17.8.12

Colaboración: "Gospel en Ribeira", por Javier Ferreirós

O 15 de agosto, mércores con sabor a domingo, o Coro Gospel de Vigo actuou no Auditorio de Ribeira, que se encheu ata os topes. O acto estivo organizado pola Igrexa Evanxélica de Ribeira-Castiñeiras, e eu levei unha grata sorpresa no eido musical.

Un dos organizadores comentárame días antes que se trataba de “gospel moderno”, así que non sabía a que aterme: imaxinaba sintetizadores e hieratismo, unha especie de “The Pet Shop Boys go to the Church”. Pero por sorte o gospel moderno é, polo que escoitei dende o primeiro tema desta actuación (“Presence of the Lord”), igual ó de sempre, pero acompañado por unha banda contundente cunha deriva funky. Grazas a Deus pola música negra que cruzou o charco.

Coido que está de máis dicir que é unha música que se goza igualmente dende unha perspectiva laica. Persoalmente, eu creo no que me din as boas cancións mentres están a soar.

O coro incorporou para esta ocasión a cantantes de Ribeira e doutros puntos de Galicia, todos eles novos e entusiastas. O mesmo cabe dicir para os membros da banda, todos eles músicos excelentes: ás veces eran Procol Harum, ás veces os Black Crowes, outras a banda de James Brown. Do melloriño que teño visto en Ribeira. Os arranxos das cancións eran luminosos e impecables, sostidos por ese entusiasmo sen o cal non é posible a música que paga a pena, un entusiasmo non tanto referido a actitude exterior (que tamén a había, e entre os músicos daba gusto ver ó intérprete do saxo cantando e bailando entre frases), senón á paixón que irradia a entrega á labor que se está a levar a cabo.

O única pega que atopei, e dito sexa isto sen sorna, é que case que todas as letras do seu repertorio nos urxen a gabar a Xesús. Explico este chocante punto de vista por parte dun asistente voluntario a un concerto de música gospel: nos antigos espirituais negros, como moi ben contou o director do coro antes de que abordaran o clásico do xénero “Swing Low”, existe certa variedade, dentro duns parámetros, claro está, toda ela motivada pola esperanza da liberación. Polo visto o gospel moderno fai fincapé no motivo principal que deu lugar a esta música: a salvación acadada a través de Xesús, así que entoa o seu nome en agradecemento. Digamos que non se anda con rodeos neste mundo no que cada vez é máis fácil despistarse.


Estiven sentado no Auditorio ó lado dunha señora encantadora que foi a miña catequista no século pasado. Non son moi dado a dar palmas cando os músicos o solicitan dende o escenario, porque eu só dou palmas cando me dá a gana; ó ver que non as daba cando o director llo indicou ó público, a miña catequista ordenoumo, e eu por suposto obedecín. Ó final deste magnífico concerto comentei con ela que eu preferira as cancións en idioma orixinal, en inglés, e ela en castelán, porque así entendía o que dicían. Respondín que ás veces non é necesario entender as palabras para entender, e estivemos de acordo.


Anterior colaboración: "O ceo, o mar azul"


Javier Ferreirós é músico e historiador

 

Toda a serie "Música por dentro" en Certo, aquí


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical