Noia, 30 de xullo 2010. O portavoz de Infraestructuras do Grupo Parlamentario Socialista, Pablo López Vidal denunciou onte en rolda de prensa que a licitación de obra pública segue caendo en Galicia ata chegar case ao 40%, segundo consta nos datos da SEOPAN. Asegura que con esta política de recortes “a Xunta non esta creando nin emprego nin riqueza”. E critica que o Goberno de Feijoo sexa incapaz de mobilizar os recursos públicos para dinamizar a nosa economía. O deputado cualificou ao Goberno Galego como “mediocre”, e lamenta ademais que a Consellería de Infraestructuras non está sendo un instrumento que axude a parar a sangría da perda do emprego de moitas familias galegas, nin unha panca da converxencia con Europa.
Coas cifras na man, sobre a licitación de obra pública, argumenta que de 1.000 millóns de euros, a nosa Comunidade baixou a 631.000. Esta cifra supón unha variación dun menos 38,7% no que atinxe a licitación (e como consta na documentación aportada). Tamén fixo referencia as adxudicacións definitivas en infraestructuras, publicadas no DOG, as do ano 2009 (1º semestre) tiveron un importe de 359.377.087, 84 euros, e as da época de Feijoo do ano 2010 (1º semestre) descendeu a un total de 111.723.839,83 euros. Explica que esta rebaixa supón un 69% menos das adxudicacións con respecto ao anterior executivo autonómico e no mesmo período de tempo. E cualifica este feito “coma un escándalo”, xa que non se promove emprego e non xeramos riqueza.
Di que dende a chegada de Feijoo ao Goberno da Xunta “a utilidade pública e o interese xeral deixaron de ser a guía da obra pública en Galicia”. O deputado afirma que o Presidente Núñez Feijoo terá que explicar “cales son os intereses que moven a contratación da obra pública no noso país”. Neste punto aludiu a petición de información do Grupo Parlamentario Socialista, realizada polo Artigo 9, sobre; Autovía da Costa da Morte e agora tamén na Variante de Noia. E preguntase “donde esta a transparencia deste Goberno”.
Sobre o Conselleiro de Infraestructuras lembrou a súa cita pendente coa xustiza. “Un Conselleiro que está imputado –explicou - esta incapacitado para seguir contratando a obra pública na nosa Comunidade”. Por iso asevera que a súa situación política é insostible, xa que esta imputado no TSXG por presunta falsidade documental. E insiste nas súas criticas Agustin Hernández “esta mais pendente da súa imputación penal que da Consellería. Non se pode continuar deste xeito por mais tempo”, proclamou.
Variante de Noia
O deputado socialista aludiu á adxudicación da Variante de Noia : a conexión corredor Brión – Noia en Taramancos. Relata que se anunciou a súa licitación no DOG o 29 de xaneiro de 2010 por un importe total: 38.254.456,25 €. A adxudicación definitiva aparece publicada o día 16 de xullo de 2010 cun orzamento: 38.254.451 €, con tan só unha diferencia de 5,25 céntimos de euro.
Así as cousas chámanos poderosamente a atención esta concesión. Por iso anuncia que rexistrou, unha petición polo Artigo 9, sobre o expediente administrativo desta infraestructura viaria “queremos ver dende o primeiro ao último papel”. López Vidal reclamou transparencia e preguntase a razón pola cal a empresa Puentes y Calzadas (vinculada laboralmente ao Conselleiro de Infraestructuras) gañou o concurso se era a peor oferta económica clasificada. Denuncia ademais que na puntuación técnica a empresa Puentes y Calzada “bordeou a perfección”, acadando dun total de 100 puntos, 98. E ironizou “un sobresaínte case un Cum Laude”, por iso prosegue “todo isto parécenos moi raro”.
A ultima oferta económica de 11
Pero advirte ademais que na oferta económica das 20 empresas que se presentaron, e sacando as empresas que tiveron baixa temeraria, a empresa Puentes y Calzada é a última de 11 pero foi a que obtivo a concesión “cunha oferta económica de 93,46% de puntuación”, o que supón a peor oferta económica de 11. Pero iso si “gana na puntuación técnica, que onde están os criterios mais subxectivos”. Replica tamén que hai 9 empresas que non están en baixa temeraria e teñen mellor puntuación na oferta económica que a empresa adxudicataria.
A maiores explica que a mellor oferta económica e que non incorre en baixa é dun importe de 37.099.172,20 euros, o que supón unha diferencia de 1.155.284,05 €, sobre a empresa Puentes y Calzadas. Por iso insiste nas súas criticas, e pregúntase "por que custando un millón de euros máis se adxudica a esta empresa? Onde está a austeridade de Feijóo?".
E resume tamén que chama a atención que a puntuación técnica sexa 100 puntos (50%), e a económica 100 puntos (50%), cando o que é normal neste tipo de procedemento é que a puntuación económica sexa 60%, e a técnica 40%. Con todos estes argumentos, López Vidal di que "non podemos consentir que o fraude nas adxudicacións de obras da Xunta se convirta nunha norma, e na conducta habitual deste goberno desnortado".
Relacionadas:
Variante:
cara ou barata, é culpa do Bipartito, di a Xunta Variante de Noia:
adxudicadas as obras definitivamente (16 xullo)
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia