21.2.13

Noia: o Concello comunica á Fiscalía de Medio Ambiente a vertedura ao río San Xusto provocada pola empresa que fai a variante

Media_httpfarm5static_eygkv

Non é a primeira vez que as obras do corredor Brión-Noia enlaman o río San Xusto. Imaxe de setembro de 2010

Noia, 21 de febreiro de 2013. O Concello de Noia vai poñer en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente unha das últimas verteduras que se produciron no río San Xusto, de onde collen auga da traída os habitantes de Noia.

Segundo puido saber este xornal, a xunta de voceiros do Concello de Noia, convocada a petición do PP, acordou por unanimidade dos grupos poñer en coñecemento de todas as administracións competentes as verteduras ao río San Xusto que provocaron problemas na captación municipal de auga. Segundo consta no informe do Seprona, unha das últimas incidencias foi provocada por movementos de terras de Puentes y Calzadas, empresa constructora que está a construír a controvertida variante noiesa.

Os informes realizados por Seprona foron postos en coñecemento da Axencia de Legalidade Urbanística, da fiscalía citada, de Augas de Galicia e de Conservación da Natureza, entes estes últimos que dependen, paradoxalmente, da Consellería de Medio Ambiente e Obras Públicas, a mesma que impulsa a construción da variante e que está dirixida por un conselleiro, Agustín Hernández, que traballou durante un tempo para a constructora Puentes y Calzadas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: o Psoe galego esixe á Xunta que habilite plan de axudas polas perdas dos bancos marisqueiros de Noia, Barbanza e Arcade

7 POC mortandade bivalvos 150113 JRVAL 090002119.pdf Download this file

  • Achácano ás riadas de decembro e xaneiro, pola excesiva auga doce nas praias
  • O portavoz de Pesca socialista, José Ramón Val, advirte que a caída de orzamentos “non aportan ningunha expectativa de mellora” para o sector

 

Barbanza-Noia, 21 de febreiro de 2013. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, esixiulle hoxe á Xunta a posta en marcha dun Plan de Axudas específico para paliar as perdas ocasionadas polas riadas de decembro e xaneiro nos bancos marisqueiros de Noia, Barbanza e Arcade. O parlamentario socialista presentou unha iniciativa na que reclamou a entrega das prestacións “en tempo e forma”.

Val esixiu a posta en marcha de medidas específicas de apoio pola alta mortalidade que provocou o exceso de auga doce naquelas datas, e reclamou “celeridade” logo de constatar que a Xunta acumulou retrasos de ata 8 meses na concesión de axudas ordinarias ao marisqueo.

Inmundicia nos pósitos

O responsable socialista advertiu que a redución nos orzamentos da Xunta “non aporta ningunha expectativa de mellora, nin modifica absolutamente en nada esta situación”. Lamentou que “non haxa unha aposta crible para este sector, que está a ser abandonado polo goberno galego ata o punto de que a Comisión do Parlamento Europeo que visitou as rías nestas datas falou da inmundicia acumulada nos pósitos".

José Ramón Val dixo que o sector da baixura está paralizado hoxe en desacordo coa xestión da Xunta no reparto de cotas pesqueiras, centos de mariscadoras se teñen pechado na delegación comarcal da Xunta en Ribeira esixindo ser recibidas pola conselleira do Mar e varios patróns maiores de Arousa denuncian suposto trato de favor no peche de bancos marisqueiros e acceso ás axudas da Xunta. 

Lamentou que o goberno galego non teña actuado “de oficio” para apoiar a estas confrarías pola alta mortandade de bivalvos e que “teñamos que agardar dous meses a que os grupos parlamentarios traian as iniciativas para ver que o goberno galego non é quén de facer nada” xa que, dixo, “non hai ninguén limpando as rías nin traballando na rexeneración dos bancos”.

Criticou o “desgoberno” da Xunta diante da situación “realmente comprometida” do sector, que perdeu de maneira significativa o número de Permisos de Explotación –Permex- de 4.300 en 2009 a 3.900 en 2011, ao que se suma a caída de prezos en primeira venda e unha importante caída da produción.

Relacionadas:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: obradoiro de teatro para mulleres e curso de informática para nenos

Portoson_obradoiro_teatro

  • O prazo para anotarse ao obradoiro de teatro ábrese ata o luns 4 de marzo. Non é precisa experiencia previa
  • O curso de informática comeza o xoves 28 de febreiro no edificio de usos múltiples
Cemit

A Rede Cemit vai poñer en marcha un novo obradoiro dedicado aos máis cativos da casa (de 5 anos para adiante). Dá comezo o xoves 28 de febreiro, na aula de informática ubicado no edificio de Usos Múltiples no núcleo de Porto do Son. O horario será de mañan de 12:30 a 13:30 horas. Con este novo obradoiro xa son 13 os que están en funcionamento nas diferentes Casas de Cultura do Concello. A Rede está a traballar para aumentar máis o número de obradoiros, xa que hai gran demanda por todo o municipio sonense.

Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Infraestruturas: abren consultas para facer a declaración de impacto ambiental do acceso a Portobravo, en Lousame, dende o corredor Brión-Noia

Acceso_a_portobravo

  • Este período de consultas ambientais estará aberto durante un mes, dende o día de hoxe, para a achega de observacións con incidencia ambiental no proxecto
  • Este proxecto define un vial, cunha lonxitude dun quilómetro aproximadamente, que partindo da estrada Santiago- Noia (AC-543) conecte coa estrada de acceso a Noia AC-311 e coa estrada Augasantas- Noia (AC-308), evitando o emprego da actual intersección entre estas últimas estradas, situada na travesía de Noia


O novo acceso parte dende esta altura do corredor Brión-Noia

Lousame-Noia, 21 de febreiro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de iniciar as consultas ambientais do proxecto de trazado e impacto ambiental para a mellora do acceso a Portobravo, no Concello de Lousame, coa finalidade de definir o alcance que debe ter o Estudo de Impacto Ambiental.

Esta nova conexión en proxecto permitirá que, partindo do enlace co corredor CG-1.5 Brión- Noia en Sampaio, a través da conexión posta en servizo recentemente coa AC-543, e discorrendo a través desta e do novo vial, os usuarios se acheguen ao núcleo de Portobravo por un itinerario mais áxil e seguro, evitando o tráfico de características máis urbanas da travesía de Noia.

A nova comunicación mellorará a accesibilidade ao Concello de Lousame, incrementará a seguridade viaria dos usuarios e reducirá o tempo de percorrido. Ademais permitirá o aumento do dinamismo socioeconómico da área de afección, sempre segundo a Xunta, que nunca cita as desfeitas ambientais en canto a flora e fauna e moito menos as debacles paisaxísticas que estas grandes infraestruturas xeneran.

No que se refire a características técnicas, o proxecto componse de tres elementos: as conexións co viario da zona, un viaduto sobre o río de San Xusto e un eixo de novo trazado a través de terreo forestal. A Consellería de Medio Ambiente considera dúas alternativas para o desenvolvemento desta conexión entre A Fialla, na AC-311, e Portobravo, que parten do noreste e noroeste deste núcleo, respectivamente. A Xunta de Galicia asegura, inda que logo está por ver e por cujmprir, que mediante este proceso de consultas ambientais introducirá no documento as medidas necesarias para minimizar ou eliminar a ocupación do terreo forestal e o efecto barreira para a fauna.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Rodrigo Vila, ao saxofón este venres na igrexa de Santa Uxía

  • O mestre vén de facer unha xira por Perú e Bolivia, onde impartiu clases maxistrais e concertos
     

 

Ribeira, 21 de febreiro de 2013.- O mestre da Aula Galega de Saxofón Rodrigo Vila ofrecerá mañá venres un recital para saxofón na Igrexa Parroquial de Santa Uxía ás 20.15 horas.

Este afamado pedagogo e concertista, nado en Vigo e que actualmente traballa como profesor no Conservatorio Superior das Illas Balears, acaba de chegar de Perú e Bolivia, onde foi invitado a impartir master class en ambos países e onde xa ofreceu  o concerto que mañá venres interpretará en Ribeira.

Rodrigo Vila ofrecerá un concerto de 45 minutos aproximadamente que abarca estilos dende o barroco ata o século XXI. Obras de J. S. Bach, Luciano Berio, François Rossé e Mauricio Sotelo forman parte do programa do recital.

Habana e Pequín

Ademais de continuar como profesor da Aula Galega de Saxofón, o mestre Rodrigo Vila  ten previsto de aquí ao verán novas master class e recitais en lugares como A Habana ou Pequín. 

Hai que lembrar que a Aula Galega de Saxofón  é unha actividade que organiza e desenvolve o Conservatorio Profesional de Riveira unha fin de semana de cada mes e  á que asisten 16 alumnos de saxofón procedentes de Ribeira e de outros puntos da xeografía galega.




Rodrigo_vila_primeiro_pola_esq

Rodrigo Vila - Aula Galega de Saxofón.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello organiza recital infantil e participa na Alborada Nacional para homenaxear a Rosalía

  • O recital, con poemas de Rosalía, será este venres 22 no auditorio
  • A alborada será parte da nacional que se organiza este domingo 24 en toda Galicia

 

Ribeira, 21 de febreiro de 2013.- Con motivo do 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro, o Concello ten previsto poñer en marcha dúas actividades que conmemoren a efeméride dun fito tan importante para a historia da Literatura Galega.

Para dar conta dos detalles de ambas actividades, déronse cita no Consistorio local a concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, e a responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín.

A primeira das accións terá lugar no día de mañá, venres 22, e está dirixida aos nenos e nenas dos distintos centros educativos do municipio. Tratase dun recital poético infantil que terá lugar de 11 a 12.30 horas no Auditorio Municipal.

O evento contará coa presenza de máis de 250 nenos e nenas de 4º de Primaria, que participarán nunha lectura coral do poemario da poetisa de Padrón.

Así mesmo, o evento dará cabida tamén á proxección sorpresa dunha curtametraxe realizada por alumnos do IES Nº1 sobre a homenaxeada. Esta peza fílmica será colgada nos vindeiros días na páxina web da Asociación de Escritores en Lingua Galega (www.aelg.org), promotores da iniciativa da creación audiovisual na honra de Rosalía.

Por outra banda, o domingo 24 de febreiro (día propio no que se cumpren 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos”) vaise poñer en marcha unha Alborada para Rosalía de Castro interpretada por gaiteiros e músicos tradicionais, recollendo a iniciativa da Asociación Galega de Gaiteiros, a Fundación Rosalía de Castro e a Real Academia Galega.

Relacionadas:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: o Bng apoia o amarre da flota de baixura nos portos galegos

  • A protesta é polo reparto de cotas, co que non están dacordo
  • Para  Francisco Jorquera, portavoz do grupo parlamentario do BNG, “é imprescindible que os gobernos galego e central rectifiquen as súas políticas que condenan ao desmantelamento a un sector básico para Galiza”


 

Barbanza, Noia, 21 de febreiro de 2013. O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, manifestou o apoio desta forza nacionalista ás reivindicacións da flota de baixura que permanece amarrada nos portos de A Coruña, Muros, Ribeira e Celeiro en protesta polas cotas pesqueiras.

O deputado urxiu ao Goberno galego e ao Goberno central a “rectificar as súas políticas nesta materia”  por seren lesivas para Galiza e condenar “ao desmantelamento” a un sector básico para a economía galega.

Para o portavoz do grupo nacionalista, o reparto de cotas “non se xustifica por criterios de sustentabilidade das diferentes especies” máis ben, dixo, responden a intereses políticos e económicos que “prexudican gravemente ao noso país”.

Trala Xunta de portavoces celebrada hoxe no Parlamento, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación para dar conta da orde da vindeira sesión plenaria prevista para os días 26 e 27 na que serán debatidos e aprobados os orzamentos do ano 2013.


O PP profundiza austericídio, no paro e na depresión económica

A actitude do Partido popular galego é a mesma de Mariano Rajoy no debate do Congreso dos deputad@s, unha actitude, dixo, “de chulería, triunfalismo e falta de dialogo” para aceptar algunha emenda  porque o Partido popular entende a maioría absoluta como mera aplicación “do rodillo parlamentario” aceptando só as súas emendas.

Jorquera afirmou que o trámite dos orzamentos constata  a súa caducidade  porque as previsións macroeconómicas das taxas de paro para final do 2013 xa se cumpriron no mes de xaneiro.

Estas políticas, engadiu o nacionalista, profundizan no “austericidio, no paro e na depresión económica”, o Partido popular segue cada vez “máis lonxe” dos problemas que padecen os cidadáns, aseverou.

O PP non responde ás Declaracións Institucionais

O parlamentario explicou que as Declaracións institucionais relativa ao  indulto do galego David Reboredo e ao pronunciamento da Cámara galega contra os  desafiuzamentos   permanecen á espera dunha resposta do Partido popular, polo contrario, engadiu, a Mesa da Cámara si aportou un modelo de declaración de bens e rendas que debe ser cumprimentada polos deputados e deputadas nun prazo de 30 días para que  posteriormente  figure na páxina web do Parlamento de Galiza.

O grupo parlamentar do BNG considera que debe existir un modelo “ad hoc” onde se recollan todas as declaracións de actividades e bens aportados nesta cámara por todos os deputados e deputadas recollidas na propia constitución da lexislatura porque é “ máis transparente”, concluíu.

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: "Airiños" non recollerá o premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas en apoio aos traballadores deste sector e aos músicos

  • A entrega era hoxe na Cidade da Cultura
  • Non o rexeitan, pero non asisten á entrega institucional como xeito de protesta

Rianxo, 21 de febreiro de 2013. O Cadro Artístico Airiños de Asados, en Rianxo, grupo de teatro afeccionado en activo máis antigo da Galiza, non vai asistir á entrega dos Premios da Cultura Galega, na Cidade da Cultura, en apoio aos traballadores das artes escénicas e musicais que estes mesmos días se manifestan  alí mesmo polo parón que sofre o sector. "Sumámonos así á Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que tamén se solidarizaron deste xeito coas persoas implicadas e comprometidas coa cultura de Galicia", explican dende este colectivo rianxeiro.

Este grupo de teatro amador, como xa informamos no seu día, foi o premiado na categoría das Artes Escénicas “polo traballo desenvolvido desde a súa creación, no ano 1933, que o converte no máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local”. O colectivo teatral "Airiños" agradece este recoñecemento institucional "que de ningunha maneira rexeitamos, xa que son moitas as persoas que traballaron para chegar ata aquí, e tampouco somos quen para rexeitar un premio que, entre outras cousas, non nos pertence ás persoas que estamos agora no grupo senón a tantas outros veciños e veciñas de Asados e Rianxo que se subiron ás táboas durante tantos anos".

E rematan sinalando que "a pesar de que foi unha decisión difícil de tomar, finalmente a maioría dos actuais membros adultos en activo de Airiños decidimos sumarnos á protesta do sector teatral con esta decisión: non acudir ao acto de entrega dos premios. Apoiamos así ao sector teatral ao que, dende o afeccionado, pertencemos. E sumámonos a unha protesta que nos atinxe a todos nós: sexa como teatreiros, sexa como consumidores de cultura".

Antes, en Certo:


Premio: Airiños, premio das Artes Escénicas nos Cultura Galega 2012


Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical