Pintada en Noia a prol das touradas
Noia, 21 de xullo de 2011. O PP de Noia, partido da oposición, presentou unha moción para reclamar que se volten programar corridas de touros nesta vila. Os conservadores noieses alegan que é unha tradición "antiquísima en toda Galicia". Na súa moción comparan o despotismo ilustrado do mellor alcalde de Madrid, Carlos III, co do actual equipo de goberno, ao que chaman "despotismo menos ilustrado".
Como é habitual en Certo, poñemos o texto íntegro da moción:
"O Grupo Municipal Popular, ao amparo do establecido no artigo 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, formula, para o seu debate e, no seu caso aprobación no Pleno Ordinario a celebrar o vindeiro día 29 a seguinte
MOCIÓN
Exposición de motivos:
Desde o ano 2008 o bipartito local e posteriormente o goberno en minoría do PSOE do mandato anterior decideu suspender a celebración das tradicionais corridas de touros, rachando de xeito arbitrario e sin consenso plenario unha tradición secular e identitaria.
Esta tradición é antiquísima en toda Galicia, e xunto co porto marítimo sitúabanos con Pontevedra como puntos de referencia de Galicia. Moito máis antiga son as soltas que se facían na rúa do Curro que debe precisamente o seu nome aos encerros da época.
En Noia hai mencións da festa dos touros dende o século XVII aínda que segundo Pérez Constanti esta tradición remontaríase ao século XI.
Posteriormente as reais ordenanzas ilustradas de Carlos III foron as responsables da desaparición das corridas de touros na maioría das vilas galegas quedando máis arraigadas noutros puntos da xeografía estatal. Eran os tempos do Despotismo Ilustrado (todo para o pobo pero sen o pobo).
Douscentos anos despois, en Noia, outro despotismo, esta vez menos ilustrado, e froito dunha mentalidade pechada nun corral ideolóxico dogmatizado e que en absoluto se corresponde coa realidade e a demanda social, pretende extirpar unha tradición polo sinxelo feito de non ser do gusto persoal dos nosos dirixentes, sen ter en conta as importantes repercusións que, por exemplo, no sector da hostelería supón a celebración deste evento dentro dos programas de festexos das festas e feira de San Marcos e das festas patronais de San Bartolomeu.
Estes sectores e a cidadanía en xeral teñen os mesmos dereitos que calquera outro a ter unha actividade festiva do seu interés, atendendo á diversidade e complexidade da sociedade aberta na que vivimos, sobre todo tendo en conta que supón un importante polo de atracción de veciños e visitantes que contribúen directamente a paliar os efectos da crise en moitos dos sectores da maltreita economía local e ó mantemento e creación de postos de traballo no sector servicios, hostelería, transporte, alimentación, etc.
Coa supresión dos festexos taurinos deslúcense e devalúanse as nosas festas, e ao final perdemos todos, tanto os que van ós touros como os que non.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Partido Popular presenta para a súa aprobación se procede, os seguintes
ACORDOS:
Incluir no programa de festexos das próximas festas patronais de San Bartolomeu os festexos taurinos, así como nos sucesivos eventos festivos propios da nosa vila.
Que se xestione e se promocione estos tradicionais eventos para que teñan a brillantez e calidade de antaño coa dobre finalidade da difusión e promoción da nosa vila e as repercusións económicas nos distintos sectores estratéxicos de Noia.
En Noia, a 21 de xullo de 2011
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia