20.9.12

Dodro: o Psoe denuncia un vertedoiro ilegal na aldea de Dodro

Dodro, 20 de setembro de 2012. Dende a Agrupación Socialista de Dodro denuncian a existencia dun vertedoiro ilegal situado na aldea de Dodro, no lugar onde pasa o antigo regadío.

Neste vertedoiro, sinalan, pódense atopar todo tipo de lixo e desperdicios, bolsas, plásticos, roupa, calzado, ferros, mesmo algún que outro electrodoméstico.

"Os Socialistas de Dodro lamentamos a falta de dilixencia por parte do Concello na preservación e coidado dos nosos montes e espazos naturais, sobre todo tendo en conta nesta época do ano a cantidade de incendios que asolaron Galicia", rematan.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: a Escola de Música inicia o curso con tres novos profesores e a meta de crear un grupo de música tradicional

Triptico.pdf Download this file

Lousame, 20 de setembro de 2012. Segundo informa César García, director da Escola de Música de Lousame, entre as principais novidades deste curso saliéntase contratación de tres novos profesores. "Por unha parte incorporase un profesor de tuba co que se completa na súa práctica a oferta de tódolos instrumentos dunha banda de música. Por outra banda destaca a incorporación de mestres de música tradicional coa finalidade de crear no futuro un grupo de música tradicional en Lousame. Así, este ano haberá tamén clases de violín tradicional, gaita, percusión tradicional e canto tradicional impartidas por dous novos profesores. Quérese recuperar a tradición dos grupos de gaitas neste concello que foi moi rica noutros tempos e ao mesmo tempo diversificar a oferta da Escola de Música para captar maior número de alumnos", asegura.

Tamén se incorpora este curso a disciplina de música e movemento para nenos de 4 a 7 anos, cos que se fará un grupo para traballar o interese pola música nestas idades temperás e motivalos a estudiar logo linguaxe musical e algún instrumento. Por último en canto á organización das ensinanzas este ano tamén haberá unha nova materia que recibirán tódolos alumnos que será a formación de conxuntos coa finalidade de preparar repertorio para tocar nas diversas audicións que se levarán a cabo ó longo do curso.

Unha escola que medra, en compoñentes e éxitos

A Escola de Música de Lousame experimentou un crecemento moi importante nos ultimos anos tanto en número de alumnos como en oferta formativa e comenza a dar os seus froitos en forma de alumnos saídos dela que realizan estudios de nivel superior en varios conservatorios de Galicia e sobre todo na súa banda de música que se está a convertir nunha banda exitosa e de calidade como demostran os premios conseguidos o ano pasado no V Certame Galego de Bandas de Música, premios que esperan repetir este ano na participación na VI edicion deste certame que terá lugar en Santiago de Compostela no mes de novembro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: rematadas as obras no camiño entre Outeiro e Carreiriña

  •  Investimento de case cen mil euros para poñer pluviais, pavimentar e iluminar este vial

 

Ribeira.- 20 de setembro de 2012.- O Concello informa da conclusión das obras de instalación dunha rede de pluviais, iluminación e pavimentación no camiño que une os lugares de Outeiro e Carreiriña, ambos situados na parroquia de Carreira. A actuación tivo un orzamento de 95.299 euros e estivo sendo realizada pola empresa Nemesio Ordóñez, S.A.

 

A decisión do Concello de actuar na zona en cuestión debeuse a que a mesma presentaba un estado deficiente, ao atoparse cuberta de vexetación e anegada por non dispoñer de recollida de augas superficiais. Tampouco contaba cun firme apropiado para o tránsito de vehículos e peóns.

 

Así e logo, as accións desenvolvidas incluíron en primeiro lugar a roza e limpeza da vía, retirando toda a vexetación existente da superficie e demolendo unha pequena soleira, feita de formigón, que se encontraba á entrada dunha das fincas lindantes.

 

Pluviais

Posteriormente, realizouse a instalación duns canais para o drenaxe de augas pluviais e a construción de sumidoiros. A este respecto, dispúxose un colector de PVC corrugado de 500 milímetros de diámetro polo centro do vial e instaláronse arquetas sumidoiro no centro da rúa cada 25 metros. Nos lugares onde o camiño se cruza con outras rúas dispuxéronse pozos de rexistro, ao igual que nos cambios de alineación.

 

En terceiro lugar, colocáronse puntos de luz de 6 metros de altura con brazo de 1,50 metros de lonxitude e luminaria de 150 watios. E por último, respecto á pavimentación, estendeuse unha capa de formigón de 20 centímetros de espesor sobre unha base de zahorra artificial.

 

A actuación adscribiuse ao Plan de Obras e Servizos (POS complementario 2011) da Deputación Provincial.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: coidarán aos nenos no conservatorio de Aguiño namentres fan as obras de ampliación da escola infantil

  • Dende o tres de outubro, anunciou hoxe o Concello, no que chaman "programa de conciliación familiar e laboral", cos mesmos cursos, horarios, grupos, proxecto educativo e persoal que a gardería

Media_httpfarm2static_zbriv

Imaxe de arquivo da gardería de Ribeira

Ribeira, 20 de setembro de 2012.- O Concello informa da próxima posta en servizo  dun “Programa para a conciliación da vida familiar e laboral” que estará en funcionamento mentres as obras da Escola Infantil Municipal non permitan a súa reapertura.

Aínda que o Concello tiña a intención inicial de compatibilizar o desenvolvemento das obras coa posta en marcha da Escola Infantil, os técnicos educativos e pedagóxicos municipais aconsellaron buscar outro emprazamento para garantir a seguridade e benestar dos rapaces. Por esta razón, dende o Concello se estiveron a estudar diversas alternativas, decantándose polo local do Conservatorio de Aguiño por cumprir este cos requisitos idóneos para atender as necesidades do programa.

O espazo estará debidamente acondicionado e manteranse os cursos, horarios, grupos, proxecto educativo, educadoras e demais persoal e servizos propios da gardería.

O programa de conciliación entrará en funcionamento o 3 de outubro: día no que se manterá  unha reunión informativa cos pais e nais dos cativos que asistan ao mesmo.

Cómpre dicir que a empresa Calena Barbanza será a encargada de coordinar o programa. En canto á xestión da Escola Infantil, actualmente en licitación, a idea do Concello é que a empresa que resulte adxudicataria entre en servizo coincidindo coa apertura da nova gardería: un feito programado para o cambio de ano.

Por último, cabe explicar que as actividades que tradicionalmente acolle o Conservatorio da parroquia de Aguiño están sendo trasladadas a outros espazos a para o seu desenvolvemento.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: rematada a limpeza dos regos de Manselle e Imo que verten no Ulla

  • Logo de moitos anos, segundo o equipo de goberno do PP, pódese case chegar ao río Ulla a través destas sendas fluviais

Manselle_e_imo

 

Dodro, 20 de setembro de 2012. No día de onte, segundo informa o Concello de Dodro, finalizouse a limpeza dos regos de Manselle e Imo que desembocan no río Ulla. "Por primeira vez en moitos anos pódese ver o cauce destes regatos, que prácticamente estaban desaparecidos a causa da acumulación de terra e a falta de limpeza. Paseando polo rego de Manselle chégase ata escasos metros do río Ulla, cousa que ata onte era unha misión case que imposible. No rego de Imo, houbo de facerse de novo o rego, xa que aínda que estaba planificado e recollido nos planos de parcelaria, nunca chegou a facerse", explica Marisol Boga, tenente de alcalde dodrense.

"Coa limpeza destes dous regatos cúmprese o compromiso do Concello de Dodro de finalizar a obra iniciada o ano pasado, pouco despóis de asumir o goberno o Partido Popular. En total foron máis de 1.200 metros de cauce o que foi limpado, para o que se contou ca colaboración da Demarcación de Costas que financiou a obra, o servizo provincial de Medio Ambiente da Xunta de Galicia así como de Augas de Galicia, que en todo momento facilitaron a realización das labores necesarias", engade.

Coa recuperación dos cauces destes dous regatos, iniciase unha fase de recuperación das Brañas de Laíño para disfrute de todos aqueles que gostan da natureza, e por outra banda, evítase a creación de lameiras que cada ano se iban incrementando, facendo prácticamente imposible o acceso peonil.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical