Valle-Inclán será o emblema literario da Pobra neste paquete
Boiro, 22 de outubro de 2010. Esta fin de semana terá lugar a presentación en sociedade do paquete turístico "Estancias literarias en Arousa Norte", que organiza e impulsa a Mancomunidade do mesmo nome. O obxetivo da presentación do paquete turístico Estancias Literarias é "implicar aos axentes de turismo e cultura da comarca, a través da participación e aportación de ideas, para a creación de unha oferta turística de calidade", aseguran os responsables deste ente supramunicipal enfocado no turismo. Este paquete turístico desenvolveuse gracias ao convenio de colaboración firmado no mes de xullo entre a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretería Xeral para o Turismo, e a Mancomunidade.
O primeiro día da presentación será mañá, sábado 23, no museo Valle-Inclán de A Pobra, ás cinco da tarde. Agárdase a presenza de Isaac Maceiras, alcalde pobrense e presidente de turno da Mancomunidade, así como de José Luís Maestro Castiñeiro, da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia. Fátima Rodríguez Figueiras, xerente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e Mónica Garrido Silva, técnica de Turismo da mesma entidade e coordinadora da creación do paquete turístico Estancias Literarias serán as encargadas de explicar polo miúdo esta iniciativa a todos os concelleiros e técnicos de Cultura e Turismo de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira que alí se congreguen. Tamén se agardan empresarios turísticos de Barbanza.
Castelao, Dieste e Manoel Antonio son os escritores máis senlleiros de Rianxo
O domingo 24 a vila protagonista será Rianxo, vila literaria galega onde as haxa. Precisamente a praza de Castelao é o lugar escollido para a presentación, na que estarán o alcalde actual, Pedro Piñeiro e a xerente e técnica da Mancomunidade anteriormente citadas.
Características
O paquete turístico Estancias Literarias está composto por aloxamento, restauración e actividades de ocio. As actividades de ocio están inspiradas na cultura literaria da comarca e desenvolveranse nos catro concellos, tendo como punto de referencia A Pobra do Caramiñal e Rianxo, por ser estas dúas localidades o berce dos escritores máis relevantes dos séculos XIX e XX.
Cronograma de actividades
SÁBADO 23 DE OUTUBRO: A POBRA DO CARAMIÑAL
Punto de encontro: Museo Valle Inclán
17.00 h: visita ao Museo Valle Inclan acompañados polo Cego de Gondar (persoaxe das obra El embrujado de Valle Inclán).
18.00 h: visita pola Pobra do Caramiñal, acompañados polo Cego de Gondar, e percorrendo os espazos relacionados coa vida de Valle Inclán. Ao remate destas visitas haberá un contacontos.
DOMINGO 24 DE OUTUBRO: RIANXO
Punto de encontro: Praza de Castelao, enfronte ao Museo do Mar
10.30 h: visita por Rianxo, guiados por un mariñeiro que percorrerá os espazos máis característicos da vila e aqueles relacionados coa vida dos escritores rianxeiros.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia