o Hospital do Barbanza está 11 puntos por riba da media galega: os pacientes teñen que esperar 72 días fronte aos 61 da media nesta comunidade. Cardioloxía aumentou un 135% a espera.
A Pobra do Caramiñal, 17 de xullo de 2010. A secretaria de Sanidade da agrupación provincial do PSdeG-PSOE, Natividad González Laso, á vista dos datos do segundo trimestre do ano 2010, denunciou hoxe que o hospital do Barbanza “ocupa o cuarto posto no inaceptable ránking de peores indicadores dos hospitais galegos”.
González Laso afirmou que, co goberno do Partido Popular, a espera media de Galicia, para unha intervención cirúrxica, empeorou en 4 puntos pasando de 67 a 71 días. Tamén medrou, en 2.000, o número de pacientes en espera cirúrxica, incrementándose en 8 dos 14 hospitais públicos, e dicir en máis da metade, e xa chegan a 36.180 persoas pendentes dunha intervención.
Respecto das consultas, empeoraron 27 dos 34 servizos, é dicir o 80% e incrementouse en 10.183 o número de pacientes que agardan unha consulta, respecto a xuño de 2009, e chegan xa a 203.753 pacientes.
Por outra parte, un terzo dos hospitais públicos empeoraron os seus resultados (4 dos 14 hospitais) e nesta lista, é o Hospital da Barbanza o que ocupa o 4º posto "no triste ránking de indicadores", di a responsable de Sanidade da executiva provincial dos socialistas, que aclara que o número de pacientes que esperan por unha intervención cirúrxica no Hospital do Barbanza, "incrementouse un 6% respecto a xuño do ano 2009".
Destacan tamén os datos do servizo de Oftalmoloxía, que incrementou a espera nun 56% respecto do ano 2009, ou a cirurxía dixestiva, cun incremento da espera do 16%.
Os socialistas criticaron a inequidade no acceso aos servizos para as persoas que teñan este Hospital de referencia, xa que a espera con respecto a 2009 medrou en 5 dos 7 servizos ofertados, e mesmo se ten duplicado o tramo de agarda entre 3 e 6 meses. Respecto das consultas: máis xente espera máis tempo. Así, o Hospital do Barbanza está 11 puntos por riba da media galega: os pacientes teñen que esperar 72 días fronte aos 61 da media galega.
"Empeoraron sete servizos: nomeadamente nefroloxía que incrementou a espera nun 170%, cardioloxía, 135%, traumatoloxía nun 120%, otorrinolaringoloxía nun 92% cirurxía dixestiva nun 80% e sorprende a maquillaxe de xinecoloxía respecto ao de fai 3 meses", aclara Natividad González.
Todos estes datos apuntan, segundo os socialistas coruñeses, “a un vertixinoso deterioro da calidade asistencial na sanidade pública galega, nun só ano, debido ao abandono e incapacidade do goberno da Xunta”, que está a propiciar “un panorama desalentador e inaceptable”
Pola súa banda, o grupo municipal socialista de A Pobra do Caramiñal presentou unha moción para ser debatida no vindeiro pleno. Esta moción refírese ao servizo de Xinecoloxía, que na súa opinión está a proporcionarse sen os medios necesarios, xa que só hai unha matrona que non pode cumprir as funcións dun médico xinecólogo ou dun obstetra.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia