3.12.10

Rianxo: o 12 de decembro dará un concerto de instrumentos de corda e piano o Quinteto Azahar

Rianxo, 3 de decembro de 2010. O próximo domigo 12 de decembro, ás 19.30 h, terá lugar no Auditorio de Rianxo un concerto de música de cámara a cargo do Quinteto Azahar, que interpretarán un variado programa para instrumentos de corda e piano.

As entradas para o concerto poderán ser retiradas unha hora antes do comezo.

Podería estar relacionado (se non o arranxaron):


Maxia? Chanchullos?: que pasou coas entradas do auditorio?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: tensión preelectoral con declaracións e desmentidos entre goberno e oposición

O goberno bipartito boirense replícalle ao PP que "nin se suben impostos nin se malvende o patrimonio"


Boiro, 3 de decembro de 2010. Ante as declaracións realizadas hoxe polo grupo municipal do PP de Boiro -declaracións a outro medio, porque o PP de Boiro segue a ignorar Certo, como fan outros grupos noutros concellos destas bisbarras, non porque nós vetemos a ninguén-, o goberno bipartito boirense quere manifestar o seguinte: 

  1. Respecto da falsa subida de impostos. O PP utiliza a demagoxia mostrando recibos de 2003 e 2010 do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), e ante esta manipulación hai que puntualizar isto:
  1. En primeiro lugar, nestes anos houbo un importante auxe da construción, polo que o número de vivendas aumentou considerablemente en Boiro e, en consecuencia, o número de contribuíntes e de ingresos polo concepto do IBI.
  1. En segundo lugar, cando se fixo a revisión catastral do 2008, a oposición estivo informada en todo momento, pois houbo reunións a tal efecto. O proceso tivo tal transparencia que houbo unha oficina de información ao contribuínte aberta, na que se atendeu a 5.000 persoas, das cales só dúas presentaron reclamacións. Dita revisión non a fai o Concello, senón a oficina do Catastro da Coruña.
  1. O tipo impositivo que se aplica ao valor catastral de cada inmoble, e que fixa o Concello,  é o mínimo que permite a lei; iso sábeo o PP. A valoración catastral do inmoble está fixada polo Ministerio de Economía e Facenda, polo que o Concello xa está a aplicar a cota máis reducida posible.
  1. Os servizos de lixo, auga e sumidoiro son os máis baratos de todos os concellos da comarca. Precisamente, o PP non é o máis indicado para falar de subida de impostos, pois o incremento do lixo prefixouno o PP cando nos meteu en Sogama, pois tódolos anos hai que ir subindo o que indique este órgano. Por outro lado, desde a Xunta gobernada polo PP, incrementarán o recibo da auga nun 300% a través da nova Lei de Augas, cartos que enriba terá que recadar o Concello para entregarllo á Xunta. “Se desde a Xunta se atreven a tal subida; non queremos pensar que farían no Concello de Boiro”, sinala o executivo.
  1. Outra das graves acusacións do PP refírese á  “malvenda” de patrimonio municipal. Neste punto, o goberno quere manifestar o seguinte:
  1. Nos orzamentos do 2010 figura unha partida de 415.000 euros para pagar as expropiacións de A Cachada aos que recorreron o xustiprezo e gañaron na vía xudicial, o que supón o 70% do orzamento destinado a investimento, todo iso herdanza do Partido Popular.
  1. As vendas proxectadas de dúas parcelas municipais (unha no polígono industrial e outra en Barraña) faranse con toda a transparencia e garantías que marca a lei, e os ingresos que xeren hanse destinar a indemnizar ao resto dos propietarios de terreos expropiados na Cachada, pois o montante ascende a outros 720.000 euros, outra herdanza do Partido Popular.
  1. Copropietarios das parcelas municipais en Barraña (procedentes do 10% que lle corresponde da reparcelación) quixeron comprar a parte do Concello de Boiro, máis, como ben público, teñen que saír a subasta e seguir tódolos pasos que marca a lei. “Non se fixo como noutros tempos, cando se creou unha empresa inmobiliaria para autocomprarse parcelas dos excedentes dos plans parciais”, sinala o executivo. Igualmente, o goberno de Boiro lembra ao PP “que non se esqueza de que antes de estar feita a segunda fase do polígono xa eles tiñan vendida a parcela que lle correspondía ao Concello”.
  1. Por último, aclarar que, en todo caso, non se está a vender patrimonio do Concello, senón a porcentaxe que lle corresponde ao Concello dos plans parciais, e que o proceso se fará publicamente, con legalidade e transparencia. En todo caso, o PP “ten pouca entidade moral para falar destes asuntos, dada a súa traxectoria”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: os veciños de Carreira estiveron visitando Lisboa no seu programa "Cultura con 5 sentidos"

Ribeira, 3 de decembro de 2010. A Asociación de Veciños de Carreira, dentro do seu programa “Cultura cos 5 sentidos”, vén de organizar unha viaxe cultural a Lisboa.


Mosteiro dos Jerónimos

Cuarenta e dúas personas puideron desfrutar dos lugares máis emblemáticos da capital lusa, como o mosteiro dos Jerónimos, a Torre de Belén, o Monumento aos Descubridores, o Chiado, a Sé Catedral ou o monumental Cristo Rei, dende cuxas alturas puideron divisar unha das mellores panorámicas sobre a cidade.


Monumento aos Descubridores


Torre de Belém


Tranvía da Carreira 15 en Lisboa


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Amicos celebrou hoxe o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Ribeira, 3 de decembro de 2010. A asociación Amicos celebrou en Ribeira un acto conmemorativo co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Nel leuse o manifesto habitual nestas celebracións e ademais unha carta aberta da presidenta, na que se pediu, logo de todos os logros acadados ata o momento para os discapacitados destas bisbarras, "un fogar no que as persoas con discapacidade reciban cariño e estean coidadas para cando os pais faltemos".  

Como é habitual neste xornal, ofrecémoslles os discursos íntegros, así como unha galería de imaxes aportadas polo director xeral de Amicos, Xoán S. España.

Download now or preview on posterous
MANIFESTO AMICOS.doc (825 KB)

Download now or preview on posterous
CARTA ABERTA.doc (831 KB)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: publican as bases para pedir as axudas ao transporte dos estudantes

Download now or preview on posterous
SOLICITUDE.doc (283 KB)


Boiro, 3 de decembro de 2010. Aprobadas o pasado 30 de novembro, hoxe deu a coñecer o Concello de Boiro as bases para poder solicitar axudas ao transporte do alumnado deste concello. Adxuntamos tamén o modelo de solicitude, que poden descargar e imprimir para cubrir se fora o caso.
Hai outros concellos destas bisbarras que tamén teñen estas axudas, só teñen que preguntar no seu consistorio. As bases de Boiro son as que seguen:

BASES POLAS QUE DEBE REXIRSE A CONVOCATORIA DE AXUDAS AO DESPRAZAMENTO PARA O ALUMNADO QUE CURSE ESTUDOS TÉCNICOS, MEDIOS OU SUPERIORES, OU PARA ALUMNADO CON NECESIDADES EDUCATIVAS ESPECIAIS

DISPOSICIÓNS XERAIS.

Estas normas teñen por obxecto establecer os criterios e procedementos para a concesión de axudas ao desprazamento para o alumnado que curse estudos técnicos, medios ou superiores, ou para o alumnado con necesidades educativas especiais, no curso 2010-11 de acordo cos principios de obxectividade, igualdade, concurrencia e publicidade.
 

1ª.- FINALIDADE E OBXECTO.

A presente convocatoria ten por obxecto o establecemento de axudas económicas aos alumnos/as para os seguintes desprazamentos :

     a. Boiro - Santiago :

           a.1. Modalidade diaria.

           a.2. Modalidade fin de semana.

      b. Boiro – Pontevedra :

           b.1 Modalidade fin de semana.

      c. Boiro – Vigo :

           c.1. Modalidade fin de semana.

           d. Boiro - Santiago- A Coruña :

           d.1. Modalidade fin de semana.

2ª  .- FINANCIACIÓN DAS AXUDAS.

As citadas axudas concederanse con cargo ás partidas e disponibilidades orzamentarias contempradas no orzamento xeral da corporación para o exercicio económico 2011. A mencionada partida é a 324/48000 e contará cun orzamento de 6.822,92 €.

3ª.- PROCEDEMENTO E PRAZOS.

As solicitudes de axudas deberán presentarse no rexistro xeral do Concello a través de instancia individualizada indicando modalidade de desprazamento e centro onde se cursan os estudos. As solicitudes formularanse segundo o modelo que figura como Anexo I desta convocatoria e dirixiranse ao Sr. alcalde-presidente. Establécese un prazo de presentación das solicitudes dende o día 1 ao 31 de decembro e 2010, ámbolos dous inclusive.

4º  DOCUMENTOS A PRESENTAR

a) Certificado ou resgardo da matrícula.

b) Xustificantes de ingresos económicos (última declaración da renda da unidade familiar, conxunta ou individuais, ou certificado de ingresos expedido pola axencia tributaria no caso de non existir obriga de presentación da declaración da renda, ou copia das dúas últimas nóminas).

c) Volante de empadronamento da unidade familiar. Debe constar unha antigüidade mínima do solicitante de 2 anos.

d) Certificación, no seu caso,de minusvalías.

e) Certificación dos datos bancarios do/a solicitante.

f) Outra documentación que se estime oportuna non recollida nos apartados anteriores.

g) Os documentos que se aporten coa solicitude deberán estar cotexados.

5ª  .- ÓRGANOS COMPETENTES PARA A INSTRUCCIÓN, VALORACIÓN E RESOLUCIÓN DAS SOLICITUDES.

a) As axudas serán outorgadas pola Alcaldía, previo informe da comisión de valoración, debidamente motivada, de acordo cos criterios recollidos no punto 6ª das presentes bases.

b) A instrucción do procedemento de concesión de axudas corresponde aos servizos técnicos das Concellerías de Educación e Cultura do Concello de Boiro que terán as seguintes funcións :

     1. Comprobar que os posibles beneficiarios/as cumpren cos requisitos esixidos nestas bases.

     2. Elevar un informe á comisión de valoración.

c) Constituirase unha comisión de valoración formada por :

     1. O Sr. alcalde-presidente, ou concelleiro/a en quen delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

     2. Os concelleiros de educación e cultura.

     3. 2 técnicos/as das concellerías de educación e cultura, designados pola Alcaldía.

     4. A coordinadora de servizos sociais.

     5. O secretario da corporación, ou funcionario/a en quen delegue, que actuará como secretario/a da comisión, con voz pero sen voto.

d) A proposta de resolución, logo da valoración da comisión, será elevada polo órgano instructor á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación ou modificación.
 
 
 

e) A resolución da concesión de axudas ao abeiro do disposto nestas bases farase pública mediante a súa exposición no taboleiro de anuncios e na páxina web do concello, e será notificada aos solicitantes no prazo máximo de 30 días despois de rematado o prazo de presentación de solicitudes. En todo caso esta resolución farase pública antes do 15 de febreiro de 2011.

f) Toda alteración das condicións para a concesión da axuda poderá dar lugar, no seu caso, á modificación do acordo.

g) Establécese un prazo de reclamacións de 15 días dende a resolución das axudas.

6ª  .- CRITERIOS DE SELECCIÓN.

a) Orde de presentación das solicitudes.

b) Nivel de renda familiar :

     ü Ata un máximo de 3´5 veces o IPREM vixente (indicador público de renda de efectos múltiples; para o ano 2010 = 7.445,14 € anual con 14 pagas).

           i. Ata 26.092,99 €.

           ii. Para valorar o nivel de renda familiar teranse en conta as casillas 455 (base impoñible xeral) e 465 (base impoñible de aforro).

     ü Para o cálculo da renda familiar a efectos destas axudas, son membros computables da familia

           i. O pai.

           ii. A nai.

           iii. O titor/a ou, no seu caso, persoa encargada da garda e protección do menor.

           iv. Solicitante.

           v. Irmáns solteiros menores de 25 anos que convivan no domicilio familiar ou maiores de 25 anos cando se trate de persoas con discapacidade.

     ü No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes tamén se consideran membros computables o cónxuxe ou, no seu caso, a persoa á que se atope unida por análoga relación, así como os fillos/as se os houbera.

c) No caso de agotarse a partida orzamentaria sin poder satisfacer todas as solicitudes presentadas, a comisión de valoración terá en conta en primeiro lugar as de menor nivel de renda familiar.

d) En caso de rendas de igual cuantía, primaranse as solicitudes que certifiquen a existencia de discapacidades ou minusvalías dalgún dos membros computables da unidade familiar.
 

7ª.- OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS/AS.

     a) Destinar a cuantía das axudas para o fin que foron concedidas.

     b) O sometemento ás actuacións de comprobación do Concello da efectiva realización das actividades para as que se outorgara a axuda.

     c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluidos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

     d) Facilitar canta información sexa requerida polo Concello.

8ª.- CONTÍA DAS AXUDAS.

a) A axuda concedida terá o límite máximo do 30% dos gastos totais de desprazamento ao longo do curso escolar; esta porcentaxe estimarase en función dos prezos establecidos polas empresas de transportes, das tarifa do billete individual e dos traslados que deban realizar os usuarios/as, no transcurso do curso académico según a modalidade solicitada.

b) A Porcentaxe de axuda concedida baremarase da seguinte maneira:

     OPCIÓN A: NIVEL DE RENTA ≤ 200 €    Axuda: 30%

     OPCIÓN  B: NIVEL DE RENTA entre 201-300 €  Axuda: 27 %

     OPCIÓN C: NIVEL DE RENTA entre 301-400 €   Axuda:  21%

     OPCIÓN D: NIVEL DE RENTA entre 401-500 €  Axuda: 19%

     OPCIÓN E: NIVEL DE RENTA  > 500 €   Axuda: 17%

c) En todo caso, as axudas concedidas non superarán a partida orzamentaria correspondente. 

9ª.- XUSTIFICACIÓN E COBRO DAS AXUDAS.

     a) O prazo de xustificación das axudas rematará o 30 de maio de 2011, agás que se solicitara e fose outorgada prórroga, debendo no seu caso, motivarse esta concesión. En todo caso, esta solicitude deberá ser motivada e deberá realizarse por escrito antes da data sinalada anteriormente. O 31 de decembro do ano 2011, anularanse automaticamente os compromisos de axuda pendentes de xustificación ou sen concesión de prórroga.

     b) No caso de non presentarse xustificación da totalidade da axuda dentro do prazo (inicial ou prorrogado), iniciarase o expediente de anulación do correspondente compromiso, reducíndose proporcionalmente a cantidade outorgada ao gasto xustificado.

     c) A xustificación dos gastos, de acordo co fin para o que se outorgou a axuda, deberase realizar presentando a documentación xustificativa seguinte nos prazos indicados na presente convocatoria :

     a. Facturas orixinais de pago das viaxes :

           i. As facturas deberán conter, como mínimo, os seguintes requisitos :

                  1. Nome, razón social, NIF ou CIF e enderezo de quen emite a factura.

                  2. Desglose do IVE ou imposto correspondente.

                  3. Nome, domicilio, NIF ou CIF do beneficiario/a.

                  4. Descrición detallada do servizo (modalidade da viaxe).

                 5. Número de factura, data de emisión e denominación de “Factura”.

     b. Non se admitirá ningún outro documento xustificativo de pago distinto do descrito no apartado anterior.

     c. Á vista da documentación xustificativa presentada, o órgano competente estimará o cumprimento das obrigas.

     d. No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa corrección.

     e. O pagamento da axuda efectuarase mediante transferencia bancaria á conta sinalada polo solicitante, que será o titular de dita conta.

10ª.- REINTEGRO DAS AXUDAS.

O beneficiario/a procederá  ó reintegro do total ou parcial das cantidades percibidas dende o momento do pago da axuda nos seguintes casos :

     a) Incumprimento da finalidade para a que foi outorgada a axuda.

     b) Obtención da axuda sen reunir as condicións requeridas ou falseándoas.

DISPOSICIÓNS FINAIS 

PRIMEIRA.- Para os casos non previstos nestas bases, serán de aplicación as normas xerais incluidas na Lei 38/2003 de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, no Regulamento Xeral de Subvencións do Concello de Boiro e nas Bases de Execución do Orzamento 2011.

SEGUNDA.- Estas Bases foron aprobadas na Xunta de Goberno Local de 30 de novembro de 2010.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: 2.700 metros cadrados máis de equipamento público por dúas parcelas no núcleo da Capela

A Xunta aproba unha modificación do planeamento do Concello de Rianxo pola que se incrementa en 3.000 m2 o seu equipamento público. A Secretaria Xeral de Urbanismo remite hoxe a orde pola que se aproba esta mellora urbanística


Rianxo dende o alto do Pelotiño

Rianxo, 3 de decembro de 2010.- A Xunta de Galicia informou hoxe sobre a aprobación dunha modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Rianxo polo que se incrementan en 3.000 metros cadrados o sistema xeral de equipamento público deste concello.

Este ámbito está formado por dúas parcelas situadas no núcleo da Capela, unha de titularidade municipal, na que existe xa un uso dotacional (escola pública, pista deportiva e área de xogos infantís) de 2.504,41 m2 de superficie; e outra parcela de titularidade privada, libre de edificacións e de superficie 194,90 m2. a obter polo concello.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, despois de analizar o expediente e a proposta presentada, considerou de interese público as razóns alegadas na modificación, que derivaron no incremento da superficie cualificada como sistema xeral de equipamento público municipal.

O Concello de Rianxo dispón na actualidade de Normas Subsidiarias de Planeamento municipal aprobadas definitivamente en xullo de 1985, estando pendente da tramitación dun PXOM adaptado á Lei de Ordenación do Territorio e Protección do Medio Rural de Galicia actualmente vixente.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Meteoroloxía: primeiras fotos de neve no monte Iroite

Onte á tardiña. O acceso ao cumio estivo pechado polos traballadores de Protección Civil.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: eres mozo e quéreste emancipar? O xoves 16 de decembro hai unha xornada para ti


Rianxo, 3 de decembro de 2010. O vindeiro xoves, 16 de decembro, terá lugar unha xornada de "Emancipación xuvenil", na cal se informará sobre as posibilidades e axudas que hai actualmente en materia de emprego e de vivenda.

Esta xornada está dirixida a mozas e mozos de entre 18 e 35 anos, e levarase a cabo o vindeiro 16 de decembro, en horario de 17:00 a 19:30 horas, na Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.

Os temas a tratar son:

  • Emprego: perspectivas actuais, currículum vitae, emprego autónomo, sociedades mercantís, emprego no exterior.
  • Vivenda: compra de vivenda, aluguer de vivenda, renda básica de emancipación.

Se desexas participar, inscríbete chamando ó 981 100 688, por correo electrónico xuventude@concelloderianxo.es, ou pásate pola oficina de información xuvenil, situada no Centro sociocultural - Auditorio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Bng informa aos veciños sobre a Nova Lei de Augas, que consideran suporá unha "brutal subida de impostos"


Ribeira, 3 de decembro de 2010. O Bng de Ribeira informa hoxe no seu blog de que está a realizar unha campaña informativa para pór sobre aviso aos veciños ante a Lei de Augas que vén de aprobar o goberno Feijóo en solitario. As charlas comezan hoxe en Aguiño e Carreira Explican:

"O Partido Popular aprobou en solitario no Parlamento de Galiza a Lei de augas, que ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadadora da Xunta, facéndonos pagar a toda a veciñanza un imposto sobre a auga.

No país da auga, esta suba de impostos vai a multiplicar por tres o actual canon. Ademais a instalación dun contador homologado será obrigatorio no caso de que Augas de Galiza así o estime oportuno e en caso de non facelo o/a usuario/a poderá ser sancionado con multas de até 30.000€

A suba de impostos que o PP introduce coa nova lei de augas, vai supoñer multiplicar por tres o actual canon para todos os usuarios e usuarias que teñan abastecemento e saneamento público xestionado pola Xunta de Galiza, pasando do 100 euros ao ano para vivendas de catro persoas.

Ademais, os titulares de captacións propias e pozos particulares, terán que pagar o Canón da Auga, e instalar contadores homologados: de non facelo no prazo de seis meses o canon da auga liquidaráselle polo método de estimación obxectiva (en función da concesión de auga que se teña ou do consumo medio dunha vivenda) A instalación dun contador homologado será obrigatorio no caso de que Augas de Galiza así o estime oportuno e en caso de non facelo o/a usuario/a poderá ser sancionado con multas de até 30.000€.

Os/as titulares de traídas colectivas son responsábeis solidarios do pago do canon por parte dos usuarios e usuarias.

Todos os usuarios e usuarias de auga van a ter que pagar estes novos impostos, xa que se suprimen as exencións que actualmente están vixentes, que benefician ao medio rural. Así:

    No novo canon non se exclúe de pagar o imposto a ningún núcleo rural, nin aos de menos de 2.000 habitantes, exentos do canon de saneamento na actualidade, nin tan sequera os de 500 habitantes que excluía a lei de 1993. Neste sentido, o BNG presentou unha emenda, que foi rexeitada polo PP, e que eximia de pagar o canon a todos os núcleos de poboación inferiores a 2.500 habitantes, o que implicaría que todo o rural quedaría exento de pagar o Canon da Auga.

    Tampouco se exclúen do pago do imposto os núcleos rurais que non teñan rede de saneamento, mentres este non entre en funcionamento".

Datas das charlas:

Venres, 3 de decembro:

AGUIÑO – CASTIÑEIRAS: Confraría de Aguiño, 19:00 horas

CARREIRA: Casa da Cultura, 20,30 horas

Venres, 10 de decembro:

PALMEIRA: Casa do Mar, 19:00 horas

RIBEIRA: Liceo Marítimo, 20:30 horas

Venres, 17 de decembro:

ARTES - OLVEIRA – CORRUBEDO: Centro Recreativo de Artes, 19:00 horas

OLEIROS: Local Comunidade de Montes, 20,30 horas

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical