- A inauguración é este venres 22, ás 20:30
Ribeira, 19 de marzo de 2013.- Este venres 22 de marzo, a sala de exposicións do Auditorio Municipal acollerá ás 20.30 horas a inauguración da exposición “3236 días”, obra do autor Fernando Yáñez. A mostrar, organizada polo Concello, poderase ollar até o 25 de abril.
Fernando Yáñez (Lugo, 1978) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2001). En Madrid –cidade na que residiu durante 9 anos- realiza un Master en Arte Contemporáneo. A súa carreira artística profesional comeza despois de gañar o Certame de Pintura de Cambre no ano 2000. Pouco tempo despois realiza unha exposición no Museo Provincial de Lugo que lle abre as portas á diferentes galerías galegas e nacionais. Participa en diferentes proxectos e feiras de arte a nivel nacional, expoñendo en cidades coma Madrid, Valencia, Cádiz, Teruel... Actualmente é profesor de Educación Plástica e Historia do Arte no Colexio Galaxia de Riveira.
Na mostra exhíbense obras de Fernando Yáñez creadas desde o ano 2003 ata o 2012, eses 3236 días que recolle o título. A exposición está composta por aproximadamente trinta pezas, na súa maioría pintura, pero tamén varias esculturas -obras nas que segue a mesma liña artística que na pintura só que xogando co valor tridimensional que lle aporta esta técnica artística-.
Aínda que nestes momentos na súa produción artística hai ecos á presenza figurativa, a obra de Fernando Yáñez é fundamentalmente abstracta. Pollock, De Kooning ou Kline do expresionismo abstracto americano e Tápies da corriente informalisma europea son os seus principais referentes.
É salientable o compromiso deste artista co concello de Riveira desde o seu labor no ámbito da docencia, impulsor de interesantes proxectos educativos vinculados coa creación artística, tanto desde as súas aulas coma en colaboración cos restantes colexios da nosa cidade.
Como complemento a esta exposición e, dentro da programación de Abril de Cinema, que será presentada en breve, proxectarase o vindeiro 17 de abril a película Pollock, dirixida e protagonizada por Ed Harris; ofreceranse dous pases, o primeiro ás 10.30 h. dirixido a alumnos de secundaria do concello de Riveira e o segundo ás 21.00 h. aberto ao público en xeral; en ambos casos a entrada é gratuíta ata completar aforo.
A mostra estará aberta de luns a venres de 10 a 14 horas e tamén os martes e mercores de 18 a 20.30 horas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia