18.7.11

Lousame: a banda de música viaxa a Murcia dende o mércores 20 ao domingo 24 de xullo

Viaxe a Murcia.doc Download this file


Lousame, 18 de xullo de 2011.- A Banda Municipal de Música de Lousame realizará unha viaxe a terras murcianas entre os días 20 e 24 de xullo. Esta actividade enmárcase dentro do intercambio que se realiza este ano coa Agrupacion Músico-Cultural Las Musas de Guadalupe, que devolverá a visita a Galicia o próximo ano.

En Murcia a Banda de Lousame realizará un concerto o día 23 de xullo na Praza de Belluga ás 10 da noite, así como diversas actividades lúdicas e culturais acompañados pola Agrupacion Músico-Cultural Las Musas de Guadalupe, banda gañadora da Sección Segunda do Certamen Nacional de Bandas de Música “Ciudad de Murcia” en 2010.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: do venres 22 ao domingo 24 de xullo, concentración de motos

E os desta concentración terán bo siso e pasearanse por Ribeira para asistir a algún dos actos da Feira da Dorna... En breve os poñemos todos!

Cartel_boiromotos_2011

Boiro motos Programa_2011.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: as III Xornadas de Cultura Urbana terán lugar os venres 22 e 29 de xullo e o sábado 23 de xullo

Media_httpfarm4static_fevax

Un dos obradoiros versará sobre os asistentes persoais de moda

Noia, 18 de xullo de 2011. O Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias organiza as III Xornadas de Cultura Urbana.

Os obxectivos destes obradoiros destinados á mocidade son:

  • Atopar espazos e tempos de ocupación do lecer e tempo libre saudables na compaña doutros mozos.
  • Compartir e experimentar coas novas tendencias da cultura urbana (DJ e breakdance), así como novas profesións (asistente de moda e Photo 2.0).

Os obradoiros comenzarán cunha masterclass de breakdance de nivel avanzado a cargo de B-boy Niko de “Black Shadows” e “Flava Brothers Clan” que terá lugar o venres, 22 de xullo de 18:00 a 20:00 h.


O mesmo día, de 20:00 a 22:00 h. terá lugar un obradoiro de iniciación ao turntablism a cargo do Dj Kro de “504” que terá continuación o sábado, 23 xullo de 20:00 a 22:00 h.

Media_httpfarm7static_uirzx

O venres, 29 de xullo terá lugar o apartado de novas tendencias sociais, cun fotosafari fotográfico pola vila de Noia, onde se explicarán os fundamentos da fotografía dixital (tipos de encuadre, exposición,…) e darase consellos para mellorar o uso das cámaras dixitais e dos móviles con cámara.

As 21:00 h. terá lugar o asistente persoal de moda impartido por Inma Fuentes da boutique NUA de Noia. Que falará sobre esta nova profesión e as tendencias de moda, como ter un fondo de armario, e como asesorar as persoas sobre temas de moda, tanto femenina como masculina.

Todas estas actividades terán lugar na Casa da Xuventude de Noia e para participar poderán acudir alí mesmo ou ben chamar aos teléfonos: 609.82.31.34 (David) ou 637.08.93.18 (Pablo).

Ditas actividades serán de balde para os participantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: convocada a novena fase para pedir axudas para rehabilitar vivendas do casco histórico

  • Hai 22 intervencións subvencionables nesta fase,  cunha achega que se aproxima ao medio millón de euros

Noia, 18 de xullo de 2011. A Concellería de Casco Histórico e Patrimonio, vén de convocar a novena fase de concesión de subvencións á rehabilitación de vivendas situadas na Área de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia. O número de intervencións subvencionables ascende a vintedúas.

O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia. O mesmo tamén se publicará en dous xornais dos de máis implantación na comarca.

O órgano instrutor do procedemento de subvencións será o Concelleiro delegado da área do Plan Especial e de Patrimonio, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a cumplimentación dos expedientes; existindo a maiores a Comisión de Valoración que se encargará de avaliar as distintas solicitudes, e que estará composta polo interventora municipal, a arquitecta da Oficina de Rehabilitación, o concelleiro delegado da área e o alcalde.

A achega económica que aportan as distintas administracións ascende a un total de 479.160,00 euros.

Para a rehabilitación de edificios e vivendas as achegas son as seguintes:

Ministerio de Fomento, 145.200,00 euros

Instituto Galego de Vivenda e Solo: 72.600,00 euros

Para a rehabilitación de espazos públicos:

Ministerio de Fomento: 43.560,00 euros

Instituto Galego de Vivenda e Solo: 21.780,00 euros

Concello de Noia: 79.860,00 euros

Para o mantemento da Oficina de Rehabilitación:

Ministerio de Fomento: 21.780,00 euros

Concello de Noia: 21.780,00 euros

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Festa da Dorna: sorpresas na decoración de Fanequeiras deste ano

  • O xurado comeza a puntuar dende este mércores 20 de xullo
Media_httpfarm4static_yrknw

 
Ribeira, 18 de xullo de 2011. Muxo Beti e Ratos da Illa, peñas organizadoras da “Decorasión de Fanequeiras”, informan que, a partires desta fin de semana, as peñas interesadas en participar na decorasión de fanqueiras xa poden inscribirse en Pepe´s  ou no Bar Capri.
 
Muxo Beti e Ratos da Illa animan a todas as peñas a participar nesta edición da “Decorasión de Fanequeiras” que, ao igual que en edicións anteriores, trae novas sorpresas para as peñas participantes.
 
Nos últimos anos a “Decorasión de Fanequeiras” foi protagonista en varios programas e medios de comunicación ( Bricomanía, TVG, etc.) e repartiu divertidos premios entre as peñas vencedoras. Para esta edición, as peñas organizadoras están a preparar novas sorpresas das que se dará conta nos próximos días.
 
Asimismo, informan de que o xurado encargado de visitar as fanequeiras comezará o seu percorrido polas mesmas o mércores 20 de xullo ás 17.00h.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: Xuventudes Socialistas pídelle paso ao PSdeG e un "cambio de rumbo” para conectar coa sociedade galega

Proposta de resolución XSG.doc Download this file

Media_httpwwwxuventud_twjdm

Imaxe dunha campaña de Xuventudes Socialistas para pedir o voto nunhas eleccións pasadas


•    As XSG tamén aprobaron unha proposta para rebaixar a idade ós 16 anos e defenderana na Conferencia política do PSOE

•    Propoñen tamén unha reforma electoral que aproxime os representantes ós representados, polo que os mozos e mozas socialistas, propuxeron a baixada da barreira de representatividade do 5% para o acceso ó Congreso dos Deputados, Parlamentos Autonómicos e Corporacións locais ademais de esixir a prohibición de que os imputados figuren nas listas electorais do PSOE.

Santiago, 18 de Xullo de 2011. As XSG veñen de celebrar o  seu comité nacional este sábado pasado, no que aprobaron unha proposta de resolución mediante a que esixen ó PSdeG-PSOE un cambio de rumbo real.

Durante a celebración do Comité Nacional, debatiron máis dun centenar de enmendas ó documento político de propostas xóvenes que se debatirá ó longo do mes de setembro a nivel federal e mediante as que instan a que se acometa unha reforma real dos procesos de participación democrática da sociedade nas tomas de decisión. Neste senso, a organización xuvenil socialista vén de aprobar unha proposta de rebaixa da maioría de idade ós 16 anos, ou a prohibición de que os imputados formen parte das listas electorais do PSOE.

Ademais das enmendas, as XSG aprobaron unha proposta de resolución a través da que instan ó PSdeG-PSOE a materializar un cambio de rumbo que garanta unha completa renovación de modelo de partido que cada día esta máis alonxado da sociedade galega.

As XSG entenden que é imprescindible que os partidos melloren as súas canles de participación tal e como demandaron os movementos sociais do 15-M, e para iso tamén é fundamental  unha reforma electoral que aproxime os representantes ós representados, polo que os mozos e mozas socialistas, propuxeron a baixada la barreira de representatividade do 5% para o acceso ó Congreso dos Deputados, Parlamentos Autonómicos e Corporacións locais.

A través da proposta de resolución esixen ó PSdeG-PSOE:

-A apertura dun proceso de debate ideolóxico e organizativo que permita ao socialismo galego facer unha completa renovación de modelo de partido que cada día esta máis alonxada da sociedade galega.

-A Convocatoria dunha conferencia política en setembro que facilite o debate e a participación social dos cidadáns de esquerdas e progresistas e permita que a cidadanía sexa protagonista activa na elaboración do programa electoral socialista

-A apertura de canais de comunicación coa nosa sociedade que permita facer máis cercanas as estructuras dos pertidos ás demandas sociais.

-Un fortalecementos dos canais de participación e debate da nosa militancia que lle permitan facer efectivo participar nas tomas de decisions do PSdeG-PSOE

Os mozos e mozas socialistas aprobaron tamén unha resolución na que denuncian a grave situación do ensino galego gracias á privatización que o goberno Feijóo está a facer do mesmo e que se traduce nunha merma da calidade do sistema educativo público galego.

Pode que tamén lle interese:


En Noia:
o 22 e 23 de xullo, en Noia, "Mételle un gol a Feijóo"


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o autobús turístico comeza os seus roteiros este venres 22 de xullo, de modo experimental durante un mes

  • Estará  en servizo de mércores a domingo e haberá dúas rutas distintas, só ata o 21 de agosto. Só será gratuíto para menores de 10 anos
  • Polo de agora será experimental e agárdase complementalo no futuro cunha ruta marítima pola Ría de Arousa

Ribeira, 18 de xullo de 2011.- “Ribeira, de todo para todos” será o eslogan do primeiro autobús turístico que se vai poder ver na contorna e que comeza a súa andadura este  venres 22 de xullo. Así o anunciou o concelleiro ribeirense de Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes, Anxo Orellán.

Anxo Orellán destacou o carácter novidoso da iniciativa e tamén o seu carácter experimental, pois o goberno local traballa co obxectivo de que sirva de base para que en próximas edicións se poida ampliar o servizo e mesmo complementalo cunha ruta marítima coa que poder visitar os fermosos lugares e a gran riqueza con que conta a ría de Arousa. Coa posta en marcha do autocar preténdese ofrecer a visitantes e veciños a posibilidade de visitar algúns dos lugares con máis encanto e atractivo turístico do municipio. 

O vehículo funcionará  por un período dun mes, de mércores a domingo, en horario de 10 a 14 horas, tendo como punto de partida e regreso a estación de autobuses de Santa Uxía. Haberá dúas rutas que se irán alternando cada día e que se encargou de debullar a técnica Sandra Fernández. 

Itinerarios


Un primeiro itinerario visitará o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira. 

A segunda ruta pasará polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte. 

Non será un servizo gratuíto total, como se anunciara

Para que os usuarios teñan unha información o máis ampla posible, un guía vaise ocupar de explicar as peculiaridades de cada lugar.  O servizo terá  un custo de 3 euros salvo para os rapaces menores de 10 anos, que viaxarán gratuitamente. As entradas estarán á venta na oficina de turismo do Malecón, que conta cun horario ininterrompido de 9 da mañá a 9 da noite e que está pechada os luns. 

Durante a viaxe, e coa intención de facer máis levadeiros os traslados entre os diferentes lugares, os usuarios poderán ver diferentes vídeos sobre o concello. Entre eles, un vídeo sobre a lonxa ou unha fermosa curtametraxe elaborada polo Departamento de Turismo e aínda non estreada na que se amosarán os lugares máis representativos do concello a través do tempo.

Antes, en Certo:


Turismo: bus gratuito para coñecer o municipio


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o mércores 20 de xullo, charla sobre a xaqueca no conservatorio

Media_httpfarm5static_dbcja

A xaqueca para algúns afectados por ela é como ter un cravo na testa

Ribeira, 18 de xullo de 2011. A Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (FMGMX) e o Concello organizan -dentro do proxecto A xaqueca: investigación, educación e prevención da cronificación, financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo- unha charla informativa sobre a xaqueca: a enfermidade e o seu tratamento. A doutora Ana Sampayo –médico de atención primaria- impartirá esta conferencia o próximo 20 de xullo ás 19 horas no salón de actos do Conservatorio Municipal. 

As xornadas centraranse en repasar as características principais desta doenza, o seu diagnóstico, tratamento e prevención, así como factores que poden influír no seu agravamento. Durante o acto, todos os asistentes poderán consultar aos expertos as dúbidas que poidan ter sobre o tema. Esta charla inclúese dentro dun conxunto de actividades que se están a realizar para acercar a investigación sobre a xaqueca á cidadanía coa finalidade de que coñezan a enfermidade, o seu tratamento e os estudos realizados pola FPGMX e outros organismos. 

A xaqueca é unha enfermidade moi común, que consiste en episodios repetidos de dor de cabeza con outros síntomas acompañantes (náuseas, mareo, intolerancia da luz e sons e outros), afectando á súa calidade de vida en ocasións de forma moi importante, causando baixas laborais e alteración da vida social e familiar. Ademais, en ocasións asóciase a outras patoloxías (insomnio, ansiedade, depresión, fibromialxia) que empeoran aínda máis a situación dos pacientes. Estes factores condicionan a cotío a automedicación e contribúen a cronificación da dor. Este tipo de patoloxías, agravadas por factores psicolóxicos e físicos, están a aumentar en época de crise influídas polas tensións familiares e laborais. 

Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica

Na FPGMX, organismo público dependente da Consellería de Sanidade, trabállase no diagnóstico e investigación de enfermidades xenéticas. Unha das enfermidades na que se está a investigar é a xaqueca ou hemicrania. 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng presentou unha moción para tratar no pleno o peche do IES Coroso

Media_httpfarm6static_wwega

Ribeira, 18 de xullo de 2011. O Bloque de Ribeira presentou unha iniciativa sobre o peche do IES Coroso e a súa incidencia no que, aseguran, é "un deterioro da calidade educativa no noso concello". Procederá o seu debate no vindeiro pleno municipal do 26 de xullo. A mesma tarde do venres pasado, 15 de xullo, recibiron a nova da admisión a trámite por parte do TSXG dun recurso contencioso administrativo presentado polas ANPAS dos IES de Coroso e Nª 1 contra o decreto e orde de peche do Centro educativo, "algo do que nos congratulamos por dar aval aos argumentos que aportan as ANPAS e que desde o BNG compartimos", explicaron os nacionalistas.

Como é habitual en Certo, publicamos íntegra a moción:

Xosé Luís Groveiro González, concelleiro do grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG) neste Concello, presenta a seguinte MOCIÓN diante do Pleno da CorporaciónMunicipal en relación co deterioro da calidade do ensino en Ribeira logo do peche do IES Coroso.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Mediante decreto e Orde do 22 e 23 de xuño de 2011, a Consellería de Educación da Xunta de Galicia deu fin ás ensinanzas de ESO e Bacharelato no IES Coroso de Ribeira. Como puxeron en evidencia as múltiples manifestacións de alumnado, profesorado, pais e nais do IES Coroso pero tamén doutros centros e, en xeral, da cidadanía ribeirense, a decisión da Xunta de Galicia ten provocado unha xustificada alarma social da que o BNG de Ribeira participa. Alarma compartida porque a decisión da Xunta non está xustificada nin no fondo nin na forma en que foi levada a cabo. No fondo porque se pecha un centro público que estaba realizando unha recoñecida labor formativa, con alumnado suficiente e con perspectivas de seguir téndoo á luz dos datos demográficos. Péchase ademais provocando unha redución de prazas de ensino público e unha masificación nos demais centros públicos do concello co conseguinte deterioro da calidade do ensino. Na forma porque a Consellería oculta unha decisión tomada hai meses e obriga á inscrición no mesmo IES Coroso tanto ao alumnado do centro como ao dos centros de primaria adscritos. Concúlcanse, deste xeito, dereitos fundamentais de profesorado (forzado ao traslado), de pais/nais e alumnado que posteriormente se ve obrigado a buscar praza noutros centros aos que son adscritos en moitos casos de xeito forzoso por falla de prazas ou problemas de transporte.
Que o Dir. Xeral da Consellería anuncie o peche de Coroso en rolda de prensa o mesmo día que se convoca a Mesa Sectorial de Educación demostra o desprezo da Xunta cara a Comunidade Educativa e a sociedade de Ribeira.
Que a Xunta non convoque ningún novo ciclo formativo en Ribeira para o curso 2011/2012 demostra que a suposta mellora da FP é unha cortina de fume para ocultar a verdadeira razón do peche: a eliminación de prazas de ensino público, coa desculpa do aforro, mentres se aumentan o diñeiro, tamén público, destinado ao ensino privado.
Por todo o exposto, en consonancia coas demandas da comunidade educativa de Ribeira, e co obxectivo de recuperar o vindeiro curso os niveis de calidade do ensino no noso concello, o Grupo Municipal do BNG propón o seguinte
ACORDO

1.- Pedir da Consellería de Educación da X. de G. que se manteña a oferta de postos de ensino público de ESO e Bacharelato ampliando, se é necesario, a dos centros públicos existentes en Ribeira.
2.- Que o número real de alumnos por aula se manteña en torno aos 25 por aula e se permitan os grupos de apoio, reforzo educativo e atención á diversidade que razoadamente propoñan os Centros educativos.
3.- Que se dea solución aos problemas de transporte para que en ningún caso sexa esta causa de denegación do centro elixido.
4.- Que estes acordos sexan trasladados á Consellería de Educación en xuntanza con presenza de representantes da Comunidade Educativa do IES Coroso e do Alcalde de Ribeira.

Ribeira, 15 de xullo de 2011

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical