21.1.11

Boiro: dúas nadadoras e un nadador encabezan o índice na baremación para entregarlles subvencións aos deportistas de Boiro


Judith Lago, ao pé de Rufino Regueira, acadou a máxima puntuación, con 201 puntos

Boiro, 21 de xaneiro de 2011. Xa se coñecen os deportistas que van ser becados polo Concello de Boiro. Os tres primeiros practican a natación no club máis afamado de Barbanza: o Club Natación Riveira. Nesa entidade está agora mesmo a mellor xeración de nadadores da historia de Galicia, como publicamos aquí. Judith Lago, Rufino Regueira e Yaiza Blanco son os tres deportistas de elite que acadaron a maior puntuación no índice da baremación que se fixo para becar aos deportistas boirenses.

O tabeirón de Cabo de Cruz, Rufino Regueira, recibiu 170 puntos

O Concello de Boiro quere fomentar a actividade deportiva e, como é lóxico, premiar e axudar economicamente aos boirenses que máis destaquen na súa faceta deportiva. O vindeiro venres 28 de xaneiro serán entregadas estas bolsas de axuda no salón de plenos do Concello. No informe adxunto detállase polo miudiño quen foi becado e a puntuación que levou.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Ateneo Valle-Inclán aborda a controversia da dopaxe o venres 11 de febreiro

Ecoloxía: o parque natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, en Ribeira, no panel 6 da exposición "Galicia, conservando a natureza"

A exposición é itinerante e pódese ver ata o domingo 30 de xaneiro no centro comercial Área Central de Santiago


O parque natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é dos máis visitados de Galicia

Ribeira, 21 de xaneiro de 2011.- A Consellería do Medio Rural organiza a exposición “Galicia, conservando a natureza” para que a cidadanía sexa consciente do tesouro natural que temos e da necesidade de conservalo. Esta mañá tivo lugar o acto de inauguración da man do director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, acompañado polo xerente de Área Central, Juan Carlos Losada. As autoridades presentes recorreron os 22 paneis informativos que compoñen esta exposición e que permanecerán até o vindeiro domingo, 30 de xaneiro.

O panel número 6 está adicado ao parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, en Ribeira. Esta tarde, os nenos poderán gozar dun obradoiro educativo sobre pegadas e caretas de animais en Galicia, así como facer pegadas en escaiola e plastilina dalgúns animais da fauna galega, debuxar caretas dalgúns dos animais máis significativos e emblemáticos para os nenos máis pequenos e construír un puzzle de 32 pezas sobre dous ecosistemas de Galicia: a Montaña e a Costa.

Parques protexidos

A gran diversidade de medios naturais e multitude de microclimas favorecen unha ampla mostra de diferentes ecosistemas que son o resultado da evolución natural e da forma de aproveitar os recursos naturais.

Galicia pode estar orgullosa dos seis parques naturais que conforman a rede de espazos protexidos xunto co parque nacional. Na provincia da Coruña, atopámonos co Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, así como coas Fragas do Eume. En Ourense están a Serra da Enciña da Lastra, o Invernadeiro e a Baixa Limia-Serra do Xurés. Por último, o Monte Aloia está situado na provincia de Pontevedra, ao igual que o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Características da exposición
A exposición “Galicia, conservando a natureza”, está composta polos seguintes materiais:
• 22 paneis de 200 cm. x 100 cm. impresos a 4 tintas sobre lona reforzada,montados sobre displays portátiles
• Proxección “Os parques naturais de Galicia”
Idioma: edición en galego
Superficie mínima de montaxe: 50 m2

Relación de paneis:
Panel 1- Panel portada “Galicia, conservando a natureza”
Panel 2- Os espazos naturais axudan a conservar a biodiversidade
Panel 3 - A rede natura protexe os hábitats prioritarios para a conservación da natureza europea
Panel 4 - A rede natura protexe especies prioritarias na conservación da natureza europea
Panel 5 - Parque nacional das illas atlánticas.
Panel 6 - Parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
Panel 7 - Parque natural das Fragas do Eume
Panel 8 - Parque natural do monte Aloia
Panel 9 - Parque natural da Baixa Limia - serra do Xurés
Panel 10 - Parque natural dos montes do Invernadeiro
Panel 11 - Parque natural da serra da Enciña da Lastra.
Panel 12 - Monumentos naturais.
Panel 13 - Complexo O Grove-Ons.
Panel 14 - Humidal protexido ría de Ribadeo.
Panel 15 - Humidal protexido lagoa e areal de Valdoviño
Panel 16 - Humidal protexido ría de Ortigueira-Ladrido.
Panel 17 - Rede Natura 2000: Espazos litorais.
Panel 18 - Rede Natura 2000: Ecosistemas fluviais.
Panel 19 - Rede Natura 2000: Lagoas, esteiros, brañas...
Panel 20 - Rede Natura 2000: Bosques
Panel 21 - Rede Natura 2000: Serras
Panel 22 - Zonas de Especial Protección para as Aves

(vía)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: destinarán uns 360.000 euros a nove confrarías de Barbanza para mellorar a xestión, conservación e sostibilidade dos recursos mariños

Ribeira, 21 de xaneiro de 2011.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, destinará máis de 360.000 euros a nove confrarías do Barbanza co fin de mellorar a xestión, a conservación e a sostibilidade da explotación dos recursos mariños. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá no local da Consellería do Mar en Ribeira os convenios de colaboración coas confrarías de Aguiño, Cabo de Cruz, Muros, Noia, Palmeira, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.


A Xunta non informa ou desglosa os cartos que vai percibir cada confraría

A vixencia destes convenios, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca, remata o vindeiro 30 de xuño de 2011, aínda que poden ser prorrogados se existe acordo entre as partes.

Dentro dos convenios hai dous tipos de acordos. O primeiro deles, o de xestión das zonas de produción, ten como obxectivo mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros. Para acadar este obxectivo, está prevista a implantación de técnicas de semicultivo, a elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración de zonas de produción, así como o seguimento da produción efectiva dos bancos naturais marisqueiros.

O segundo dos convenios, referido á realización das actividades de conservación, protección e sustentabilidade, céntrase en velar pola protección dos recursos mariños mediante a loita contra o furtivismo e o establecemento de condicións de acceso ás zonas de pesca e comprende actuacións como o control e seguimento dos bancos marisqueiros naturais e a realización de operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies mediante o establecemento das condicións de acceso ás zonas de pesca.

Calvo salientou que, como novidade, a diferenza de anos anteriores e por petición das propias confrarías, a tramitación dos convenios por parte das delegacións territoriais da Consellería do Mar “permitirá axilizar os pagos e gañar en eficacia”.

Os convenios establecen que a Consellería do Mar e as confrarías leven a cabo un seguimento conxunto das actuacións e tomen as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento. Pola súa banda, o departamento autonómico comprométese a destinar os medios persoais e materiais propios que sexan necesarios para acadar o desenvolvemento e coordinación das accións obxecto de ditos convenios.

“A Consellería do Mar segue así a traballar na defensa do medio mariño e dos recursos dos bancos marisqueiros, para o que é preciso adoitar medidas de xestión e de apoio aos profesionais que permitan acadar a máxima rendibilidade sen poñer en perigo a conservación do recurso e do seu medio”, apuntou Calvo.

O delegado territorial da Xunta na Coruña asinou os correspondentes convenios coas Confrarías de Ferrolterra e da Coruña nos próximos días fará o mesmo coas confrarías da Costa da Morte. “A finalidade é rematar con prácticas como o furtivismo e a sobrepesca para garantir a correcta rexeneración dos recursos marisqueiros e a preservación do medio e, ao mesmo tempo, garantir a continuidade dunha actividade da que viven moitas familias en Galicia”.


Un dos convenios é para loitar contra o furtivismo

Plans de cooperación

No transcurso do acto, Diego Calvo lembrou que os concellos que teñen grupos Grumir poden iniciar xa os trámites para a contratación de persoal non estable destes colectivos, unha vez publicadas no DOG as axudas do Plan de Cooperación para entidades locais ao abeiro do cal se poden facer estas solicitudes. As contratacións poderán facerse efectivas a partir do mes de febreiro.

O delegado territorial destacou que esta orde “ven a demostrar unha vez máis o compromiso decidido da Xunta cos municipios e as persoas desempregadas”. Calvo tamén salientou que este compromiso “ponse de manifesto no aumento da dotación orzamentaria do plan nun 20 por cento respecto ao 2010, a pesares da obrigada contracción das contas autonómicas para este exercicio”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o luns 24 de xaneiro haberá unha mesa redonda sobre "Narrativas Dixitais" no IES Leliadoura

Ribeira, 21 de xaneiro de 2011. O vindeiro luns, 24 de xaneiro, vai ter lugar no instituto Leliadoura de Ribeira unha nova actividade de "Narrativas Dixitais". Desta volta consistirá nunha mesa redonda na que participará un dos principais promotores do proxecto, o profesor universitario e investigador sobre a Sociedade da Información, o coruñés Juan Freire e a representante da APA de San Roque, Marivén Sampedro. Con eles estarán todos os estudantes ribeirenses implicados neste obradoiro que mestura historias de Aguiño, aquí en Galicia, coas de Cairú, unha poboación tamén costeira no estado de Bahía en Brasil.

A mesa redonda, en sesións de 50 minutos, irá dende as 9:50 ás 12:50. Tamén hai unha exposición sobre este obradoiro narrativo que se pode ver na sala de usos múltiples do Leliadoura ata o 4 de febreiro. Mais se non pode achegarse ata alí, ten toda a información e numeroso material audiovisual en http://ecoarte.info/narrativas/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical