debuxo identificativo do Verán Cultural.

Toda a programación:


Verán cultural de 2011

Pode que tamén lle interese:


Programación "Fiestra da Cultura": Amancio Prada e moito máis


Obradoiros para maiores: risoterapia e interxeneracional, este verán


Feira das oportunidades: do 13 ao 15 de agosto no Malecón

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a procesión marítima do Carme reponse este ano nas festas de agosto

  • Será o sábado 6 de agosto e a comisión habilitará catamaráns para os que queiran participar 
  • Contan con habilitar ata cincocentas prazas en cinco embarcacións
  • Cobrarán dous euros "simbólicos" que destinarán a Cáritas

Ribeira, 22 de xullo de 2011.- O alcalde, o presidente da Comisión de Festas e o párroco de Santa Uxía déronse cita hoxe na Casa Consistorial para a anunciar que con motivo das Festas de Verán, a cidade recuperará a procesión marítima na honra da Virxe do Carme despois da prohibición de facelas con determinadas medidas de seguridade dende 2004 como consecuencia do accidente do Saleta.  

O alcalde Manuel Ruiz Rivas expresou a súa "gran satisfacción" por terse recuperado esta procesión, que se celebrará o sábado 6 de agosto, e informou de que tras efectuar as oportunas xestións a iniciativa conta co respaldo de distintos colectivos do mar, como a confraría de pescadores ou a Cooperativa do Mar Santa Uxía. Así mesmo, amosou a súa confianza de que a procesión irá medrando ano a ano "ata recuperar o esplendor que merece unha cidade cun porto tan importante como é o de Ribeira". 

Pola súa parte, Luciano Fernández garantiu no nome da comisión que a procesión contará con todas as medidas de seguridade oportunas, incluíndo un seguro colectivo para embarcacións habilitadas e chalecos homologados. 

Segundo indicou, as previsións apuntan a alcanzar as 1.000 persoas participantes, e co fin de permitir aos veciños e visitantes que poidan unirse ao acto vanse por a disposición dos mesmos tres catamaráns que suman entre eles un total de 410 prazas. No caso de que a demanda así o esixise, poderíase habilitar un cuarto catamarán de 100 prazas. 

Recadación solidaria

Esta acción pretende ter tamén un fin social, e con tal motivo cobrarase aos pasaxeiros un prezo simbólico de 2 euros e o recadado irá destinado integramente a Cáritas. Os interesados poden mercar as entradas na parroquia a través de Cáritas ou no Auditorio Municipal. 

Cesárea Canabal lembrou durante a súa intervención as orixes desta procesión marítima e da celebración da eucaristía na Lonxa nos tempos en que era alcalde do municipio Lisardo Valeiras. Así mesmo, quixo lanzar un chamamento especial aos propietarios de embarcacións deportivas para que tamén se suman a este evento. 

Como consecuencia da posta en marcha da procesión e por motivos loxísticos, o horario da misa na Lonxa variará con respecto a anos anteriores, de tal xeito que a eucaristía terá lugar ás 19 horas e a procesión sairá en torno ás 19.45.

Pode que tamén lle interese:


FESTA DA DORNA: POJRAMA DE 2011


Bus turístico: déronlle estrea


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: déronlle estrea ao novo autobús turístico

  • Hoxe foi só para asociacións e políticos. O día 27 entrará en funcionamento para os usuarios interesados
  • O alcalde veuse arriba e dixo que "Ribeira ostenta despois de Santiago de Compostela a cabeceira da potencialidade turística de Galicia ao contar cun parque nacional e un parque natural"
Ribeira, 22 de xullo de 2011.- O Autobús Turístico comezou a súa andaina esta mañá cunha ruta inaugural na que participaron membros de distintas asociacións e clubs de xubilados do municipio, así como membros da Corporación Local.  

O alcalde Manuel Ruiz Rivas foi o encargado de abrir este servizo e explicarlles aos pasaxeiros o obxectivo perseguido polo Executivo local con esta iniciativa, pioneira no contorno. “Queremos facer de Ribeira un lugar máis visitado, no que a xente se sinta cómoda non só para vivir senón tamén para poder disfrutar da súa potencialidade turística”, declarou. Abundando nesta liña, Ruiz Rivas tamén indicou que na súa opinión Ribeira "ostenta despois de Santiago de Compostela a cabeceira da potencialidade turística de Galicia ao contar cun parque nacional e un parque natural". 

Sobre a posta en marcha do novo servizo, o alcalde comentou que ante a premura con que se organizou a acción, o de este verán é un preludio dun proxecto máis ambicioso que se implantará o ano que ben, e que pretende incluír tamén unha ruta marítima en catamarán. 

Durante o percorrido (máis curto que o das dúas rutas regulares que se porán en servizo en días alternos) os viaxeiros puideron visitar distintos puntos de interese turístico, como o miradoiro da Pedra da Rá e o parque periurbano de San Roque do municipio, e visionar unha nova curtametraxe sobre os recursos turísticos da comarca, ademais doutro sobre a nova lonxa.

Viaxes a tres euros

O vehículo comezará a funcionar para os pasaxeiros o vindeiro 27 de xullo. Xa hai un grupo de membros da Asociación Ámbar que reservaron para este día. O servizo terá un custo de 3 euros salvo para os rapaces menores de 10 anos, que viaxarán gratuitamente. As entradas estarán á venta na oficina de turismo do Malecón, que conta cun horario ininterrompido de 9 da mañá a 9 da noite e que está pechada os luns. 

De mércores a domingo

O servizo funcionará de mércores a domingo, en horario de 10 a 14 horas, tendo como punto de partida e de regreso a estación de autobuses de Santa Uxía. Haberá dúas rutas. Un primeiro itinerario visitará o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira. 

A segunda ruta pasará polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte. 

Para que os usuarios teñan unha información o máis ampla posible, un guía explicará as peculiaridades de cada lugar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o Psoe denuncia o desleixo nas praias das Furnas, Cabeiro, A Aguieira e A Ornanda en plena tempada turística

Porto do Son, 22 de xullo de 2011. Ante o avanzado do mes de xullo, os membros do PSdeG-PSOE de Porto do Son, queren denunciar o mal estado das PRAIAS DO MUNICIPIO de Porto do Son, e mais concretamente aquelas que recibiron a Bandeira Azul neste 2011, "galardón concedido grazas ao esforzo do PSdeG-PSOE de Porto do Son", aclaran. Estas praias son As Furnas (Xuño), Cabeiro (Noal), A Aguieira (Nebra) e A Ornanda (Miñortos).

Segundo os socialistas, "estamos preocupados pola posible perda destas Bandeiras no noso Concello porque non se están a crumprir os requisitos que manda ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor) e a FEE (Fundación Educación Ambiental) que son organismos internacioanis que outorgan este galardón. As Bandeiras Azuis costou conseguilas moito esforzo xa que que cada ano as esixencias son maiores, proba disto é que hai concellos que contaban con 6 ou máis bandeiras e perderon moitas delas, como foi o caso do municipio de Ribeira (2010: 6 – 2011: 5) ou outros municipios de Galicia que baixaron de 7 a 5", argumentan dende o Psoe sonense, o cal se arroga que foi o partido que máis apostou por conseguir este galardón, xa dende anteriores lexislaturas: 

2007:  3 Bandeiras Azuis

2010:  2 Bandeiras Azuis

2011:  4 Bandeiras Azuis 

Durante os anos 2008 e 2009, co goberno do PP: 0 Bandeiras Azuis, aseguran dendo o Psoe, mentres lle esixen ao goberno bipartito do Concello de Porto do Son (PP-AVS) "que subsanen todos os incumprimentos que están a facer no referente ás infraestruturas e obrigatoriedades que se deben cumprir coas Bandeiras Azuis do Concello. Non só se pode presumir de recoller as bandeiras conseguidas polo anterior goberno e despois deixar perder de novo estes galardóns, como ocorreu co anterior mandato do PP no Son".  

Críticas ao concelleiro de Turismo

Pero agora o responsable da área de Turismo é o señor José Manuel Deán Pouso, que como concelleiro de AVS, sempre pedía a Bandeira Azul para a praia de Coira "e que agora nin lle coloca as papeleiras á metade da praia dos seus veciños", afirman os socialistas. "Este concelleiro débese dignar a mirar pola praia de Portosín facer as xestións necesarias para que o vindeiro ano Coira teña a Bandeira Azul tan demandada por el e por AVS e se ten tempo, debe subsanar todas as deficiencias atopadas nas outras praias do municipio.  Entendemos que o Alcalde, o Sr. Luís Oujo é consciente do equipo que está a traballar con el e agardamos que ordene subsanar todos os incumprimentos aquí postos de manifesto ou entenderemos que de novo mentía cando dicía que ía mirar polo turismo de Porto do Son, como mentiu cando falou da participación cidadá e agora pon os plenos municipais polas mañás", finalizan. 

O Psoe do Son aporta todos estes datos para basear as súas críticas á xestión do bipartito PP-AVS:
 

RELACIÓN DE DEFICIENCIAS A DÍA 21-07-2011 
 

AS FURNAS (Xuño): BANDEIRA AZUL 2007 e 2011 

  • Socorristas: 2
  • Sen boias de sinalización zona de baño (obrigatorio).
  • Sen paneis informativos de sinalización (obrigatorio).
  • Sen sinalización código de conduta (obrigatorio).
  • Sen embarcación de rescate a motor.
  • Sen caseta de socorristas.
  • 1 só WC (H-M-Minusválidos)
  • Papeleiras lixo: 5
  • Salvavidas: 2
  • Duchas sen presión de auga
  • Sinais de Prohibido cans fóra da praia: 2 (1 colgada nun panel destrozado).

CABEIRO (Noal): BANDEIRA AZUL 2007, 2010 e 2011 

  • Socorristas: 3
  • Sen boias de sinalización zona de baño (obrigatorio).
  • Sen embarcación de rescate a motor.
  • Caseta de Primeiros Auxilios sen ventana e WCs sen cristais.
  • Papeleiras lixo: 4
  • Salvavidas: 2

A AGUIEIRA (Nebra): BANDEIRA AZUL 2007, 2010 e 2011 
 

ZONA SUR 

  • Socorristas: 4
  • Balaustrada de acceso á praia destrozada en varios tramos.
  • Restos de redes na zona da praia, xusto ao rematar a pasarela.
  • Botella de cristal rota debaixo do panel informativo pegado aos WC.
  • Sen boias de sinalización zona de baño (obrigatorio).
  • Sen sinalización código de conduta e cualificación das augas (obrigatorio).
  • Sen embarcación de rescate a motor.
  • Caseta de WCs sen corriente eléctrica.
  • Acceso aos WCs obstaculizado por motocicletas.
  • Lixo nas inmediacións da praia e restos de fogueiras.
  • WC de minusválidos utilizado como almacén dos socorristas con material polo chan dificultando a entrada para os minusválidos e sen ningún tipo de vixilancia.
  • Papeleiras lixo: 1
  • Salvavidas: 2

ZONA NORTE: 

  • Socorristas: 1
  • Sen boias de sinalización zona de baño (obrigatorio).
  • Sen sinalización de zona de paso deportes aquáticos (kitesurf) (obrigatorio).
  • Sen embarcación de rescate a motor.
  • WC de minusválidos utilizado como almacén de limpeza: Lixivia, deterxente...
  • Papeleiras lixo: 4
  • Salvavidas: 1

ORNANDA (Miñortos):  BANDEIRA AZUL 2011 

  • Socorristas: 2
  • Balaustrada de acceso á praia sen accesibilidade e perigosa.
  • Sen boias de sinalización zona de baño (obrigatorio).
  • Sen paneis informativos de sinalización (obrigatorio).
  • Sen sinalización código de conduta e cualificación das augas (obrigatorio).
  • Sen embarcación de rescate a motor.
  • Sen caseta de socorristas.
  • 1 só WC (H-M-Minusválidos)
  • Acceso aos WCs obstaculizado por motocicletas.
  • WC de minusválidos utilizado como almacén dos socorristas con material polo chan dificultando a entrada para os minusválidos e sen ningún tipo de vixilancia.
  • Duchas sen presión de auga: 2 (1 en mal estado).
  • Papeleiras lixo: 4
  • Salvavidas: 2

GUÍA BANDEIRA AZUL.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: dúas obras de teatro este sábado 23 de xullo no Liceo a cargo de Cruz Vermella


  • O grupo de teatro de maiores -con actores entre os 70 e os 85 anos de idade- representará "A consulta do doutor" e o grupo de persoas con discapacidade, "A carballeira animada"
  • Entre obra e obra, interpretarán a canción "Yo no tengo la culpa de haberte querido"

 

Noia, 22 de xullo de 2011. Este sábado 23 de xullo haberá dúas representacións teatrais na Sociedade Liceo de Noia, ao que se pode acceden dende a alameda. Será a partires das oito da tarde no salón de actos e serán, pola banda do grupo de personas maiores, "A consulta do doutor" e pola banda do grupo de discapacitados, "A carballeira animada". Entrada gratuita pero, ollo, aforo limitado. 

Na asemblea comarcal de Cruz Vermella de Noia, dentro do proxecto de Axuda a domicilio complementaria lévase a cabo de xeito anual unha actividade de teatro, na que se conta con estes dous grupos de ensaio. O de discapacitados lévase en colaboración coa asociación de pais do Stand. Esta actividade hai sete anos que se vén facendo, e ten unha grande acollida por parte dos usuarios, pois ensaian durante todo o ano as pezas teatrais en sesións de hora e media, dous días á semana.


O grupo de teatro de Cruz Vermella de Noia está formado por 25 usuarios e usuarias e 3 directoras de teatro voluntarias que se encargan tanto de  deseñar e dirixir as diferentes obras e grupos como da organización dos ensaios. O grupo de persoas maiores está composto de 15 persoas de idades comprendidas entre os 70 e os 85 anos e o de persoas con discapacidade está formado por 15 actores e actrices pertencentes á Asociación de Pais do STAND.

E se están na Sociedade Liceo tamén poden:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: este sábado 23, demostración do grupo de baile "Batudance"

Batudance

A Pobra, 22 de xullo de 2011. Este sábado 23 de xullo, ás 21:30 horas, na Praza Alcalde Segundo Durán, terá lugar o Festival de Baile Batudance. Está organizado pola Asociación BATUDANCE, formada pola súa presidenta Patricia Parada Vidal e a entrenadora Mónica Sanlés Rodríguez. Na presentación, esta semana na Pobra, estiveron presentes dous dos rapaces que forman parte do grupo de baile: Nagay Lijó Sanlés e Paula Castro Ares.

Haberá exhibición de bailes de salsa, batuka, bailes de salón e baile moderno. E tamén un espectáculo con voz en directo. Para máis información a asociación ten este perfil de facebook (de onde procede a foto da información) e o correo batudancepobra@hotmail.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical