- O deputado socialista noiés Lage Tuñas considera "gravísima a actuación da Xunta contra o patrimonio e a historia de Noia"
- "As explicacións públicas dadas polo goberno galego xustifican a agresión ao patrimonio cultural deste País e significan un ataque brutal á historia de Noia e a patrimonio do noso pobo”
- José Manuel Lage indica que “a realidade demostra que se pode estar diante dunha perda irreversible para Noia e para toda Galicia. O goberno galego manifesta indiferencia diante da demanda de protección do noso patrimonio cultural e arquolóxico.”
- Namentres, o máximo responsable desta desfeita, Agustín Hernández, fachendea de que imos ter "novas ferramentas que garantan a protección e defensa do patrimonio urbanístico e ambiental"
- O seu colega de gabinete no goberno de Feijóo, o conselleiro de Cultura Roberto Varela, ousa dicir hoxe tamén que "aposta por “unha colaboración institucional plena para garantir as mellores condicións de conservación dos bens históricos e preservar o patrimonio cultural galego"
- Neste mesmo día, a Deputación da Coruña, agora nas mans do PP, gábase de que o dolmen de Dombate tivo récord de visitas
O castro de Taramancos o 30 de agosto. Hoxe xa non poden ver isto...
Noia, 28 de setembro de 2011. O deputado socialista José Manuel Lage Tuñas tense interesado a través de diferentes iniciativas parlamentarias sobre “as actuacións do goberno galego en relación coa proteción e conservación do asentamento castrexo de Taramancos-Noia, descuberto o pasado mes de maio durante as obras de construción da variante de Noia”.
José Manuel Lage, deputado noiés do PSdeG-PSOE considera “inaceptable a forma de proceder da Xunta de Galicia en relación co patrimonio cultural de Noia” e pedirá “as correspondentes explicacións sobre o desmantelamento do castro de Taramancos-Noia”. Lage Tuñas ve na actuación da Xunta “un ataque frontal ao patrimonio cultural galego e á historia de Noia, provocando un dano irreparable” e recorda que “esta acción evita un rendemento turístico cultural no futuro e perxudica seriamente os intereses culturais e económicos do concello de Noia”.
O parlamentario socialista considera que “as explicacións públicas dadas polo goberno galego xustifican a agresión ao patrimonio cultural deste País e significan un ataque brutal á historia de Noia e a patrimonio do noso pobo. É gravísimo o que está facendo a Xunta ao renunciar á protección e conservación do asentamento castrexo de Taramancos-Noia”, indica Lage Tuñas.
E engade que “a realidade demostra que se pode estar diante dunha perda irreversible para Noia e para toda Galicia. O goberno galego manifesta indiferencia diante da demanda de protección do noso patrimonio cultural e arquolóxico.”
O deputado noiés José Manuel Lage ten presentado xa iniciativas parlamentarias na cámara galega para pedirlle explicacións ao goberno e coñecer “os informes da Dirección Xeral de Patrimonio que avalan o brutal ataque ao patrimonio e á historia do noso pobo, do pobo de Noia”, finaliza na nota de prensa o Psoe.
A Xunta predica proteción pero practica destrución
Namentres están a levar por diante con pás retroescavadoras o que esforzados -e mudiños- arqueólogos levantaron con coidadiño á man, os responsables da Xunta de Galicia, en concreto os maiores responsables desta desfeita, comezando polo Jano Bifronte -porque leva unha consellería con dous departamentos totalmente incompatibles, Medio Ambiente e Infraestruturas- Agustín Hernández predican, paradoxalmente, proteción. Hernández dixo hoxe no Parlamento: "a Xunta segue a traballar para dotar a Galicia de novas ferramentas que garantan a protección e defensa do patrimonio urbanístico e ambiental. Neste senso, durante a súa intervención no Parlamento indicou que de cara ao vindeiro ano intensificarase o desenvolvemento de novos instrumentos de protección, coa posta en marcha dos Catálogos e as Directrices da Paisaxe, que garantirán a protección dos seus valores e recursos e terán carácter vinculante para a planificación sectorial e urbanística que se desenvolva no futuro". Que futuro, nos preguntamos? Un futuro no que o castro de Taramancos non exista porque este departamento autonómico o arrasou?
O cómplice, Roberto Varela, tamén predica pero non dá trigo
Noutra incrible nota da Xunta -incrible se nos atemos ao que está a acontecer- dise hoxe que Roberto Varela -o que dixo que a cultura galega limita- "aposta por unha colaboración institucional plena para garantir as mellores condicións de conservación dos bens históricos e preservar o patrimonio cultural galego". Estaba a falar sobre o Códice Calixtino desaparecido, pero tan patrimonio é un castro -un castro raro ademais, como xa manifestaron especialistas- como un libro do século XII. O conselleiro "subliñou a importancia de que no borrador da nova lei do Patrimonio se inclúe un maior control dos bens de carácter cultural, tanto sexan da Igrexa como de particulares". Por que non controla xa aos seus entón? Ou non é tan importante facer desaparecer un castro como un libro que ocultaba a Igrexa (lembremos que non o deixaban nin para expoñer na Cidade da Cultura, ese enorme burato negro económico no que nos meteu Fraga e o anterior conselleiro de Cultura).
Outro dato para reflexionar: a Deputación congratúlase hoxe tamén en nota de prensa que se bateron récords de visitantes do dolmen de Dombate. Que criterio hai para conservar este patrimonio e non outro, como o de Taramancos? Onde está a liña vermella para empregar un de recheo de estradas innecesarias e ao outro facerlle unhas instalacións de luxo? Alguén o pode explicar?
O patrimonio galego como leira particular dos políticos
As contradicións na política cultural e patrimonial da Xunta -se é que a hai e non é todo unha improvisación- son arrepiantes. Esta semana están a destinar fondos para descubrir patrimonio subacuático en varias rías (Corcubión, Viveiro, Ribadeo) e mentras, Taramancos, ao pé do mar, un xacemento que pode cambiar a nosa concepción da historia de Galicia, e que xa cambiou a de Noia, é destruído por un viaduto que achegará máis axiña á xente ás praias pero é calquera cousa menos respetuoso coa paisaxe.
Non contentos con estas leas, a Xunta enriba métese noutras nas que se fai o diretamente o ridículo, como a multa que lle quere impoñer a unha asociación asturiana por facer un anillamento científico dunha aguia pescadora dentro da reserva da Biosfera de Río Eo, Oscos e Terras de Burón (que partillan Galicia e Asturias). Namentres os dirixentes da nosa comunidade autónoma non protexen apenas nin teñen plans axeitados para reservas naturais e espazos protexidos como esta reserva da biosfera -mesmo as agreden con plans acuícolas, sexan da cor política que sexan-, intentan castigar aos que pretenden protexelas. Sería o que nos pasaría a calquera galego se fósemos alí a parar as pás escavadoras para protexer o noso patrimonio: seríamos identificados e multados, mentres os políticos que están a destruílo se rin de nós nas súas poltronas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia