15.2.13

Noia: o alcalde pronúnciase contra a nova lei do Goberno central que limita o municipalismo

  • Considéraa "unha barbaridade" propia de "incompetentes" e cre que é inconstitucional
  • Asegura que di en alto algo máis suave que o que "calan en privado os alcaldes do PP"
Media_httpfarm9static_fhabc

O alcalde de Noia, á esquerda, nunha recente imaxe do Entroido

Noia, 15 de febreiro de 2013. A través do seu blog e tamén no seu twitter, o alcalde socialista de Noia, Rafael García Guerrero, foi o primeiro destas bisbarras en pronunciarse contra a nova lei do Goberno central que presentou Cristóbal Montoro. esta mañá na rolda de prensa tralo Consello de Ministros. Cun explícito título "Feijóo para Madrid", o alcalde noiés considera que o equipo ministerial que lidera Mariano Rajoy non coñece a realidade municipal e mesmo o chama "incompetente", de paso que desliza a idea de que Alberto Núñez Feijóo faríao mellor que o actual galego na Moncloa, pois ante tanta incompetencia, "Feijóo é o listo da clase", asegura. García Guerrero tamén critica que se queira dar un papel máis potente ás deputacións, das administracións máis opacas que existen e que, segundo el e unha parte do seu partido, o Psoe, deberían ser eliminadas. Outra das conclusións que se extraen do seu texto é que esta reforma é inconstitucional.

Velaquí o texto completo que poden ler no seu blog:

"Non serei eu quen defenda nin minimamente a xestión do actual presidente da Xunta de Galicia, pero vendo o que fan os seus compañeiros de partido co goberno do estado, resulta doado entender que o nome de Alberto Núñez Feijóo soe constantemente como relevo de Rajoy. Comparado cos incompetentes de Madrid o Sr Feijóo é o listo da clase.

A última trapallada do goberno do estado é o que, de xeito falaz, denominan "reforma da administración local". Faltan adxectivos no dicionario para calificar a trapallada desta pseudorreforma que non é máis que un ataque á autonomía local recollida na Constitución Española.

Deputacións: órganos de xestión lonxanos e portas abertas á privatización

Claro que son moitos os cambios que se deben realizar no actual laberinto de competencias administrativas, e son moitas as medidas necesarias que se deben adoptar para mellorar as administracións, como o de regular os soldos de alcaldes e concelleiros. Pero a involución administrativa proposta como reforma non é máis que unha tentativa de centralización administrativa nas Deputacións, alonxando os órganos de xestión dos cidadáns, e unha porta aberta á privatización de servizos que se ten demostrado ineficaz e máis cara.

Resulta curioso ese interese por defender as Deputacións, cando son unhas institucións que deberían desaparecer. Pregúntome cantos de vós sabedes como se elixe un deputado provincial, poucos probablemente, porque son uns organismos opacos e alonxados da cidadanía.

Só alguen cun absoluto descoñecemento da administración local e de costas a realidade pode facer esta barbaridade que chaman reforma. E asegúrovos que estas palabras quédanse moi curtas co que din en privado os alcaldes do PP".

E no twitter:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: homenaxean este domingo 17 aos atletas María Vilas e Álex Vidal na Fieiteira

Mara_vilas

  • Farán o saque de honra do partido de fútbol entre o Sálvora e o Carcacía

Ribeira, 15 de febreiro de 2013. Este vindeiro domingo, 17 de febreiro, a partir das 16:15 horas celébrase no Campo Municipal Sintético de A Fieiteira o partido do Grupo 5 de Segunda Autonómica entre o Sálvora CF e a SD Carcacía. A xunta directiva do Sálvora CF (clube ribeirense e líder neste intre da competición), tomou a decisión de homenaxear antes deste partido a dous dos máis grandes deportistas cos que conta o municipio: María Vilas e Alex Vidal, os cales recibirán uns agasallos do clube e realizarán o saque de honra.


Vilas xa recibiu a medalla de ouro do Concello polos seus éxitos como nadadora

María Vilas, múltiple campeona de natación é un referente neste deporte non só na zona senón a nivel nacional e internacional, sendo un exemplo para a xuventude polo seu esforzo e traballo que a leva a acadar múltiples éxitos.


Álex Vidal, recibido no Concello de Ribeira logo do seu título mundial

Alex Vidal é o actual campeón do Mundo de Parataekwondo na categoría de -58 quilogramos, título logrado en Aruba o pasado mes de novembro. "Ademáis forma parte da nosa familia xa que é o socio número 56 do Sálvora CF", explica a directiva do Sálvora.

"Desde a directiva queremos seguir realizando actos de este tipo como maneira de recoñecemento a todas aquelas personas que no eído deportivo demostran que con humildade, traballo, esforzo e sacrificio se poden conquerir as metas propostas", rematan.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sanidade: o vindeiro luns, 18 de febreiro, peche no hospital da Barbanza, en Ribeira

Media_httpfarm5static_gbleu

O Hospital de Ribeira, xunto co de Cee, son os únicos de Galicia sen celadores, por un estrano capricho do Partido Popular

Ribeira, 15 de febreiro de 2013. A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública da comarca de Barbanza, Integrada en SOS Sanidade Pública de Galicia, quere mostrar a súa solidariedade coa mobilización dos traballadores do Hospital de Barbanza que promoven un encerro no Hospital o luns 18 de xaneiro, "en protesta polos brutais recortes de dereitos laborais e salariais e a precarización das súas condicións de traballo, que está levando a cabo a Conselleria de Sanidade", sinala.


Desde a Plataforma SOS, que integra organizacións sociais, veciñais, de enfermos crónicos, profesionais, sindicais, políticas e ONG,  "baseamos o noso apoio en que a degradación das condicións dos profesionais e traballadores sanitarios  repercuten directamente na atención dos pacientes e na calidade da atención que reciben. Estas medidas contra os traballadores súmanse aos recortes de dereitos sanitarios e ao copago. Por todo iso consideramos que a loita dos profesionais e traballadores do Hospital é a mesma que as dos cidadáns e usuarios da sanidade, polo que só a alianza de ambos colectivos pode frear o deterioro, desmantelamento e privatización dos servizos sanitarios en Galicia e no Barbanza".


A plataforma convoca unha rolda de prensa o luns 18 ás 16.30 no hall do hospital onde amosarán o seu apoio ás reivindicacións e mobilizacións do persoal, e invitan a toda a cidadanía a unirse ás mesmas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Entroido remata esta fin de semana, se o tempo o permite. Programa.

Rianxo_choqueirada_entroido_20

Rianxo, 15 de febreiro de 2013. Logo dos aprazamentos debido ao mal tempo nos días centrais do Entroido (Martes de Entroido sobre todo), os actos quedan deste xeito para esta fin de semana:


Sábado día 16 Campo de Pasos - Taragoña - 17.30 h.

Certame de CARROZAS Organiza Peña Cicloturista Castro Barbudo. Premios ás mellores carrozas. OBRADOIROS de maquillaxe, globoflexia e complementos

Domingo día 17 - Patio do CEIP ANA MARÍA DIÉGUEZ - ASADOS - dende as 16.30 horas

ENTROIDOlandia (inchábeis, obradoiros e grandes xogos) -16.30 a 20.30 h. - Obradoiros e actividades animación para as crianzas.

Actuación de PETER PUNK - 18.00 h. Posta en escena do seu novo espectáculo PETER PUNK.

Sorteo de AGASALLOS entre as persoas disfrazadas (infantil - xuvenil-adultos e grupos). Require inscrición previa. (a partir das 17.00 h.)

II FEIRA do Entroido - 16.30 h a 20.00 horas. - DEGUSTACIÓN de productos do Entroido, Obradoiros, Actividades de Animación, ... nos postos das diversas entidades culturais participantes (Centro Cultural VICENTE VIDAL de Leiro, Cadro Artístico AIRIÑOS, Asoc Cultural FOGO FATUO, ANPA “Irmáns Ínsua” do CRA de Rianxo, Asoc. Festival ANTROSPINOS, Asoc. Cultural e Xuvenil TOXO BRAVO - Agrup. Teatral CRIATURAS,....entre outras)

CHARANGAS - Ambientación musical polas Charangas “N.A.S.A”, “O RETORNO DOS TERRIBLES” e “VAI DE RODA”
Enterro do TORIBIÑO - Velorio e posterior queima. Organiza Asoc. Cultural e Xuvenil TOXO BRAVO

Pode que tamén lle interese:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical