16.2.11

Cultura: queres convertirte en apicultor tradicional? Dan cursos nas abas do Monte Pindo


Trobo nun hórreo de madeira no concello de O Pino

Barbanza-Noia, 16 de febreiro de 2011. Logo de tantas noticias amedrentantes sobre a desaparición de abellas en todo o mundo, temos que celebrar que asociacións de Galicia traballen na recuperación do vello oficio de apicultor e dean cursos para que cada vez máis xente se anime a ter os seus trobos na casa ou nos montes da súa propiedade e obteña -ao rabeche- todos os beneficiosos produtos das abellas, dende o consabido mel ata polen ou xalea.

Caldebarcos está aquí cerquiña, en Carnota. A iniciativa veciñal de Caldebarcos consolida a súa decidida aposta por recuperar e ensinar á mozos e non tan mozos o antiquísimo arte de rabechar o mel: a apicultura.

A fructífera colaboración da Asociación Xurde Caldebarcos, da Mancomunidade de Montes e da Comunidade de Augas vén de dedicar o ano 2010 a recuperar as vellas alvarizas sitas nas proximidades do lugar de San Cibrán (nos mesmísimos pes do Monte Pindo) e deixándoas a punto para aprender apicultura e comezar a traballar nelas.

Asi, neste recén comezado ano 2011 Caldebarcos comeza a ver os froitos da unión e do traballo veciñal, e xa leva semanas agasallando cun tarro de mel ecolóxico e producido na terra a cada veciño.

Pero as intencións dos veciños non rematan aquí: dispostos a compartir este doce ben con toda a sociedade, veñen de presentar un intenso calendario de accións formativas que se desenvolverá en nove xornadas ao longo deste ano, para que todos e todas as interesadas na apicultura ecolóxica poidan aprender este ancestral oficio e, o máis importante, exercitalo como se fixo toda a vida, nunha alvariza coma as de antes; todo un luxo nos tempos que corren.

Velaí o calendario completo de actividades:

Programa Curso Apicultura Caldebarcos 2011

27 de febreiro: As abellas. O enxame. A vida do enxame ao longo do ano

  • Prácticas: Visita á colmea: apertura e visita interior.
  • As abellas e o medio ambiente: polinización.
  • Apicultura. Apicultura en Galicia: tradición e modernidade.
20 de marzo: A comida das abellas: As flores, o néctar o pole e o propole
  • Instalación do apiario. Factores a ter en conta.
  • Prácticas: Observacións da floracións, visita a colmea. para observar a súa evolución, colocar alzas.
24 de abril: A casa das abellas: A colmea, partes da colmea, o panal
  • Os abelleiros, equipo e utensilios, manexo do afumador.
  • Calendario de traballos do apicultor ao longo do ano.
  • Prácticas: Visita a colmea e colocación de alzas.
22 de maio: Multiplicación do apiario: recollida de enxames, formación de núcleos
  • Prácticas: División de colmeas.
19 de xuño: Sanidade apícola: Principias parásitos que afectan as abellas
  • Prevención de doenzas.
  • Control de enfermedades. Desinfección.
  • Prácticas: Visita a algún apiario sospeitoso de padecer algunha doenza: Loque, varroa …
17 de xullo: Produtos das abellas. Os distintos produtos das abellas: calidades e cualidades
  • Prácticas: Visita a apiarios dos alunnos, apiarios antiguos da zona e visita a colmea.
04 de setembro: A esmelga, local de extracción do mel, equipamento do local
  • Prácticas: Colleita do mel. Extracción. Decantación.
18 de setembro: Comercialización do mel. Distintos modelos
  • Práctica: Envasado e etiquetado do mel
25 de setembro: Pequena viaxe apícola

Prezo de inscrición: De balde
Inscricións:
Ata o 28 de febreiro nos números 619 581 169 ou 625 382 644, ou ben en persoa na Casa da Crega, e tamén na Escola de Caldebarcos os sábados de 19:30h a 21:00h.

Non podemos máis que felicitar e aplaudir a rabiar a estes colectivos e as enerxías veciñais que neles se agrupan por resucitar unha tradición que parecía máis que esquecida e adaptala aos nosos tempos para o disfrute das xeracións que non tiveron a oportunidade de vivir os tempos onde o mel constituía unha máis das fontes de ingresos na cultura de subsistencia característica ás zonas rurais do noso País. Só cabe lembrar que este doce manxar constituía o principal substento de lugares como o hoxe abandonado núcleo de San Cibrán, onde se multiplican as colmeas nas paredes das propias vivendas.

Convidamos a todos os barbanzáns e noieses, que poidan e estean interesados, a anotarse nesta fermosa actividade, ao cabo da cal, por suposto, cada participante verá o seu esforzo compensado cun tarro de mel ecolóxica froito do seu traballo. E tamén agardamos ver un día unha iniciativa deste tipo entre os comuneiros de montes destas bisbarras.

Vía www.montepindo.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o Psoe reclama de novo unha actuación urxente no Castro de Baroña

Porto do Son, 16 de febreiro de 2011. O grupo parlamentario do Psoe presentou onte unha iniciativa para que a Xunta actúe de forma inmediata no Castro de Baroña, ante o deterioro grave que está a sufrir este ben patrimonial, cuxo nomeamento como Ben de Interese Cultural estase a adiar polos continuos enfrontamentos entre forzas políticas e a burocracia das diferentes administracións.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe ataca con dureza o nomeamento do sustituto de Evaristo Juncal, que foi apoderado nunha empresa do cesado

"A Xunta, ao facer determinados nomeamentos de altos cargos, parece que está poñendo aos raposos a coidar do galiñeiro”, dixo hoxe no Parlamento Lage Tuñas, quen entende que "a veces a consellería que dirixe Hernàndez parece unha empresa onde entran e saen homes de negocios"

Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas

Santiago de Compostela, 17 de Febreiro de 2011. O portavoz de Área Institucional do Grupo Parlamentario Socialista José Manuel Lage Tuñas interviu hoxe na Comisión 1º do Parlamento, para reclamar explicacións sobre os diferentes nomeamentos dos últimos Xefes Territoriais de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e Territorio. Alí denunciou que o goberno galego ao facer determinados nomeamentos de altos cargos “sementa dúbidas na sociedade xa que parece que ás veces está poñendo aos raposos a coidar do galiñeiro”.

O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage anunciou que presentará novas iniciativas parlamentarias para coñecer a situación na que se atopa o novo xefe territorial da Consellería que dirixe Agustín Hernández despois da destitución do anterior ao coñecerse por informacións xornalísticas que se atopaba fóra da legalidade en diversos ámbitos relacionados coa función pública e o urbanismo. Trátase de José Luís Díez Yáñez, que estivo no seu día como apoderado dunha empresa de Evaristo Juncal -Mirador de Sanxenxo SL- e que aparece nos papeis da trama Gürtel, a cal salpica a varios ex altos cargos do PP, pois o segundo de a bordo, Pablo Crespo, foi secretario de organización do PP cando gobernaba Manuel Fraga. Destas información faise eco o blog Cousas de Sanxenxo, que á súa vez cita a El País.

Lage Tuñas dixo hoxe que “é difícil de entender porque na consellería de Medio Ambiente buscan sempre para as xefaturas territoriais de Pontevedra a persoas con algún tipo de relación cos negocios no ámbeto urbanístico ou inmobiliario”.

Os socialistas galegos presentaràn novas iniciativas para interesarse pola situación na que se atopa o actual xefe territorial da consellería de Medio Ambiente, Infraestructuras e Territorio pola alarma social "que ten xerado o seu nomeamento nun àmbeto tan sensible como o urbanismo e a protección do territorio”.

Lage Tuñas recordou que os xefes territoriais desde a aprobación da LOFAXGA son órganos de dirección da administración e polo tanto estaría ben saber si non están incursos en incompatibilidades e tamén si teñen presentada a súa declaración de actividades e intereses no rexistro correspondente.

Cargos públicos respaldados por Louzán

O deputado socialista lembrou que no pasado xuño de 2010, Evaristo Juncal foi cesado do seu posto como Xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras en Pontevedra. Alí explicou como os medios de comunicación social destaparan que Juncal “levaba moitos anos evadindo o pago do imposto de bens inmobles”, xa que estivo 24 anos sen pagar o IBI. Tamén explicou que se lle abriu un expediente “pero nunca mais se soubo del”. E preguntou si o Goberno de Feijoo coñecía esta situación cando foi nomeado.

José Manuel Lage entende que "a veces a consellería que dirixe Hernàndez parece unha empresa onde entran e saen homes de negocios, un departamento adicado ao control da legalidade urbanística que pon na xefatura territorial de Pontevedra a persoas con vinculos cos negocios urbanísticos".

Lembrou as noticias que relacionan ao sustituto de Juncal na Consellería con empresas vencelladas á trama Gürtel e dixo que “ esta situación xera alarma social e o goberno debe poñer luz sobre este tipo de asuntos xa que o contrario deixa á administración galega baixo sospeita”.

O deputado socialista asegura que a práctica política ten que ir acompañada do cumprimento da legalidade e do comportamento ético na función pública de servizo á cidadanía.

Lage Tuñas pide “ao goberno galego que aclare si o recentemente nomeado xefe territorial de Territorio de Pontevedra é compatible no seu posto coa práctica política que pregoa o Sr. Feijóo nos seus discursos. Xa sabemos que o anterior o Sr. Juncal, presidente actual do PP de Caldas de Reis, está en fóra de xogo e tivo que ser cesado, agora o caso é saber si o seguinte non se atopa nunha situación parecida”.

“É chamativo que sempre que se fala de nomeamentos de Medio Ambiente e Urbanismo na provincia de Pontevedra sae a relucir o cóctel explosivo que forman Louzán, presidente da Deputación, o conselleiro Hernández e os xa citados xefes territoriais, un destituído e outro recentemente nomeado”, relataba Lage Tuñas. O blog Cousas de Sanxenxo amplía o cóctel nunha persoa máis: Telmo Martín, ex alcalde de Sanxenxo e agora alcaldable do PP por Pontevedra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng interesouse polas inquedanzas das mariscadoras trala retirada de axudas públicas a este colectivo


Mariscadoras en Barraña, Boiro. Foto de Diego Romero

Noia, 16 de febreiro de 2011. Representantes do BNG de Muros e Noia, acompañados polo deputado Bieito Lobeira, mantiveron hoxe en Noia unha reunión con mariscadoras de Noia e Muros afectadas pola decisión que tomou o goberno do Partido Popular na Xunta de retirarlle o subsidio de 557 € que viñan percibindo aquelas persoas que, tendo imposibilitado exercer a actividade por facer 65 anos, tampouco alcanzaban os 15 anos de cotización necesarios para ter dereito á pensión mínima.

Os nacionalistas subliñan que "débese recordar que foi o goberno anterior quen acordou unha solución para esta situación inxusta pois moitas mariscadoras só comezaron a cotizar á Seguridade Social no ano 2000 ao ser nese ano cando se recoñeceu o marisqueo a pé como actividade profesional. Dese xeito a Xunta de Galicia asinou no seu momento un convenio co Instituto Social da Mariña polo cal se sufragaban as cotas da seguridade social dese colectivo de mariscadoras até que acadaran os 15 anos cotizados (sobre 300 € mensuais). Ao mesmo tempo a Xunta adquiriu o compromiso de outorgar un subsidio de 557 € mensuais (o salario mínimo interprofesional) a cargo dos orzamentos da Consellería do Mar, como compensación de non concederlle o PERMEX (permiso de explotación) a este colectivo".

Piden que o PP recúe con esta medida "inxusta e arbitraria"

As representantes das mariscadoras e do BNG coincidiron en tachar de "inxusta e arbitraria" esta medida, polo que instaron ao goberno do PP a recuar nas súas pretensións. O colectivo tamén manifestou a súa intención de desprazarse ao Parlamento Galego o vindeiro 22 de febreiro, data na que se debate no parlamento a iniciativa  presentada polo BNG para repoñer a situación anterior. Bieito Lobeira recordou que esta medida implica un “aforro” de 600.000 € cando "só a Consellería do Mar gasta moito máis en publicidade".

O responsable comarcal do BNG, Manuel González, anunciou ademais que o BNG ía presentar unha moción nos Plenos dos concellos de Muros, Noia, Outes, Lousame e Porto do Son, "instando ao consistorios a apoiar as xustas reivindicacións das mariscadoras da comarca". Á reunión asistiron tamén Bieito González, como portavoz do BNG de Noia, e María Xose Alfonso, portavoz do BNG de Muros.  

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Servizos Sociais lembra que tramita as axudas por fillos menores de tres anos ata o 2 de abril

Este xoves, clausura de obradoiro interxeneracional e mesa redonda sobre "Usos e abusos da Serra do Barbanza"

Boiro,  16 de febreiro de 2011. A Xunta de Galicia abriu xa a convocatoria de axudas de pagamento único por fillos menores de tres anos para o exercicio 2011. 

Serán beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillos menores de tres anos a data de 1 de xaneiro de 2011 (nados entre o 2.1.2008 e 1.1.2011, inclusive) e que, por razón de ingresos obtidos durante o 2009, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración da renda correspondente a ese período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.

Os requisitos son:

  • Residencia habitual en Galicia
  • Que na data da solicitude os menores convivan coa persoa solicitante.

O prazo de presentación rematará o vindeiro día dous de abril deste 2011. As solicitudes poderán presentarse no departamento municipal de Servizos Sociais do Concello ou nas delegacións territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

Noutros concellos da bisbarra, como Rianxo, tamén se tramitan estas axudas.

"Memoria de Muller" e Mesa Redonda

Este obradoiro, do que informamos aquí, será clausurado este xoves 17 polo alcalde centro social de Boiro, á unha e media da tarde. No mesmo lugar, xa polo serán, ás oito e media, haberá unha mesa redonda organizada polo colectivo Boiroverde. Versará sobre "Usos e abusos da Serra do Barbanza". Estarán nela Xullo Gutiérrez, experto medioambiental, representantes da sociedade de caza "Castelo de Vitres", representantes de comuneiros de montes e afeccionados a vehículos 4x4.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o presidente da Xunta, na inauguración do último tramo do corredor Brión-Noia

Núñez Feijóo di que "co último tramo Martelo-Noia, e tras poñer en servizo a variante de Outes o mes pasado, culminamos un proxecto que deu lugar a unhas infraestruturas esenciais para a vertebración desta área occidental de Galicia”

O presidente da Xunta, nun momento do seu discurso en Lousame. O temporal estragoulle o peiteado

Lousame, 16 de febreiro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá que a posta en servizo da vía de altas prestacións Brión-Martelo-Noia permitirá acurtar á metade o traxecto con Santiago. “Hoxe, con este último tramo Martelo-Noia, e tras poñer en servizo a variante de Outes o mes pasado, culminamos un proxecto que deu lugar a unhas infraestruturas esenciais para a vertebración desta área occidental de Galicia. O mapa das conexións entre Santiago e Noia goza, hoxe, dunha actualización que supón, por exemplo, que un veciño de Outes que se achegue á capital a estudar, ao médico ou a traballar tarde a metade do tempo que empregaba antes”. Dende as cinco desta tarde pódese circular por este novo treito aberto.

Durante a visita a esta vía de altas prestacións, Feijóo incidiu en que con este último tramo finalízase “este gran proxecto” que conta con 18 quilómetros de estrada e no que se investiron 87 millóns de euros, aos que hai que sumar os 100 millóns da autovía entre Santiago-Ames e Brión. Así mesmo, conta con carrís para vehículos lentos no 90% do seu percorrido e afastará máis de 9.000 vehículos das numerosas travesías que atravesa a estrada convencional.

Noia convertida en cidade

O presidente do Goberno galego subliñou, tamén, que os veciños de Porto do Son e Noia "gozarán doutra mellora transcendental xa que contarán cunha nova variante, que se construirá –dixo- polo camiño axeitado, o máis curto e o que supón menores afeccións a veciños e natureza. Con esta nova ponte, afastaremos do centro de Noia miles de vehículos, permitindo aos condutores unha maior comodidade e aos noieses comunicacións que supoñen a prosperidade e a modernidade á cidade de Noia”.

Relacionadas:

Ponte sobre a Ría: a Xunta, satisfeita co aprobado en Consello de Ministros


Outes: escaralla viva a paisaxe a variante? fan falta as inaguracións?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical