22.4.10

Medio Ambiente: 35% de verquidos menos á Ría de Muros e Noia e asistencia técnica específica para control ambiental da Variante de Noia

A Xunta asegura que subsanou o 35% dos vertidos da ría de Muros e Noia mediante o Plan de control de vertidos e a mellora de infraestruturas hidráulicas


Recreación virtual da ponte que vai facer a Xunta sobre a Ría de Noia

Medio Ambiente destina un orzamento de 11,6 millóns de euros á instalación dos colectores xerais e a depuradora en Porto do Son, obras en estado de execución

Noia, 22 de abril de 2010.- Augas de Galicia anunciou hoxe que as actuacións do Plan de Control de Vertidos, a execución de melloras nas infraestruturas hidráulicas e a colaboración local conseguiron subsanar o 35% dos vertidos inventariados na Ría de Muros e Noia. A presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, explicou hoxe na súa intervención parlamentaria que actualmente o seu departamento continúa traballando na procura dunha solución total.

Vázquez explicou que a principal contaminación existente nos puntos de vertido detectados é de orixe doméstica, polo que o Goberno galego pretende resolver esta situación mediante a dotación de infraestruturas de saneamento na citada área. Así, no Concello de Muros, rematáronse as obras da rede de colectores xerais e da estación depuradora de augas residuais (EDAR), que foron postos en marcha o 20 de abril, beneficiando a unha poboación de máis de 9.000 habitantes. Ademais, neste mesmo municipio procederase á realización do saneamento da parroquia de Louro, por un importe de 221.000 euros.


Unha cuadrilla de Medio Ambiente (Goberno central) sacou estes pneumáticos da Ría o ano pasado

Porto do Son
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destina un orzamento de 11,6 millóns de euros á instalación dos colectores xerais e a depuradora en Porto do Son. Estas infraestruturas, que están en proceso de execución, estarán rematadas en xuño do presente ano. Ademais, estanse a levar a cabo os colectores xerais e depuradora de Esteiro, en Muros, cun importe de 6,7 millóns de euros. Prevese a finalización desta obra hidráulica para finais deste ano. Ethel Vázquez lembrou que o organismo Augas de Galicia tamén continúa coa execución dos traballos de saneamento e abastecemento na rúa Poeta Añón, en Outes, cun importe de 200.000 euros.

Cómpre sinalar que todas estas instalacións dispoñen dun sistema de desinfección ultravioleta que permite reducir a concentración de microorganismos patóxenos e acadar a protección da calidade das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas.

Rede de colectores xerais de Noia

A Administración Hidráulica de Galicia está a tramitar a primeira fase da rede de colectores xerais de Noia, actuación á que se achegará un importe de 3,3 millóns de euros. Vázquez indicou que esta obra será licitada antes do verán e que resolverá gran parte dos vertidos que se producen na ría de Noia.

Praia de Queiruga, Porto do Son

A Xunta de Galicia tamén continúa coa tramitación da execución da EDAR de Tarrío- Queiruga. Na actualidade, Augas de Galicia está agardando a que o Concello de Porto do Son achegue o anteproxecto correspondente e poña a disposición a parcela para a ubicación da depuradora.

Finalmente, Ethel Vázquez sinalou que a Consellería de Mar está rematando o proceso de actualización do cartografado dos bancos marisqueiros de Galicia, entre os que loxicamente se atopa o de Noia. Estes traballos serán obxecto do Programa de restauración dos bancos marisqueiros alterados pola actividade antropoxénica. Este proxecto pretende incrementar a produción dos recursos marisqueiros en areais pouco produtivos debido a alteracións provocadas pola actividade humana, empregando técnicas de restauración de ecosistemas.

Variante de Noia

 
A Xunta de Galicia contrata unha asistencia técnica específica para o control ambiental da Variante de Noia

A previsión é iniciar as obras despois do verán

Noia, 22 de abril de 2010.- A Xunta de Galicia contrata unha asistencia técnica específica para o control ambiental da Variante de Noia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato. Co obxectivo de axilizar a construción da Variante de Noia, mentres resolve a adxudicación desta infraestrutura viaria, a Xunta avanza na tramitación das asistencias técnicas necesarias durante a execución da obra. Concretamente, o DOG publica hoxe a licitación de dous contratos de servizo e nos vindeiros días licitará o contrato de servizo para o control e vixilancia da obra, polo que estas tres actuacións suman un importe de case 2,3 millóns de euros. Na seguinte táboa indícanse as actuacións que se licitan:

Inicio da adxudicación
O inicio dos trámites para a adxudicación desta obra comezou a finais de xaneiro coa publicación do anuncio –no Diario Oficial de Galicia- de licitación das obras da Variante de Noia. Cómpre sinalar que este paso foi unha proba do cumprimento do actual Goberno, xa que o compromiso adquirido coa sociedade era licitar as obras desta infraestrutura nos mes de xaneiro de 2010.

O Consello da Xunta –na súa última reunión de 2009- autorizou o gasto de 38.254.456 euros para a execución das obras da Variante de Noia. O importe de licitación incrementouse en 2,5 millóns de euros respecto ao reflectido no estudo informativo, coa finalidade de incorporar medidas ambientais e construtivas que minimicen o impacto na ría. As empresas interesadas en presentarse a este concurso público dispoñen ata o 17 de marzo para entregar as súas ofertas. A Xunta prevé adxudicar as obras no verán co obxectivo de que os traballos de execución comecen no terceiro trimestre do ano. O obxectivo desta actuación é unir as dúas marxes da ría de Noia e estas con Santiago de Compostela, Porto do Son e Muros, evitando o paso dos tráficos de tránsito polo casco urbano da cidade, que deste xeito verase sensiblemente desconxestionado.

Unha vez rematada, a variante de Noia canalizará preto de 3.000 vehículos diarios que escollerán esta vía para realizar os seus desprazamentos, o que implica unha redución do volume de tráfico de máis dun millón de vehículos ao ano. Deste xeito, a tamén coñecida como Alternativa 2 da variante de Noia evitará o núcleo de Eiroa e conectará co corredor Brión-Noia pola marxe esquerda da ponte de Ceilán (viaduto do río Tambre). Este trazado responde á necesidade de conectar o final da ponte co corredor Brión-Noia, coa finalidade de ofrecer aos cidadáns unha auténtica variante.

O trazado

A alternativa da ría ten unha lonxitude de 4.857 metros e unha anchura de máis de 10 metros, na que se inclúen beirarrúas para facilitar a seguridade dos viandantes. Na ponte sobre a ría engadirase un paseo peonil de 2,5 metros de ancho, que contará con ramplas de acceso no Testal e A Barquiña. A variante parte do núcleo de Taramancos, onde se separa da AC-550 e se da prioridade á nova vía. Unha vez superado o enlace, o trazado discorre ao norte do núcleo e presenta un paso superior sobre a variante para restituír un camiño de conexión entre a costa e Taramancos.

A continuación sitúase o semienlace de Punta Rebordiño, que permite o acceso e saída dos vehículos da zona do Testal co norte de Noia. O trazado continúa coa ponte sobre a ría, cunha lonxitude de 1.470 metros, que salva ademais a estrada de acceso ao Testal. Por outro lado, o desembarco da estrutura na zona nordés de Noia pasará por riba da actual rede viaria existente nesta zona.



A variante xira cara ao nordés evitando, mediante un viaduto, a zona de aparcadoiro do centro comercial existente neste núcleo e unha rúa próxima. No final do trazado, construirase un enlace tipo glorieta baixo a estrada, que servirá de conexión coa C-550. A obra mellorará as comunicacións entre Porto do Son e Muros, permitindo un aforro de 10 quilómetros, e entre Porto do Son e Santiago, reducindo en 4 quilómetros a distancia actual.

O obxectivo final é que as comunicacións entre Noia e Santiago se reduzan ata os 22 minutos, o que supón unha mellora no tempo de percorrido dun 37% fronte aos 35 minutos que agora son necesarios. Optimizaranse as conexións das dúas marxes da ría. Tanto a variante de Noia como os novos viais de conexión con Santiago e Muros transformarán o mapa viario de Noia e a súa comarca, beneficiando dun xeito especial aos máis de 40.000 habitantes de Noia, Outes, Muros e Porto do Son.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical