12.1.11

Dodro: o martes 25 de xaneiro represéntase "Señor Mundo, Dígame?", no colexio "Eusebio Lorenzo Baleirón"

Dodro, 12 de xaneiro de 2012. O vindeiro martes, día 25, terá lugar no CPI a representanción de Señor Mundo, Digame? a cargo de Factoría Teatro sobre uns textos de Paula Carballeira inspirados na poesía de Celso Emilio Ferreiro.

Este obradoiro participativo de poesía e teatro ampliarase uns días máis xa que os asistentes prepararán a súa participación sobre os textos do libro Carabín, Carabán que a Concellaría de Cultura repartirá para que alumnos e profesores poidan aproveitar ao máximo a actividade.

O obradoiro está dirixido especialmente aos máis novos e concíbese como un reforzo educativo lúdico.

Esta actividade forma parte do Programa Bocaberta que promove e financia a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia en colaboración co SNL de Dodro.

Relacionada:

Lingua galega: Bocaberta en Lousame, Dodro e Muros

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte renova a súa web turística, con especial coidado no deseño visual

Boiro, 12 de xaneiro de 2011. Ano novo, nova web. A Mancomunidade Arousa Norte, que engloba aos catro concellos de Barbanza de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira, xa dispón dun escaparate en flash na Rede. A anterior web, de 2006, recibira o premio Ferpalia como mellor web de promoción turística de Galicia. A nova, que polo de agora está só en castelán -Fitur xa é este mes en Madrid e debería estar xa noutros idiomas, como a anterior-, é moi atractiva visualmente.

Para os visitantes que estean interesados en achegarse a Barbanza, hai unha sección na que se poden planificar as viaxes, na que se indica claramente como chegar a cada sitio, onde aloxarse, onde comer e os paquetes turísticos que se poden escoller segundo conveña. Na área multimedia recóllense fotos dos catro concellos, vídeos e audios (as audioguías de cada concello foron incorporándose xa o pasado ano), e incluso van introducir xogos.

O esquelete principal da páxina responde ás cuestións básicas de calqueira turista ou visitante: que ver e que facer. Tamén se suxiren recomendacións e hai unha pestana que liga aos folletos turísticos e de actividades que vai editando Arousa Norte. Unha vez vista a web, convén botarlle de cando en vez unha ollada ao blog que tamén aloxa, onde se informa das últimas accións turísticas na bisbarra.

Relacionada:
Turismo: Barbanza, gárdasme o segredo do 19 ao 23 de xaneiro?


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: inaugurada a variante de Outes polo presidente da Xunta, que se comprometeu coa de Noia "que non ten volta atrás"

Segundo os cálculos da Xunta, o novo vial permitirá un aforro de tempo de arredor do 70%, ao pasar dos 12 minutos da antiga estrada a 3 minutos coa nova variante

Outes, 12 de xaneiro de 2011.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, este mediodía, a posta en servizo da Variante de Outes e o Plan de Ordenación Xeral, aprobado pola Xunta, como exemplos de que “estamos apostando polo progreso, pola racionalidade e pola tranquilidade de facer todo o que as competencias do autogoberno nos outorgan para saír da crise económica na que estamos vivindo nos últimos anos”. “Hoxe, Outes está máis preto do resto de Galicia grazas a esta variante. Queremos seguir tendendo pontes que acheguen servizos, oportunidades, xentes e paisaxes”, afirmou.

No tocante á variante, Feijóo destacou que a posta en marcha desta obra inscríbese na filosofía de favorecer a mobilidade e a proximidade entre o conxunto de cidadáns de Galicia, ao acurtar un itinerario á metade da súa lonxitude -de 8,2 a 4,7 quilómetros- e en preto dun 70% o tempo necesario para percorrer este traxecto, pasando dos 12 minutos da antiga estrada a 3 minutos coa nova variante.

Non obstante, o responsable autonómico aseverou que, “hoxe, non acabamos os compromisos coa ría de Noia-Muros, nin cos concellos de Outes, de Muros ou de Noia”. E referiuse así, á variante de Noia, “un compromiso que non ten volta atrás e que vai salvar á ría, cunha moderna ponte que evitará o paso polo núcleo urbano ao tempo que dará maior fluidez ao traxecto entre Santiago-Porto do Son-Noia e Ribeira”.

Así mesmo, destacou que a variante de Noia e a variante de Outes supoñen un investimento de máis de 63 millóns de euros. E avanzou que o obxectivo xeral de que o 80% da poboación galega estea a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade “o cumpriremos nesta ría –aseverou- no primeiro trimestre do ano 2011, cando finalicemos o corredor que nos une con Brión e cando iniciemos o seu desdobramento, converténdoo en autovía plena, non só desde Santiago senón desde Brión ata Noia”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: o Centro Dramático Galego producirá un musical dirixido polo ribeirense Quico Cadaval e protagonizado por Luís Tosar

O conselleiro de Cultura anunciou que os ensaios desta versión da obra de Bertolt Brecht darán comezo en abril para a súa estrea no mes de xuño


Ribeira, 12 de xaneiro de 2011.- O dramaturgo ribeirense Quico Cadaval non para. O Centro Dramático Galego (CDG) levará ás táboas en xuño A ópera dos tres reás, a partir da famosa obra de Bertolt Brecht, para o que contará con Quico Cadaval na dirección escénica e co actor Luis Tosar no papel protagonista. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou hoxe a que será a segunda produción propia da compañía pública para a temporada 2010-2011, un espectáculo de gran formato que materializa a aposta da directora do CDG, Blanca Cendán, polo teatro musical.

Segundo explicou Roberto Varela na presentación da nova programación semestral, en febreiro desenvolverase un proceso de selección para completar o amplo elenco de actores e músicos que iniciará en abril os ensaios. Coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Música, o Centro Dramático Galego actualizará –coa dramaturxia do propio Cadaval e baixo a dirección musical de Carlos Ariel Gracia Baez– a ópera paródica asinada en 1928 polo dramaturgo alemán xunto co compositor Kurt Weill, ambientada nun submundo de marxinalidade e delincuencia.

Proxecto atractivo e esixente

O titular de Cultura agradeceu a todos os implicados a ilusión coa que enfrontan unha proposta “tan atractiva como esixente dende o punto de vista artístico”, afirmou. No caso de Luis Tosar, ao que felicitou persoalmente pola súa recente candidatura aos Premios Goya 2011 na categoría de mellor protagonista, quixo subliñar ademais o feito de que o actor lucense aceptara o “reto de facer unha paréntese nesta imparable carreira cinematográfica para regresar ás táboas, en Galicia e nada menos que cun musical”, no que interpretará o popular personaxe de Mackie Navalla. Varela continuou expresando a súa convicción de que, á vista dos nomes que encabezan o equipo artístico, o resultado final estará á altura das expectativas, convertendo A ópera dos tres reás no “acontecemento escénico do ano”.

Ademais de Tosar, acompañaron o conselleiro nesta presentación o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero, e a directora do CDG, Blanca Cendán, quen se detivo no programa de actividades promovidas pola compañía pública no Salón Teatro, cun total de 71 días de apertura ao público entre xaneiro e maio.


Estreas galegas
Porén, o apoio á escena galega continúa a ser unha prioridade para a dirección do CDG na xestión deste espazo, de xeito que o novo ciclo de programación ofrecerá un total de 30 funcións de 13 espectáculos producidos en Galicia, incluíndo dúas estreas absolutas a cargo de compañías de recente creación: Alfredo Padilla presentará o resultado dun proceso de investigación teatral arredor de Hamlet (5 e 6 de marzo) e Redrum Teatro levará a escena a comedia musical para público infantil Moito conto (14 e 15 de maio).

As propostas galegas ocuparán o Salón Teatro xa a partir da próxima semana, comezando con Memoria de Helena e María (do 20 ao 23 de xaneiro), obra coa que Teatro do Atlántico conmemora o seu vixésimo quinto aniversario. A continuación, Abrapalabra Creacións Escénicas ofrecerá –do 28 ao 30 de xaneiro para o público xeral e os días 31 e 1 para estudantes– o “monólogo escénico-narrativo” Memoria das memorias dun neno labrego, dirixido e interpretado por Cándido Pazó co gallo do 50 aniversario da primeira edición da obra de Xosé Neira Vilas na que se inspira.

O 11 de marzo Teatro do Morcego exhibirá outro clásico, Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, mentres que Berrobambán se presentará o 1 e 2 de abril con Pressing Catch, obra de Paula Carballeira que reflexiona sobre as distintas formas de violencia a través da ironía e o humor.

Xa en abril, os días 14 e 15 Carlos Blanco proporá aos espectadores unha viaxe ata Brasil a través do espectáculo Ordem e progresso e acompañados pola música do Sergio Tannus Trío. A programación continuará o 16 e 17 con A filla de Woody Allen, debut da compañía de Santiago Cortegoso, e os días 5 e 6 de maio Espello Cóncavo porá en escena Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), obra pola que o Rubén Ruibal recibiu os premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Nacional de Literatura Dramática. Ademais, o 17 de maio presentarase Mundo Lois, espectáculo multidisciplinar arredor da figura e obra de Lois Pereiro, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.


Download now or preview on posterous
cdg.pdf (1495 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Aguiño celebra a súa sexta Semana Cultural esta fin de semana

O teólogo Andrés Torres Queiruga será homenaxeado polos seus veciños con motivo do seu 70 cumpreanos


Ribeira, 12 de xaneiro de 2011.- Con motivo do seu 70º aniversario, o teólogo aguiñense Andrés Torres Queiruga será homenaxeado polos seus veciños na sexta edición da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño, segundo desvelou hoxe o presidente da asociación organizadora, Unai González, nu acto de presentación no que estivo acompañado de Luciano Fernández, concelleiro de Cultura, que colabora na posta en marcha da programación do evento. O mesmo acto serviu tamén para dar a coñecer a programación da Mostra de Teatro Afeccionado 2011 organizado pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño, e que contará con tres actuacións durante este mes de xaneiro.

    Andrés Queiruga (á dereita) foi nomeado en 2009 Aguiñés de Honra

A Semana Cultural, que se desenvolverá ao longo desta fin de semana, comezará ás 20.30 horas do venres 14 con dúas conferencias en torno á figura de Andrés Torres que terán lugar no Conservatorio de Aguiño. A primeira delas correrá a cargo de Engracia Vidal Estévez, secretaria da Asociación Encrucillada, baixo o título “Andrés Torres Queiruga e o seu compromiso con Galicia”. Acto seguido, o mestre e xornalista rianxeiro Manuel Dourado Deira pronunciará unha charla titulada “O meu encontro con Torres Queiruga e a súa teoloxía”.

Xa o sábado día 15 de xaneiro, ás 17.30 horas, terá lugar unha ofrenda floral e lectura de manifesto no Cemiterio de Porto do Son, lugar onde está  enterrado o párroco fundacional da parroquia de Aguiño, que faleceu o 16 de xaneiro de 2004. O acto estará acompañado do Grupo de Gaitas A Gandaina de Palmeira.

Tamén ese mesmo sábado, ás 20 horas, e dentro da Mostra de Teatro Afeccionado Francisco Lorenzo Mariño, o grupo Teatro Ad Libitum de Ferrol actuará coa representación da obra “O meu home tolea”, comedia de enredo baseada na historia dunha parella que non funciona na cama. Está dirixida por Yuyi Bastida a partir dun texto de Óscar Tabern. A entrada é de balde.

O domingo 16 oficiarase unha misa conmemorativa do sétimo aniversario do pasamento de Francisco Lorenzo que será oficiada por Andrés Torres Queiruga, asistido por Cesáreo e Ramiro Canabal. Ao remate ofrecerase un concerto pola Coral Polifónica Municipal de Riveira, que dirixe Enrique Paisal.

Mostra de Teatro

Unai González divulgou tamén a programación da Mostra de Teatro Afeccionado que, ademais da devandita actuación de Teatro Ad Libitum, inclúe a participación o sábado 22 de xaneiro de Teatro Charamela (de Melide), coa obra “Se o sei.... Non volvo á casa” e, o sábado 29 de xaneiro, de Teatro A Pombiña (de Pedroso-Narón) con “Nin Dios entende aos homes”.

Luciano Fernández puxo de releve durante a súa intervención o extraordinario labor do movemento asociativo existente na parroquia de Aguiño, así como o magnífico momento que está vivindo a arte do teatro no municipio de Riveira a través de numerosas representacións ao longo do ano, case sempre coa implicación do Concello.

Restauración no Conservatorio de Aguiño

Por outra banda, o concelleiro de Cultura, Luciano Fernández Martínez, tamén deu a coñecer esta mañá os detalles da profunda restauración efectuada no edificio da Aula de Música de Aguiño (popularmente coñecido como Conservatorio de Aguiño), na que o Concello investiu un total de 60.000 euros. 

Entre as actuacións que tiveron lugar neste edificio, figuran o pintado exterior e interior do mesmo, a eliminación de humidades, a reparación do tellado e os baixantes de pluviais, e a substitución das portas e luminarias do inmoble. Tamén se dotou dun novo sistema de calefacción ao edificio e se aumentou a potencia eléctrica. 

Novos vestiarios e equipo musical

Dúas das reformas que máis salientou o edil de Cultura foi a instalación dun novo equipo de música e son profesional e a habilitación como vestiarios dun espazo situado detrás do salón de actos, a fin de prestar servizo ás compañías teatrais, grupos musicais, etc... que actúen no recinto.

Ademais, instaláronse máis de 200 cadeiras novas no salón de actos e restaurouse a cantina da que solen facer uso os membros do activo club de xubilados da parroquia. De feito, os maiores da parroquia xa puideron disfrutar destas renovadas instalacións con motivo da pasada festa de fin de año, e durante esta próxima fin de semana o edificio da Aula de Música dará cabida a diversos actos programados dentro da Sexta Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño. 

Esta é a segunda remodelación da Aula de Música de Aguiño dende que Luciano Fernández é edil de Cultura do Concello de Ribeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: resultados do Máster Galego de Tenis

Ribeira: o artista local Antonio Pérez colga os seus cadros na Casa de Galicia en Madrid ata o 29 de xaneiro

Ribeira, 12 de xaneiro de 2011. A delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu onte a inauguración da mostra "Arousa", do artista de Ribeira Antonio Pérez, a primeira do ano. O acto correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais, Ramón Jiménez, quen recordou nas súas palabras como o autor naceu no seo dunha familia mariñeira e xa dende pequeno traballou co seu pai nunha dorna aprendendo distintas artes de pesca. Daí lle vén a súa paixón polo mar. Aos 24 anos, convertido xa en capitán de pesca pola Escola Náutica de Vigo, partiría cara aos mares de Sudáfrica a exercer o seu oficio durante unha década. "Actualmente", dixo Jiménez, "é mariñeiro en terra. Mariñeiro reconvertido en profesor de pintura e debuxo en Ribeira, que recolle nos seus cadros o froito de tantos anos de navegación, eses peixes que durante tanto tempo flotaran na súa retina, tan familiares para el, e que agora, transformados en pintura, inmortaliza nas mans dos seus queridos paisanos da Ría de Arousa, mans traballadoras que os descargan dos racús e os limpan, e que cosen tamén as redes onde se mexesen na súa postremeira loita co seu destino. As persoas ás cales pertencen estas mans desprázanse por estes cadros como nun Belén vivente e, ao igual que as figuras dos nacementos de Nadal, resultan entrañables. Parece que puidésemos coa nosa mirada convertelas en terracota e, sacándoas dun cadro, colocalas noutro". Destacou tamén o coordinador, a sensación de "paz que trasmiten os personaxes e as escenas que habitan os cadros, que provén quizais ou polo menos en parte do contraste coa dura batalla que libran os mariñeiros contra o proceloso mar... "

Pola súa banda o artista, tras agradecer á Casa "a cálida acollida que nela me dispensaron", explicou a cantos asistiron ao acto que é unha homenaxe a Arousa, "o lugar onde nacín e a ría máis bonita do mundo, aínda que non coñezo todas!, pero sen dúbida é moi bonita". O autor dixo que os cadros "son como anacos de quen os realiza" e no seu caso, explicou, que aínda que lle gustan moito as paisaxes, o protagonismo téñeno sempre as figuras, que reflicten unha calidez que contrasta coa dureza da profesión. Na súa paleta predominan os azuis e os terras, coa súa ampla variedade cromática, e traballa tamén coas texturas, segundo a temática que trata e o efecto que desexe conseguir.

A exposición de Antonio Pérez estará aberta ata o 29 de xaneiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a vila, protagonista dunha nova novela sobre o mito bíblico do diluvio universal


Escudo no Concello que representa a arca de Noé coa pomba que atopou terra

Noia, 12 de xaneiro de 2011. O xornalista e escritor Javier Sierra, célebre por colaborar dende sempre en revistas sobre ovnis e fenómenos paranormais, adica a súa nova novela "El ángel perdido" ao mito bíblico referido ao diluvio universal. Como saberán todos os que leran algunha vez o primeiro capítulo do libro da Xénese, esta lenda estivo protagonizada por Noé -que foi parido cando seu pai, Lamelec, tiña 182 anos, un mozote aínda, pois morreu aos 777-. Noé debeu tardar en atopar traballo e asentarse, pois tivo aos seus fillos moito máis tarde que seu pai, aos 500 anos de idade (Sem, Cam e Jafet).

Escudo de Noia na wikipedia

Como explica no seu twitter, Javier Sierra di que a súa novela "revela por qué el escudo de Noia (La Coruña) muestra el Arca de Noé atracando en la cima de un monte". Calquera de Noia ou afeccionado aos misterios coñece a lenda. Se non a coñecen, na I Jornada del Misterio del Barbanza, que foi pagada con cartos públicos en febreiro do ano pasado, explicárona. Referímonos a aquel episodio aquí.

Resaca de Noé, polo artista italiano Jacopo Chimenti da Empoli (Florencia, 1551-1640)

Segundo relata no tráiler da súa obra, que está en lanzamento, Javier Sierra percorreu todo o mundo para escribir esta novela. Imaxinamos que tamén se achegaría por Noia, aínda que no tráiler fala da Costa da Morte e de Santiago, cidade ésta do Apóstol que fai de capa do seu libro. Aínda que a moitos lles gustaría que a Arca de Noé -aquel piloto bíblico con problemas coa bebida- estivese soterrada na Barquiña, de Noia, a maioría de expertos, entre eles Javier Sierra, coincide en que está no monte Ararat e cada pouco descubren algo que podería selo. A última noticia da que tivemos coñecemento retranqueámola un pouco aquí. Dos xornalistas xa non dicimos nada -somos parte afectada- pero teñan tamén coidado cos arqueólogos, que cada pouco se descubre a algún que soterra cousas para logo dicir que as atopou el.

Algún medio xa vaticina que este libro, El Ángel Perdido, vai ser un dos bestsellers de 2011. O autor xa ten pechadas presentacións en 30 cidades. Será Noia unha delas? Contarémosllo en febreiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: concedida ao instituto da vila unha axuda para realizar unha ruta literaria sobre Machado

Download now or preview on posterous
res_rut_lit.pdf (14 KB)


Un grupo de Córdoba en 2009 visitando a Laguna Negra na ruta de Machado

Porto do Son, 12 de xaneiro de 2011. Alumnas e alumnos de ESO do instituto de Porto do Son (ubicado en San Vicente de Noal) poderán visitar as terras vinculadas ao poeta Antonio Machado entre o 1 de febreiro e o 15 de xuño (as datas aínda están por determinar, pero cada grupo de escolares aos que lles foi concedida a axuda poden estar no roteiro acadado ata cinco semanas seguidas).
A resolución deuna a coñecer hoxe a Xunta de Galicia, que colabora co Ministerio de Educación do Estado, que é quen dota orzamentariamente estas becas.

Os alumnos escollidos para esta ruta enchouparanse dos poemas de Machado, nunha viaxe que os levará por terras de Soria e onde a vida e a obra do escritor farán de fío condutor. Estudiarán á xeneración do 98, como era a Soria de primeiros do século pasado e como participou Machado na vida soriana. Terán ocasión de ver tamén a escenificación da lenda de AlvarGonzález, percorrer os camiños de Machado por San Baudelio, Burgo de Osma, Berlanda de Duero ou San Esteban de Gormaz e tamén percorrerán a ruta montañeira de Machado, por Soria, Cidones, Vinuesa e Covaleda. No seu traxecto visitarán a Laguna Negra, o cemiterio de El Espino e San Saturio. O lugar de aloxamento é a escola fogar "Madre de las Mercedes", en Soria.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cursos: Flor de Toxo organiza un curso de monitor de ocio e tempo libre que comeza en marzo

Ribeira, 12 de xaneiro de 2011. A asociación cultural xuvenil Flor de Toxo organiza un curso de monitor de ocio e tempo libre que dará comezo o 12 de marzo deste ano. A súa data de remate está prevista para finais de maio ou comezos de xuño. Ten un custe de 250 euros e para obter máis información é necesario poñerse en contacto cos medios que figuran no cartel adxunto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical