27.12.10

A Pobra do Caramiñal: Ámbar celebrou a entrega de premios do concurso de debuxo por Nadal

A Pobra do Caramiñal. 27 de decembro de 2010.  Esta mañá tivo lugar a entrega de premios do XIII Concurso de Debuxo de Nadal que organiza a Asociación AMBAR.
 
O acto de entrega de premios, presidido polo director do centro sociocomunitario de Pobra do Caramiñal, Ricardo Simil. e a presidenta de AMBAR, Milagros Rey, tivo lugar hoxe ás 12:30 no centro sociocomunitario, e nel estiveron presentes, á parte dos premiados, usuarios e monitores do centro de recursos da Barbanza.

Os premios entregados foron os seguintes:
 
1º premio. Esperanza Silva, premio de 90 euros e a impresión do debuxo na postal navideña de AMBAR.
2º premio. Sonia Alonso, premio 60 euros.
3º premio. Charo Fernández, premio 60 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o festival de panxoliñas en San Xián de Liaño puxo o remate ás actividades especiais de Nadal


Unha interpretación conxunta do Adeste Fideles foi o colofón do I Festival de Panxoliñas

Dodro, 27 de decembro de 2010. O Festival de Panxoliñas de Dodro tivo lugar onte, día 26 de decembro, na igrexa de San Xián de Laiño organizado pola concellaría de Cultura do concello de Dodro. O colofón púxoo unha interpretación conxunta do tradicional Adeste Fideles.

Coral de Laíño

 
O acto estivo conducido polo irmán Reboiras de La Salle, e supuxo unha homenaxe á musica tradicional galega. Asimesmo, o concello quixo aproveitar para recoñecer o labor deste irmán Reboiras na normalización da lingua galega na igrexa parroquial na que tivo lugar o Festival, pois pola súa iniciativa e co apoio do párroco e a boa acollida da xente da parroquia, fai moitos anos que os actos litúrxicos se celebran na mesma lingua que falan os fregueses: o galego.

Coral de La Salle (Santiago)

Coral de Padrón
 
Esta actividade pecha a programación especial de Nadal prevista pola concellaría de Cultura, na que participaron ao longo destes días centos de persoas.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o obradoiro de emprego "Airoas" comeza para formar a vinte mulleres e quince homes

Desta iniciativa sairán alumnas e alumnos con experiencia en xardiñería, carpintería e pavimentación con lastros

Ribeira, 27 de decembro de 2010.- Un total de 35 persoas (vinte mulleres e quince homes) iniciaron hoxe no Parque Periurbano de San Roque o novo obradoiro de emprego Airoas: un programa público de emprego-formación no que se alterna a formación teórica coa práctica profesional en ocupacións ou actividades de utilidade pública ou interese social, e que ten como finalidade a inserción laboral de persoas desempregadas de vinte e cinco ou máis anos.

Neste obradoiro vanse a impartir tres especialidades: xardinería (no que participarán tres homes e sete  mulleres), carpintería (oito mulleres e dous homes) e pavimentación con lastros (cinco mulleres e dez homes).

Durante a apertura desta escola taller, cofinanciada polo Concello e a Xunta, o alcalde José Luis Torres Colomer foi o encargado de presentar a actuación ante a nova promoción de alumnos-traballadores, cuxa formación se prolongará ata decembro de 2011. Cabe recordar que Ribeira xa foi obxecto doutros obradoiros de emprego, baixo as denominacións de Illa de Sagres, Illote Noro e Illote Noro 2.

O novo equipo formativo estará dirixido por Uxía Argibay , que se encargará da coordinación xeral do obradoiro de emprego, así como das relacións co exterior: consellería, entidade promotora, empresarios. Ademais, o equipo vai estar composto por outras oito persoas: un mestre para pavimentación con lastros, outro para xardinería e outro para carpintería, unha titora, un mestre de educación, un mestre de xestión empresarial, un auxiliar administrativo e unha condutora/ordenanza.

Actuacións previstas

Cenador de madeira realizado polo obradoiro 'Illote Noro II"

En canto ás actuacións que se van a realizar, unha vez máis o Parque Periurbano de San Roque será o principal beneficiado dos traballos: concretamente, a través da pavimentación e axardinamento na zona da entrada a este recinto dende a estrada xeral que pasa por Frións e a realización da segunda fase do empedrado no acceso peonil que parte dende a zona dos Xulgados de Santa Uxía.

Outras actuacións que se ten previsto realizar son o mantemento e mellora de parques e xardíns municipais e a construción de equipamentos de madeira e de casetas-vestiarios para espazos públicos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Liceo Marítimo organiza un baile para fin de ano e convoca asemblea o 16 de xaneiro

Ribeira, 27 de decembro de 2010. A Sociedade do Liceo Marítimo celebra este vennres, día 31 de decembro, un baile de maiores amenizado pola orquestra Odisea. Comeza ás 12 da noite nos locais sociais.
 
     Por outra banda o Liceo convoca a todos os socios para unha asemblea xeral ordinaria que terá lugar o vindeiro día 16 de xaneiro, domingo, xa do 2.011, nos locais da sociedade, ás doce do mediodía para tratar os asuntos seguintes:
 
   1º.- Lectura da acta da asemblea anterior e a súa aprobación, se procede.
   2º.- Memoria de xestión durante o ano e informe económico.
   3º.- Informes do Presidente e da Xunta Directiva.
   4º.- Rogos e preguntas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical