10.6.11

Rianxo: Bng e Psoe poñen branco sobre negro o seu pacto de goberno para esta lexislatura


Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo dende este sábado 11 de xuño

Carlos Gey, tenente de alcalde de Rianxo polo mesmo pacto

Rianxo, 10 de xuño de 2011. Representantes do Bng e do Psoe rianxeiros chegaron a acordo para levar o goberno desta vila os vindeiros catro anos. Velaquí a nota oficial do pacto de goberno:

"O pasado 22 de Maio celebráronse eleccións municipais no Concello de Rianxo nas que os veciños e veciñas expresaron inequivocamente a súa vontade política, optando por unha maioría social progresista e nacionalista representada polo BNG e o PSOE, maioría que debe orientar a acción municipal ao longo dos vindeiros 4 anos.

Xa que logo, corresponde ao BNG e ao PSOE configurar no seo da Corporación Municipal unha maioría política que recolla e canalice a vontade veciñal expresada nas urnas e que dea estabilidade e solidez á acción de goberno garantida cos seus once concelleiros e concelleiras. É vontade de ambos grupos garantir a gobernabilidade do Concello de Rianxo, optando pola fórmula dunha coalición de goberno estábel, baseada na lealdade e na cooperación entre os seus membros, deseñada arredor dun programa común que parte da análise das propostas electorais, das dispoñibilidades orzamentarias e da necesaria austeridade que debe guiar a actuación municipal sempre e, máis se cabe nestes tempos de crise. O que non debe tampouco afastarnos do camiño de mellorar desde o local o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas.

Seremos un goberno con impulso, iniciativa e capacidade de xestión que mellore a calidade de vida dos veciños e veciñas e que acade que o Concello de un grande salto adiante na súa modernización e eficacia. Os/as abaixo asinantes, membros da Corporación Municipal, asinan o seguinte Pacto de Goberno Estábel para o  mandato municipal 2011-2015 partindo do seguinte:

1. Compromiso de impulsar na acción municipal un goberno cimentado na proximidade aos veciños e ás veciñas e aos seus problemas, un goberno forte para ofrecer un maior nivel de benestar e xerador de emprego.
2. O noso concello comprométese co desenvolvemento e co equilibrio territorial e medio ambiental, apostando por un modelo de crecemento sustentábel, respectuoso co medio e coas persoas.
3. En especial como ferramenta de ordenación urbanística traballaremos no camiño dun Plan Xeral que pense nos que vivimos ou queremos vivir en Rianxo, co axeitado equilibrio entre o rural e o urbano. Buscamos facer do Concello de Rianxo, un espazo atractivo para vivir e convivir, para o traballo e o lecer, cos seus servizos básicos e o seu desenvolvemento urbanístico equilibrado.
 4. Cremos nos concellos como instrumentos fundamentais para a mellora da calidade de vida e a conquista do benestar e a igualdade, serán liñas de actuación prioritaria as políticas de promoción económica e creación de emprego, de desenvolvemento de programas de benestar social, de defensa do medio ambiente, de igualdade entre homes e mulleres, as políticas sociais de vivenda, así como de dotación de
equipamentos educativos, culturais, deportivos, turísticos e xuvenís.
5. Impulsaremos o desenvolvemento do polígono empresarial para que se creen as condicións dun polo atractivo para investimentos e instalación de empresas propias e alleas.
6. Impulsaremos o desenvolvemento do rural con políticas de discriminación positiva.
7. Xestionaremos o Concello de Rianxo de xeito democrático, transparente e aberto á participación cidadá. Promoveremos fórmulas para que os veciños e veciñas sexan partícipes das decisións e asumimos o firme compromiso cos valores éticos e co interese público.
8. Impulsaremos unha administración pública eficaz, eficiente, transparente e aberta aos veciños e veciñas e estabelecemos medidas para implantar a administración electrónica como medio de materializalo perante os veciños e veciñas de Rianxo. O portal web será un reflexo deste marco, ofrecendo toda a información ao público derivada da actuación municipal que as leis permitan.
9. O Concello de Rianxo será axente activo na promoción da cohesión social, a identidade cultural e a extensión de usos do noso idioma.
10. O presente acordo de goberno para o Concello de Rianxo concrétase:

ALCALDÍA E TENENCIA DE ALCALDÍA

Á vista dos resultados electorais onde o BNG acadou SEIS  e o PSdeG-PSOE acadou CINCO concelleiros e concelleiras, correspóndelle a Alcaldía ao grupo maioritario, neste caso ao BNG.
Correspóndelle ao PSdeG-PSOE a Primeira Tenencia de Alcaldía.

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

A Xunta de Goberno Local estará constituída por TRES membros do PSdeG-PSOE E TRES do BNG que incluirá ao alcalde-presidente.

COMISIÓNS INFORMATIVAS E DOS PLENOS
A Presidencia das Comisións Informativas será a partes iguais entre os dous Grupos que forman o Goberno Municipal.

Crearanse as seguintes comisións:
Especial Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Preside o BNG.
Especial Contas. Preside o  PsdeG-PSOE.

Informativas:

BNG

1. Educación, Cultura, Turismo e Normalización Lingüística,
2. Asuntos Sociais, Participación social, persoal .
3. Obras, Servizos, Protección Civil, Medio Ambiente

PSOE

1. Economía, Facenda, Industria, Comercio e  Emprego.
2. Deporte, Xuventude, Muller e Sanidade
3. Urbanismo e Vivenda

ÁREAS DE GOBERNO
AREAS DE GOBERNO PSOE
FUNCIONS
DEPORTE E XUVENTUDE
PSOE
Coordinación e Promoción da Actividade Deportiva Municipal
Planificación e execución de novas infraestruturas deportivas
Mantemento de instalacións deportivas municipais (cubertas e ao aire libre)
Propor e executar calquera tipo de apoio institucional a clubs deportivos; axuda económica, obra ou servizo.
Centro de Información xuvenil
Coordinación e Promoción de Políticas para a Mocidade

ECONOMÍA, FACENDA E EMPREGO
PSOE
Xestión Financeira e de Tributos Locais
Elaboración e Control Orzamentario
Xestión e seguimento de Subvencións
Plan de emprego local
Políticas de Promoción do Emprego e Autoemprego
Obradoiros de Emprego e Escolas Taller.
Formación para persoas desempregadas: Plan Fip, etc.
Promoción de empresas de traballo asociado, cooperativas e de Economía Social

URBANISMO
PSOE
Coordinación do Departamento Urbanismo.
Licenzas Obras Maiores e Menores.
Paseos Marítimos, Novas Rúas, etc.
Política de Vivenda. Zonas Verdes, Equipamentos.
Plan de Rehabilitación de Vivendas-ARI.
INDUSTRIA, COMERCIO, MAR E  NOVAS TECNOLOXÍAS
PSOE
Polígono Industrial
Viveiro de Empresas
Mesa local do Comercio
Promoción Local do Comercio - Feiras outlet, etc.
Política s de apoio ós sectores produtivos do Mar.
Potenciación dos produtos da Ría
Planificación e  Implantación de novas tecnoloxías

MULLER  E  SANIDADE
PSOE
Plan de Igualdade
Promover Políticas de Igualdade.
Plan Local de Saúde
Drogodependencias.

AREAS DE GOBERNO BNG
FUNCIÓNS

PERSOAL
PARTICIPACIÓN SOCIAL
BNG
Consellos sectoriais.
Creación Consello Veciñal.
Coordinación relacións veciñais.
Regulamento de participación veciñal
RPT/Convenio colectivo
Execución plan estabilidade

SERVIZOS SOCIAIS
BNG
Coordinación do Departamento de Servizos Sociais.
Programa de apoio ás familias
Promoción de Políticas e actividades para as persoas maiores e discapacitadas.
Planificación e execución de novas infraestruturas de atención ás
persoas máis desfavorecidas.
Creación e Mantemento de Instalacións de Benestar.

MEDIO AMBIENTE E TURISMO
BNG
Coordinar a Política Medioambiental.
Planificación e execución de novas infraestruturas medioambientais,
Parques solares etc.
Plan reciclaxe aceites, pilas contedores.
Plan Eólico Municipal.
Promoción Local do Turismo.
Organización de Campañas de Promoción Turística.
Planificación de Rutas de Sendeirismo,
Plan Local desenvolvemento turístico.

CULTURA, EDUCACION, NORMALIZACIÓN LINGUÍSTICA
BNG
Coordinación e Promoción do Departamento de Cultura, Museos, Auditorio
Coordinación e Promoción da Actividade Cultural Municipal.
Mantemento de Instalacións Culturais.
Organización de Actividades Culturais.
Propor e executar calquera tipo de apoio institucional a entidades culturais; axuda económica, obra ou servizo
Planificación e execución de novas infraestruturas culturais.
Escola Infantil
Mantemento Centros de ensino público municipais.
Coordinar a Política Educativa Municipal.
Planificación e execución de novas infraestruturas de ensino.

OBRAS E SERVIZOS
BNG
Execución e mantemento de infraestruturas viarias, beirarrúas, asfaltados, saneamentos, abastecementos de auga, edificios públicos
Coordinación e actuacións en cemiterios.
Alumeado.
Limpeza viaria, contedores lixo
Mantemento de Parques, Xardíns, Praias, Paseos Marítimos,
Plan limpeza rural.

O  BNG disporá dunha dedicación exclusiva (Alcaldía). O PSdeG-PSOE disporá dunha dedicación exclusiva (Tenencia de Alcaldía).

ACORDO PROGRAMÁTICO

Antes do pleno de organización, no que se materializarán estes acordos, abordarase inseparablemente, con carácter decisorio, un programa de goberno de mínimos, resultado da análise de ambos programas electorais.
Dentro de cada área: Elaboración de informe sobre a situación actual e programa de
actuacións, antes  do 30 de setembro 2011, por parte do responsábel de área correspondente coa axuda técnica do persoal da área.
Presentación dos informes á Xunta de Goberno no mes de outubro
Presentación á comisión correspondente no mes de novembro".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Xandomar doou ao Museo Municipal trebellos vencellados ao mundo da dorna

  • Os útiles aportados reciben os nomes de segadoira, cotelo, raña, estronca e vertedoiro.

Ribeira, 10 de xuño de 2011. A Casa Museo Municipal de Ribeira recibiu esta mañá unha nova doazón, esta vez do veciño de Castiñeiras Juan Pérez Martínez, Xandomar, mariñeiro xubilado e un dos máximos expertos en materia de dornas existentes hoxe en día, como se pon de manifesto no seu libro “Dorna polbeira de Castiñeiras”. 

O edil Luciano Fernández, acompañado da directora do museo Pilar Casas, foi o encargado de recibir a doazón de distintos útiles ligados coa dorna: unha segadoira, un cotelo, a raña, a estronca e un vertedoiro. 

Ademais, Xandomar cedeu en depósito a réplica dunha dorna polbeira elaborada por Manuel Torres. 

Luciano Fernández destacou a importancia desta doazón porque se está a contribuír así a que o museo municipal se siga orientando cara o mundo do mar, como é intención da Corporación Municipal.

Antonte, no mesmo lugar:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a asemblea de profesores de ESO do IES Coroso denuncia o xeito de cambiar os ciclos "sen informar nen dialogar" da Consellería de Educación

Media_httpfarm2static_yqiui

Visita de autoridades do PP ao IES Coroso por unhas obras


Ribeira, 10 de xuño de 2011. A fel de can soubo na comunidade educativa, tanto dos alumnos como dos profesores, o cambio anunciado onte pola Consellería de Educación para este centro ribeirense. En asemblea, os profesores de ESO do instituto "Coroso" elaboraron este comunicado de denuncia e reivindicacións:

 

  • "Denunciamos o modo no que se fai a transformación do Instituto nun Centro integrado, sen informar nin dialogar cos pais e nais do alumnado nin sequera co propio profesorado e dirección do centro. Esa forma de actuar sen dar a cara está a causar problemas domésticos innecesarios tanto ás familias dos alumnos como problemas profesionais ao profesorado.
  • Consideramos necesario o reforzamento da formación profesional e a ampliación da oferta de ciclos formativos que xa ofrecía o noso centro, pero non a costa de reducir a oferta pública de ensino secundario: non se están a crear novas prazas de formación profesional así, o que se fai é transformar prazas de ensino secundario en prazas de ciclos. A reducción da oferta de ensino público o que mostra é o interese en favorecer a cambio o ensino privado.
  • Pedimos que se manteñan as condicións en que están a recibir a educación os nosos alumnos e que se respecten os dereitos dos profesores:

 

          a) que non sexan amontoados en aulas masificadas que impiden un ensino coa calidade mínima e que conten co número de profesores que se precisan. Respectando as medidas de atención á diversidade, como o PDC.

          b) que absolutamente todos os profesores e profesoras a quen se lle suprime a súa praza teñan a oportunidade se o desexan de seren recolocados na cercanía do noso alumnado na nosa área educativa  respectándoselle a antigüidade no centro.

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Aula Multimedia abre dende luns 13 de xuño con acceso libre

Media_httpfarm6static_fzskc

Un acto de presentación na Aula Multimedia

Ribeira, 10 de xuño de 2011. A partir do próximo luns, día 13 de xuño, a Aula Multimedia permanecerá aberta na modalidade de acceso libre en horario de verán de 9.00 a 14.00, ata o 16 setembro, data en que dito horario cambiará.

Ademais, o Concello conta cun novo axente TIC que desempeñará as seguintes funcións:

    * Promoción do uso das TIC na poboación, en especial naqueles colectivos onde a fenda dixital se fai máis evidente.
    * Dinamizar as PEMEs e microPEMEs amosándolles as vantaxes da Sociedade da Información.
    * Planificación, difusión e publicidade das actividades de formación e dinamización na zona de actuación: obradoiros, charlas, xornadas, iniciativas.
    * Xestión da aula: atención a usuarios/as, mantemento do equipamento e apertura e peche da aula de informática.
    * Atención de forma personalizada aos usuarios/as realizando a apoio e seguimento da súa aprendizaxe, para que vexan o aceso ás TICs como algo doado, ameno e que á vez lles resulte proveitoso na súa vida diaria.
    * Ser enlace entre o Centro e a cidadanía (persoas e asociacións cidadáns) do municipio, e responsable de conseguir a inclusión e participación na Sociedade da Información da cidadanía.
    * Colaboración na achega de novas ideas que contribúan á mellora do funcionamento, desenvolvemento e impacto no seu concello da nova Rede CeMIT.
    * Tratar de acadar que o CeMIT sexa un punto de referencia na vida sociocultural do Concello.
    * Estender o coñecemento e uso pola cidadanía dos servizos públicos dixitais das Administracións Públicas Galegas.

Por outra parte, o Concello xa está traballando na planificación das actividades que, servíndose de esta aula de informática, se desenvolverán no verán.

Pode que tamén lle interese:


Verán cultural: vexa toda a programación de 2011


Ateneo: presentan dous libros este sábado 11 de xuño ás 20:00 horas

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: entregados os diplomas aos participantes no programa "Envellecemento activo"

Envellecemento_dscn2336

A Pobra do Caramiñal, 10 de xuño de 2011. Esta mañá fíxose a entrega de diplomas do programa "Envellecemento activo", no que participaron o alcalde en funcións e próximo alcalde de novo da Pobra, Isaac Maceiras Rivas, e a asistenta social Teresa Pérez Torres.

O programa "Envellecemento activo", que se subtitulaba "Benefíciate do exercicio II", estaba dirixido ó sector da poboación maior de 60 anos. Participaron 24 persoas, divididas en dous grupos. Desenvolveuse nas instalacións da piscina climatizada dende o pasado mes de marzo. Tamén se empregou para as clases a sala multiusos do Complexo Deportivo. En ditas dependencias realizáronse, en sesións de 3 días semanais, as seguintes actividades:

    * NA PISCINA:

            - Natación Terapéutica: programa de saúde que se dirixe, por unha banda a problemas de costas e doutra banda, á compensación de enfermidades e lesións que poden aparecer na etapa adulta.

            -Aquagym: exercicio aeróbico na auga.

    * NA SALA MULTIUSOS:

            -Ximnasia de Mantemento: Abarca un conxunto de actividades encamiñadas á conservación e mellora da condición física.

Este programa buscaba a mellora da calidade de vida dos veciños/as, procurar que as persoas maiores se manteñan sans e activas, frear o seu deterioro físico, procurar un ambiente lúdico onde se esquezan dos problemas diarios e tamén evitar o illamento e exclusión social mediante actividades cooperativas. O programa significou a colaboración entre os Servizos Sociais do Concello de A Pobra e o persoal da Piscina Climatizada de A Pobra. O orzamento ascendeu a 1758.10€ (IVE incluido) que aportou a Deputación de A Coruña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Música: Terbutalina actuará o 2 de xullo no Día do Orgullo Gai en Ribeira

Terbutalina_que_de_leite

A banda está a presentar o seu novo EP "Que de leite!" e acaba de liala en Planeta Furancho, un programa da Radio Galega, cunha canción adicada a Conde Roa e as súas intencións cos acampados indignados do 15M.

Media_httpgaliciaconf_aymga

Ribeira, 10 de xuño de 2011. A banda Terbutalina actuará o vindeiro sábado 2 de xullo, no festival "Pídechas o corpo", que formará parte da Festa do Orgullo Gai de Ribeira e terá lugar en Coroso, no aparcadoiro da UAD. Estarán con Talón de Aquiles, The Fe Kaos, The Siberets, Collón de Lola e Dj Manu Mimé, a partires das dez da noite, nun concerto de balde.

Quen é Terbutalina? Benvidos ao gastropunk!

Segundo eles mesmos, "A Terbutalina nace no incentro entre Ventín, Muíño do Vento e Esteiro (condados do estado de Muros) no 2010. Ex-membros de grupos como THE, Metralla, Skaiola Borrokal ou Süiss dan en se xuntar, tirar para adiante e elaborar unha recua de temas a medio camiño entre o rock de garaxe, o punk e outros sons. En 2011 lanzan o seu traballo de presentación “Live in Catoira”, que recolle 8 temas dun concerto perpretado en Catoira (de aí o nome, tampouco é cuestión de romperse a cabeza). Meses despois viaxan até L.A. para gravar o que será o seu primeiro LP de estudio Broncodilatador que verá a luz en setembro deste ano. Un disco con 15 racións de gastropunk e música de diferentes estilos sempre baixo a premisa “mellor arriscarse e que rompa”. Até que o álbum saia á luz (coma se dun feto se tratar), sacan un EP para ir abrindo boca e pernas titulado “Que-de-leite!” con 3 temas dese futuro LP. Bailen, cona! Bailen!"

Integran Terbutalina:
Migui: guitarra e voz
Mon: guitarra e coros
Samuel L. París: baixo e coros
Brais: batería e coro

Se non podes agardar ao Día do Orgullo Gai de Ribeira, velaquí os concertos que dan antes:


11 de xuño
Campo das Cortes - Muros
De balde
22.00

18 de xuño
Badulake - Ordes
Xunto a Familia Caamagno
4€
23.00

Dache noxo a orquestra patética de todos os anos e queres arriscarte a contratalos (como se fose o Equipo A pero para que non safe ninguén?). Pois tes varios xeitos de contacto (sen tacto, que non teñen vergonza):

E-mail: aterbutalina@hotmail.com

BandCamp: http://terbutalina.bandcamp.com

Teléfono: 669 982 962 (Samuel L. París)

Myspace: http://www.myspace.com/terbutalina

Twitter: http://twitter.com/terbutalina

Blog: http://terbutalina.blogaliza.org

Perfil no Facebook: Terbutalina Morgan

Relacionada:

Unha canción adicada a Conde Roa, en Galicia Confidencial


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng votará este sábado, 11 de xuño, a favor da investidura do candidato do PSOE

Noia, 10 de xuño de 2011. A concelleira Sofía Caamaño Lado e o concelleiro Bieito González, electos polo BNG nas últimas eleccións do 22 de maio, votarán a investidura como alcalde de Noia do candidato do Partido Socialista, Rafael García Guerrero, "seguindo o acordado pola Dirección Nacional da nosa organización o pasado día 28 de maio", explicaron esta mañá en rolda de prensa. 

A maiores, na tarde de onte, día 9, a Asamblea Local de Noia decidiu optar pola negociación co PSOE a fin de intentar conformar un goberno de coalición. A papeleta de votación tiña dúas opcións:

1ª/ Acordo de gobernabilidade PSOE/BNG (acordos puntuais)

2ª/ Acordo de goberno PSOE /BNG (goberno de coalición)

O resultado foi o seguinte:

18 votos a favor do goberno de coalición

15 votos a favor dos acordos puntuais

3 votos en branco

16 abstencións

Á parte do acordo acadado entre as Direccións Nacionais das dúas formacións para investir de xeito recíproco aos seus candidatos, o BNG de Noia arrincoulle un compromiso ao PSOE local no relativo “á limpeza e rexeneración da ría de Noia e o impulso á infraestructura portuaria do porto de Compostela”.
Un dos apartados do citado compromiso di textualmente: “O PSdeG-PSOE comprométese co BNG a buscar unha solución consensuada co obxeto de abrir negociacións desde o goberno municipal co Ministerio de Medio Ambiente para, a través da modificación do proxecto actual, acadar a dotación de equipamentos portuarios que favorezan e incrementen a posición de Noia como porto de Compostela”.

Deste xeito despéxase unha das incógnitas que apuntaban a un posible tripartito entre Psoe, Bng e No.I.A. para esta lexislatura que comeza. Falta a confirmación do No.I.A. para que neste concello non goberne o Partido Popular.

Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical