18.3.13

Audiovisual: A Creba leva o seu documental "Con etiqueta" sobre saúde mental por toda Galicia

Calendario CON ETIQUETA.docx Download this file

  • Este documental forma parte dun proxecto en prol da eliminación do estigma da enfermidade mental


Noia, onde comezou A Creba, foi o último lugar onde proxectaron o documental

• O documental Con etiqueta, dirixido por Adriana Pérez Villanueva, preséntase O 20 de Marzo na Sala Mozart do Auditorio de Galicia e 10 de Abril na Galería Punto de Fuga: Xornadas arte e loucura

• As persoas vencelladas coas doenzas mentais convértense en protagonistas do documental, que conta coa colaboración da asociación A Creba e Feafes Galicia


Noia, 18 de marzo de 2013. En Galicia son máis de 41.000 as persoas con certificado de discapacidade por unha enfermidade mental. Rosa, Antón, Lola ou Moncho póñenlle cara á cifra en Con etiqueta para rachar con moitos dos tópicos que xiran arredor da saúde mental. O documental, dirixido por Adriana Pérez Villanueva, ademais de facer protagonistas a persoas diagnosticadas, tamén lle dá voz a familiares e os profesionais da saúde mental que falan dunha realidade que tamén é nosa.

Con etiqueta preséntase o mércores 20 de marzo 20 horas na sala Mozart do Auditorio de Galicia e o 10 de Abril as 19.30 na Galería Punto de Fuga: xornadas arte e loucura. Ademais da dirección, Adriana Pérez Villanueva tamén se encargou da gravación e da montaxe, o guión xurdiu da man de Manuel Torres Cubeiro, Art Ex Machina tivo coidado do son e Sintrom Licoris puxo a música, composta ex profeso para Con etiqueta.

Este documental forma parte dun proxecto en prol da eliminación do estigma da enfermidade mental. Todo comezou cunha curtametraxe, Ramón e Xulia, realizada dende A Creba e plantexada como un obradoiro onde as persoas diagnosticadas se encargaban de todo o proceso. E durante a elaboración desta nova versión do clásico Romeo e Xulieta fixeron moitísimas entrevistas e mudaron os papeis: as persoas entrevistadas tamén entrevistaban e/ou gravaban. Despois dun ano e medio de traballo montaron todo o material para mostrar o proceso vital de moitas persoas dende o momento en que os síntomas da enfermidade mental chegaron, dun xeito ou doutro, ás súas vidas.

 

Coa colaboración d’A Creba e Feafes Galicia

O documental elaborouse na asociación pro saúde mental A Creba contando co apoio da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes). A Creba é unha organización sen ánimo de lucro especializada na atención psicosocial de persoas con enfermidades mentais e no apoio ao seu ámbito familiar que opera na comarcas de Muros-Noia e Barbanza. Pola súa banda, Feafes Galicia é una entidade sen ánimo de lucro creada en 1995 e que actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, con centros e servizos en 28 localidades.


Máis info en http://www.acreba.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical