13.10.11

Ribeira: comezou o obradoiro de teatro para persoas sen teito ou con condutas adictivas

Ribeira, 13 de outubro de 2011. Logo dunha pequena presentación celebrada o pasado martes, hoxe tivo lugar no Auditorio a primeira das sesións pertencentes ao obradoiro de teatro que, no marco do Plan Comunitario Municipal 2011-2012 do Concello de Ribeira, foi concibido co propósito de incidir na socialización de veciños sen fogar ou con problemas de adiccións. Un total de nove persoas (dúas das cales non puideron asistir á sesión de hoxe por causas xustificadas) prestáronse voluntarias a participar nesta novidosa iniciativa, que segue aberta a outros cidadáns con este tipo de problemas que queiran sumarse á experiencia, ata contabilizar un máximo de vinte. 

A metodoloxía empregada durante o desenvolvemento do taller é a do “rol playing”, no que o teatro xoga un papel de escusa para escenificar situacións reais que lles sirvan aos asistentes para desenrolar as súas habilidades sociais, a súa empatía, capacidade para resolver conflitos, adopción de hábitos saudables e autoestima. 

Representación pública

Cada unha das clases, duns 90 minutos de duración, consta dunha introdución teórica e unha parte práctica. Terán lugar tres días por semana ata sumar 100 horas. Se fose factible, e aínda que non sexa o obxectivo do taller, unha vez completado o mesmo os participantes actuarían nunha pequena representación teatral aberta ao público. Así o afirmou o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio, que hoxe se achegou ao Auditorio para dar a benvida aos asistentes. 

O obradoiro de teatro só e unha das diversas accións enmarcadas dentro do Plan Comunitario Municipal dirixidas á deshabituación de condutas adictivas. Outras actividades inciden na promoción de hábitos de alimentación, vestimenta ou perruquería, etc...

Pode que tamén lle interese:


Libro: este sábado 15, "50 lugares mágicos de Galicia"


Mobilizacións para faenar en Sálvora: este sábado 15, de Aguiño a Vigo


Lan Party UxíaNet 1.1: do 14 ao 16 de outubro. Programación



 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Fútbol: o Sálvora, campión do I Torneo Prebenxamín F8 "RIA DE AROUSA"

Ribeira, 13 de outubro de 2011. O equipo Prebenxamín do Sálvora CF, adestrado por Anxo Orellán, proclamouse brillantemente Campeón no I TORNEO PRE-BENXAMIN F8 "RIA DE AROUSA", que se levou a cabo no Campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa e organizado pola Escola Deportiva Arousa, onte mércores 12 de Outubro.

Na fase de grupos tiveron estes resultados:
Sálvora 6 - Cabo de Cruz 0
Sálvora 5 - CD Boiro 0
Sálvora 4 - X. Cambados 1
 
En Cuartos de final: Sálvora 2 - Pontearnelas 0
En Semifinais: Sálvora 2 - San Martín 0
FINAL: Sálvora 7 - E.F. Vilanova 0



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: "Aquelar" organiza un roteiro de sendeirismo para promocionar o municipio este sábado 15

Cartel_outes

Outes, 13 de outubro de 2011. A asociación cultural “Aquelar” de Outes esta a organizar unha ruta de sendeirismo que terá lugar o vindeiro sábado día 15. O roteiro escollido será a que vai dende Albán (Rates) ata o merendoiro do Monte Tremuzo e que durará aproximadamente unhas 4 horas. A saída está programada para ás 10:00. 

O obxectivo desta andaina é promocionar as rutas de sendeirismo que ten o Concello e que "están sen explotar pola corporación municipal", aseguran dende esta novísima asociación. 

Tamén na reunión que tiveron a pasada semana acordouse un achegamento "a todas as asociacións do Concello coa fin de realizar actividades comúns para así garantir o éxito". Unha delas será o magosto, que aínda está pendente de programar. 

Animan a todo o mundo a que acuda a esta cita, a pasar un día de lecer polo Concello de Outes.


Dende Certo animámolos ese día a cambiar o mundo. Tamén aos de Outes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: Jorquera presentou en Rianxo a candidatura comarcal para o 20N

  • Proclama a utilidade do Bng por ser "o único partido que leva os problemas de Barbanza ao Congreso dos Deputados
  • Na presentación da candidatura comarcal, o cabeza de lista por A Coruña chamou a “incrementar a representación do BNG para que esta comarca teña representación directa através de Rosana Pérez”
Media_httpfarm6static_hfakh

Jorquera reivindicou o investimento no Pazo de Goiáns como un dos logros do Bng

Rianxo, 13 de outubro de 2011. O cabeza de lista do BNG ao Congreso por A Coruña, Francisco Jorquera, participou esta tarde no acto de presentación da candidatura comarcal do Barbanza onde tamén estiveron Rosana Pérez (A Pobra do Caramiñal) e Adolfo Muiños, actual alcalde de Rianxo. Neste encontro, Jorquera fixo un chamamento a incrementar o respaldo do BNG nas eleccións do 20-N porque “somos garantía de que Rianxo e esta comarca teñan voz no Congreso dos Deputados”. O candidato nacionalista puxo en valor a utilidade do BNG porque “nesta pasada lexislatura levamos os problemas da comarca ás Cortes”.

O BNG defendeu nesta lexislatura ao sector pesqueiro, á conserva e máis investimentos para O Barbanza

Neste sentido, aludiu ás iniciativas realizadas en defensa do sector pesqueiro, en concreto, denunciando os recurtes das cotas en especies como a xarda e o lirio. Tamén salientou as numerosas iniciativas en defensa dos intereses do sector conserveiro, sobre todo demandando ao Goberno central unha postura de firmeza ante a UE para que se eliminen os privilexios arancelarios ás conservas procedentes de Asia que tanto prexudican ao sector galego con forte presenza na comarca.

Asemade, fixo alusión  ás negociacións do BNG durante as tramitacións dos distintos Orzamentos Xerais do Estado nos que “conseguimos melloras como investimentos para o Pazo de Goiáns”.

O cabeza de lista do BNG asegurou que “concorremos a estas elecións coa conciencia de que somos a equipa da casa. Sabedores de que é fundamental apostar por nós nesta carreira porque somos a alternativa útil para Galiza e para O Barbanza. Somos a garantía de que a comarca teña voz na política estatal”. Así, pediu o respaldo social para poder incrementar a representación do BNG e que “esta comarca teña representación directa a través de Rosana Pérez”.

Antes, en Certo:

Tamén lle pode interesar:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: case un milleiro de corredores na Pedestre de Lestrobe, dos que máis da metade cruzou a liña de meta

  • Na absoluta feminina Esther Pedrosa gañou por cuarto ano consecutivo
  • Alejandro Begega foi o gañador absoluto en homes e en clasificación por equipos, levouse o primeiro posto Atletismo Sar-A Poutada

Dodro, 13 de outubro de 2011. Onte, mércores 12 de outubro, celebrouse no Concello de Dodro carreira pedestre de Lestrobe, que cheou á súa decimoterceira edición. Nun día soleado e con temperaturas estivais, celebrouse esta cita que pouco a pouco se está convertendendo nunha referencia a nivel galego, dentro do circuito "Correr en Galicia", cunha distancia de 10.000 metros.

A inscrición foi todo un éxito superando os 900 corredores, unha cifra máis que aceptable, que acerca á proba cada vez máis ás grandes carreiras de Galicia. Chegaron a meta máis de 500 atletas. Ás 17:30 comezaron os "pitufos", seguidos pola categoría benxamín-alevín e infantil-cadete. A proba absoluta comezou ás 18:30, hora na que o sol aínda se facía notar con forza e que esixiu un maior esforzó ós atletas.

Na xeral absoluta masculina o gañador foi Alejandro Begega Ordiz, que completou o recorrido en 33 minutos e 46 segundos. Foi seguido por José Manuel Vieito Vilacoba, como segundo, e Abel Barros González, de terceiro.  Na xeral absoluta feminina venceu por cuarto ano consecutivo Esther Pedrosa Carrete cun tempo de 40 minutos e 10 segundos. Acompañárona no podio Raquel Suárez Pedrosa e Esther Navarrete Santana.

O primeiro clasificado por equipos foi o Atletismo Sar-A Poutada, seguido no caixón por Atletismo Milladoiro e Atletismo Noitebra.

A entrega de premios foi seguida por un numeroso grupo de afeccionados. Asistiu o deputado provincial Albino Vázquez Aldrey e a corporación municipal de Dodro encabezada polo alcalde Valentín Alfonsín Somoza. En total repartíronse 70 trofeos.

O Concelleiro de Deportes de Dodro, José Núnez, valorou esta nova edición porque "serve como imaxe da aposta do Concello de Dodro polo deporte e polo compromiso coas persoas vinculadas ó mesmo". Agradeceu publicamente ás casas comerciais o apoio prestado para que esta actividade deportiva saia adiante.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical