18.3.13

Noia. o concelleiro de Cultura, Javier Rodríguez, replícalle á Xunta que o teatro "non só non nos queda grande, como dixeron, senón que nos queda pequeno"

Media_httpfarm9static_qydgd

No pasado entroido, Leo Bassi fixo unha reinauguración cómica do Coliseo Noela, nun acto festivo e ao tempo reivindicativo desta instalación cultural

Noia, 18 de marzo de 2013. A nota de prensa que a Xunta lanzou o pasado venres, logo da reunión do alcalde de Noia e o concelleiro de Cultura, co secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Educación, Jesús Oitavén, e a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, non lle sentou nada ben a Javier Rodríguez Vieites, responsable da concellería de Cultura en Noia.


Segundo aclarou esta mañá, a Xunta publica que van facela obra e hai que facer un novo estudo, para logo tramitar e sacar a concurso dicha obra "e non publican nin unha data aproximada. Eu quero aclarar que na reunión se nos prometeu que sería durante o 2013, e non me parece ben que se omita ese dato na nota que emiten". Salienta tamén que "me queda claro que durante 14 meses que pasaron dende que a empresa foi á creba, tiveron tempo máis que abondo para axilizar eses trámites, pero non quixeron".

Subliña tamén o concelleiro de Cultura noiés que "o primeiro que se nos dixo na reunión é que non hai cartos para facela obra e pedíronnos cofinanciala, sabendo que nós non íamos aceptar por duas razóns moi evidentes: estamos co orzamento pechado e por outra banda temos un convenio asinado no seu día que deben cumprir". E, "mira ti, que cando ven que non aceptamos de repente hai cartos. Sinceramente: vin farois mellores nas timbas de póquer".

"HAI POBOS AOS QUE LLES QUEDA GRANDE O TEATRO"

Sinalou tamén con abraio o concelleiro de Cultura de Noia que "durante a reunión se dixo unha frase que quero pensar que non foi dita con maldade: "Hai pobos aos que lles queda grande o teatro". "Pois non só NON se nos queda grande senón que se nos queda pequeno. E non estamos de acordo para nada coa xestión que se fai dende a Xunta enchendo, por exemplo, a Cidade da Cultura de oficinas, alardeando de aforrar en alugueres. A Cidade da Cultura estase a converter nun complexo administrativo que para nada cumple coa función cultural para a que se fixo nin está dotada para tal labor".


QUENDAS DE ACTOS REIVINDICATIVOS

Dende o Concello, e en concreto dende a concellería que dirixe Javier Rodríguez Vieites, vaise seguir coa quenda de mobilizacións culturais contra este retraso de máis de dous anos nas obras de mellora do Coliseo Noela. As datas e artistas previstos están contidos no seguinte cartel:

Media_httpfarm9static_eegbs

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Audiovisual: A Creba leva o seu documental "Con etiqueta" sobre saúde mental por toda Galicia

Calendario CON ETIQUETA.docx Download this file

  • Este documental forma parte dun proxecto en prol da eliminación do estigma da enfermidade mental


Noia, onde comezou A Creba, foi o último lugar onde proxectaron o documental

• O documental Con etiqueta, dirixido por Adriana Pérez Villanueva, preséntase O 20 de Marzo na Sala Mozart do Auditorio de Galicia e 10 de Abril na Galería Punto de Fuga: Xornadas arte e loucura

• As persoas vencelladas coas doenzas mentais convértense en protagonistas do documental, que conta coa colaboración da asociación A Creba e Feafes Galicia


Noia, 18 de marzo de 2013. En Galicia son máis de 41.000 as persoas con certificado de discapacidade por unha enfermidade mental. Rosa, Antón, Lola ou Moncho póñenlle cara á cifra en Con etiqueta para rachar con moitos dos tópicos que xiran arredor da saúde mental. O documental, dirixido por Adriana Pérez Villanueva, ademais de facer protagonistas a persoas diagnosticadas, tamén lle dá voz a familiares e os profesionais da saúde mental que falan dunha realidade que tamén é nosa.

Con etiqueta preséntase o mércores 20 de marzo 20 horas na sala Mozart do Auditorio de Galicia e o 10 de Abril as 19.30 na Galería Punto de Fuga: xornadas arte e loucura. Ademais da dirección, Adriana Pérez Villanueva tamén se encargou da gravación e da montaxe, o guión xurdiu da man de Manuel Torres Cubeiro, Art Ex Machina tivo coidado do son e Sintrom Licoris puxo a música, composta ex profeso para Con etiqueta.

Este documental forma parte dun proxecto en prol da eliminación do estigma da enfermidade mental. Todo comezou cunha curtametraxe, Ramón e Xulia, realizada dende A Creba e plantexada como un obradoiro onde as persoas diagnosticadas se encargaban de todo o proceso. E durante a elaboración desta nova versión do clásico Romeo e Xulieta fixeron moitísimas entrevistas e mudaron os papeis: as persoas entrevistadas tamén entrevistaban e/ou gravaban. Despois dun ano e medio de traballo montaron todo o material para mostrar o proceso vital de moitas persoas dende o momento en que os síntomas da enfermidade mental chegaron, dun xeito ou doutro, ás súas vidas.

 

Coa colaboración d’A Creba e Feafes Galicia

O documental elaborouse na asociación pro saúde mental A Creba contando co apoio da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes). A Creba é unha organización sen ánimo de lucro especializada na atención psicosocial de persoas con enfermidades mentais e no apoio ao seu ámbito familiar que opera na comarcas de Muros-Noia e Barbanza. Pola súa banda, Feafes Galicia é una entidade sen ánimo de lucro creada en 1995 e que actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, con centros e servizos en 28 localidades.


Máis info en http://www.acreba.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: están a redactar dous documentos para lle plantar cara á violencia de xénero dende as institucións e previla na mocidade

  • A semana pasada houbo dúas reunións nas que se traballou na erradicación da violencia sexista
  • Están implicados profesionais de diversas instancias e os centros educativos do municipio


O Concello de Ribeira coordínase tamén co de Porto do Son e A Pobra para loitar contra a violencia de xénero

 

Ribeira, 18 de marzo de 2013.- O Concello, a través Centro de Información á Muller, celebrou a pasada semana dúas xuntanzas para presentar aos técnicos involucrados o “Itinerario de coordinación interinstitucional en materia de violencia de xénero” e o “Estudo sobre coeducación e violencia de xénero realizado nos centros escolares de Ribeira”.

O “Itinerario de Coordinación Interinstitucional en materia de violencia de xénero” ten como finalidade mellorar os mecanismos existentes de comunicación e de coordinación  entre os profesionais dos distintos ámbitos de actuación (policial, sanitario, xurídico e social),  permitindo deste xeito,  unha atención integral en cada caso, así como o establecemento de pautas de actuación estruturadas e homoxéneas máis efectivas na intervención coas mulleres vítimas de violencia de xénero. 

Este acordo foi presentado  nunha primeira reunión co persoal dos centros de saúde do Concello de Ribeira, con presenza da traballadora social do centro de saúde, o persoal de enfermería e persoal médico: profesionais, todos eles, que interveñen directamente coas mulleres que están a sufrir situación de violencia. Esta reunión serviulles para coñecer o Itinerario de coordinación interinstitucional e ademais puideron coñecer as funcións do CIM.

Unha segunda reunión tivo lugar na antiga Aula multimedia sita no edificio da confraría de pescadores onde foron convocados os profesionais dos ámbitos policial, servizos sociais, sanitario, xudicial e da educación e que tivo por obxecto presentar  tanto o citado “Itinerario de coordinación interinstitucional en materia de violencia de xénero” e o “Estudo sobre coeducación e violencia de xénero realizado nos centros escolares de Ribeira”, que contou coa participación do profesorado, equipos directivos e departamentos de orientación e alumnado de distintos centros educativos do municipio. Dito estudo tiña entre os seus obxectivos coñecer as actitudes e grao de coñecemento do alumnado e profesorado sobre o sexismo e a violencia de xénero.

Para a elaboración do documento realizáronse uns cuestionarios que foron cubertos por unha mostra representativa de alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO e polo profesorado correspondente dos centros escolares de Ribeira, Instituto nº 1, Instituto Leliadoura, colexio Bayón, colexio da milagrosa, colexio Sagrado Corazón e colexio Galaxia.

Os resultados do estudo foron presentados nunha charla taller a todo o alumando de 3º e 4º da ESO e tamén nunha reunión co profesorado celebrada o martes 12. Tanto no obradoiro co alumnado como na  reunión co profesorado presentáronse os datos mais significativos do estudo así como algunhas das conclusións:

  • Carencias na calidade e cantidade de información e coñecemento sobre aspectos básicos da violencia de xénero no seu entorno inmediato.
  • Importante grao de sexismo nas súas estruturas de coñecemento  de referencia (crenzas estereotipadas de xénero), sendo especialmente vulnerables aos efectos do sexismo benévolo.
  • Leves dificultades para percibir sinais que alertan ante un posible comportamento de abuso ou maltrato; e moi severas cando se trata de maltrato encuberto e psicolóxico.
  • Elevado grado de mitificación do amor entre dúas persoas, o que fai mal interpretar as relación de parella (destacando máis entre rapaces que entre rapazas).

Concluíuse ademais a importancia de seguir a traballar na prevención da violencia de xénero a través da coeducación desde idades moi temperás, tamén se falou da importancia de dar a coñecer ao alumnado toda a información necesaria para responder as súas inquedanzas e a temas en relación co sexismo e violencia de xénero que moitas veces conlevan confusión entre o alumnado.

Para a elaboración dos traballos xa se realizaron dúas mesas de coordinación nas que participaron o Centro de Información á Muller, representantes de Servizos Sociais, Policía Local e Policía Nacional de Ribeira, Xulgado nº 3, Fiscalía, Colexio Oficial de Avogacía, Centros educativos, Centro de Saúde de Ribeira, Hospital Comarcal da Barbanza, Unidade de condutas aditivas, Servizos Sociais do Concello de Porto do Son e A Pobra do Caramiñal e Unidade Contra a Violencia da Muller da Subdelegación do Goberno pola Provincia da Coruña. 

Está previsto que nas próximas datas se realice unha nova mesa de coordinación para garantir unhas pautas estruturadas e homoxéneas e para conseguir que as persoas afectadas por violencia de xénero reciban unha atención integral no concello e os seus arredores.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o castiñeiro, protagonista no Día da Árbore que arredor de 300 escolares celebran este xoves 21 de marzo


O castiñeiro xa abondaba en Galicia antes de que chegaran os romanos, pero foron estes quen máis o estenderon

Ribeira, 18 de marzo de 2013.- Un ano máis o Concello, con motivo da celebración do “Día da Árbore”, e coa vontade de colaborar na educación ambiental dos escolares, organiza unha visita didáctica e de plantación de árbores autóctonas ao Parque Periurbano de San Roque (Frións) para o vindeiro día 21 de marzo.

Un total de 10 centros de ensino con 300 alumnos de terceiro de primaria acudirán cos seus mestres a este evento organizado polo Concello de Ribeira a través das Áreas Municipais de Educación e Medio Ambiente, e que incluirá a plantación dun castiñeiros por cada centro participante.

Os centros asistentes son: CEIP Aguiño, CEIP Artes, CEIP Olveira, CEIP Plurilingüe de Carreira, CEIP O Grupo, CEIP Frións, CPR Galaxia, CPR Bayón, CPR Sagrado Corazón de Jesús, CPR La Milagrosa e, como todos os anos, tamén se contará coa presenza de 20 alumnos de Ambar xunto cos seus monitores e coidadores.




 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sociedade: o prestixioso científico catalán José Baselga gana o II Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda

  • Ramiro Carregal é o dono da empresa Frinsa, radicada en Ribeira, e colabora neste premio, de 15.000 euros, un dos maiores dotados neste ámbito
  • O xurado destacou a impresionante traxectoria do premiado e o seu labor no campo da oncoloxía clínica, o cal o levou a dirixir, entre outros, o Memorial Sloan-Kettering de New York, hospital de referencia mundial na loita contra o cancro
    
Ribeira- Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2013.- O xurado do II Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal–Fundación La Rosaleda, outorgou o galardón na súa segunda edición ao eminente científico José Baselga, un dos investigadores “máis relevantes do mundo”. Así o salientou o presidente executivo do xurado, o doutor Rafael López, tras coñecerse o nome do premiado, de quen se subliñou o seu gran labor no campo da oncoloxía clínica.

O xurado estivo composto por Juan Gestal Otero, catedrático de Saúde Pública e decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago; Manuel Freire-Garabal, catedrático en Farmacoloxía da USC; Dr. Juan Jesús Cruz, presidente da Sociedad Española de Oncoloxía Médica (SEOM); Francisco González García, catedrático de Medicina e vicerrector de Investigación e Innovación da USC, así como o presidente de La Rosaleda, máis coñecido como ex presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor. O xurado estaba formado tamén polo presidente de honra, Ramiro Carregal, presidente de Frinsa e o presidente executivo Dr. Rafael López, xefe de servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

    A entrega do premio será nos vindeiros días nun acto solemne en Santiago, onde estará o premiado e personalidades do mundo científico, académico e social de todo o país. Xunto co cheque, José Baselga recibirá unha peza de artesanía galega creada en exclusiva para este premio.

   Se quere botarlle un ollo ao inabarcable curriculum de José Baselga, só ten que premer nesta ligazón da Wikipedia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: rematados o curso de arte floral e o obradoiro de globofexia

O sábado 16 de marzo celebrouse o curso de Iniciación a globoflexia que organizou gratuitamente a Oficina municipal de información xuvenil de Dodro, no que participaron 15 mozas/os de entre 15 a 30 anos. Os participantes recibiron un diploma acreditativo do concelleiro de Obras, Maximino Rodriguez Borrazás.

Por outra banda, o pasado martes rematou tamén o curso de Arte floral que a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade organizou gratuitamente para maiores de 55 anos. Ao peche do curso acudiron o alcalde e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: ata o 22 de marzo, Semana Cultural no instituto

Dodro: martes e xoves, do 9 de abril ao 9 de maio, actividades de medicina preventiva

Dodro_mente_sana

  • Programa de balde. Inscricións dende hoxe ata o 1 de abril en Servizos Sociais
  • Impartirase na Paxareira


Dodro, 18 de marzo de 2013. A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de Dodro dentro do programa Amodiño Dodro e baixo o lema “Mente sana... en corpo sano”, organiza técnicas na prevención de situacións de dependencia destinado a toda a poboación maior de idade. Relaxación, risoterapia, dinámicas de grupo, musicoterapia e autoaxuda serán os contidos deste programa de dinámicas activas de benestar mental, físico e emocional.

Os obxectivos deste programa son reducir a tensión física e mental, mellorar e reforzar a autoestima, mellorar a comunicación social, conseguir benestar físico, lograr unha adaptación óptima tras unha situación de cambio vital e previr doenzas e xerar actitudes positivas para cambiar estilos de vida que favorezan a saúde, entre outras. 

Este programa é gratuito para a veciñanza e realizarase os martes e xoves do 9 de abril ao 9 de maio de 20,30h a 22h nas aulas da Paxareira. As inscricións poden realizarse do 18 de marzo ao 1 de abril no departamento de Servizos Sociais do concello.

Antes, en Certo:


Dodro: polémica coas contas. O PP fala de boa xestión, o Psoe de sorte e o Colectivo Nacionalista, de engano

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: sábado 23 e domingo 24 de marzo, Festas en Brión

Programación das Festas de Brión 2013, na honra á Virxe dos Desamparados.

Sábado 23 de marzo

  • 9.00: Dianas e alboradas pola parroquia a cargo das bandas de gaitas de POIO e BUXAINA de Taragoña.
  • 10.30: Misa parroquial
  • 11.15: Misa na capela
  • 13.15: Misa cantada polo CORO FELISA de Fruime
  • 13.45: Procesión polos sitios de costume. Sesión vermú coa orquestra PALLADIUM.
  • Pola noite Gran Verbena coas orquestras PALLADIUM e GRAN PARADA.
  • Gran tirada de fogos artificiais.

Domingo 24 de marzo

  • Pola mañá gran tirada de fogos artificiais
  • 16.30: Misa na honra da Virxe dos Desamparados. Deseguido baile tradicional a cargo dos grupos MAR DA AROUSA e ALEIVOSÍA, da ASC FOGO FATUO.
  • Xogos infantís con DIVERNENO. Show de animación cos PALLASOS GOLFIÑO.


Pode que tamén lle interese:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: a Deputación pagará case a totalidade do novo foxo para remo no edificio de deportes náuticos

  • Unha infraestrutura que teñen poucos clubs en Galicia, ao contrario que comunidades como Euskadi ou Cantabria
  • Neste municipio entrenan uns setenta remeiros
Media_httpfarm5static_yoeda

A Pobra, 18 de marzo de 2013. O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá o convenio de colaboración co Concello da Pobra do Caramiñal que formaliza a achega provincial para a construción do foxo de remo do edificio de deportes náuticos deste municipio. O acordo asinouse co alcalde do municipio, Isaac Ventura Maceiras.


A axuda provincial aprobada neste convenio é de 47.264 euros, o que supón o financiamento do 85,26% do orzamento dun proxecto que ascende a un total de 55.436,15 euros e que ten un prazo de execución de tres meses. O alcalde, trala sinatura do convenio, salientou a grande importancia que terá esta nova instalación, xa que en A Pobra traballan a diario setenta remeiros. “Grazas a este foxo de remo, poderán facelo a diario a pesar das condicións climatolóxicas, xa que estará a cuberto”, explicou Isaac Ventura. Engadiu, ademais, que “a Deputación e o seu presidente foron quen de ver as necesidades do noso Concello coa colaboración nesta obra tan importante, moi habitual en municipios de Cantabria e o País Vasco, pero que en Galicia teñen contados clubs”.

Finalmente, Isaac Ventura solicitou a presenza de Diego Calvo na próxima inauguración do foxo de remo, para o que espera que poida estar listo antes do verán.



Antes, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical