26.12.10

Boiro: o Bng resposta ás declaracións políticas dun empresario da localidade


Boiro, 26 de decembro de 2010. O Bng de Boiro enviou unha nota de prensa na que quere dar resposta a un empresario da localidade que noutros tempos foi alcalde sobre unhas declaracións feitas hai uns días. Como non temos esas declaracións, tan só publicamos -íntegra, como é habitual- a resposta dos nacionalistas.

"O Consello local do BNG de Boiro diante das declaracións efectuadas polo Sr. Alonso, presidente de Jealsa-Rianxeira, manifesta o seguinte:

1. O grupo de empresas da familia Alonso é unha peza clave para a economía e o emprego de Boiro e do noso país. Jealsa é a empresa máis importante da nosa vila -aínda que non a única- grazas á familia Alonso e a moreas de familias máis cuxos membros se esforzan cada día traballando nesa fábrica.

2. Jealsa funciona ben debido aos seus impulsores e debitdo tamén á forza de traballo de moitas mulleres e homes que madrugan cada día para traballar alí. Desde o Concello de Boiro sempre se apoiou e se apoiará a Jealsa-Rianxeira para que continúe coa súa actividade moitos anos, sempre, claro está, que CUMPRA COA LEGALIDADE, porque non se pode apoiar ao Sr. Alonso e ás súas empresas a calquera prezo.

3. Calquera persoa é  moi libre de manifestar a súa opión sobre o goberno bipartito de Boiro, e iso é algo moi respectábel que, desde está o BNG, pódese facer libremente. Todo o mundo recorda o periodo no que o Sr. Alonso era alcalde en Boiro porque esa “suposta liberdade” non existía xa que até as paredes tiñan oídos. Parece que voltan os vellos tempos.

4. O Sr. Alonso, agora como antes, estase aproveitando da súa situación de superioridade como empresario para coaccionar aos seus traballadores a que escoiten o que el quere e a condicionalos para que tomen partido polo PP, e isto non o fai nun mitin senón no ámbito da súa empresa. A gravidade das palabras do señor Alonso non son polo que di senón por onde o di: é inevitábel que os traballadores sintan medo polo seu futuro se non fan o que se lles “aconsella”. El sábeo moi ben e aproveitase dun xeito obsceno da súa posición de superioridade.

5. É triste ver que unha persoa que foi alcalde non respecte os principios da DEMOCRACIA e ameace con abandonar Boiro se os resultados dunhas eleccións libres e democráticas non lle gustan. Esas palabras só se poden entender desde unha mente moi pechada e desde a súa propia ambición persoal.

6. Estamos vendo que é un perigo que unha soa persoa chegue a posuir o poder absoluto dunha vila: o poder político e o poder económico, tendo a capacidade de condicionar por completo a vida de tanta xente porque iso propiciaría unha autentica ditadura.

7. Dieste non é máis que a marioneta que Alonso ten para manexar Boiro ao seu antollo. Dieste é empregado de Alonso, a quen lle vai facer caso cando haxa un conflito con Jealsa aos traballadores ou ao seu xefe? Ao seu xefe ou á cidadanía de Boiro? Quen vai gobernar en Boiro realmente? Se o que vai gobernar é o Sr. Alonso que non nos mintan desde o PP e que o presenten ás próximas eleccións. Nós non lle temos medo ao debate político.

8. No BNG referendamos que a mellor opción de goberno en Boiro é Xosé Deira porque é a persoa que aglutina maiores consensos dentro da cidadanía ao tempo que representa á perfección o proxecto transformador do BNG. Deira non está supeditado a ningún interese económico nin persoal".

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical