10.3.11

Noia: esta fin de semana, Feira do Comercio no pavillón municipal, do venres 11 ao domingo 13

Mar: o Bng apoia a posición de mariñeiros e bateeiros contra as gaiolas de salmón na ría de Muros-Noia

Gaiolas salmón na Ría de Muros-Noia (2).pdf Download this file


Gaiola de salmón en Sudamérica. Consumen tanto osíxeno da auga  que hai que implementar difusores como o que se mostra

Noia, 10 de marzo de 2011. O BNG da comarca de Muros e Noia apoia a posición do sector pesqueiro e marisqueiro desta bisbarra comarca en relación ao autorización dada pola Xunta de Galicia para a instalación de dúas gaiolas para o cultivo industrial de salmón no polígono mexilloeiro Muros C, na ría de Muros de Noia. Dese xeito, a carencia de estudos definitivos que –tal e como denuncian as confrarías- demostren que este tipo de instalacións non teñen repercusións negativas sobre o medio mariño, desaconsella a instalación das mesmas nesta ría. "Debemos recordar que a actividade pesqueira e marisqueira constitúe un dos puntais económicos da nosa bisbarra dependendo deste recurso o emprego de centos de persoas", argumentan os nacionalistas.

O BNG de Muros e Noia quere recordar ademais que foi o BNG quen, no mes de novembro pasado, levou este tema ao Parlamento galego despois de que representantes do sector trasladaran a súa preocupación sobre a cuestión en sendas reunións que tiveron lugar en Muros e Noia.

Mariscadoras

Do mesmo xeito, queremos instar a conselleira Rosa Quintana a que teña en conta as opinión destes colectivos posto que as decisións que recentemente se están a tomar por parte da consellería, tales como a supresión das axudas ás mariscadoras maiores de 65 anos que non teñen dereito a pensión, son tremendamente lesivas e foron tomadas de costas ao sector. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: solicitan actualizar o inventario de bens públicos, obsoleto dende 1992

Media_httpfarm5static_phiil

Rianxo, 10 de marzo de 2011. O candidato á alcaldía de Rianxo polo BNG asume como unha das tarefas inmediatas do vindeiro goberno municipal a elaboración e actualización dun Inventario de Bens do Concello. "Hoxe seguimos carecendo dun inventario actualizado de bens do Concello, realizándose o último con data de 1992, o que nos deixa nunha situación clara de descoñecemento a día de hoxe, dezanove anos despois, dos bens municipais reais do Concello de Rianxo. Este descoñecemento xoga en contra dos intereses colectivos como se acaba de poñer de manifesto no Barral onde diante da xusta demanda dos veciños para instalar un novo transformador que solucione os problemas de potencia eléctrica da zona encóntranse con terreos que, citamos, non son: - nin do concello ni comunais- e que ademais estarían sen rexistrar. Esta inconcreción demora a saída que as casas do Barral precisan para solucionar o mal servizo que lles da a compañía eléctrica", explica Adolfo Muíños.

A situación afecta tamén a outras parroquias que mesmo plantexaron, caso do Araño, realizar un inventario parroquial dos baldíos e camiños pola súa conta, ou en Asados onde houbo que abrir procedementos de investigación para solucionar diferentes reclamacións a instancia de veciños diante do descoñecemento municipal das propiedades públicas e dos seus limites.

Desde o BNG de Rianxo levan varios mandatos "tentando infructuosamente que o executivo se anticipe aos problemas e aos conflitos, realizando este inventario de camiños e propiedades, para salvargardar os intereses públicos e evitar demoras, xuizos e gastos innecesarios do erario público", conclúen.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o Psoe considera "inaprazable" que a Xunta protexa o castro de Baroña e adique unha partida orzamentaria a iso

Lage considera que mentres "o goberno galego segue enterrando centos de millóns de euros na Cidade da Cultura, contedor cultural que non se sabe para que serve, está a desprotexer o castro de Baroña, patrimonio cultural galego"


Porto do Son, 10 de marzo de 2011. O deputado barbanzano do PSdeG-PSOE José Manuel Lage Tuñas interviu hoxe no Pleno da Cámara para interpelar ao goberno galego sobre o motivo polo cal a Consellería de Cultura e Turismo non dispón dunha partida dedicada á urxente actuación da restauración e protección do Castro de Baroña.

Lage Tuñas recordou que “foi o propio presidente da Xunta o que dixo que a axuda para protexer o castro de Baroña tiña que vir de fóra, pero nós cremos que a consellería de Cultura deste país ten que protexer o noso patrimonio e non botar balóns fóra.” O deputado do PSdeG-PSOE ve “inaprazable” que a Xunta de Galicia protexa o castro de Baroña e pídelle que destine unha partida orzamentaria á aplicación urxente do plan especial de protección do citado xacemento.

Lage Tuñas manifestou na súa intervención que “o goberno galego segue a enterrar centos de millóns de euros na denominada “cidade da cultura”, contedor cultural que segue sen saberse moi ben para que serve ao mesmo tempo que asistimos á desprotección do castro de baroña, patrimonio cultural de tódalas galegas e galegos”

Asegurou que “esta grave contradicción no ámbito da cultura e do patrimonio require doutra política diferente á que está desenvolvendo o goberno galego en materia de protección do patrimonio cultural.”


Ben de Interese Cultural

Sinalou tamén que “é fundamental o recoñecemento do castro de Baroña, sito no concello de Porto do Son (A Coruña) como ben de interese cultural BIC)” e asegura que “despois de vintetrés meses de goberno presidido por Núñez Feijóo con ausencia de noticias sobre a xestión do goberno galego nesta materia, entendemos que é preciso facer un balance da situación na que se atopa o recoñecemento cultural e patrimonial do castro de Baroña.”

Os socialistas galegos queren que en 2011 se declare BIC (ben de interese cultural) o castro de Baroña, despois de dous anos “en blanco”, “onde a consellería de Cultura non tramitou o expediente administrativo que agora anuncia a bombo e platillo.” apunta Lage Tuñas.

O conselleiro de Cultura recoñeceu que a Xunta aínda incoará o expediente no primeiro cuadrimestre deste ano, tendo prevista a súa culminación administativa e declaración definitiva a finais de ano.

“Esto demostra que este goberno durante os anos 2009 e 2010 non fixo absolutamente nada respecto da tramitación do castro como BIC” advertiu José Manuel Lage.


Partida para urxente actuación no castro de Baroña

O parlamentario socialista explicou que “os socalistas galegos defendemos en moitas ocasións a importancia de poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural, e a necesidade de que os poderes públicos adopten decisións encamiñadas a acadar este obxectivo amplamente compartido pola sociedade galega.”

Na súa intervención reclamou ao conselleiro de Cultura que adique unha partida orzamentaria ao coidado, restauración e protección do castro de Baroña, patrimonio de tódolos galegos e galegas, e que está sufrindo un serio deterioro pola inacción da xunta de Galicia, que é a administración competente en materia de protección do patrimonio cultural.

“Así as cousas consideramos urxente que o Goberno Galego adique unha partida económica neste ano 2011 para a execución das actuacións urxentes previstas no plan especial de protección do citado xacemento, nos prazos que sexa posible e seguindo os criterios técnicos do citado plan.”

Por todo isto Lage Tuñas considera imprescindible que a Xunta de Galicia proceda a:

1.-Concluír, durante o ano 2011, os trámites do correspondente expediente para a declaración do castro de Baroña, sito no concello de porto do son (A Coruña), como ben de interese cultural (BIC).

2.-Dispoñer unha partida orzamentaria para a urxente actuación de restauración e protección patrimonial como fixa o plan especial de protección do castro de Baroña (Porto do Son- A Coruña).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o sábado 12 de marzo, inauguración do centro social de Esteiro

O Concello de Boiro e os veciños inaugurarán o sábado día 12 ás 13.00 horas a reforma da antiga escola unitaria

Media_httpfarm6static_wnmhh

En decembro de 2010 inaugurouse o centro social de Abanqueiro

Boiro, 10 de marzo de 2011.  O Concello de Boiro e os veciños do Esteiro, na parroquia de Santa María do Castro, inaugurarán este sábado, día 12 de marzo, ás 13.00 horas, a reforma da antiga escola unitaria do lugar, que foi desafectada polo Concello e convertida en Centro Social, unha infraestrutura que contribuirá a revitalizar e dinamizar o lugar. Ao acto, presidido polo Alcalde, Xosé Deira Triñanes, está convidada a corporación municipal e as asociacións da parroquia. Este rematará cunha festa promovida pola Asociación de Veciños A Marxa, que preside Mario Fontán Ramos.

A adecuación do Centro Social do Esteiro contou cun investimento próximo aos 50.000 euros, financiados ao 100% pola Deputación da Coruña. O edificio, ao que se lle meteron vigas para reforzar a súa estrutura, foi obxecto dunha reforma integral. No interior tiráronse tabiques e dividiuse en dúas plantas; a baixa está dedicada basicamente a sala de reunións e na planta alta hai aulas e oficinas. Tamén se fixeron tres aseos (un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida), colocouse tella nova, habilitouse un porche e retirouse parte do peche, que se atopaba en mal estado.

O Concello anima a tódolos veciños a participar neste acto.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres 11 de marzo repiten en Taragoña a Eurovisión máis bizarra, ante o éxito obtido

Michael_jackson_antrospinos

Media_httpfarm6static_ifcaw

Rianxo, 10 de marzo de 2011. Dado o éxito de asistencia e o balbordo que se creou en torno ao BITUIN DE TRIS, o programa Vaia Troula da TVG púxose en contacto coa asociación cultural de Taragoña Antrospinos para facer unha reportaxe,  así que a cita repítese este venres 11 de marzo, novamente no Centro Cultural e Deportivo de Taragoña, a partires das 22:00 horas.


Os de Antrospinos son clariños: "EUROVISIÓN. BITUIN DE TRIS! “RIPLEI!” non defraudará. Contamos xa en cartel con 21 dos 25 grupos presentados o pasado venres e aínda con 5 novos a maiores, entre os que se atopan KISS ou o gran Bisbal! A participación dos grupos e artistas que subiron o venres 4 ao escenario deste particular festival de Eurovisión, volven con máis ganas para conseguir o desexado premio que argallamos para este RIPLEI: ABRIR A 4ª EDICIÓN DO FESTIVAL ANTROSPINOS (FAP)!! actuando como teloneiros dos grupos que se reúnan este ano no agardado festival os días 29 e 30 de xullo. Esta é unha das grandes novidades do RIPLEI!"

O pasado venres 4 de marzo unhas 300 persoas ateigaron o Salón de Actos do Centro Cultural taragoñés disfrutando dun espectáculo de Entroido único. Un amplo abano de público asistiu a esta festa ofrecida pola FAP, desde nenos ata maiores, para ver as interpretacións estelares dun total de 25 grupos, que foron subindo ao escenario desde as 23:00 h. ata as 3:00 h. Os asistentes non perderon detalle dunha sorte de Luar entroideiro con actuacións coma a de Ana Kiro, os Bee Gees, Demis Roussos, Extremoduro, Beyoncé, ACDC, Miguel Ríos, Locomía, Xil Ríos, Carlos Núñez, Cristina Pato, Azúcar Moreno, Camela ou os bailaríns do filme Dirty Dancing, entre moitos outros! Coa repercusión que tivo o evento, ata a artista Cristina Pato, a de verdade, se enterou da celebración e votou pola imaxe dos seus imitadores no Facebook de Antrospinos. Houbo un ambiente fantástico durante toda a noite, por parte de participantes e público. Os artistas estaban moi metidos no seu papel e fixeron rir á esgalla a un público que se entregou ante o esforzo dos intérpretes, algúns deles con verdadeiras coreografías ensaiadas para a ocasión.

En que consiste EUROVISIÓN BITUIN DE TRIS?

Os concursantes, como grupo ou solista, irán subindo ao escenario para interpretar en play-back a canción escollida. Todos aqueles que queiran participar aínda están a tempo de se anotar mandando un correo ao enderezo do Facebook ou unha SMS ao número  693.778.470, co nome completo dun dos participantes, nome do artista a imitar e canción. Os menos ousados tamén poden formar parte do BITUIN DE TRIS RIPLEI asistindo como público.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: cinefórum sobre Alzheimer o 1 de abril e inscrición no proxecto "Vida saudable"

Media_httpfarm4static_rjxmf

A Pobra do Caramiñal, 10 de marzo de 2011. AGADEA (Asociación Galega de Axuda aos Enfermos de Alzheimer) realizará un Cinefórum sobre a Enfermidade de Alzheimer na Pobra do Caramiñal. Proxectarase o documental “Bicicleta cuchara manzana” que reflicte a convivencia con esta doenza do ex-presidente de Generalitat Catalana Pascual Maragall para posteriormente profundizar na enfermidade por profesionais de AGADEA nunha charla coloquio. Será o venres 1 de abril ás 19:30, no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal.

<p style="font:bold 23px/24px arial, sans-serif;letter-spacing:-0.5px;color:#333333;margin:4px 0 0;">Tráiler: Bicicleta, cullera, poma (Bicicleta, cuchara, manzana) </p><br>
Este filme acadou o Goya á mellor película documental na edición deste ano

A actividade estará aberta a toda a poboación, para divulgar os problemas e tratamentos da enfermidade de Alzhéimer, que afecta xa a 26 millóns de persoas en todo o mundo.

Proxecto "Vida saudable": ata 20 de marzo

A Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Balbina Lojo, informa de que xa está aberto o prazo de inscrición para solicitar praza no proxecto "Vida saudable". Denomínase así a un conxunto de actividades de piscina con natación terapéutica, aquagym, ximnasia de mantemento e un obradoiro de musicoterapia.

Os requisitos para beneficiarse deste programa son ter máis de 60 anos e residir na Pobra. O prazo de inscrición remata o 20 deste mes de marzo. É de balde, pois está subvencionado pola Deputación. Os interesados deben dirixirse ao centro sociocomunitario da Pobra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este domingo 13 de marzo celébrase o particular "Enterro do Óso" en Abanqueiro

Media_httpfarm4static_jofnm

Cacheira de porco a enterrar. Foto de Diego Romero

Boiro, 10 de marzo de 2011. O  Enterro  do  Óso celébrase este domingo, día 13 de marzo, na parroquia de Abanqueiro. É unha tradición única en Galicia, que consiste no enterro da cachola dun porco e un óso na propiedade da última persoa da aldea que deixou a solteiría.
A xornada promete ser longa e repleta de actividades para entreter ao público asistente. Pola mañá, ás doce do mediodía, haberá unha "matraquillada", que non é outra cousa que unha procesión de pequenos tractores (desde "pasqualíns" ata outros modelos pequenos pero agrariamente potentes). Cada matraquillo irá locindo elementos do Entroido -en Boiro dise Antroido- e circulará polos lugares máis representativos de Abanqueiro co obxectivo de chamar a todos ao funeral festeiro e animalos a ensarillarse no mesmo.

Media_httpfarm4static_qfabf

A matraquillada é unha procesión de tractores pequenos con adobíos choqueiros

Pola tarde, ás catro e media, xa sae a "comitiva fúnebre" ata a "casa do defunto", pois este enterro simbólico partilla os mesmos elementos simbólicos que os habituais, ou sexa: un cura, ataúde, viúvas ao pé, choronas, oracións e sermón. Todos eles cheos de sátira dirixida á actualidade e con adaptación ao Antroido. Hai que enterrar o óso e a cabeza do porco e a parella que se casou por último na parroquia debe ofrecer bebida e comida típica de Entroido a todo aquel veciño que acuda á súa casa.
No resto da tarde haberá unha charanga animadora e, para rematar, sobre as oito e media, á noitiña, este ano darán un concerto os de La Banda de Balbina, gañadores de A Polo Ghit do ano 2009.

O Enterro do Óso é unha tradición que ten máis dun século de vida, sempre promovida e organizada por veciños de Abanqueiro sen ningún tipo de asociación ou entidade que se faga cargo dos festexos. Por estas bisbarras hai outros enterros, como o do Felipiño en Porto do Son ou Ribeiro, ou o do Toribiño en Rianxo, así como o tradicional e tan estendido da Sardiña, pero Enterro do Óso só hai en Abanqueiro.

Segundo contan os vellos de Abanqueiro, -non hai documento que o acredite, é tradición oral- a única razón de que se enterre un óso e a cacheira do porco é que "cando te casas comes a carne e deixas o óso".

Media_httpfarm6static_wigxa

O edil de Cultura de Boiro e o presidente de Borobó presentan a esquela deste ano

Neste últimos anos, a persoa que máis pulo lle deu a esta iniciativa foi Pepe Vida, pero desta volta a asociación cultural Borobó tamén ofreceu o seu apoio na organización, xa que moitos integrantes deste colectivo, comezando polo seu presidente, Jorge Campaña, son naturais de Abanqueiro. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical