27.2.12

Ribeira: o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tumba a piscifactoría de Laxe Brava, ás portas de Corrubedo

  • A asociación ecoloxista Adega congratúlase deste fallo do alto tribunal, que supón "outro golpe á macroacuicultura", desta volta deseñada polo anterior goberno da Xunta do Psoe e Bng
  • Advirte Adega a Feijóo que "lonxe de felicitarse, poña as barbas a remollo" pois o plano director do PP en acuicultura é tan invasivo ou máis que o previsto polo bipartito

Laxebrava

27 de febreiro de 2012
.
Segundo informa hoxe a asociación ecoloxista galega Adega, "o TSXG vén de anular a prevista piscifatoría da Laxe Brava en Corrubedo. Estima o recurso presentado polo concello de Ribeira contra esta instalación, veciña ao Parque Natural. Na súa fundamentación, o TSXG argumenta "que todos eses valores [paisaxísticos e ambientais] poidan ser preservados por una instalación de acuicultura que ocupe as dúas terceiras partes dun espazo de 308.000 m2 é algo do que cabe dubidar". Deste xeito, unha das instalacións máis polémicas do Plano Acuícola do bipartito (e situada fóra da Rede Natura) queda anulada. Lonxe de felicitarse, Feijóo debera poñer as barbas en remollo: o TSXG recoñece o impacto das macroplantas acuícolas mesmo fóra da Rede Natura e chama a atención sobre a intensa e inxustificada ocupación do chan rústico. Como quedaría entón o Plano Director do PP se mesmo permite piscifatorías en parques naturais e aposta pola concentración das instalacións en macropolígonos? É esta a "seguridade xurídica" que predicaron Feijóo e Rosa Quintana?".

En ADEGA pregúntanse, ao abeiro desta sentenza, como queda o Plano Director de Acuicultura, actualmente en tramitación por parte da Xunta, e que mesmo permitiría, en palabras da propia conselleira Quintana, poñer piscifatorías en calquer espazo da costa. Segundo os ecoloxistas galegos, trátase dun Plano Director "escandalosamente permisivo que nen sequera contempla como zonas de exclusión aquelas áreas de maior valor ambiental e que tende a concentrar as instalacións en "megaparques acuícolas" de centos de hectáreas en primeira liña de costa, semella ir na dirección contraria ao que establece o TSXG nesta sentenza".

No seu Plano Director, a Xunta pretende eliminar os impactos paisaxísticos das macroplantas acuícolas aos que se refire a sentenza do TSXG pintando de verde as piscinas, plantando herba e instalando teitos de palla. "E que dicir dos centos de hectáreas arrasadas a cota cero en hábitats cuxa protección é considerada prioritaria por Europa (ver o caso de cabo Viñán ou Touriñán) e dos millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con antibióticos, químicos e parásitos inxectadas directamente no litoral virxe?", claman en Adega.

Ademais, en Adega pregan á veciñanza que empreguen o resultado desta sentenza. "Con esta sentenza, o TSXG senta precedente e abre a porta para que calquera cidadán, colectivo ou administración poida facer valer a protección do litoral fronte ao intento de asalto da patronal acuícola coa connivencia da Xunta. Tanto ten que Feijóo teña declarado a acuicultura "de interese público de primeira orde" para puentear a Rede Natura; tanto ten que os instrumentos de protección territorial foran convintemente rebaixados  e que calquera sitio da costa poida ser ocupado: non é posíbel agochar os enormes impactos ambientais e territoriais destas instalacións e a Xunta non pode obvialos. Segundo o TSXG "infrínxense os principios de cautela e de protección do medio ambiente que establece a Lei 9/2006"."

Pescanova non cheirará Touriñán

Esta sentenza alonxa aínda máis o obxectivo de Pescanova de ocupar Touriñán, mais non só este espazo. Tamén calquera outro treito de costa que albergue valores paisaxísticos, biolóxicos ou xeomorfolóxicos destacados está protexido pola lexislación ambiental fronte aos "instrumentos de demolición" deseñados ad hoc pola Xunta, explican os de Adega.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o municipio acolle unha mesa polo Día Mundial das Enfermidades Raras o domingo 4 de marzo

Festival_benfico_enfermedades_

  • Uns 30 millóns de persoas teñen unha enfermidade rara en Europa, aproximadamente 3 millóns en España e unhas 200.000 persoas en Galicia.
Noia, 27 de febreiro de 2012.  Este mércores, 29 de febreiro, celébrase o Día Mundial das Enfermidades Raras (EERR). FEGEREC (Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas) organiza a súa campaña anual de sensibilización coa fin de facer chegar a todos os sectores da cidadanía galega a necesidade e dereito constitucional dun trato equitativo cara as persoas que padecen unha ER e as súas familias. Nestas bisbarras, o lugar escollido para instalar unha mesa informativa é Noia, e estará posta o vindeiro domingo, 4 de marzo, no campo da feira.


FEGEREC  é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito galego que ten a súa sede no Centro García Sabell da Coruña con CIF: G 70218128 e nº de rexistro: 2009/000201-2 (SC). FEGEREC nace co obxectivo principal de mellorar a calidade de vida dos enfermos con este tipo de patoloxías e das súas familias, adicando grande parte dos seus esforzos a abordar de forma integral e multidisciplinar a problemática sociosanitaria que conleva padecer este tipo de enfermidades, así como darlles visibilidade ante a cidadanía.

A día de hoxe a Federación é unha entidade que agrupa a afectados de EERR e ás seguintes asociacións:

-Asociación Galega de Ataxia

-Asociación Galega contra aFibrosis Quística

-Asociación Galega de Lupus

-Asociación Galega de EscleroseLateral Amiotrófica

-Asociación Galega de Linfedema

-Asociación Galega de RetinosisPigmentaria

-Delegación Galega de Arnold Chiari

-Asociación Coruñesa de EscleroseMúltiple

FEGEREC ofrece servizos de acollida e información, rehabilitación (fisioterapia e terapia ocupacional), traballo social, atención psicolóxica, transporte adaptado e nestes anos fixo obradoiros dirixidos a afectados por enfermidades raras e crónicas para coñecer máis de preto a súa patoloxía e plantexar dúbidas a expertos.

AS EERR minoritarias ou pouco frecuentes, son aquelas con perigo de morte ou invalidez crónica, que teñen unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes. A maioría delas son enfermidades xenéticas, outras son tumores pouco frecuentes, enfermidades autoinmunes, malformacións conxénitas ou enfermidades tóxicas ou infeccións, entre outras categorías.

Estímase que existen entre 5.000 e 8.000 EERR diferentes que afectan aos pacientes nas súas capacidades físicas, habilidades mentais e nas súas cualidades sensoriais e de comportamento. Así, ante esta polisintomatoloxía é común atoparnos nunha mesma persoa unha minusvalía múltiple. É preciso ter en conta que o papel de coidador principal dunha persoa con ER adoita recaer sobre un membro da familia e é habitual que co paso do tempo remate, non padecendo unha ER, pero si presentando e padecendo clínica no ámbito biopsicosocial.

Entre os problemas e necesidades máis comúns aos que se enfrenta unha persona cunha ER e a súa familia, están os seguintes:

  • Demora no diagnóstico definitiva cunha media establecida en 5 anos.

  • Falta de información da súa patoloxía, tratamentos, axudas... por parte dos profesionais implicados no seu proceso de saúde.

  • Carencias no acceso a unha atención sociosanitaria dende un enfoque integral e multidisciplinar acorde ás necesidades de cada caso.

  • Falta de equidade no acceso e na cobertura das súas necesidades no ámbito médico, social, educativo, laboral etc en relación ao resto da cidadanía, mesmo ás veces en función do lugar onde se vive.



Os actos que se van a realizar en Galicia con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras son os seguintes, destacando a presenza o sábado 3 de marzo na mesa informativa de Ferrol de Isabel Calvo, presidenta de FEDER (Federación Española de Enfermedades Raras)


Luns 27 de febreiro

Foro: O experto responde de 18:00 a 20:00 horas na páxina do SERGASwww.sergas.es/escolasaude

Igual que o ano pasado, respostaranse en tempo real as preguntas formuladas por aqueles que teñan dúbidas ou queiran coñecer máis sobre enfermidades raras. Vai dirixido a coidadores, pacientes, familiares e á poboación en xeral. Respostarán ás preguntas o Dr. José María Prieto, Facultativo Especialista en Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e asesor médico de FEGEREC e Carmen López, Psicóloga Clínica e Directora Técnica de Fegerec.


Martes 28 de febreiro
Mesas informativas e de postulación nas rúas de A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e El Corte Inglés de Vigo.


Mércores 29 de febreiro
Festival benéfico a favor de FEGEREC. Centro Ágora ás 19:00 horas, 5 euros. Actuará a Coral Follas Novas e será presentado por Pablo Portabales. 


Sábado 3 de marzo
Mesas informativas e de postulación nas rúas de Monforte e Vilagarcía, Centros Comerciais de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense.


Domingo 4 de marzo
Mesa informativa e de postulación na feira de Noia.


Domingo 11 de marzo
Mesa informativa e de postulación na feira de Cedeira.


-- 

FEDERACIÓN GALLEGA DE ENFERMEDADES

RARAS E CRÓNICAS-FEGEREC

Pza. Esteban Lareo, Bloque 17, Sótano

15008 A Coruña

Tfno: 981 234 651

fegerec@cofc.es

fegerec.blogspot.com



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical