22.4.10

Boiro: Juancho Armental comezou xa a entrenar para os retos deste ano

Mentres non o fagan subir o Coroño (do mesmo xeito que Meca gabeou polo Ulla), todo pode saír! Unha sesión tipo de mañá:
* Calentamiento 1x2000
* 2x400 con palas técnicas
* 1x200 Crol Normal
* 2x400 con palas medias
* 1x200 Crol Normal
* 1x1000 con tubo
Que haxa sorte campión! Isto non é para calquera!

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Porto do Son: que pasou Platón, que pasou?

Mestura de teatro e filosofía para aprender conceptos básicos. Outra xenialidade de Vinte10, a televisión cultural do IES de Porto do Son.

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: Semana da Prevención, do 27 ao 29 de abril, no campo da Fieiteira

Na primeira das imaxes, de esquerda a dereita: Mariano Moraes, José Antonio Vidal, Vicente García, Juana Ermitas Crugeiras e Esther Patiño


As xornadas celebraranse no Campo da Fieiteira do 27 ao 29 de abril

Ribeira, 22 de abril.- O Concello presentou unha nova actividade: a Semana da Prevención de Incendios e Outros Riscos, que foi concibida co propósito de que escolares e veciñanza en xeral aprendan a recoñecer e evitar os riscos que se poden encontrar na súa vida cotiá.

Esta nova actividade desenvolverase os días 27, 28 e 29 de abril no Campo Municipal da Fieiteira e constará de dúas actuacións diferenciadas en función do público ás que vai destinatadas: así, unha está dirixida a nenos e nenas de primaria (de 7 a 12 anos) e terá lugar polas mañás (de 10 a 13 horas), incidindo en conceptos vinculados coa autoprotección escolar, mentres que a outra está destinada á veciñanza en xeral, celebrarase polas tardes (de 16 a 18 horas) e versará sobre a prevención no fogar.

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Vicente García e as edís municipais de Asuntos Sociais e Educación, Esther Patiño e Juana Ermitas foron os encargados de presentar a actividade, na compaña de José Antonio Vidal e Mariano Moares, membros de SFG (Servizo de Formación Galego), entidade colaboradora na posta en marcha da acción.

O evento contará coa implicación de efectivos da Policía Local, Protección Civil, Bombeiros de Ribeira, así como da Garda Civil de Noia, que a título particular quixeron ser partícipes destas xornadas formativas. Ademais, en cada unha das xornadas contarase presenza de bombeiros de Santiago de Compostela (o día 27) de bombeiros da Coruña (o día 28) e de membros da Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA (día 29).

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Medio Ambiente: o Bng asegura que non hai plan da Xunta para rematar o saneamento integral da Ría de Muros e Noia

(Nota do Bng)
A presidenta de Augas de Galiza recoñece a Ana Pontón que non hai un plan para eliminar os 183 puntos de verquido detectados

Noia, 22 abril de 2010.- En resposta a unha pregunta da deputada do BNG, Ana Pontón, a presidenta de Augas de Galiza recoñeceu esta mañá no Parlamento Galego  que a Xunta de Galiza non se compromete a finalizar o saneamento integral da ría de Muros-Noia.

Ana Pontón denunciaba na súa iniciativa que a falta de saneamento da ría “está provocando importantes perdas para o sector marisqueiro, o motor económico da ría, xa que del viven directamente unhas 4.000 persoas”. En concreto, os bancos marisqueiros están declarados como zona B, o que limita os recursos e as rendas das persoas que se dedican a esta actividade.

A ría de Noia é unha grande produtora de berberecho, entre outros moluscos

Ante esta situación, a deputada do BNG demandáballe á Xunta de Galicia que informase das medidas concretas que pensa por en marcha en materia de saneamento e depuración para lograr o saneamento da ría. Na súa resposta, a presidenta de Augas de Galicia informou da existencia de 183 puntos de verquido na ría de Muros-Noia, dos que o 65% están localizados e teñen orixe doméstica e o 35% restante son de carácter ocasional, aínda que eludiu ofrecer un calendario para a súa eliminación xa que dixo que son tamén de competencia municipal.


Lixo na ría de Noia

Neste sentido, a deputada do BNG criticou que “a día de hoxe a Xunta de Galiza careza dun plan e de prazos para o saneamento integral da ría” e sobre os puntos de verquido asegurou que “a Xunta debería facer unha actuación decidida para eliminar estes focos de contaminación, que son os que provocan que a calidade das augas non sexa a adecuada”.

Sen medidas concretas para a rexeneración dos bancos marisqueiros do interior da ría

Ana Pontón tamén lle preguntou á directora de Augas de Galiza se a Xunta ten previsto actuar para rexenar os bancos marisqueiros do interior da ría, que se converteron en improdutivos pola acumulación de lama, e que ocupan arredor de 293 hectáreas: 146 nas zonas máis próximas ao concello de Noia e outras 147 no concello de Outes.


Lonxa do Freixo nunha visita da Conselleira de Mar, Ana Quintana

Sobre este asunto, a presidenta de Augas de Galicia limitouse a informar de que existe un Programa de Restauración de Bancos Marisqueiros  2010-2013 que para este ano conta cunha partida de 1 millón de euros para toda Galicia do Fondo Europeo da Pesca e ao que poden optar as confrarías e organizacións de produtores. Porén, non detallou ningunha medida concreta para os bancos marisqueiros de Noia e Outes deste programa que, por outra parte, xa existía con gobernos anteriores.

Retirada da escolleira: nin idea


Por último, a representante da Augas de Galicia asegurou descoñecer o proxecto do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño para a retirada da escolleira de Noia.

Relacionado: A Xunta di que se reduciron un 35% os verquidos á Ría de Noia

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Medio Ambiente: 35% de verquidos menos á Ría de Muros e Noia e asistencia técnica específica para control ambiental da Variante de Noia

A Xunta asegura que subsanou o 35% dos vertidos da ría de Muros e Noia mediante o Plan de control de vertidos e a mellora de infraestruturas hidráulicas


Recreación virtual da ponte que vai facer a Xunta sobre a Ría de Noia

Medio Ambiente destina un orzamento de 11,6 millóns de euros á instalación dos colectores xerais e a depuradora en Porto do Son, obras en estado de execución

Noia, 22 de abril de 2010.- Augas de Galicia anunciou hoxe que as actuacións do Plan de Control de Vertidos, a execución de melloras nas infraestruturas hidráulicas e a colaboración local conseguiron subsanar o 35% dos vertidos inventariados na Ría de Muros e Noia. A presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, explicou hoxe na súa intervención parlamentaria que actualmente o seu departamento continúa traballando na procura dunha solución total.

Vázquez explicou que a principal contaminación existente nos puntos de vertido detectados é de orixe doméstica, polo que o Goberno galego pretende resolver esta situación mediante a dotación de infraestruturas de saneamento na citada área. Así, no Concello de Muros, rematáronse as obras da rede de colectores xerais e da estación depuradora de augas residuais (EDAR), que foron postos en marcha o 20 de abril, beneficiando a unha poboación de máis de 9.000 habitantes. Ademais, neste mesmo municipio procederase á realización do saneamento da parroquia de Louro, por un importe de 221.000 euros.


Unha cuadrilla de Medio Ambiente (Goberno central) sacou estes pneumáticos da Ría o ano pasado

Porto do Son
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destina un orzamento de 11,6 millóns de euros á instalación dos colectores xerais e a depuradora en Porto do Son. Estas infraestruturas, que están en proceso de execución, estarán rematadas en xuño do presente ano. Ademais, estanse a levar a cabo os colectores xerais e depuradora de Esteiro, en Muros, cun importe de 6,7 millóns de euros. Prevese a finalización desta obra hidráulica para finais deste ano. Ethel Vázquez lembrou que o organismo Augas de Galicia tamén continúa coa execución dos traballos de saneamento e abastecemento na rúa Poeta Añón, en Outes, cun importe de 200.000 euros.

Cómpre sinalar que todas estas instalacións dispoñen dun sistema de desinfección ultravioleta que permite reducir a concentración de microorganismos patóxenos e acadar a protección da calidade das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

Rede de colectores xerais de Noia

A Administración Hidráulica de Galicia está a tramitar a primeira fase da rede de colectores xerais de Noia, actuación á que se achegará un importe de 3,3 millóns de euros. Vázquez indicou que esta obra será licitada antes do verán e que resolverá gran parte dos vertidos que se producen na ría de Noia.

Praia de Queiruga, Porto do Son

A Xunta de Galicia tamén continúa coa tramitación da execución da EDAR de Tarrío- Queiruga. Na actualidade, Augas de Galicia está agardando a que o Concello de Porto do Son achegue o anteproxecto correspondente e poña a disposición a parcela para a ubicación da depuradora.

Finalmente, Ethel Vázquez sinalou que a Consellería de Mar está rematando o proceso de actualización do cartografado dos bancos marisqueiros de Galicia, entre os que loxicamente se atopa o de Noia. Estes traballos serán obxecto do Programa de restauración dos bancos marisqueiros alterados pola actividade antropoxénica. Este proxecto pretende incrementar a produción dos recursos marisqueiros en areais pouco produtivos debido a alteracións provocadas pola actividade humana, empregando técnicas de restauración de ecosistemas.

Variante de Noia

 
A Xunta de Galicia contrata unha asistencia técnica específica para o control ambiental da Variante de Noia

A previsión é iniciar as obras despois do verán

Noia, 22 de abril de 2010.- A Xunta de Galicia contrata unha asistencia técnica específica para o control ambiental da Variante de Noia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato. Co obxectivo de axilizar a construción da Variante de Noia, mentres resolve a adxudicación desta infraestrutura viaria, a Xunta avanza na tramitación das asistencias técnicas necesarias durante a execución da obra. Concretamente, o DOG publica hoxe a licitación de dous contratos de servizo e nos vindeiros días licitará o contrato de servizo para o control e vixilancia da obra, polo que estas tres actuacións suman un importe de case 2,3 millóns de euros. Na seguinte táboa indícanse as actuacións que se licitan:

Inicio da adxudicación
O inicio dos trámites para a adxudicación desta obra comezou a finais de xaneiro coa publicación do anuncio –no Diario Oficial de Galicia- de licitación das obras da Variante de Noia. Cómpre sinalar que este paso foi unha proba do cumprimento do actual Goberno, xa que o compromiso adquirido coa sociedade era licitar as obras desta infraestrutura nos mes de xaneiro de 2010.

O Consello da Xunta –na súa última reunión de 2009- autorizou o gasto de 38.254.456 euros para a execución das obras da Variante de Noia. O importe de licitación incrementouse en 2,5 millóns de euros respecto ao reflectido no estudo informativo, coa finalidade de incorporar medidas ambientais e construtivas que minimicen o impacto na ría. As empresas interesadas en presentarse a este concurso público dispoñen ata o 17 de marzo para entregar as súas ofertas. A Xunta prevé adxudicar as obras no verán co obxectivo de que os traballos de execución comecen no terceiro trimestre do ano. O obxectivo desta actuación é unir as dúas marxes da ría de Noia e estas con Santiago de Compostela, Porto do Son e Muros, evitando o paso dos tráficos de tránsito polo casco urbano da cidade, que deste xeito verase sensiblemente desconxestionado.

Unha vez rematada, a variante de Noia canalizará preto de 3.000 vehículos diarios que escollerán esta vía para realizar os seus desprazamentos, o que implica unha redución do volume de tráfico de máis dun millón de vehículos ao ano. Deste xeito, a tamén coñecida como Alternativa 2 da variante de Noia evitará o núcleo de Eiroa e conectará co corredor Brión-Noia pola marxe esquerda da ponte de Ceilán (viaduto do río Tambre). Este trazado responde á necesidade de conectar o final da ponte co corredor Brión-Noia, coa finalidade de ofrecer aos cidadáns unha auténtica variante.

O trazado

A alternativa da ría ten unha lonxitude de 4.857 metros e unha anchura de máis de 10 metros, na que se inclúen beirarrúas para facilitar a seguridade dos viandantes. Na ponte sobre a ría engadirase un paseo peonil de 2,5 metros de ancho, que contará con ramplas de acceso no Testal e A Barquiña. A variante parte do núcleo de Taramancos, onde se separa da AC-550 e se da prioridade á nova vía. Unha vez superado o enlace, o trazado discorre ao norte do núcleo e presenta un paso superior sobre a variante para restituír un camiño de conexión entre a costa e Taramancos.

A continuación sitúase o semienlace de Punta Rebordiño, que permite o acceso e saída dos vehículos da zona do Testal co norte de Noia. O trazado continúa coa ponte sobre a ría, cunha lonxitude de 1.470 metros, que salva ademais a estrada de acceso ao Testal. Por outro lado, o desembarco da estrutura na zona nordés de Noia pasará por riba da actual rede viaria existente nesta zona.



A variante xira cara ao nordés evitando, mediante un viaduto, a zona de aparcadoiro do centro comercial existente neste núcleo e unha rúa próxima. No final do trazado, construirase un enlace tipo glorieta baixo a estrada, que servirá de conexión coa C-550. A obra mellorará as comunicacións entre Porto do Son e Muros, permitindo un aforro de 10 quilómetros, e entre Porto do Son e Santiago, reducindo en 4 quilómetros a distancia actual.

O obxectivo final é que as comunicacións entre Noia e Santiago se reduzan ata os 22 minutos, o que supón unha mellora no tempo de percorrido dun 37% fronte aos 35 minutos que agora son necesarios. Optimizaranse as conexións das dúas marxes da ría. Tanto a variante de Noia como os novos viais de conexión con Santiago e Muros transformarán o mapa viario de Noia e a súa comarca, beneficiando dun xeito especial aos máis de 40.000 habitantes de Noia, Outes, Muros e Porto do Son.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Cultura: resucita o Colectivo literario Sacou de Noia e Outes? Ou nunca morreu?

O poeta noiés Manuel L. Rodrigues xa nos dera a pista de que non estaba morto, de que puidera estar de parranda. Foi na entrevista que aínda se pode ler en http://certo.es/index.php?page=manuel_l_rodrigues
Xa sabedes, se andades por Compostela, o 7 de maio, venres (sexta feira para os reintegracionistas), acto cultural dos antigos Sacou ás dez da noite no pub "As Dúas".

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: o xoves 29 de abril, Día Internacional da Danza, actúa a compañía "As Dríadas"

Ribeira, 22 de abril. O vindeiro 29 de abril conmemórase o Día Internacional da Danza e, con tal motivo, o Concello de Ribeira ten a intención renderlle unha homenaxe a esta disciplina cunha actuación a cargo da compañía As Dríadas, que presenta a obra “ 1+ ”: un espectáculo que terá lugar no Auditorio Municipal de Ribeira ás 19.30 horas.

A iniciativa está promovida pola Concellería de Cultura e Festexos, que encabeza Luciano Fernández, a través da súa profesora de danza clásica, Cristina Riveiro, da Escola Municipal de Ballet, e conta colaboración da Deputación da Coruña.

O espectáculo, de danza moderna e hip hop, está dirixido ao público xuvenil e adulto. A entrada e gratuíta e as persoas interesadas retirarán as entradas media hora antes da representación.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Ribeira: os socialistas levan a pleno o mal estado do barrio de Abesadas

Ribeira: "A vaca Palmira", monicreques no Día do Libro, este venres 23 de abril. O sábado, A guerra das Galicsias


Ribeira, 22 de abril.-
Con motivo da celebración no día de mañá, venres 23 de abril, do Día Internacional do Libro, o Auditorio Municipal será escenario da representación de “A Vaca Palmira”, nunha función especial a cargo de Monicreques Trécola, actividade que se enmarca dentro da mostra Mostra “Ti-ti Ritando de Emoción”.

Nesta actividade, que está  programada para as 10 horas, participarán alumnos/as de Segundo e Terceiro Ciclo de Educación Primaria dos centros educativos de Riveira, para os cales se reservaron 25 prazas por colexio até encher o aforo das 278 butacas.

O sábado, como estaba programado dentro do Abril literario, TÍTERES CACHIRULO representará A guerra das Galicsias.

Relacionado:


Abril literario: mes dos monicreques

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

A Pobra: este sábado, entrenamento de progresión vertical e rápel con Axena

"Aberto a todos aqueles que queiran probar a experiencia de estar colgado". Mmhhh, de que nos sona iso?
Infórmense en http://blogueiros.axena.org/2010/04/22/entrenamiento-de-progresion-con-cuerda...

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Faranji: varias linguas e moitos eucaliptos. Galicia? Non, Etiopía. Novo capítulo

"Etiopía son moitos mundos nun só mundo. O normal para a xente destes lares é que falen dúas ou tres linguas máis ademais do amhárico, idioma oficial e lingua franca no país. Así por exemplo, o noso conductor Akliku, fala amhara, oromo e gurage. Esta realidade multicultural e plurilingüística non supón ningunha trauma, como se empeñan algúns na vella Europa. De feito, Cerdedo contounos que nunha prospección na zona berta de Benishangul, foron acompañados por un guía local, quen, ao longo do camiño, trocou catro veces de idioma en función da adscrición étnica das persoas coas que se cruzou".
"A espectacular baixada do altiplano amenízase coa charla do Inspector quen nos aclara a inxente cantidade de eucaliptos que inzan todo o territorio. Aquí chámanlle bahr zaf, a árbore que veu de alén mar. Dinos que o emperador Menelik II, co gallo de tentar rematar coa deforestación de vastas zonas do Estado Etíope, decidiu a finais do século XIX proceder á reforestación deses territorios con eucaliptos procedentes de Australia, até o punto de que a comezos do século XX algún cronista británico chegou a chamar eucalyptopolis a Addis Ababa. Como diría Cerdedo, unha vez máis, isto é como Galicia, valga la redundancia".
Todo o capítulo en http://certo.es/index.php?page=china_town

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical