14.1.13

Ribeira: obras para todas as parroquias, aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario de hoxe

  • Son oito actuacións en sete parroquias e a maiores das obras, hai unha partida para rematar o centro social de Carreira que vai iniciar o actual obradoiro de emprego "Vionta"

Media_httpfarm9static_eosdj

Docentes e alumnos do recén creado obradoiro "Vionta"


Ribeira, 14 de xaneiro de 2013.- A Corporación celebrou hoxe un pleno extrordinario e urxente no que se aprobou por unanimidade á realización de oito novas actuacións que están enmarcadas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación (comunmente coñecido como POS) e que servirán para seguir adecuando e humanizando as distintas parroquias que conforman o concello.

O POS 2013 ascende a un total de 449.236,85 euros financiados integramente pola Deputación. Dos mesmos, 386.237,55 euros están destinados a seis obras incluídas dentro do denominado POS principal e que benefician a outras tantas parroquias: en Aguiño, a pavimentación das rúas Lagarto, Manuel Murguía e Mestre Sans Ortega; en Artes, a pavimentación do entorno da Igrexa Parroquial; en Castiñeiras, a pavimento, auga potable e pluviais na rúa Alto da Fonte; en Corrubedo, a pavimentación, saneamento e pluviais nos accesos á praia do Prado; en Olveira, a pavimentación, saneamento e pluviais nunha praza en Sirves; e en Palmeira, a pavimentación da explanada do porto.

Os 62.999,30 euros restantes destínanse a gastos correntes, se ben o fin último desta contía é, segundo informou o alcalde, completar a construción do novo Centro Social de Carreira cuxa construción van iniciar os alumnos-traballadores do obradoiro Vionta.

Como POS complementario prevense outras dúas actuacións: en Olveira, a pavimentación de camiños no lugar de Bouza; e en Santa Uxía, a pavimentación do entorno do Cruceiro dos Remedios en Deán.

Aguiño

Media_httpfarm4static_ccgte

As rúas Lagarto, Manuel Murguía e Mestre Sans Ortega están situadas no centro da parroquia e son moi transitadas. As súas calzadas, feitas en aglomerado asfáltico, están bastante deterioradas polo uso e o paso do tempo. O obxectivo que se persegue reside en pavimentar a calzada cunha mestura bituminosa co fin de mellorar a seguridade viaria. Ademais, ampliaranse as arquetas existentes para aumentar a súa capacidade de desaugue, procederase ao enrasado das tapas á cota do novo pavimento e pintaranse as pertinentes marcas viarias. O orzamento é de 50.694,93 euros e o prazo de execución dun mes.

Artes

Media_httpfarm3static_jgclo

Igrexa de Artes

A actuación localizarase na rúa que parte dende a estrada Artes-Corrubedo, á altura de Outeiro, ata a igrexa parroquial: vía que sirve de acceso a este recinto e ao cemiterio e que é moi frecuentado ao longo de todo o ano.

A intención do Concello é substituír o pavimento existente (de aglomerado asfáltico e que está moi deteriorado nalgúns puntos) por outro de pedra acorde co entorno. Concretamente, disporase un novo pavimento a base de lousas de granito de 60x40x8 centímetros, con franxas de adoquín, tamén de pedra, de 33x16x8 centímetros, sobre 5 centímetros de mortero de cemento.

A actuación ten un importe de 79.728,41 euros e un prazo de execución de dous meses.

Castiñeiras

A acción planteada céntrase nunha das principais arterias do núcleo urbano de Castiñeiras, que hoxe en día presenta pavimentos de formigón e tramos de terra apisonada, en ocasións con maleza. Ademais de desbrozar a área de actuación, construiranse redes de pluviais e de auga potable e estenderase un pavimento de formigón en masa, combinado con franxas de adoquín de formigón recto. O orzamento da obra é de 35.915,14 euros e o prazo de execución, dous meses.

Corrubedo

As rúas obxecto da actuación serven de comunicación entre o porto e a praia do Prado, especialmente no período estival. O seu firme está  formado por pavimento de formigón, bastante deteriorado nalgúns puntos. Non existe rede separativa de alcantarillado, descorrendo augas fecais e pluviais por un único colector.

A efectos de mellorar a zona, instalaranse colectores de PVC compacto para saneamento de fecais e de PVC corrugado para pluviais. Ademais, pavimentarase a zona con distintos tipos de pedras co fin de lograr un debuxo semellante ao de áreas próximas recentemente pavimentadas: lousas de granito de 60x40x8 centímetros combinadas con adoquíns de granito de 20x10x8 centímetros. O importe é de 73.212,83 euros e o prazo de execución de tres meses.

Olveira

A praza obxecto da actuación está localizada en Sirves, que alberga a Capela dos Dolores, edificación de certa importancia e que serve de centro neurálxico para os veciños do lugar. A intención do Concello é instalar redes de saneamento e pluviais e pavimentar a zona con lousas de granito tipo perpiaño, ademais de dispor diversos elementos de mobiliario urbano.

A obra ten un orzamento de 35.879,30 euros e un prazo de execución de dous meses.

Palmeira

A esplanada do porto de Palmeira é unha zona moi transitada que na actualidade está deteriorada nalgúns puntos. Plantéxase a súa pavimentación con adoquín de formigón prefabricado en tonalidades gris e verde, que se colocarán sobre unha capa de morteiro de cemento estendida enriba dunha soleira de formigón.

O orzamento da obra ascende a 110.806,94 euros e o prazo de execución  é de dous meses.

POS complementario

Polo que respecta as actuacións enmarcadas no POS complementario, a pavimentación de camiños no lugar de Bouza (en Olveira) céntrase en dous vías que teñen distintas características, xa que unha delas conta con aglomerado asfáltico (que presenta algunhas irregularidades) e a outra un firme de zahorra e terra vexetal que en ocasións resulta intransitable na tempada de inverno por mor das chuvias.

Ambos camiños serán pavimentados para permitir a circulación de vehículos en condicións axeitadas. O primeiro cunha mestura bituminosa en quente e o segundo con tratamento superficial formado por un triple rego asfáltico estendido sobre unha capa de grava.

Esta actuación ten un orzamento de 35.103,83 euros e un prazo de execución dun mes.

Por último, actuarase nas zona na que se sitúa o Cruceiro dos Remedios, en Deán (Santa Uxía), que a día de hoxe rexistra uns pavimentos de aglomerado asfáltico, formigón ou lousas de baldosa hidráulica moi deteriorados polo continuado tránsito de peóns e vehículos.

Co obxecto de mellorar a zona, as rúas adxacentes ao Cruceiro serán pavimentadas con lousas de granito abuxardado de 20x10x8 centímetros e adoquíns de granito de 60x40x4 centímetros; e o entorno do propio Cruceiro, con lousas de 60x40x4 centímetros.

O importe da obra é de 61.419,31 euros e o prazo de execución, dous meses.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: Ramón Sampedro, o maior activista galego pro-eutanasia, voltou ser homenaxeado

Vídeos e tweets de Paco do Martelo







Foi o 12 de xaneiro de 1998 cando Ramón Sampedro, mariñeiro de Xuño tetrapléxico, farto da xustiza lenta e dos políticos inmisericordes deste país, decidiu deixar este mundo. Como reza o noso refraneiro, "entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro", e en calquera das súas homenaxes, sempre arredor da data do seu pasamento, o frío e a chuvia están presentes. Iso non arreda aos seus amigos, familia e admiradores, que xa levan con este 14 homenaxes. Notouse que non había eleccións á vista, pois a presenza de autoridades foi case nula: só se presentou o ex alcalde socialista Pastor Rodríguez, aínda edil na corporación sonense.

Os que nunca fallan e promoven con máis forza este homenaxe son os de Dereito a Morrer Dignamente e a súa familia e amigos. O seu anceio é que o legado de Ramón Sampedro non morra e que se consiga o que pediu ata que non puido máis: a eutanasia. Os políticos deste país, gravemente acomplexados pola moral católica que considera isto un pecado mortal, inda nin sequera abriron o debate. En países máis avanzados -Holanda, Bélxica ou Suíza, entre outros- xa é algo que a sociedade asumiu, pois foi explicado e debatido nas cámaras de representación cidadá.

O XIV homenaxe a Ramón Sampedro fixo de novo protagonistas á natureza -ese mar que el tanto amaba inda que nel quedara baldado e eses caraveis vermellos que se arroxaron no seu leito- e á poesía. O mesmo Sampedro deixou en "Cartas desde el infierno" un feixe de versos nos que este activista da eutanasia pediu, séndolle negado, unha morte digna a uns tribunais, os españois, que son tan lixeiriños en darlle cadea aos pobres e inda máis en zafar aos ricos e poderosos.

Media_httpfarm3static_nfcag

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: homenaxearán ao intelectual Celestino García Romero o venres 25 na súa aldea natal de Comoxo

Quen era Celestino García Romero?

Media_httpfarm4static_dbbkb

Celestino García Romero, nado en Comoxo, Boiro, foi xesuíta e escribía en galego cando aínda non se estilaba demasiado (1855-1929). Publicou obras de teatro e estudos etnográficos sobre diversas cuestións. Tamén se interesou pola arqueoloxía (o castro do Coto de A Moreira, por exemplo).

Media_httpfarm6static_obcjr

Tíñalle medo a unha nova desamortización (a máis famosa, a de Mendizábal, fora en 1836 e a de Madoz, en 1855, ano do nacemento de García Romero) e procurou que, no caso de que así fora, os bens da Igrexa quedasen na súa familia. Na súa casa natal hai un sombreiro de clérigo na entrada na súa memoria.



Cartel Celestino García Romero.pdf Download this file

Invitación Celestino García Romero.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Poesía: Silvia Penas súmase aos finalistas que recitarán na final do Slam Arousa

Silvia_penas


Silvia Penas nun instituto recitando

Vilagarcía, 14 de xaneiro de 2013. A poeta Silvia Penas, que foi gañadora tamén o pasado ano do primeiro Slam Poetry Vigo gañou este pasado sábado, 12 de xaneiro, en Vilagarcía de Arousa a cuarta convocatoria de Slam Arousa (poesía recitada dende a ría) que dende o pasado ano leva percorrendo localidades da Ría de Arousa.

Unha poeta máis que se suma á festa da poesía que se celebrará en marzo na Illa de Arousa. A súa voz atrapou aos asistentes dende o primeiro poema e saíu victoriosa tamén na final, á que chegaron tamén Mauricia Ces Quintáns e Hadriana Ordóñez (concelleira de Cultura de Rianxo). No acto, recitáronse poemas dos anteriores finalistas, Celia Parrra, Ramón Blanco e Pedro Campos, que estivo presente no acto e decidiu deleitar ao público con algúns poemas musicados en directo coa súa guitarra eléctrica tocada de xeito particular e masterizada tamén ao vivo. No acto houbo poesía, música, humor e unha ducia de participantes que quixeron recitar os seus propios versos para os que decidiron achegarse á cervexería Gael.

O vindeiro mes, o Slam Arousa vaise trasladar a Cambados.

Biografía da gañadora


Realizou estudos de Filoloxía galega na Universidade de Vigo, cidade onde mora a día de hoxe. Exerce como profesora de lingua e literatura galega, ademais de dedicarse a outras tarefas profesionais. Os seus textos foron galardoados en diferentes certames de poesía e narrativa, entre os que cómpre mencionar o Premio de poesía da Universidade de Vigo 2005, co poema en cinco partes Neste Bosque. Cun conxunto de poemas intitulado A tiranía do des foi premiada en 2007 no Certame Galego de Creadores Novos GZcrea. En 2009 publica Biografía da multitude en coautoría con Elvira Riveiro Tobío, este poemario acadou o premio de poesía Victorano Taibo en 2009. Ten participado en numerosos recitais como membro do colectivo Redes Escarlata. A imaxe desta biografía é do blog As escollas electivas

Pode que tamén lle interese:





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical