10.10.12

Porto do Son: a XIII Homenaxe aos Mártires de Nebra terá lugar este venres 12 de outubro

Acto_de_nebra
Non sabe o que ocorreu aquel 12 de outubro de 1916 nesta localidade de Porto do Son?

Na Galipedia contan a historia.

Na web Patrimonio Galego tamén, ao pé da imaxe da Ponte de Cans, e con vídeos relacionados.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: A Creba estrea instalacións no Día Mundial da Saúde Mental

  • O local, situado no barrio de Abesadas, foi cedido polo Concello

 

Ribeira, 10 de outubro de 2012- O alcalde visitou este mediodía as novas instalacións que a Asociación Pro Saúde Mental A Creba ten na cidade. É un local situado no barrio de Abesadas que lle foi posto a disposición polo Concello na súa política de apoiar ás entidades que traballan dentro da comarca pola inclusión das persoas con diversidade funcional.

Entre os presentes no desenvolvemento do acto, celebrado precisamente no Día Internacional da Saúde Mental, figuraban a presidenta da asociación A Creba, Susana García-Luengo Álvarez, e doutros membros da directiva; o xefe de servizo de Saúde Mental do Sergas, Manuel Arrojo Romero, e representantes da vida social e institucional do municipio e da comarca.

Susana García-Luengo explicou que A Creba naceu no ano 1994 e dende entón vén desenvolvendo en Barbanza diferentes actividades tanto de rehabilitación psicosocial como formativas no eido da saúde mental. “Estamos moi satisfeitos polo labor feito co voso apoio”, afirmou, e agradeceu as axudas recibidas de parte do Concello e doutras institucións como Agader (dependente da Consellería de Medio Rural e do Mar) e a Deputación da Coruña

Ruiz Rivas manifestou a súa satisfacción pola apertura desta infraestrutura e ratificou o compromiso do Concello de seguir axudando a asociacións que con ánimo altruísta contribúen ao benestar comunitario. “Sen a colaboración de asociacións como A Creba non sería posible atender todas as necesidades dunha sociedade”, resaltou. O alcalde mostrou a intención do Concello de que esta asociación poida seguir tendo á súa disposición ás instalacións de titularidade municipal das que viña facendo uso en San Roque, e recordou que no transcurso do ano tamén se cederon dous pisos tutelados aos colectivos Amicos e Ambar.

Pode que  tamén lle interese:







Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o sábado 20 de outubro, quinto curso de improvisación de jazz

Cultura: Celia Parra gañou o primeiro torneo do Slam Poético Arousa

Rianxo, 10 de outubro de 2012. O Slam Poético Arousa que organiza a actriz e poeta rianxeira Esther F. Carrodeguas comezou o 5 de outubro no Curral do Marqués en Taragoña e a primeira gañadora foi a poeta ourensá Celia Parra.

Competiron contra ela os vates Silvia Penas e Pedro Campos, ademais de membros da compañía de teatro Airiños, á cal pertence Carrodeguas.

Como finalistas, por votación do público, quedaron Mercedes Pimentel, de Airiños, Hadriana Ordóñez, concelleira de Cultura de Rianxo e Celia Parra, que se ergueu como gañadora na fin da noite poética. Recibirá como premio unha cea mariñeira para dúas persoas, cortesía do Curral do Marqués.

Agora Parra pasa á final autonómica, que será na Illa da Arousa.

Non sabe quen é Celia Parra?

Nesta entrevista en Galicia Confidencial pode facerse unha idea.

E quen é Esther F. Carrodeguas?

Óscar Reboiras entrevistouna no seu interesante blog Fotos de Rianxo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: estonios visitan a localidade para coñecer recursos pesqueiros e turísticos

  • A expedición foi recibida polo alcalde na Casa Consistorial
  • Forman parte dun grupo de Acción Costeira da illa Saaremaa, que está a visitar localidades da ría de Arousa organizadas polo GA5


 

Ribeira, 10 de outubro de 2012.- O salón de plenos do Consistorio foi testemuña no día de hoxe dunha recepción oficial que o alcalde Manuel Ruiz Rivas lle brindou no nome do Concello a unha delegación procedente da nación báltica de Estonia. Esta comitiva, integrada por un grupo de acción costeira de financiamento europeo, está a coñecer e analizar, da man do GAC 5,  algunhas iniciativas que se están a impulsar en ambas marxes da ría de Arousa co obxectivo de fomentar o desenvolvemento pesqueiro e turístico da zona,

 

Durante o acto, Manuel Ruiz estivo acompañado na mesa presidencial pola xerente do GAC 5, Rosa Carballo, e a súa homónima do grupo de acción costeira estonio, Tiiu Kupp. Ruiz Rivas fíxolles partícipes da puxanza que ten Riveira en sectores como a pesca (o porto de Santa Uxía é líder en descarga de pescado fresco) e a industria conserveira. Tamén lles deu conta das dificultades derivadas de que boa parte das decisións nestes ámbitos se toman en Bruselas, moitas veces descoñecendo a súa incidencia social, o que ocasiona a necesidade de diversificar a economía local a través da busca doutras alternativas de negocio, sen substituír o principal medio de vida.

 

O rexedor riveirense tamén resaltou as similitudes existentes entre Galicia e Estonia, como o seu tamaño, a riqueza do seu patrimonio natural e os seus moitos quilómetros de costa. Ruiz Rivas desexou á expedición estonia unha agradable e proveitosa estancia no municipio.

Tiiu Kupp expresou o agradecemento do seu grupo por esta recepción e informou de que a delegación procede da illa de Saaremaa (salvo dous membros que son do centro do país): unha zona cuxos recursos pesqueiros diminuíron notablemente nas últimas dúas décadas. Kupp explicou que co fin de reimpulsar e diversificar a economía da zona, promovéronse nos últimos tres anos un total de 72 proxectos, oito dos cales estiveron dirixidos á reconstrución de portos pesqueiros.

Pola súa parte, Rosa Carballo comentou que nos dous días pasados tiveron ocasión de ensinar á delegación báltica distintos proxectos pertencentes ao GAC 5 na outra banda da ría arousá (en localidades como Vilagarcía e Cambados) e que hoxe terán ocasión de amosarlles outra nova iniciativa consistente nunha innovadora cetárea en Corrubedo que busca favorecer a economía do entorno.

A visita rematou cun intercambio de obsequios institucionais e material turístico entre o Concello e a delegación foránea.

A continuación, a expedición estonia tivo ocasión de asistir á descarga de peixe no porto de Ribeira e ao funcionamento da súa lonxa, de administración municipal, e estaba previsto que realizase despois un percorrido en barco pola ría.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asociación Flor de Toxo volta solicitarlle ao Concello, e van tres veces, un local para actividades

Flor_de_toxo_neve
Imaxe de grupo dunha das actividades de Flor de Toxo en León

Ribeira, 10 de outubro de 2012. A Xunta Directiva da asociación cultural-xuvenil Flor de Toxo acordou solicitarlle ao Concello de Ribeira por terceira vez a cesión dun local onde poder desenvolver as actividades. "Amparámonos na lexislación vixente para xustificar a nosa petición", sinalan dende este colectivo.

Esta entidade constituíse a finais do ano 2009 neste municipio, coa fin de dinamizar á poboación máis nova a través da cultura e o ocio. A presenza desta entidade na vida social e cultural de Ribeira "é evidente, nos case 3 anos que levamos en activo convertémonos na entidade xuvenil con maior presenza e número de actividades neste concello", argumentan.

Entre as actividades realizadas por Flor de Toxo, sinalan. 

-Participación anual na Cabalgata de Reis, levando de xeito altruísta aos nenos do C.E.I.P O Grupo.

-Participación anual no Festival de Murgas e Comparsas (única murga participante con tódolos seus membros entre os 15 e 30 anos)

-Viaxe anual á Estación Invernal de San Isidro (León).

-Recital de poesía galega, sendo os recitantes persoas mozas do municipio.

-Homenaxe ao Patrón do Xurelo

-Máis dunha vintena  de concertos de grupos locais, dándolle a moitos deles a oportunidade de realizar o seu primeiro concerto e darse a coñecer.

-Festival Solidario “Bailando entre os Toxos”  nos anos 2010 e 2011 destinando o 100% das entradas a Cáritas Ribeira e Cruz Vermella, fomentando así os valores da solidariedade entre a xente moza.

-I Ciclo de “Retranca da Ría”, na que participaron actores, narradores e cómicos do primeiro nivel en Galicia, realizamos estas actuacións en locais hostaleiro contribuíndo así a dinamización do ocio nocturno e saudable e fomentando o consumo na hostelería.

-Peregrinación Xuvenil con motivo do ano Xacobeo.

-Acampada da mocidade nos anos 2011 e 2012 en Cespón e Taragoña, dando así a coñecer á mocidade a riqueza paisaxística e arqueolóxica de Arousa Norte .

-Organización dun magosto para a xuventude, durante o ano 2010 e 2011.

-Denuncia pública das barreiras arquitectónicas (maio 2011), hai que destacar a importancia de ter un grupo de mozo con conciencia social e que se preocupen e defendan os dereitos das persoas con discapacidade.

-Participación no V EMAX (encontro e mostra de asociacións xuvenís de Galicia e de xóvenes emprendedores, realizado en Vilagarcía de Arousa en outubro de 2011 e organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade).

-Organización no “Nadal Musical”...

Actividades no presente

Actualmente están realizando un obradoiro para a recuperación dunha comparsa de cabezudos. "É moi importante que se conseguise un grupo de xente moza disposta a devolverlle a Ribeira parte do seu patrimonio histórico. Tamén temos un proxecto de colaboración con AMBAR", aseguran dende Flor de Toxo.

Lexislación vixente

Na recentemente aprobada Lei de Xuventude de Galicia no seu artigo 34 establécense as competencias das administracións locais en materia de xuventude, no epígrafe F sinálase que “ as administracións locais deben contribuír ao fomento e impulso do asociacionismo xuvenil como canle de participación en todas as ordes da vida municipal” e no epígrafe H di o seguinte “ as administracións locais deben contribuír “ a promoción da colaboración con entidades de carácter privado que lle presten servizos á xuventude no seu ámbito territorial”, na mesma lei, no artigo 48.2 establécese que “as administracións públicas competentes en materia de xuventude fomentarán a máxima participación efectiva da mocidade na execución das políticas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o impulso, o fomento e consolidación do movemento asociativo xuvenil”.

Tamén sinalan o artigo 72 das bases de réxime local onde di “Las Corporaciones locales favorecen el desarrollo de las asociaciones para la defensa de los intereses generales o sectoriales de los vecinos, les facilitan la más amplia información sobre sus actividades y, dentro de sus posibilidades, el uso de los medios públicos y el acceso a las ayudas económicas para la realización de sus actividades e impulsan su participación en la gestión de la Corporación en los términos del número 2 del artículo 69” .

Flor de Toxo afirma que en moitos municipios o goberno municipal cede a asociacións locais sociais onde poder desenvolver as súas actividades, reunirse, gardar material… "Podemos citar casos como no Concello de Muros á Asociación Praia do Castelo, en Boiro onde varias asociacións dispoñen de espazos propios no Centro Social, Maceda onde se lle ten cedido un local á Asociación Xuvenil O Pipote, en Culleredo onde se lle ten cedido local á Asociación Xuvenil Castelo, Teo onde o concello asume os gastos de luz, calefación, auga e teléfono da Asociación Recreativa Los Tilos, ou mesmo no noso municipio onde hai moitas entidades que dispoñen de locais para o seu uso e disfrute. Ou mesmo a Xunta de Galicia ten cedidos espazos para os Clubs de Xubilados".

Ningunha subvención pública

"Esta entidade recibiu 0€ durante o presente exercicio das administracións públicas, polo que entenderá que é crítica a situación económica desta entidade. Sabemos que son tempos difíciles, é que hai que aguzar o enxeño para poder facer máis con menos cartos", sinálanlle ao alcalde, Manuel Ruiz Rivas, na nova petición de local por escrito.

"Que atendendo a todos os motivos expostos anteriormente, entendemos que sería posible que o concello nos cedese medios en vez de cartos, polo que pensamos na posibilidade que  se nos CEDESE UN LOCAL MUNICIPAL para  poder desenvolver as nosas actividades, realizar reunións, gardar material e servir como local onde poder realizar actividades, sabemos que dispoñen de locais sen uso  na zona de Abesadas, Baixo do Auditorio Municipal, o baixo do anfiteatro de San Roque, e ducias deles máis distribuídos polo municipio. Sentiríamos que a nosa entidade se atopa nunha situación de discriminación se non se nos cedese un local, pois ténselle cedido a outras anteriormente e cremos que aos locais baleiros lles hai que dar uso e poñelos a disposición da participación cidadá e esta entidade ben merecido o ten", rematan.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: Francisco Añón, homenaxeado polo seu bicentenario na súa terra e na Academia

  • Tal día coma onte, 9 de outubro, nacía o poeta, en 1812 

  • O secretario xeral de Cultura gabou as iniciativas que “promoven un maior coñecemento social dos nosos autores e dos momentos máis relevantes da construción da nosa historia cultural”

Outes, 10 de outubro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sumouse aos os actos de conmemoración do centenario de Francisco Añón que se celebraron onte en Outes, terra natal do poeta. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou nas iniciativas promovidas polo Concello de Outes para homenaxear o poeta Francisco Añón cando se cumpren os douscentos ano do seu nacemento; “iniciativas –dixo– que a Xunta de Galicia acolle e apoia con entusiasmo por promoveren un maior coñecemento social dos nosos autores e dos momentos máis relevantes da construción da nosa historia cultural”.


“O congreso desenvolvido a semana pasada na Cidade da Cultura de Galicia permitiu afondar no estudo da achega poética e vital de Francisco Añón e as diferentes homenaxes que se veñen desenvolvendo estes días en Outes permiten recuperar esta figura na memoria dos seus habitantes”, dixo o secretario xeral.

Recuperación de figuras singulares


O representante da Consellería tamén asegurou que “estas celebracións arredor de momentos que marcaron pasos decisivos do avance cultural de Galicia e da recuperación dun status para a nosa lingua constitúen un conxunto de pingas do noso pasado traídas á actualidade, que nos axudan a recuperar para o presente a referencia das nosas figuras e obras máis singulares da nosa historia”.

Xunto co secretario xeral tamén interviron no acto o alcalde de Outes, Carlos López Crespo; o secretario da Real Academia Galega, o rianxeiro Xosé Luís Axeitos; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, María Elvira Padín, e o coordinador dos actos de homenaxe, o outense Xoán X. Mariño.

As celebracións arredor do bicentenario de Añón comezaron coa inauguración dunha placa conmemorativa da efeméride. A continuación tivo lugar o acto de entrega do retrato de Francisco Añón por parte do pintor noiés Alfonso Costa ao Concello de Outes. A intervención das das autoridades presentes e unha ofrenda floral ao poeta diante do seu monumento na Casa do Concello completaron os actos de homenaxe.

Ademais de colaborar co Concello de Outes na realización do congreso sobre Francisco Añón que se realizou na Cidade da Cultura os días 4 e 5 de outubro, a Secretaría Xeral de Cultura apoiou a publicación de Vida e obra de Francisco Añón, un volume da autoría de Ramón Blanco que acaba de publicar a Editorial Galaxia e que nace coa vontade de difundir a achega literaria e lingüística do poeta no conxunto da sociedade.

Colaboración da Real Academia Galega

Marino_e_gonzalez_outes

A Real Academia Galega tamén se quixo sumar á homenaxe do bardo de Boel. Na súa web ten publicado o poema "A Galicia", que se pode ler en edición facsímile aquí. A biografía de Añón está nesta ligazón.

Ademais, o pasado 4 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, durante a presentación do libro "Poesías galegas", de Añón, o membro de número da Academia Manuel González González, expresou o seu agradecemento por esta iniciativa ao Concello de Outes pois "axuda a situar a figura de Añón no lugar que merece no canon da literatura galega". Durante a súa intervención, o membro da executiva da Academia salientou, tamén, o carácter "progresista" do poeta outés, "amigo persoal de Antolín Faraldo e comprometido co ideario revolucionario do provincialismo, como podemos ver no seu poema "A Galicia" [PDF 1Mb].

Esta reedición facsimilar do libro Poesías Galegas, de Francisco Añón Paz, editado polo Concello de Outes coa colaboración da Real Academia Galega e da Deputación da Coruña, presenta como novidade dous prólogos; un a cargo de Carlos L. Crespo, alcalde de Outes, e outro do presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, que reproducimos aquí [PDF 0.3Mb].

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Amicos puxo a funcionar a primeira unidade piloto para atender nenos con autismo

Media_httpfarm9static_jnbmd

Ribeira, 10 de outubro de 2012. A asociación Amicos informou onte do inicio no  centro ocupacional de Oleiros da primeira unidade piloto para a atención específica de nenas e nenos de Barbanza e arredores con autismo. Esta ampliación de servizos que garante a entidade que preside Esther Vidal non podería ter lugar sen o apoio da obra social de La Caixa e da Consellería de Educación.
 

Amicos sinalou que esta unidade especial era moi demandada polos pais de nenos con autismo, ao non haber perto ningunha instalación con este servizo. Responsables de La Caixa acudiron ao centro ocupacional de Oleiros para visitar esta unidade piloto recén creada. Estiveron a xefa da zona de Santiago e representante da obra social de La Caixa, María Jesús González, e o director en Ribeira, Andrés Lijó Villa.

A obra social da caixa catalana fixo posible que nestes catro anos máis de 80 persoas con discapacidade das comarcas de Barbanza e Noia recibiran asistencia, rehabilitación e formación, algo que, como non podía ser menos, agradeceron satisfeitos os responsables de Amicos.

Antes, en Ribeira:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical