29.3.11

Ribeira: o Psoe acusa ao Concello da sinistralidade viaria polo mal deseño dos pasos de peóns

Sdc14616

Ribeira, 29 de marzo de 2011. O grupo municipal socialista ribeirense presentou unha pregunta para ser respostada en pleno na que claramente acusa ao Concello de ser en parte responsable da alta sinistralidade viaria (no que se refire a atropelos) por causa do mal deseño dos pasos de peóns.

Pregunta íntegra:

PREGUNTA Á ALCALDÍA  SOBRE COUSAS QUE INCIDEN NA ALTA SINISTRALIDADE VIARIA EN RIBEIRA

Sr. Alcalde/Presidente do Concello de Ribeira:
O Grupo Municipal do PSDG-PSOE de Ribeira ten revisado unha vez máis o estado dalgúns dos sinais horizontais, nomeadamente os pasos peonís e espazos anexos, e quere significar, diante da súa autoridade no Concello, as importantes deficiencias que lles afectan, e que estamos seguros incidiron na alta sinistralidade acontecida nas últimas datas no municipio.
Queremos recordar que repetidamente, dende hai anos, vimos estando enriba desas deficiencias e reclamando por elas. Son deficiencias visibles para calquera, igual que se sabe razoablemente que cuns mínimos coidados ou cambios de postura se axudaría a favorecer a seguridade viaria. Son deficiencias tan evidentes como, entre moitas outras:
• A existencia de baches ou firme irregular nos pasos de peóns.
• Ubicación desaconsellable dos pasos.
• Pasos en cambios de sentido que inducen obturación de vías.
• Pasos que inducen, pola súa colocación, obturación de cruces.
• Pintado dos pasos de cor non permitida.
• Pasos á saída de cambios de rasante.
• Pasos que saen, irregularmente, de puntos cegos.
• Pasos sobre catro carrís viarios sen sinalización de semáforo.

Tanto en Sesión Plenaria, como en rogos, como a través dos nosos escritos e mocións, témos reclamado atención e demandas sobre un problema ao que, visto o estado actual e pasados vinte anos, non se atendeu. Por iso, o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ribeira presenta a vostede a seguinte PREGUNTA:

Sabía Vde. Sr. Alcalde que en Ribeira se dá o fenómeno único, ilegal e esperpéntico en que un paso peonil desemboca directamente nunha vía de circulación rodada?
Sabe Vostede que dito paso está fronte ao Centro Educativo do Instituto de Bacharelato?
Sabe Vde. Sr. Alcalde, que ese paso leva así, e sendo repintado, cerca de dez anos (10 anos)?
Como actuaría o Concello en caso de accidente e litixio con Seguros?
Como llo explicaría ao peatón?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Concello felicita á artista boirense Marta Ríos polo seu premio como Mellor Actriz Secundaria nos "María Casares" de teatro

Marta_ros_en_volpone

Boiro, 29 de marzo de 2011. O Concello de Boiro, a través do Alcalde, Xosé Deira, e do Concelleiro de Cultura, Xerardo Piñeiro, quere manifestar a súa "satisfacción e orgullo" pola concesión do premio “María Casares” de teatro á actriz boirense Marta Ríos, na modalidade de mellor actriz secundaria, así como trasladarlle os parabéns de toda a corporación. Estes galardóns, promovidos pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, chegaron á súa XV edición e entregáronse o pasado día 23 no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Marta Ríos foi premiada pola súa interpretación na obra Volpone, de Talía Teatro.

Marta Ríos formou parte da compañía de teatro municipal boirense Teatro do Improvisto desde os seus inicios, no ano 1994, e tras moitos anos, foi unha das compoñentes que deixou o grupo afeccionado para pasarse ao teatro profesional con Talía Teatro, aínda que seguiu colaborando co grupo municipal. Na súa traxectoria profesional, que inclúe tamén a televisión, ten igualmente un oco para a docencia, xa que actualmente tamén imparte cursos de teatro en Boiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: escolares do instituto "Félix Muriel" realizan intercambio lingüístico e cultural cun centro de Gondomar

A chuvia motivou que as visitas na vila fosen interiores, maiormente a museos

Rianxo, 29 de marzo de 2011. No día de onte, luns 28 de marzo, arredor dun cento de estudantes de secundaria desafiaron á chuvia para realizar o intercambio lingüístico e cultural que levan organizando durante todo o curso os Equipos de Dinamización Lingüística dos dous centros.

 

O estudantes do IES Auga da Laxe de Gondomar achegáronse onte á vila rianxeira para participar nunha actividade xa tradicional do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Félix Muriel de Rianxo: o intercambio con alumnado doutro EDLG dun centro de ensino secundario de Galicia.


Coa finalidade de que o alumnado de Gondomar  vise como o galego é a lingua espontánea do alumnado rianxeiro, organizáronse unha serie de actividades de convivencia que xa comezaron hai varios meses cando os rapaces e rapazas dun e doutro centro entraron en contacto por correo electrónico e a través das redes sociais, ata que onte se celebrou ou primeiro encontro presencial.  O alumnado rianxeiro presentoulles, dentro do IES, o seu concello e mais o traballo que desenvolven no Equipo de Dinamización da Lingua Galega, e logo fixéronlles de guía nunha visita pola vila.


Debido ás condicións climatolóxicas, parte do roteiro efectuado polas rúas de Rianxo foi suspendido e ambos IES ocuparon a maior parte do tempo nos museos da vila: o Museo do Mar e o recentemente inaugurado, Casa-museo de Manuel Antonio. Xa pola tarde, acudiron todos ó concello de Ribeira para visitaren o complexo dunar de Corrubedo.


O alumnado dun e outro centro interactuou perfectamente e os mozos e mozas de Gondomar tiveron oportunidade de falar en galego con outros da súa idade que teñen esta lingua como habitual, algo que no sur de Galicia e mais concretamente nos arredores da cidade olívica é difícil de atopar, segundo apuntou Valentina Formoso, profesora do IES "Félix Muriel" e cofundadora da coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o alcaldable do Bng promete apoio ao festival de AntrosPinos en Taragoña

Xuntanzaantrospinos

Rianxo, 29 de marzo de 2011. Na rolda de encontros que o candidato do BNG está a manter cos colectivos sociais da localidade, Adolfo Muíños desprazouse até Taragoña para recibir cumprida información das demandas do colectivo Antrospinos, unha das asociacións máis dinámicas do municipio e que está promovendo actividades culturais con propostas "novidosas e refrescantes" para os máis mozos non só da parroquia taragoñesa, senón de todo o Concello.


En primeiro lugar Adolfo Muíños comprometeu a vontade de apoiar desde o Concello, se os veciños lle dan o seu apoio o 22 de maio, o Festival Antrospinos do verán para contribuír a convertelo na grande cita musical do Barbanza na onda doutros festivais veteranos como a Festa da Carballeira de Zas ou o Intercéltico do Morrazo. A dimensión acadada desde a última edición fai que sexa este o obxectivo da asociación e na que debe confluír a acción de goberno municipal para a súa consolidación, expansión e difusión. "O apoio do Concello debe ir máis alá da posta en funcionamento dos servizos de seguridade e limpeza e colaborar co sostemento económico e búsqueda de patrocinios", salienta Muíños.

Antrospinos está a desenvolver tamén desde o centro cultural de Taragoña outros proxectos en datas sinaladas como o Día das Letras Galegas ou o Entroido e que mesmo fixo achegarse á canle autonómica á localidade para realizar unha gravación deste evento.


Como aos demais colectivos, o alcaldable do Bng manifestou a vontade de darlles voz ás asociacións a través dos consellos de participación que se creen na futura corporación e a obriga dos servidores públicos de manter xuntanzas periódicas cos veciños organizados en colectivos sociais.

Telecentro en Taragoña


Adolfo Muíños informou á directiva tamén do proxecto longamente demandado desde o BNG de crear un Telecentro de Comunicación en Taragoña, a sumarse á Aula de Informática de Rianxo, dentro da rede galega de telecentros. Sería axeitado un espazo duns 100 m2 acondicionado acústicamente que disporía de material informático (ordenadores, impresoras, etc.), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección, etc, para realizar actividades de informática e apoio ás novas tecnoloxías. Como complemento daría cobertura web (que funcionase) a toda a praza de Campo de Pazos, dentro doutro proxecto de expandir en prazas públicas das parroquias a internet.

Emprego de YouTube
O candidato nacionalista á alcaldía está a empregar o portal máis grande de vídeos en Internet para difundir a súa mensaxe:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical