17.8.12

Porto do Son: do 24 ao 26 de agosto, Feira Mariñeira en Portosín

Portosn



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: visita de políticos ao castro de Baroña

Baroa_polticos

  • Carmen Pardo, secretaria xeral de Turismo, e o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, fixeron un percorrido polo xacemento arqueolóxico no que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo inviste 110.934,80 euros


As primeiras imaxes deste álbum de fotos corresponden ao 28 de xullo deste ano, coa intervención xa feita

Porto do Son, 17 de agosto de 2012.- A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e mais o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, a concelleira de Cultura, Educación e Relacións Veciñais, Asunción Torres, así como o concelleiro de Turismo, Deporte e Festexos, Manuel Deán, visitaron o Castro de Baroña en Punta do Castro-Porto do Son, onde a Xunta de Galicia financia as obras de acondicionamento e consolidación do xacemento para a súa posta en valor turística. Nesta visita, na que estiveron acompañados polo arqueólogo encargado das obras, fixeron un percorrido por este xacemento e puideron comprobar o avance das obras de consolidación, nas que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, investe110.934,80 euros.


O obxectivo desta intervención é garantir que a visita ao castro, un dos referentes do Turismo cultural de Galicia, poida realizarse coas máximas garantías e cunha oferta de calidade polo que a actuación pretende afondar no coñecemento e a investigación do castro e mellorar con isto a oferta sociocultural do Concello do Porto do Son.

Vaise cobrar por ver o Castro?

Nada dixeron os políticos desta posibilidade, nunha visita que semellaba máis un día de ocio para eles ou unha forma de saír na foto de precampaña que outra cousa. Propios e estranos seguen sen entender como se vai tirar proveito económico dun castro que ten o seu centro de interpretación a quilómetros (no medio de Porto do Son), que non dispón de ningún servizo axeitado ao pé (a non ser que consideren tales os montes onde se acampa sen control ou os baños do bar que hai no alto) e que é imposible, a non ser que teñas liña directa co Concello, visitar acompañados por guías que expliquen o que son aquelas pedras ou, xa que estamos no século XXI e os mp3 viñeron para quedarse, ter unhas audioguías para descargarse da web do Concello, por exemplo.

Para que son as obras?

As obras que se están levando a cabo inclúen a consolidación das estruturas arqueolóxicas que están máis danadas así como traballos de sinalización como a instalación dun panel informativo no camiño de baixada ao castro, colocación de pequenos pivotes con frechas no interior do xacemento para dirixir aos turistas no circuíto e a elaboración dunha páxina web do recurso e a edición de trípticos explicativos do mesmo. Asemade, desenvolverase unha pequena obra para acondicionar o camiño de baixada a este xacemento arqueolóxico.


Por outra parte, en coordinación coa concellería de Educación e Cultura de Porto do Son, lévase a cabo un programa de difusión social dos valores culturais, arqueolóxicos e naturais da Punta do Castro, incluíndo visitas guiadas, obradoiros e charlas dirixidas a escolares, asociacións culturais e grupos organizados, tanto do concello como da comarca do Barbanza.

O Castro de Baroña sitúase nunha pequena península rochos que marca polo Sur a boca da Ría de Muros e Noia e coincide cunha das zonas de costa máis fermosas e mellor conservadas do litoral atlántico galego -namentres non se executen as desfeitas que se prevén coas novas leis que permiten construír incluso en Rede Natura- e que permite vistas extraordinarias sobre a coñecida praia de Arealonga e o espectacular Monte Louro, en Muros.


Os traballos que se realizan sobre o Castro teñen como obxectivo básico no eido da investigación o recoñecemento real da estratigrafía e fases de ocupación, así como a obtención de datacións absolutas que permitan contextualizar Baroña no marco xeral de evolución da cultura castrexa no occidente galego.


Unha intervención deste tipo permite ademais o coñecemento máis axustado da estrutura orixinal do poboado, da súa evolución ao longo do tempo e das bases materiais do cotián das persoas que o ocuparon, todos eles son elemento fundamentais para a súa futura posta en valor como recurso cultural.

Namentres, ao pé, nun castro que seguramente estivo conectado co de Baroña:

O que a Xunta cala: destrución e agochamento de patrimonio milenario en Noia


Parlamento: o Bng pregunta pola desfeita de Taramancos


Pleno: moción de urxencia polo arraso do castro de Taramancos


Arqueoloxía: o Psoe leva ao Parlamento o arraso do castro de Taramancos


Arqueoloxía: o alcalde critica á Xunta por eliminar o castro de Taramancos

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Concello segue a esquecer no desleixo a praia da Corna

A Pobra do Caramiñal, 17 de agosto de 2012. Logo do mal tempo reinante días atrás as praias de moitas zonas de Barbanza, incluída A Pobra, quedaron cheas de argazo. "Namentres noutros Concellos se afanan por retirar estas algas, A Pobra do Caramiñal é un municipio de interese turístico, tal e como reza nos membretes dos documentos do concello e que conta con persoal para a limpeza de praias,  pero a praia da Corna está totalmente esquecida por este equipo de goberno", denuncian dende o Psoe.

O goberno de Maceiras funciona a golpe de denuncias

"Ben é certo que o día 15 se acumulaban toneladas de residuos neste lugar pero que preferimos darlle un tempo aos responsables municipais para que acometeran a limpeza.Pois ben, neste concello funcionan a golpe de denuncias: hoxe é día 17 de agosto e acumúlanse no areal os residuos de todos estes días e para que esta praia poida ser utilizada por residentes e turistas, precísase que algún medio se faga eco", sinala a portavoz do Psoe, Teresa García.


A socialista argumenta que "estamos en plena temporada estival e se fan iniciativas para que os turistas veñan ao noso pobo. A praia da Corna acoden multitude de persoas que visto o seu estado teñen que darse a volta, o mellor para non volver nunca máis polo noso pobo. Na festa do marisco, na inauguración, o Alcalde dicía textualmente: “A crise ten que ser alegre e sáese dela facendo festa”, como se observa e escoita en Youtube:

 

Pero non podemos dedicarnos soamente á festa: a responsabilidade dos que nos gobernan deben primar sobre calquera acto lúdico, e como hoxe tamén van estar ocupados co pregón e inicio das festas do Carmen dos Pincheiros, sería estupendo para o pobo que miraran un pouco máis lonxe que o estritamente urbano. Inaugurar festas e poñer plantas nos xardíns non é a única responsabilidade dos que nos gobernan. A praia da Corna tamén existe", remata.







Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: rematan as Escolas Deportivas de Verán e o Campamento Urbano e Deportivo

La_foto

  • Medio milleiro de participantes, entre os catro e os oitenta anos de idade

Rianxo, 17 de agosto de 2012. Segundo informan Ana María Agrelo, concelleira de Xuventude e Joaquín Domínguez, concelleiro de Deporte e Saúde do Concello de Rianxo, hoxe rematan as Escolas Deportivas de Verán e o Campamento Urbano e Deportivo 2012 organizados conxuntamente polo Servizo de Deportes e o Departamento de Xuventude do Concello de Rianxo e que se desenvolveron desde o 2 de xullo.

Participaron preto de 500 persoas de tódalas idades, desde os 4 anos ata os 80 do deportista mais veterano, en Escolas Deportivas coma Baloncesto, Fútbol Sala, Tenis, Multideporte, Patinaxe, Multifitnes, Ximnasia 3ª Idade, Multideporte...

No Campamento Urbano e Deportivo, dirixido a nenos/as de 4 a 7 anos, con 145 participantes, combinouse a actividade de iniciación deportiva con obradoiros socioeducativos (animación á lectura, títeres, reciclaxe, educación ambiental...) e actividades recreativas (cine, saídas á praia, Aula Activa...).

Esta mañá tivo lugar o acto de clausura no Campo de Arriba no que os nenos e nenas participantes nestes programas tiveron a disposición dous inchables xigantes e un obradoiro de maquillaxe.

Esta noite, a partires das 21 h. celebrarase o Deporte na Rúa, no que haberá competicións recreativas para os mais pequenos: baloncesto, fútbol sala, chave, badminton, tenis de mesa...; e tamén para os maiores: aerobox, aerobic...

Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Colaboración: "Gospel en Ribeira", por Javier Ferreirós

O 15 de agosto, mércores con sabor a domingo, o Coro Gospel de Vigo actuou no Auditorio de Ribeira, que se encheu ata os topes. O acto estivo organizado pola Igrexa Evanxélica de Ribeira-Castiñeiras, e eu levei unha grata sorpresa no eido musical.

Un dos organizadores comentárame días antes que se trataba de “gospel moderno”, así que non sabía a que aterme: imaxinaba sintetizadores e hieratismo, unha especie de “The Pet Shop Boys go to the Church”. Pero por sorte o gospel moderno é, polo que escoitei dende o primeiro tema desta actuación (“Presence of the Lord”), igual ó de sempre, pero acompañado por unha banda contundente cunha deriva funky. Grazas a Deus pola música negra que cruzou o charco.

Coido que está de máis dicir que é unha música que se goza igualmente dende unha perspectiva laica. Persoalmente, eu creo no que me din as boas cancións mentres están a soar.

O coro incorporou para esta ocasión a cantantes de Ribeira e doutros puntos de Galicia, todos eles novos e entusiastas. O mesmo cabe dicir para os membros da banda, todos eles músicos excelentes: ás veces eran Procol Harum, ás veces os Black Crowes, outras a banda de James Brown. Do melloriño que teño visto en Ribeira. Os arranxos das cancións eran luminosos e impecables, sostidos por ese entusiasmo sen o cal non é posible a música que paga a pena, un entusiasmo non tanto referido a actitude exterior (que tamén a había, e entre os músicos daba gusto ver ó intérprete do saxo cantando e bailando entre frases), senón á paixón que irradia a entrega á labor que se está a levar a cabo.

O única pega que atopei, e dito sexa isto sen sorna, é que case que todas as letras do seu repertorio nos urxen a gabar a Xesús. Explico este chocante punto de vista por parte dun asistente voluntario a un concerto de música gospel: nos antigos espirituais negros, como moi ben contou o director do coro antes de que abordaran o clásico do xénero “Swing Low”, existe certa variedade, dentro duns parámetros, claro está, toda ela motivada pola esperanza da liberación. Polo visto o gospel moderno fai fincapé no motivo principal que deu lugar a esta música: a salvación acadada a través de Xesús, así que entoa o seu nome en agradecemento. Digamos que non se anda con rodeos neste mundo no que cada vez é máis fácil despistarse.


Estiven sentado no Auditorio ó lado dunha señora encantadora que foi a miña catequista no século pasado. Non son moi dado a dar palmas cando os músicos o solicitan dende o escenario, porque eu só dou palmas cando me dá a gana; ó ver que non as daba cando o director llo indicou ó público, a miña catequista ordenoumo, e eu por suposto obedecín. Ó final deste magnífico concerto comentei con ela que eu preferira as cancións en idioma orixinal, en inglés, e ela en castelán, porque así entendía o que dicían. Respondín que ás veces non é necesario entender as palabras para entender, e estivemos de acordo.


Anterior colaboración: "O ceo, o mar azul"


Javier Ferreirós é músico e historiador

 

Toda a serie "Música por dentro" en Certo, aquí


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: estrea en exclusiva en Galicia de "Torreiros", un documental sobre os fareiros, este sábado 18

  • Os faros de Sálvora e Corrubedo, coprotagonistas deste filme
Media_http1bpblogspot_swedl

O documental ten un blog: http://torreiros.blogspot.com.es/

 

Ribeira, 17 de agosto de 2012.- Mañá, sábado 18, realizarase a estrea en Galicia do documental "Torreiros" do director Pablo Ces. A proxección será na praza Uxío Novoneyra ás 22.30 horas.


O de Corrubedo é un dos faros máis visitados na Barbanza

A iniciativa forma parte dos actos da feira Artemar, organizada polo Concello dentro do programa da Semana do Mar.  O documental trata de lembrar e homenaxear os homes e mulleres que desempeñaron o antigo oficio de fareiros, a punto de extinguirse pola aparición dos novos sistemas de navegación e as iluminacións programadas.

Nunha viaxe polos faros máis representativos de Galicia –como é o caso dos de Sálvora e Corrubedo-, o documental dá voz aos últimos torreiros en activo. Este percorrido polos faros galegos, sirve tamén para pór en valor o patrimonio arquitectónico, que ten a súa identidade construtiva, e que rematou por definir unhas paisaxes de gran valor ecolóxico e turístico.

O obxectivo do documental é realizar un caderno de bitácora que rexistrará as actividades dos torreiros na súa xornada.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a andaina deste sábado 18 achegarase ata Pontenafonso

Andaina_18_agosto


Partirá, como é habitual, ás 10 dende diante do Concello de Noia

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza: "Stop Desahucios" acadou xa 700 sinaturas para iniciativa lexislativa coa fin de evitar que hipotecados queden sen vivenda

  • A Plataforma está concentrada en que se eviten tres desafiuzamentos de familias desta comarca agora mesmo

O 1 de xullo fíxose a presentación oficial desta plataforma en Ribeira

Barbanza, 17 de agosto de 2012. Máis de 700 sinaturas en apenas cinco días foron recollidas pola plataforma "Stop Desahucios" de Barbanza para a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular, no Congreso dos Deputados, para que se modifique a Lei Hipotecaria coa fin de regular a dación en pago e adoptar as medidas necesarias para evitar desafiuzamentos por motivos económicos.

Segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, hai previsións de que entre 2011 e 2.012 poderían chegar a 500.000 execucións hipotecarias, a maioría das cales corresponderían a familias humildes. 

A citada Plataforma, constituída hai escasos meses en Barbanza,  está a traballar para evitar execucións hipotecarias en concreto de tres familias desta comarca, a través da negociación coas entidades financieras e poder esquivar a inxustiza que supón todo desaloxo cando, por parte dos responsables políticos, teríase que acatar a Constitución que considera a vivenda habitual como Dereito Fundamental, independentemente da condición económica dos cidadáns, como ocorre noutros países do noso arredor como Alemania, Noruega, Suiza e incluso nos EE.UU de Norteamérica.

Os membros da Plataforma continuarán coa recollda de sinaturas ata finais do próximo mes de setembro.    
   

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical