11.5.10

Noia: organizan unha andaina nocturna reivindicativa o 21 de maio para reclamar que a vila sexa porto xacobeo

Dende que se instaurou o Xacobeo, en 1993, para aproveitar o tirón dos Anos Santos Noia sempre foi ignorada

Noia, 11 de maio de 2010. O colectivo noiés que reclama o nomeamento de Noia como "Portus Apostoli" (Porto do Apóstol) organiza o vindeiro venres 21 de maio unha camiñata reivindicativa que partirá ás once da noite dende a Casa do Concello ata a praza do Obradoiro, pasando pola capela de Santa Rita (avogada das causas imposibles, como saben).

Segundo explican no grupo de Facebook, os camiñantes que se anoten irán en todo momento acompañados de Protección Civil e unha ambulancia. A inscrición custa dous euros, nos que se inclúen avituallamento e transporte de volta a Noia ao remate, así como unha camiseta co lema "Portus Apostoli" e a Cruz de Santiago que lle serve de logotipo.

Os interesados poden anotarse ata o día 20 (incluído). Os menores de idade deben ir acompañados dun adulto que se responsabilice deles. Os lugares para inscribirse son as oficinas de Noia Histórica e na Asociación de Actividades Empresariais de Noia.

Razóns da reivindicación

Entre as múltiples actividades culturais que se programaron este Ano Santo por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia están os "Portos Xacobeos". Como xa explicamos en Certo no seu día, nomeouse porto xacobeo ao chou, máis que por razóns históricas ou minimamente lóxicas. Que Ribeira, que non debeu ver pasar un peregrino nunca, a non ser que fora moi despistado, se considere porto xacobeo e Noia, lugar natural de paso hacia Fisterra dende Santiago e entrada ata o século XVI de boa parte das embarcacións galegas que comerciaban co Mediterráneo, cando a ría era máis navegable, clama ao ceo.

As pegadas do roteiro xacobeo por Noia son numerosas, a saber:

Laudas gremiais no exterior de Santa María a Nova

Hai unha lauda chamada do Peregrino, no almacén de laudas gremiais máis importante de Europa, en Santa María a Nova.

No pórtico da igrexa de San Martiño está a imaxe do Apóstol coa súa correspondente "venera" (vieira)

Houbo polo menos dous hospitais de peregrinos, os chamados Sancti Spíritus de Afora e Sancti Spíritus de Adentro

No libro de actas do concello de 1792 a 1843, consta entre as obrigas do hospital de "Afora" a de acoller os peregrinos que ían ou regresaban de Compostela, como explica o intelectual Clodio González, quen tamén apunta que o roteiro era pasando por A Torriña, A Rasa, San Paio, San Xusto de Toxosoutos, Cedofeito, Fontefría, O Martelo, O Codeso, Agrafoxo, O Castro, Urdilde, A Pedreira, Os Ánxeles, A Amaía (Bertamiráns), Vilestrexe, Roxos,  A Barcia, ponte dos Chouchiños sobre o Sar e Compostela. Xusto por onde vai a estrada que se comezou en 1852. Segundo este escritor, o porto de Noia foi o máis importante de Galicia xunto co de Pontevedra ata o século XVI. Nomes de navegantes coma o de Sebastián Ocampo (noiés que acompañou a Cristóbal Colón na súa segunda viaxe ás Indias e que foi o primeiro europeo en decatarse de que Cuba era unha illa) así o acreditan.

Nunha charla sobre este asunto dos roteiros xacobeos, Pedro García Vidal referiuse á carta foral de 1168 na que o nove de abril o rei de León -e de Galicia, aínda que se oculte- Fernando II autoriza ao arcebispo de Santiago a fundación da vila e restauración do Portus Apostoli. Baixo o reinado deste rei construíuse o Pórtico da Gloria e o camiño de Santiago comezaba a despuntar.

O historiador Xerardo Agrafoxo, tamén de Noia, explicou a chegada documentada de embarcacións cheas de peregrinos dende Inglaterra, e tamén falou de manuscritos de peregrinos que se conservan no mosteiro de Toxosoutos, agora en Lousame, por onde discorría a ruta xacobea que unía Noia e Santiago.

Club de lectura

Outra das iniciativas para recuperar a situación de Noia nos roteiros xacobeos é a formación dun club de lectura chamado "Noia, porto de Compostela" que xa organizou unha charla na que disertou o arquitecto Xerardo Estévez, que fora alcalde de Santiago e un dos grandes impulsores da recuperación do casco vello compostelano, modelo en Europa.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Toponimia: Ribeira é co be e Lestrobe tamén na nova ferramenta web que presentou a Xunta hoxe

Barbanza-Noia, 11 de maio de 2010. O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presentou hoxe a páxina web do Proxecto Toponimia, http://toponimia.xunta.es, dentro dunha iniciativa que ten como principal obxectivo axudar a salvagardar o riquísimo patrimonio cultural galego a través da recuperación da toponimia da Comunidade Autónoma.

A web, segundo a Xunta, "supón un chanzo máis nos labores de recuperación que están a levar a cabo os responsables do proxecto, que arrancou no ano 2000 e que se leva a cabo a través de enquisas realizadas polos técnicos sobre o terreo, aldea por aldea, situando a información recollida sobre fotografías aéreas".

Ata o momento, tense traballado sobre 168 concellos e completouse a recompilación de datos en máis dun cento deles, o que se traduce en case 400.000 topónimos que xa se poden consultar na páxina web. Xa se ten recollido información de máis dun terzo do territorio galego e o obxectivo é chegar a cubrir a metade de toda a Comunidade ao longo deste ano 2010.

A información sobre toponimia xerada no proxecto non consiste só nunha simple listaxe de nomes, clasificados por concellos e parroquias, senón que o uso de técnicas cartográficas avanzadas e as novas tecnoloxías permiten que teña aplicación práctica para organismos públicos, entidades privadas e particulares que xestionan o territorio.

Dese xeito, ademais de contribuír decisivamente á conservación do patrimonio cultural de Galicia a través da recuperación e ordenamento dos seus topónimos, permite aplicacións prácticas dos resultados do proxecto na elaboración de cartografía, na xestión das emerxencias ou no planeamento urbanístico.

Realidade teimuda

Se un busca "Ribeira" nesta páxina atópase con máis de 500 resultados. Póñano co "v". Nin o primeiro. O caso do Concello de Riveira debería ser clasificado nesa páxina como "accidente político ou intelectual".

O mesmo ocorre con Lestrobe. Hai un en Trazo (tamén na provincia da Coruña) e o que nos toca a nós, o de Dodro. Co b ambos. Non existe Lestrove, por moito pazo que ostente o seu nome ou aínda que o Concello de Dodro, que está en mans de socialistas e nacionalistas, o empreguen aínda, como sucedeu nunha nota neste mesmo mes de maio, aquí

Ferramenta ben útil

Recomendamos esta web por moitos motivos: é un traballo minucioso, emprega ben as novas tecnoloxías (vostede escolle o topónimo e nun par de clicks xa se vai ao Google Maps e ten a vista satelital do cachiño de terra que seguramente ama por diferentes motivos) e vaise actualizando -é un proxecto que leva en marcha dende o ano 2000-. Só botamos en falta unha cousa, pero xa sería para matrícula de honra: a posible orixe etimolóxica de cada topónimo. Mais para iso habería que cruzar tombos medievais, heráldica, xenealoxías, linguas mortas e, sobre todo, moita paciencia. Metan esta web nos seus favoritos:

http://toponimia.xunta.es

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Lingua Galega: Queremos Galego informa dos autobuses para a manifestación do 17 de maio en Santiago

Barbanza, 11 de maio de 2010. Co lema “O galego, o noso existir”, a plataforma cidadá "Queremos Galego" de Barbanza confía "nunha mobilización histórica do pobo galego contra as agresións á nosa cultura e o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua. A Plataforma Queremos Galego da Barbanza convoca á cidadanía  á manifestación a prol da nosa lingua propia o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas".

“O Galego, o noso existir”, lema escollido
   
      “Quen cre nas potencialidades de Galiza, defende a identidade do país e defende a lingua”, sinala este colectivo de activistas polo galego, que confía en ateigar de novo a praza do Obradoiro de Compostela "como xa acontecera na masiva manifestación contra o decretazo no ensino do pasado 21 de xaneiro".  Queremos Galego engade que "queremos visualizar e afortalar a unidade social existente neste momento arredor da defensa do galego, unha unidade social da que só se autoexclúe o Partido Popular, que será o único que non estea mobilizándose na rúa o 17 de maio en favor da lingua e da cultura propias do país”.

    Como en ocasións anteriores, a plataforma Queremos Galego  da Barbanza poñerá  un servizo de autobuses gratuito con este plan de saídas:
    
    Ribeira----------------------10:00  (Estación de Autobuses)

    Pobra Do Caramiñal-- 10:15  (parada de autobuses ó carón da    Alameda)

    Boiro------------------------ 10:30  (Praza do Concello)

    Rianxo-----------------------10:45  (parada do Porto de Rianxo)


    Reserva de praza no autobús en vazquezcobas@yahoo.es ou teléfono 638 070 867

    Regreso ao rematar a manifestación.

Web de referencia:

http://queremosgalego.org

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: o 25 de xuño, a poeta Olalla Cociña trae "Camiños de amor e lúa"

Ribeira, 11 de maio de 2010. Dende que consideraron Ribeira como porto xacobeo -contra toda lóxica se temos en conta que Noia non o é-, calquera excusa é boa para traer un acto cultural á Centenaria. Do último que nos enteramos hoxe é dun recital da poeta de Viveiro Olalla Cociña que terá lugar no auditorio o vindeiro 25 de xuño.

Toda a información no dossier "Camiños de amor e lúa".

Quen é Olalla Cociña?

http://gl.wikipedia.org/wiki/Olalla_Coci%C3%B1a
A autora do blog http://reveladora.blogspot.com

Por qué se chama este programa "Camiños de Amor e Lúa"?

Segundo explica a Consellería de Cultura, "O programa de Camiños de Amor e Lúa está formado por tres espectáculos diferentes. O primeiro deles presentase baixo nome de Recital de Amor e Lúa e corre a cargo do poeta Xosé Carlos Caneiro. Este espectáculo xira arredor do poemario Camiños de Amor e Lúa, que o escritor publicou o ano pasado, e consiste na declamación de poemas acompañados por Xosé Manuel Salgado (guitarra clásica e guitarra acústica)".

Quenes son Xosé Carlos Caneiro e Xosé Manuel Salgado?

Cando Noia aínda tiña Feira do Libro, en concreto na última edición que houbo, en 2008, o escritor Xosé Carlos Caneiro presentaba a súa novela "A vida nova de Madame Bovary" e xa o facía acompañado de Xosé Manuel Salgado na guitarra:
</object>

Relacionada:


  Ribeira, Porto Xacobeo

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Noia: o que queda dun pailebote desguazado en 1935, o "Dos Pérez"

A foto, claro. Atopámola coma tantas cousas se atopan na Rede: buscando outra. Trátase, segunda a información desta páxina (http://www.jrvarela.net) do "Dos Pérez", un pailebote que tiña como armadores aos noieses Ángel Pérez Coiradas e a José Pérez Moledo (daí o "Dos Pérez", imaxinamos). Tiña unha eslora de 17 metros, manga de 5,32 e puntal de 2,19. En 1935 foise ao desguace, ignoramos as razóns.

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Noia: charla este venres 14 na Casa da Xuventude para explicar o novo modelo de funcionamento e axudas


A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado explica o novo modelo de participación xuvenil e organiza xuntanzas coas asociacións e cos mozos e mozas que queiran levar a cabo proxectos

Explicarán unha das novidades do modelo, que inclúe a participación de grupos informais que non estean constituídos en asociacións


A nova liña de axudas, que aumenta nun 70 por cento o seu orzamento, adiantará o 80 por cento do total da subvención concedida

Noia, 11 de maio de 2010.- A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado está a organizar unha serie de xuntanzas coas asociacións comarcais e cos mozos e mozas galegos, co fin de achegarlles o novo modelo de participación xuvenil e proporcionarlles máis información sobre o mesmo. Todos os encontros terán lugar nas catorce casas da xuventude dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, entre as cales está a de Noia.

Todos aqueles mozos e mozas interesados en levar a cabo un proxecto de participación xuvenil poderán achegarse para informarse destas axudas que, por primeira vez, inclúen aos grupos informais, aínda que non estean constituídos nunha asociación. Así, a través destas xuntanzas, explicarase aos asistentes as características desta liña de axudas e a súas novidades, como a inclusión dos grupos informais ou como o adianto do 80 por cento do total da subvención concedida antes de realizar as actividades previstas.

Esta orde de subvencións ten aumentado o seu orzamento en case o 70 por cento, ao pasar dos 400.000 euros aos 675.000. O importe máximo subvencionable é de 7.000 euros, unha cantidade que non poderá superar o 80 por cento do custo total do proxecto. O venres 14, os interesados poderán achegarse a Noia, a un obradoiro que se prolongará dende as 17,00 ás 20,00 horas.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Porto do Son: o Psoe pregunta cando pensa Portos facer obras no borde interior da fachada marítima


O deputado do PSdeG José Manuel Lage vén de presentar no día de hoxe unha interpelación no Parlamento co obxecto de que “o goberno explique cando teñen pensado comezar as obras de remodelación da fachada marítima de Porto do Son, xa que hai dez meses que se adxudicou a obra e aínda non comezaron os traballos, por iso creo que o goberno ten que dar unha explicación e tomar medidas urxentes para dar comezo inmediato ás obras de remodelación do borde"


Porto do Son, 11 de maio de 2010 .- O viceportavoz do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage Tuñas entende que “é necesario que o goberno galego se explique e poidamos coñecer cando teñen pensado comezar as obras de remodelación da fachada marítima de Porto do Son”. Segundo el, o concello de Porto do Son leva meses agardando que a Xunta de Galicia axilice estas obras "e o único que hai é silencio por parte de Portos de Galicia”, afirma o deputado socialista.

“Pasou máis dun ano dende a sinatura do convenio (febreiro 2009) e máis de nove meses dende que o actual goberno anunciara no mes de xullo de 2009 a adxudicación provisional das obras de execución da remodelación do borde interior da fachada marítima de Porto do Son. O orzamento desta actuación decían que era de 3.261.013,59 euros e o prazo de execución de dezaseis meses .”

“Seguimos sen noticias da citada obra, o que crea unha importante desafección na poboación do concello de Porto do Son cara o ente público Portos de Galicia e por extensión cara ao conxunto do goberno galego”, considera José Manuel Lage, quen opina que “o goberno galego está ausente, non toma decisións e ten paralizadas obras moi importantes nos concellos da comarca, o que é difícil de entender”.



Nota de Portos do 15 de xullo á que se refire Lage Tuñas:


Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2009.- Portos de Galicia anuncia a adxudicación provisional das obras de execución da remodelación do borde interior do Porto do Son, na provincia de A Coruña. O orzamento desta actuación é de 3.261.013,59 euros e o prazo de execución de dezaseis meses . As obras proxectadas consisten na remodelación de todo o borde interior do porto que se desenvolve nunha lonxitude duns 500 metros, a demolición dos actuais pavimentos, tanto de calzadas como de beirarrúas, a demolición da antiga lonxa e a explanación da zona ocupada por ésta, para un novo tratamento. Proxectase tamén unha nova traza trasladando o eixo de maneira que deixe maior espazo no contacto coas fachadas, reducindose os aparcamentos da zona central, creando novos aparcamentos na entrada fronte á praia tras a ampliación do muro do acceso. Finalmente levará outro amplo aparcamento ao final do porto na actual explanada de servizo xunto ao dique de defensa.

Os espazos da zona central comprendida entre os viais e a dársena, non modifican o seu actual estado, somente recortánse os aparcamentos en batería existentes xunto á calzada para deixar só aparcamento en liña. Do espazo resultado da demolición da antiga lonxa e o axuste da nova traza de viais  beirarrúas resultará unha ampla praza estancial. Finalmente se acondiciona a esplanada de servizos xunto ao inicio do dique de abrigo do porto, creándose un amplo aparcamento, así como un pequeno miradoiro no comezo do espaldón para adaptar e enlazar as obras proxectadas, e as que Costas executóu recentemente.

A presente remodelación inclue ademáis, unha fonte ornamental na nova rotonda, fronte á antiga lonxa, unha plataforma fonte na zona axardinada da praia, cinco contenedores soterrados en sustitución dos actuais en superficie, a sustitución do pretil de formigón de peche que conten a praza e unha bancada ornamental mixta de aceiro e madeira, a instalación de pérgolas e pavimento de madeira na praza e zona estancial central. Se colocará tamen un novo alumeado con puntos de luz que abarcan e alumean toda a actuación, para finalmente dotar á remodelación coa xardinería, sinalización e mobiliario urbano.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

A Pobra: o Psoe presenta moción para que arranxen os accesos ás praias da contorna da Mercé

Ribeira: este mércores 12, proxección dos traballos de OlloBoi no Ateneo e o martes 12, premios no auditorio

Para ver os vídeos e votar por eles (ollo que son 40 presentados polo menos!) hai que ir a http://rodaxe.info

Organizan este certame audiovisual o Equipo de Normalización Lingüistica do instituto Leliadoura de Ribeira (http://impinxidela.blogspot.com) e o Obradoiro visual Rodaxe (http://rodaxe.wordpress.com)

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: galería fotográfica XXIV Marcha popular do Barbanza

Dodro: sarillos político-ideolóxicos en Galicia por unha homenaxe a Moncho Reboiras

A noticia cóntana en Galicia Confidencial, medio co que colaboramos: http://galiciaconfidencial.com/nova/5833.html
Os que se queiran apuntar a esta homenaxe teñen a web http://www.monchoreboiras.es

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Faranji: cada un conta a feira...

"O progreso e a modernidade son as credenciais deste local. Esta escenografía é o resultado dunha estratexia moi común nas vilas e cidades provincianas. Xa sexa Monforte ou Ponte Vetera, os que se cren novos ricos, os desertores do arado e as familias de toda a vida gostan de tomar café detrás dos ventanais das cafeterías modernas, dos Casinos, Círculos, etc… para diferenciarse do común, dos aldeáns. Hai que ver e ser vistos. E a pranta alta da Torre é un lugar adoitado para iso, para ver pasar a xente e o tempo, mentres, se hai luz, bebes un chimaki supervitaminado e supermineralizado".

O capítulo XVIII titúlase A feira do 25: http://certo.es/index.php?page=a_feira_do_25

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Fotografía: e ao fondo, a illa de Sálvora

Veleiro Lotos na ría de Arousa. Foto de Lo Bee en Flickr.

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical