14.12.10

Ribeira: "Flor de Toxo" organiza unha viaxe á neve na última fin de semana de febreiro

Ribeira, 14 de decembro de 2010. A asociación "Flor de Toxo" organiza durante a último fin de semana do mes de febreiro unha viaxe á estación invernal de San Isidro (León). O prezo da actividade é de 114 euros para non socios e de 104 para os socios. Os interesados teñen de prazo para preinscribirse ata o 10 de xaneiro e poden facelo a través do correo electrónico asociacionflordetoxo@gmail.com ou no móbil 628 289 377. Hai 30 prazas dispoñibles.
Pretenden con esta actividade:
  1. Fomentar as relación sociais entre a mocidade.
  2. Manter unhas xornadas de contacto coa natureza.
  3. Crear actividades de ocio para os xóvenes de Ribeira
  4. Conseguir a implicación e participación dos mozos en actividades lúdicas.
  5. Impulsar a práctica do deporte.
Relacionada:


Boiro: preinscrición ata o 30 de decembro para ir a esquiar a San Isidro



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o sábado 18 inaugúrase en Aguiño a exposición "Narrativas Dixitais"


Ribeira, 14 de decembro de 2010. A Asociación Sagres, a Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, a Anpa San Roque do IES Leliadoura e Ecoarte organizan a  exposición artística titulada "Narrativas Dixitais", que será inaugurada  no salón da Confraría de Pescadores Carreira-Aguiño este vindeiro sábado, 18 de decembro, ás seis da tarde.

A presentación correrá a cargo dos seus coordinadores Karla Brunet, de Brasil e e Juan Freire, de Coruña. Haberá un pequeno refrixerio. A  entrada é libre pero hai aforo limitado.

Antes publicamos:

Cultura: taller en Aguiño sobre narrativas digitales en julio

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o mércores 15 de decembro a asociación "Borobó" e a ong "Contacto" repartirán xoguetes


Momento do concerto "Xoguetes x música", celebrado a pasada fin de semana

Boiro, 14 de decembro de 2010. Este mércores 15 de decembro, a partires das seis da tarde, a ong Contacto e a asociación cultural "Borobó"  farán un reparto de xoguetes ás familias con menos recursos de Boiro.
 

O reparto terá lugar na sede de Contacto a partires das seis da tarde. A entidade cultural "Borobó" conseguiu recolectar máis de douscentos xoguetes durante a
celebración do concerto Xoguetes x música a través das entradas en forma de
xoguetes dos asistentes. Gracias ás actuacións de varios grupos da comarca —
Lizard Crash, Little Stones e Belfastt acompañados de O Coro do Loreto— xunto
coa banda Marcos Pin Jazz Quartet, conseguiuse atraer a un establecemento hostaleiro a preto de douscentas persoas que pagaron un ou varios xoguetes como entrada e colaboraron así con esta causa.

Todos aqueles interesados aínda están a tempo de entregar xoguetes na sede da
ONGD Contacto, na rúa Principal Nº3, Edificio Polivalente de Cimadevila, explicou Silvia García Mirón, secretaria da asociación "Borobó".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o venres 17, "O segredo dos Hoffman", a cargo da compañía Lagarta Lagarta, no auditorio

Rianxo, 14 de decembro de 2010. O próximo venres 17 de decembro, ás 20.30 horas, terá lugar no auditorio de Rianxo a representación da obra de teatro O Segredo dos Hoffman a cargo da compañía Lagarta Lagarta. A obra está baseada na novela "El secreto de los Hoffman" de Alejandro Palomas e adaptada ao teatro por Roberto Salgueiro.

Os actores e actrices son: Xosé Barato, Ernesto  Chao, Belén Constenla e Rebeca Montero e están baixo a dirección de Rosa Álvarez. Obra destinada a público maior de 14 anos. As entradas (máxiimo 2 por persoa) poden recollerse unha hora antes do comezo da representación.

Blog de referencia:

Lagarta Lagarta.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: exposición sobre a evolución humana, no auditorio


A exposición abre o mércores 15 de decembro e pecha o 3 de xaneiro de 2011

Ribeira, 14 de decembro de 2010. O Auditorio Municipal acubilla dende mañá, día 15 de decembro, unha exposición de carácter didáctico que pretende trazar un repaso pola historia da especie humana, partindo dende a época prehistórica ata os nosos días. Trátase de A Evolución Humana, unha mostra elaborada pola empresa Everest que recala no municipio dentro da programación de Nadal que organiza a Concellería de Cultura e Festexos, neste caso coa colaboración do Arquivo Municipal.

Esta exposición pretende dar a coñecer á veciñanza e, moi en especial, aos nenos e nenas con idades dende os 8 aos 12 anos, o aspecto, os costumes, as construcións, hábitos e inventos do home prehistórico e a súa evolución. Neste sentido, a través de paneis informativos incidiranse en distintos temas tan interesantes como os primeiros homínidos, a aparición do bipedismo, os primeiros representantes do xénero homo, o homo ergaster, a revolución tecnolóxica, a primeira expansión fóra de África, o poboamento de Europa, Atapuerca, a convivencia cos neandertais, ou o futuro do homo sapiens.

Ademais, a exposición albergará réplicas de cranios de australopithecus afarensis, homo erectus erectus e homo sapiens, así como dúas reproducións de puntas: unha punta de laurel e unha punta oval de pedernal.

A mostra estará aberta ata o 3 de xaneiro. Poderá ser visitada de luns a venres, de 10 a 14 horas; os martes, mércores e sábados, de 19 a 21 horas (agás Nadal e Aninovo); e de luns a xoves, entre o 22 de decembro e o 3 de xaneiro, de 18 a 20.30 horas. Distintos colexios e outros colectivos xa concertaron a súa visita a exposición. A cada alumnos visitante seralle entregado un manual didáctico que sirva de complemento ao ensinado no evento.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical