19.1.11

Noia: Cruz Vermella imparte un curso de primeiros auxilios do 5 de febreiro ao 5 de marzo

Noia, 19 de xaneiro de 2011. Cruz Vermella de Noia informa de que o seu curso de Primeros Auxilios será todos os sábados do 5 de febreiro ao 5 de marzo, en horario de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00 horas. Impartirase, como é costume, na aula de formación da Cruz Vermella en Noia. Ten unha duración de 40 horas e está dirixido ao público en xeral.

Para anotarse hai que chamar ás oficinas desta entidade en Noia, nos números 981825405 e 981824839.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng pide o Día das Letras Galegas 2012 para o poeta Faustino Rey Romero


Faustino Rey Romero, no blog Ferruxadas, onde se contan anécdotas da súa vida

Rianxo, 19 de xaneiro de 2011. O BNG de Rianxo quere apoiar desde a institución municipal o traballo encetado por diferentes colectivos culturais e persoeiros da cultura en prol de dedicar o Día das Letras Galegas do 2012 a Faustino Rey Romero, crego nacido en Isorna en 1921 e morto en 1971 en Bos Aires.

"Cremos en don Faustino concorren as dúas circunstancias que os estatutos da Real Academia Galega estipulan para esta escolla: a figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. ...Deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. Co impulso, que pensamos unánime, da corporación rianxeira queremos contribuír a xerar as sinerxias necesarias para que todos os colectivos rianxeiros e da Barbanza, a sumarse ás creadas noutros lugares onde a pegada de Rey Romero se estendeu: que Tui e Baixo Miño aposten pola figura deste rianxeiro para a súa homenaxe xeral de todo o país e o seu recoñecemento xeneralizado", explican os nacionalistas de Rianxo.

"A obra literaria, especialmente no campo da poesía e a súa faciana de activista cultural como un dos fundadores do Ateneo Ullán, cerne da Romaría Viquinga de Catoira, son elementos de mérito para afondar se cabe aínda máis no espallamento da súa vida e obra. Unha vez máis un dos fillos de Rianxo pode ser merecente da festa grande das nosas letras, tras Castelao, Dieste e Manuel Antonio", argumentan dende o Bng.


É precisa unha programación cultural para homenaxealo

O BNG de Rianxo presentará unha moción neste senso para aprobala no pleno ordinario do mes de marzo, "que agardamos sexa unanimemente apoiada por todos os partidos. Ademais estando nos 90 anos do seu nacemento e nos 40 do seu pasamento debe ser obxecto en Rianxo dunha especial programación cultural.

Quen era Faustino Rey Romero?

Hai, entre outros materiais para consulta, dous libros de José Piñeiro Ares sobre el: "Semblanza biográfica de Faustino Rey Romero" (1986) e "La muerte del poeta Faustino Rey Romero" (1989). Enterámonos polo blog Ferruxadas de que o profesor de Filosofía X. Ricardo Losada, integrante do xurado que concede un premio co nome do poeta, tamén está a traballar nun libro sobre a súa figura.

Namentres, podemos ir abrindo boca co que figura na Galipedia, aquí

Relacionada:Dodro: queren que se adiquen as Letras Galegas de 2011 a Eusebio Lorenzo Baleirón

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: "O país dos mandóns", este venres 21, na estación Leñaverde


Boiro, 19 de xaneiro de 2011. Este venres 21, a compañía Teatro dos Ghazafelhos representa "O país dos mandóns", dentro do ciclo "Contos pola Igualdade" que organiza o departamento de Servizos Sociais Comunitarios Básicos do Concello de Boiro en colaboración coa Deputación coruñesa. Está dirixido a nenas e nenos de Educación Infantil e ás súas familias. Comeza ás oito e media da tarde na Estación Leñaverde, ubicada no soto do Centro Social de Boiro.  

Sinopse
<div style="width:425px;text-align:left">O PAÍS DOS MANDÓNS<div style="font-size:11px;font-family:tahoma,arial;height:26px;padding-top:2px;">View more presentations or Upload your own.</div></div>
“O país dos mandóns” fai referencia a unha sociedade patriarcal, tipo de organización que coarta a liberdade de mulleres e nenas. Foi escrito por Paloma Rodríguez e Cristina Justo e o libro forma parte da colección "Contos pola igualdade". Cunha linguaxe accesible e imaxes con moita carga simbólica, a través da narración explicarase como as mulleres e os homes teñen os mesmos dereitos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: promocionan os cruceiros do municipio e arredores cun calendario

Noia, 19 de xaneiro de 2011. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto "Campo de San Alberto" de Noia leva varios anos traballando diversos aspectos da cultura da zona que logo se reproducen nun calendario "cun grande valor ilustrativo e didáctico", segundo explican no blog do EDLG. Este ano o motivo escollido foron os cruceiros da comarca. Foi elaborado por un equipo de profesores e persoal administrativo e, segundo afirman, "o calendario é o resultado dun labor de investigación e dun traballo de campo cuxo produto son as fotografías que nel se mostran e o texto que ilustra cada unha delas".

Como se observa na imaxe superior, o mes presente está adicado ao cruceiro ubicado no cemiterio de Santa María a Nova.


Cruceiro gótico do Tapal

O mes de febreiro é para o cruceiro do Tapal, unha peza de arte gótica do século XV que estaba antes na entrada de Ponte Nafonso. A lenda conta sobre el que o construtor desa afamada ponte fora enterrado á sombra deste fermoso cruceiro. Foi propiedade da familia Rodríguez Paz, que tivo que retiralo para que puidese pasar a estrada que se fixo nos anos 20 do século pasado. En 1954, con Manuel Blanco Ons de alcalde, foi trasladado á praza do Tapal onde hoxe se pode admirar. 


O cruceiro de Eiroa de esguello

En marzo, é o cruceiro de Eiroa o protagonista. Abril ocúpao o situado no adro de Santa Cristina. No mes de maio está o de Berrimes, en Lousame. Tamén xuño está adicado a un cruceiro do veciño municipio, en concreto ao de A Escabia. Xullo ocúpao o cruceiro de San Ourente, en Outes. Agosto e setembro tamén son para Outes, cos de Roo e o de Barreira. En outubro achéganse ao cruceiro de Montemuíño en Porto do Son; en novembro ao de Pedrafurada (Caamaño, Porto do Son) e no último mes deste ano poderase admirar o cruceiro de Xuño, tamén en Porto do Son.


Cruceiro de Cabrais, en Porto do Son

Se desexa ter un destes calendarios, están á venta no IES "Campo de San Alberto", a tres euros a unidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical