12.12.11

Ribeira: celebrada unha recepción como homenaxe ao traballo do voluntariado local

Ribeira, 12 de decembro de 2011. O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, recibiu no Salón de Plenos Municipal a unha representación do Grupo de Voluntariado Local en recoñecemento ao seu traballo e colaboración polo benestar dos veciños de Ribeira. 

    O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, na compaña do concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño de Bricio e mais a responsable de Servizos Sociais, María Francisca Vidal Regueira, agradeceron o enorme traballo desinteresado que realizan estas mulleres e homes na súa entrega aos demais. 

    O alcalde fixo fincapé, durante a súa intervención, na importancia maiúscula que o labor altruísta deste voluntariado adquire en tempos de crise. Explicou que pode que haxa menos recursos, pero as necesidades existen, e traballarase na eliminación do superfluo, na austeridade como norma, pero desde o Concello de Ribeira non se deixarán sen cubrir labores fundamentais como os que se realizan desde o departamento de Servizos Sociais. Como mostra disto nomeou o alcalde a entrega de dúas vivendas a colectivos con diversidade funcional como Ámbar e mais Amicos, e a cesión dun local á asociación A Creba. Na procura de que non diminúan os recursos estase xa a traballar no Plan Concertado coa Deputación da Coruña que dará os seus froitos no 2012.

    Xantar especial o Día de Nadal

    O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño de Bricio, agradeceu o traballo das voluntarias e voluntarios e salientou tamén o labor desinteresado de colectivos, como o empresarial, que toman iniciativas de apoio aos máis necesitados e anunciou que o día 25 de decembro, coa colaboración da empresa Cámping A Cascada, haberá un xantar especial de Nadal para os máis desfavorecidos.   

 

    Algunhas das accións nas que traballaron estas mulleres e homes que forman parte do “Grupo de voluntariado local” ao longo de 2011 foron a colaboración no taller de reforzo cultural para mulleres inmigrantes durante. O apoio no programa de aprendizaxe e reforzo do idioma español a inmigrantes no concello de ribeira, e labores de tradución e mediación con familias inmigrantes, de tres persoas voluntarias inmigrantes.  O acompañamento con enfermos no hospital comarcal; acompañamento para a realización de xestións e actividades de animación na residencia do maior en Ribeira.  

    O apoio no servizo de axuda no fogar municipal. O acompañamento e colaboración no programa de intervención familiar. A colaboración con outras asociacións ACCE, Asoc. Galega de ataxias... A colaboración co programa de reforzo educativo en parroquias, desenvolvido por 6 voluntarias e 100 persoas beneficiarias. Accións de captación de voluntariado, coordinación e dirección do programa municipal  a través da responsable  do programa...  

    Este sen fin de actividades desenvolvidas polo grupo de voluntariado local formado por 35 persoas durante o ano 2011, son un complemento importantísimo para o desenvolvemento de todos os proxectos que se enmarcan nos servizos sociais comunitarios de Ribeira, así como para os equipamentos comunitarios do noso Concello como é o hospital comarcal, a residencia do maiores  o centro de día de Alzehimer.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: do 15 de decembro ao 15 de xaneiro, nova exposición colectiva no centro social

  • As festas de Santa Baia rematan este martes 13
  • O vindeiro domingo 18, concerto de Nadal da Banda de Música
Boiro, 12 de decembro de 2011. O xoves 15 de decembro o Centro Social de Boiro, contará cunha nova exposición colectiva, baixo o título “Ferodinamos e Presenzas Mariñas” dos artistas Nolo Súarez e Nando Pereiro. A exposición poderase visitar dende o 15 de decembro ata o 15 de xaneiro na sala de exposicións do Centro Social nos eu horario habitual (luns a venres de 10-14h e de 16-21h e os sábados de 10 a 14h).
A inauguración celebrarase este xoves 15 de decembro as 20h, para a ocasión ademais da presenza dos artistas Nando Pereiro e Nolo Súarez, a escritora Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación Rosalía de Castro, fará unha presentación sobre a mostra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentan a campaña "Panos brancos contra a droga"

  • Os principais actos terán lugar este venres 16 de decembro no polideportivo da Fieiteira
Media_httpwwwasociaci_dyhdu

Ribeira, 12 de decembro de 2011. A campaña que leva por lema “Tómate a Vida dunha Forma Diferente: Mil Razóns para Dicir Si á Saúde” ten coma obxectivo principal sensibilizar á poboación fronte aos problemas do narcotráfico e o consumo de drogas, ofrecendo á mocidade, por ser os/as máis sensibles ás adiccións, alternativas de lecer saudable como a práctica deportiva.

Por este motivo desenvolveranse diversas actividades que terán continuidade ao longo dos próximos meses:

− O próximo día 16 de decembro -venres- a celebración do Torneo Deportivo Panos Brancos entre alumnos de ESO dos centros escolares e institutos de Riveira e Vilagarcía, desprazados para ese efecto, e que terá lugar no polideportivo da Fieiteira. O obxectivo do torneo, no que haberá partidos de baloncesto e de fútbol, non é a competición en si mesma, senón fomentar a confraternización e o lecer saudable, compartido e en equipo.

− Lectura dun manifesto xuvenil a favor dunha vida libre de drogas. A dicotomía entre o modo de vida ao que leva o consumo de drogas e o que posibilitan uns hábitos saudables será o eixo central da declaración de intencións do alumnado, para quen dicir "non ás drogas debería ser a decisión máis fácil da vida".

− Exposición durante a celebración do torneo dunha gran bandeira branca contra a droga, para que poida ser asinada como compromiso dunha vida libre de drogas. Despois trasladarase a todos os centros escolares para ser asinada polos alunmado e finalmente convidarase a facelo a todos aqueles/as deportistas que queiran ratificar o compromiso e apoiar a campaña.

− Nos vindeiros meses, e especialmente coincidindo coa celebración do Día Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas (26 de xuño), realizaranse diversas actividades de sensibilización coa poboación en xeral e os centros escolares en particular.

Razóns para organizar esta campaña de sensibilización

A problemática asociada ó consumo de drogas resulta especialmente inquietante en comunidades como Galicia, na que se asentan numerosas e importantes redes de narcotraficantes. A magnitude do problema que enfrontamos resulta por todos coñecida; superar ou, cando menos, mitigar os seus efectos é un dos grandes retos da sociedade galega.

Dentro das estratexias orientadas a lograr a redución da demanda, destacan especialmente as accións de prevención e sensibilización social, que se revelaron como a máis eficaces para facer fronte á apatía, a banalización do consumo e o alto grado de permisividade e tolerancia que parecen haberse instalado na sociedade.

Panos Brancos contra Droga

Concibida como unha campaña de sensibilización social, Panos Brancos converteuse desde a súa primeira edición no maior e máis contundente movemento social de rexeitamento ás drogas e o narcotráfico, facendo unha aposta en positivo pola saúde fronte ós graves problemas que supoñen as adicións e o tráfico de drogas.

Promovida e organizada pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico, a campaña desenvolveuse o longo destes últimos anos a través de diferentes actos públicos mediante os cales os cidadáns pronúncianse en contra da droga e as bandas criminais do narcotráfico, utilizando principalmente a simboloxía de panos e bandeiras brancas como icona visible do seu compromiso.

A campaña diríxese a toda a sociedade galega, con especial atención para o colectivo de mozos e mozas, un dos grupos máis vulnerables fronte a este problema e faise cada ano de xeito itinerante por diversas cidades de Galicia, sendo Riveira este ano o lugar escollido.

No desenvolvemento das diversas actividades que se levarán a cabo dende agora, e rematarán coa conmemoración do Dia Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas participan a Asociación Antidroga Renacer, Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Concello de Ribeira.

Obxectivos:

− Aumentar o grado de concienciación e sensibilización social.

− Contribuír a previr futuros consumos e adiccións, especialmente entre os mozos.

− Incrementar o rexeitamento aos narcotraficantes, eliminando calquera atisbo de benevolencia e permisividade fronte a estes delitos.

− Ofertar un exemplo de comportamento e actitude positiva ante as drogas para mozos.

− Implicar de forma activa a toda a sociedade na tarefa de lograr a desaparición das drogas e o narcotráfico de Galicia.

Participantes:

A campaña deséñase en estreita colaboración con múltiples colectivos sociais, entidades e institucións que apoian e participan en todos os actos programados. Panos Brancos celebra este ano a súa quinta edición, contando co apoio de diversas entidades e institucións, como a FEGAMP, a Xunta de Galicia o Parlamento de Galicia.

Organizan:

Fundación Galega contra o Narcotráfico, Asociación Antidroga Renacer, Concello de Riveira e centros educativos de Riveira e Vilagarcía de Arousa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o Concello organiza o Belén de Cumes o vindeiro sábado 17 de decembro

  • O traxecto deste ano é de Tállara a Guiende
  • O belén colócase nun antigo muíño. Ao remate, chocolate con rosca para os participantes
Media_httpmw2googleco_iyucg

Imaxe en Panoramio de Andrés Villar do belén de Cumes de 2005

Lousame, 12 de decembro de 2011. Este vindeiro sábado, 17 de Nadal, o concello de Lousame organiza o Belén de Cumes. Faise unha ruta de seis quilómetros desde Tállara a Guiende, onde se colocan as figuras do belén (este ano nun muiño dos máis antigos da zona) e cántanse unhas panxoliñas. Ao remate tómase unha chocolatada con rosca para todos. Este ano como novidade estrearase unha ruta que se compón de 18 quilómetros e que vai de Tállara ao Iroite e volta. 

O vindeiro sábado, entón, pódese escoller entre a andaina longa e a curta aínda que os primeiros catro quilómetros son comúns nas dúas. Para maior información consulta a web do concello pola semana, en http://concellodelousame.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: case un cento de bibliotecas escolares galegas, entre elas a do "Brea Segade", colaboran co proxecto Bubisher no Sáhara

Rianxo, 12 de decembro de 2011. Case un cento de bibliotecas escolares galegas, varias delas do Barbanza, colaboran co Proxecto Bubisher de bibliotecas no Sáhara. Coincidindo coa recente inauguración da primeira biblioteca pública de Smara, O niño do Bubisher, un grupo de bibliotecas escolares decidiron plasmar o seu apoio ao proxecto co envío conxunto de álbums ilustrados, un desde cada biblioteca, para contribuír a fornecer os dous bibliobuses que circulan polas escolas saharauis e a biblioteca central de Smara


O pasado día 10 de decembro, co gallo do Día internacional dos Dereitos Humanos, publicaron nos seus blogs unha entrada conxunta  para dar visibilidade á situación do pobo saharahui e poñer de manifesto o apoio destas bibliotecas e centros escolares, coma educador@s e bibliotecari@s escolares ao proxecto Bubisher.

As ligazóns ao artigo do blogue do "Brea Segade" no que presentaron o tema á comunidade escolar e a entrada conxunta do 10 de decembro son os que seguen:


Antes, en Certo:


Premio: nacional para a biblioteca do Brea Segade

Pode que tamén lle interese:


Xornadas en Rianxo: o domingo 18, IV Xornadas "Lois Obelleiro"



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: quedou xa inaugurado o tradicional Belén na praza do Emigrante

A Pobra, 12 de decembro de 2011. O pasado venres, 9 de decembro, na Praza do Emigrante, tivo lugar a inauguración do xa tradicional Belén pobrense e a iluminación de Nadal que durante as vindeiras semanas darán un colorido especial ás rúas da vila. Numerosos foron os veciños que se achegaron ata a céntrica praza  para admirar a montaxe do Nadal deste 2011 e acompañar ó alcalde, Isaac Maceiras Rivas, neste momento.

Non faltaron os nenos buscando as figuras dos Reis Magos, os curiosos que trataban de atopar o inevitable caganet e os comentarios sobre a orixinalidade da posta en escea deste ano que, unha vez máis, non deixou indiferente a ninguén.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Museo de Valle acolleu unha mostra de piano no auditorio

 

A Pobra, 12 de decembro de 2011. Como parte do calendario de actos culturais que van ter lugar na Pobra durante este mes de Nadal, tivo lugar esta semana pasada no auditorio do Museo Valle-Inclán unha exhibición musical co piano como insrumento seleccionado para protagonizar este evento. Da man de Ramón Leis como director, os alumnos da Escola de Música actuaron para o público presente interpretando pezas como Para Elisa, Diabelli vs Mozart ou New York.

No acto estiveron presentes o alcalde da Pobra, Isaac Maceiras Rivas, o concelleiro de Turismo, Jesús Dieste, a concelleira de Cultura, Encarna González, e o concelleiro de Festas, Andres Millán.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Liceo Marítimo organiza un baile de maiores o 31 de decembro

  • A seguinte asemblea xeral será xa en 2012, o domingo 15 de xaneiro
Media_httpfarm3static_jeebq

Ribeira, 12 de decembro de 2011. A Xunta Directiva do Liceo convoca a todos os socios ao baile de maiores que terá lugar o último día deste ano, o vindeiro  sábado 31 de decembro, ás 00:30 da madrugada, para despedir o ano e entrar no 2012. Estará amenizado por un trío musical.

Asemblea xeral ordinaria o 15 de xaneiro


Orde do día:
 
 1º- Lectura da Acta da Asemblea anterior e a súa aprobación, se procede.
 2º- Memoria de xestión durante o ano 2.011 e informe económico.
 3º- Informes do Presidente e da Xunta Directiva.
 4º- Elección de Presidente/a.  
 5º- Rogos e preguntas.
 
     Ao remate da Asemblea, a Xunta Directiva convidará aos asistentes a uns pinchos e un viño do país.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical