16.5.12

Ribeira: Verdegaia organiza este domingo 20 de maio un roteiro polo parque natural de Corrubedo

  • Dura todo o día. Hai que levar comida, roupa e calzado axeitados e prismáticos se se pode
  • Non se poden levar mascotas, ao ser un espazo protexido

Media_httpfarm4static_dfdgb

Ribeira, 16 de maio de 2012. Verdegaia organizará o vindeiro domingo 20 de maio un novo roteiro encadrado no programa de roteiros de Verdegaia Vai de roteiros!, desta volta polo Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán. Saída ás 11:00 h. do Centro de Interpretación dos ecosistemas litorais de Galicia (CIELGA), Ribeira.

Vai de roteiros!

O programa Vai de roteiros! abrangue a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Así, cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.

Desta volta será a Representante local de Ribeira quen se encargará de organizar o roteiro que sairá do CIELGA ás 11:00 h.

Itinerario previsto con dificultade baixa

O itinerario previsto é o seguinte: CIELGA, dunas da praia do Vilar, marisma do Carregal, praia do Vilar, aparcadoiro da praia do Vilar, lagoa de Vixán, agros de Vilar e volta ó CIELGA.

O percorrido é de dificultade baixa e realizarase a pe coa axuda dun guía especializado da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos (biolóxicos, etnográficos,...) do Parque Natural ó longo da xornada en diferentes paradas explicativas.

O roteiro durará todo o día coa súa finalización estimada ás 17 h. e cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos. Debido ás normas do propio espazo protexido non se permite traer cans.

Media_httpfarm4static_supba

Un roteiro crítico

O Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán abrangue un área de 996 ha no concello de Ribeira e a parte desta figura de protección declarouse tamén Lugar de Importancia Comunitaria, Zona de Especial Protección para as Aves, Zona húmida de Importancia Internacional e Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral debido ós importantes valores naturais que posúe e que descubriremos o vindeiro domingo no trascurso do roteiro.

Pola contra, entre as desfeitas que padece este valioso espazo natural salientan a contaminación por augas residuais provintes de diferentes puntos da parte norte da ría de Arousa, a falla dunha axeitada xestión do espazo protexido por parte da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a presión turística estival ou a presión urbanística.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: curso sobre novas pautas das condutas adictivas, o 1 e 2 de xuño

  • Destinado a mediadores sociais, consta de tres seminarios
  • Impartido por un psicólogo clínico, unha pedagoga e un educador social

Media_httpfarm5static_pvdnx

O alcoholismo será unha das condutas abordadas

Noia, 16 de maio de 2012. Os seminarios teñen como finalidade tratar o fenómeno das drogodependencias e condutas adictivas dende varios enfoques: a familia, a perspectiva de xénero e o espazo de ocio.

Para iso no primer seminario (venres, 1 de xuño de 17:00 a 21:00 h.) vaise tratar a prevención do abuso de alcol dende a familia, xa que ésta é o referente próximo das persoas e é onde antes se detectan situacións de abuso. Este seminario será impartido por Niceto González, psicólogo clínico con 18 anos de experiencia no ámbito das adicciones tóxicas (alcoholismo e outras drogas) e non tóxicas.

No segundo seminario (sábado, 2 de xuño de 17:00 a 21:00 h.) tratarase das adiccións dende un enfoque de xénero, cómo afectan de maneira diferente a homes e mulleres, así como estratexias de afrontamento nas relacións afectivas onde interfieren o consumo de drogas. Esta parte será impartida por Pilar Lorenzo, pedagoga, responsable da área de saúde do Consello da Xuventude de Galicia.

No terceiro seminario (sábado, 2 de xuño de 16:00 a 20:00 h.), tratarase a reducción das conductas de risco na xuventude, onde se falará dos riscos que ten o consumo de drogas, así coma os diferentes tipos de prevención e que tipo de intervencións son máis efectivas no contexto de ocio e tempo libre, tamén se falará da xestión dos praceres e riscos. Esta parte será impartida por Xaquín Bouza, educador social, responsable do programa de prevención de drogodependencias de ASFEDRO.

Destinatarios

O curso irá destiñado a aquelas persoas tanto que teñan algunha titulación relacionada co eido social ou de xestión de ocio e tempo libre así coma aquelas persoas interesadas no abordaxe das drogodependencias.

Esta actividade ten lugar dentro do programa de formación sobre conductas adictivas do Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias do Concello de Noia. Terá lugar os días 1 de xuño de 17:00 a 21:00 h. e o 2 de xuño de 10:00 a 14:00 h. e de 16:00 h. a 20:00 h. Entregarase certificado de asistencia expedido pola Concellería de Benestar do Concello de Noia. As persoas interesadas pódense anotar no número de teléfono: 609.82.31.34 ou na dirección de enderezo electrónico: infodrogas@gmail.com



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Verdegaia tamén alega contra a nova depuradora, que cualifica como "trámite ante Bruxelas"

Media_httpfarm3static_paxqi

Ribeira, 16 de maio de 2012. Verdegaia advirte de que o Estudo de Impacto Ambiental da estación depuradora de augas de Ribeira "ten enormes eivas que o fan inviable se se pretende falar dun proceso de depuración real e efectivo, que permita garantir a saúde da nosa ría (fundamental para a nosa vida, para o ambiente e para a economía da comarca) a longo prazo".

Para este colectivo ecoloxista, "o estudo non contempla (ou cando menos non explicita) a separación en orixe das augas fecais, pluviais e industriais (agás as referidas ao polígono de Xaras, que se separan mais non se depuran). Consideramos dita separación condición esencial para realizar unha depuración efectiva de todo tipo de augas residuais, xa que cada un dos tipos precisa unha depuración específica. Isto resulta especialmente grave cando o propio EIA recoñece e cando está demostrado que o polígono industrial verte directamente á ría unha gran cantidade de residuos industriais sen ningún tipo de depuración. Polo tanto, a separación dos tipos de augas residuais en orixe daría como resultado a clara mellora da calidade da auga, dado que cada tipo iría ben depurado segundo as súas  características".

Depuradora específica para Xarás


"Queremos recordarlle á opinión pública que, no seu día, acordárase en pleno do Concello de Ribeira por tódolos grupos municipais solicitar unha depuradora específica para o polígono industrial de Xarás. Non nos parece de recibo que un estudo de impacto ambiental dunha EDAR deixe de lado algo tan serio como as augas industriais de todo un Concello, que, na proposta que se fai, verterán directamente á ría sen depuración previa. Trátase dun volume de vertidos importante, cuxa carga contaminante é moito maior que a das augas fecais", lembran en Verdegaia.

Verter as augas residuais do polígono de maneira separada, tal e como se propón no proxecto, "é necesario, pero non é en absoluto suficiente. Trátase dunha eiva tan grande deste proxecto, que só ela convérteo directamente en papel mollado. Non pode ser que esteamos falando en serio de depuración e de botar os residuos industriais directamente ao mar ao mesmo tempo", aclaran.

"Como é que, cando o propio documento recoñece que a maior carga contaminante procede dos vertidos industriais de Xarás, se propoña unha “solución” depuradora que coas augas procedentes de Xarás non fai outra cousa que vertelas ao mar directamente?

Queremos unha solución integral para o Concello de Ribeira, non un parche para evitar multas de Bruxelas. Un parche que, ademais, é demasiado caro para o ineficiente que vai resultar, xa que seguiremos envelenando a nosa ría cos vertidos tóxicos do polígono industrial", proseguen dende Verdegaia.

Solicitan, ademais, que se faga unha verdadeira separación das augas pluviais. A solución que se propón no actual proxecto "supón unha enorme carga contaminante, aínda que só sexa en momentos puntuais, para as zonas onde están previstos os  aliviadoiros. O propio estudo recoñece que as cargas puntuais en caso de chuvias torrenciais ou abundantes dan lugar a desbordamentos de augas sen depurar ao mar. A opción elexida cremos que é a pior, xa que se opta por unha gran depuradora en lugar de por dúas máis pequenas e é necesario trasladar os residuos ao longo de centos de metros ata chegar ao punto de depuración. Un sistema de pequenas depuradoras permitiría tamén non acumular todos os residuos nunha grande que, se algún día se reborda, non tería capacidade e deixaría todos os residuos á mercede de ter que librarse deles botándoos directamente á ría".

Por último, din que debe contemplarse a depuración separada das augas pluviais e a súa reutilización para outros usos como regos ou limpeza de rúas, tal e como se ven facendo noutros concellos do Estado onde se leva a cabo un proceso de depuración real e efectivo, "e non unha parodia de depuración como parece que se quere facer neste caso".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o sábado 26 de maio, roteiro a Sálvora, Jidoiro e Rúa en Ribeira

Boiro_roteiro_faiado_26

O V Roteiro “Entre o mar e a terra”, que organiza a asociación cultural e etnográfica "O Faiado 2" de Boiro  visitará a costa de Ribeira desde o mar, con visita a Sálvora, Jidoiro e Rúa. Explicacións con guía local e do Parque das Illas Atlánticas.

O día é o 26 de maio as 17:00 h con saída desde o porto de Aguiño.

É necesario confirmar a asistencia. Non poderá ir ninguén que non estea anotado (plazas limitadas). Formas de contacto no cartel que abre a información.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: do 1 ao 3 de xuño, I Curso de Frauta a cargo de André Cebrián

A Pobra: o Psoe tacha o plan de axuste, cun crédito de máis de millón e medio de euros, como "chapuza nacional"

  • Foi un pleno extraordinario tenso, cun alcalde máis anoxado do habitual

Media_httpfarm8static_bmhjh

Orde do día do tratado onte

A Pobra, 16 de maio de 2012. O Concello viviu onte un pleno extraordinario no que o asunto estrela era o controvertido "plan de axuste" para que A Pobra, como sucede noutros municipios, se poña ao día cos proveedores aos que leva sen pagar tempo esquencido.

No primeiro punto, o Bng votou a favor xunto co PP, argumentando que deste xeito, co crédito de máis de millón e medio euros cobrarán os proveedores do Concello.

No segundo punto o PP quedouse só. O Bng e o Psoe abstivéronse e botáronlle en cara ao equipo de goberno o desleixo do actual centro de saúde, un abandono que xa foi motivo de constantes mocións da oposición.

No terceiro punto houbo problemas coa numeración de dúas sentenzas. O xulgado dicía que promocións Lombiña (en Cabío) tiña protección de 200 metros dende a liña de Costas e que despois lla clasificaran como correspondera pero sempre en solo rústico. Tivo que ser a voceira socialista a que advertira na comisión informativa que lle estaban baixando a cen metros.

Versión socialista sobre o plan de axuste

Segundo a voceira socialista, Teresa García Guillán, "a proposta de endebedamento para concertar unha operación de crédito a longo prazo por importe de 1.564.000 € pódese calificar de chapuza nacional. Chafallada do Goberno do Estado e do Goberno local do PP".

Segundo esta concelleira, é "unha chapuza do Goberno Central porque nos obriga a adoptar un acordo de endebedamento sen coñecer o importe definitivo da operación e  antes de pronunciarnos sobre esta operación queremos saber como mínimo:

  1.     Que entidade financiera prestará os fondos 
  2.     A que ue tipo de interés se vai a formalizar a operación
  3.     Cal vai ser o importe definitivo desta operación de endebedamento


Sen poder precisar o exposto anteriormente non nos pidan que aceptemos a súa proposta: se o fixéramos estaríamos aceptando unha das  operacións crediticias máis chapuceiras da historia financieira".

Ademais, engade que é unha chapuza do Goberno Local "polo descontrol permanente do gasto, pola súa nefasta e nula xestión económica.

Chegamos a este Plan de Axuste:

a) Pola incapacidade deste goberno municipal para trazar un plan económico. Nestes momentos o Concello da Pobra segue sen presentar a liquidación do orzamento do 2011 e sen presentar os prespostos de 2012, incumprindo o establecido no Texto  Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais (TRLFL).

b) Pola débeda viva a longo prazo de 3 millóns de euros e a débeda de 1 millón e medio de euros en facturas.

c) Pola nula capacidade do concello para poder atender ao pago. Debemos saber que o Remanente de Tesorería, ou capacidade real de pago, ten un déficit de  – 1.545.000€, cando debía ser cero ou ter signo positivo.

d) Pola mala xestión de recadación con máis de 850 mil euros de dubidoso cobro

e) Pola mala xestión ou nula capacidade de axuste entre taxas e servicios que conleva un déficit de preto de cen mil euros/ano no servicio de recollida do lixo.

E agora a solución que nos presenta o goberno para afrontar este desgoberno económico é:

    Incremento no imposto do IBI, ou imposto da contribución, en urbana, pasando de 0,40%  a 0,49%.

    É por riba, estes novos tipos serán aplicados sobre os novos valores catastrais da nova ponencia de valores aprobados no pasado ano e que xa se aplicarán neste exercicio 2012.

    Estamos a falar dun ingreso a maiores para o concello no próximo ano de 365.000/€, que necesariamente terán que saír dos veciños".

Suba de impostos para o concello máis endebedado de Barbanza segundo número de habitantes

    A edil socialista indica que "tamén se contempla un novo aumento da taxa por recollida do lixo. Un primeiro incremento aprobado no 2011 farase efectivo neste mesmo ano, supoñendo para o 2013 unha suba de máis de 80 mil euros.   Vai haber un aumento das cotas no imposto de vehículos e liquidación sobre imposto do ICIO con revisión das licencias de obras concedidas nos últimos anos. Máis de 100 mil euros nos recibos que para o ano terán que pagar a maiores os veciños da Pobra por estes conceptos".

Guillán sinala que sste é un resumo  das receitas que o goberno do PP na Pobra ten para intentar sanear a súa desfeita económica:  Reforzo na eficacia da recadación executiva e voluntaria, e potenciación e inspección tributaria.
 
"Medidas que esquecen totalmente a situación de crise  económica que se está  a vivir. Medidas obrigadas por un Plan de Axuste imposto polo Goberno Central para corrixir o déficit público alcanzado pola ineficacia do Goberno municipal do PP.  Temos o triste récord de ser o concello do Barbanza en proporción ao número de habitantes máis endebedado, polo tanto me sinto obrigada a dicir que NON a esta proposta", remata a portavoz do Psoe da Pobra.

Nota de Certo: Non teñen a versión do equipo de goberno? Pregúntenlle á súa xefa de prensa sobre unha verba: censura. Non teñen a versión do Bng? Aínda non a mandou.

Pode que tamén lle interese:


Presentación de libro na Pobra: o venres 25 de maio, Dark Butterfly

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: do 18 ao 20 de maio, V Trofeo Feminino das Nacións de baloncesto

Baloncesto-v-nacic3b3ns


Cultura en Noia: programación da Semana das Letras Galegas


Certame de fotos: sobre o peor da globalización. Ata 15 de outubro

Cultura: Rianxo, Noia e Rois teñen cita para "Coñeces a Valentín?" esta semana


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: ata o 31 de maio pódese ollar "Crónica da monarquía española no século XX"

A Pobra, 15 de maio de 2012. O secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo; e o alcalde do Concello de A Pobra, Isaac Maceiras, inauguraron nesta localidade a exposición Crónica da Monarquía Española no Século XX, organizada polo Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia coincidindo co 50 aniversario da voda das Súas Maxestades os Reis Don Juan Carlos e Dona Sofía. Como é sabido, non houbo ningunha celebración por parte da Zarzuela, debido aos permanentes líos en que se mete a Coroa, entre xenros presuntos desfalcadores, netos menores que empregan armas en presenza de seu pai e Juan Carlos I, que se vai cazar elefantes a África en momentos moi oportunos e parte dos xornalistas antes afíns (Zarzalejos) desvelan que ten unha amante.

Unha exposición de xornais, revistas e fotos

A mostra, instalada na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler ata o vindeiro día 31, está formada por xornais de diversas cabeceiras e plantexa unha viaxe no tempo polos momentos históricos que marcaron o rumbo da Monarquía en España: dende a coroación do Rei Alfonso XIII en 1902 ata a morte de Don Juan de Borbón en 1993, pasando pola proclamación da Segunda República, a Guerra Civil, a Dictadura, a transición á Democracia, a intentona golpista do 23F, etc. A exposición xa estivo antes en Boiro, ao pouco de tomar posesión como alcalde o conservador Juan José Dieste.

As revistas teñen tamén un destacado protagonismo na mostra. Unha das estrelas é o exemplar da revista Hola adicado á voda dos actuais monarcas, un medio que tamén apoia sen fendas a esta monarquía que reinstaurou o ditador ferrolán Francisco Franco e á que se lle deu seguidismo na Constitución postfranquista.

No acto inaugural, ó que asistiron tamén varios alcaldes, concelleiros e concelleiras da comarca do Barbanza, a inmensa maioría do PP, o presidente do Club Exxpopress, Suso Souto, amosou dous dos xornais máis curiosos da mostra. Trátase dun exemplar do diario ABC do día 13 de maio de 1935, que presenta unha portada en branco na que só se pode ler “Este número está visado por la censura”. Souto explicou que ABC respondeu con esta portada á prohibición do goberno da República para que non se publicara nela a foto da voda de Don Juan de Borbón e dona María de las Mercedes, celebrada o día anterior en Roma. Asemade, amosou o exemplar do día seguinte (14 de maio de 1935), no que a portada recolle xa a foto do enlace, toda vez que ABC acadara o seu obxectivo de deixar en evidencia a escandalosa prohibición do goberno, que se veu obrigado a permitila.

Souto sinalou tamén que “tal día coma hoxe, fai 35 anos, Don Juan de Borbón renunciaba no Palacio de la Zarzuela ós seus dereitos dinásticos en favor do seu fillo Don Juan Carlos, actual rei de España”. Como non estivemos alí os de Certo, ignoramos se lembrou que foi unha imposición do ditador daquela época, pois non doutro xeito voltaría a monarquía a este país.

Outro dos exemplares máis valiosos da mostra é unha publicación de 1927 editada en Arxentina con motivo das Vodas de Prata do reinado de Alfonso XIII e que se presenta en follas soltas para que o público poida ver as numerosas fotografías que inclúe.

Case corenta vídeos históricos

No centro da sala proxéctanse nunha plantalla de plasma 38 vídeos históricos relacionados ca Monarquía española. A colección fai asemade un repaso ós acontecementos máis importantes vividos polos membros da Familia Real, como a voda de Don Juan de Borbón e Dona María de las Mercedes en 1935; o enterro de Alfonso XIII en 1941; a voda de Don Juan Carlos e Dona Sofía en 1962; o bautizo do Príncipe Felipe en 1968; o nomeamento de Don Juan Carlos como sucesor na Xefatura do Estado en 1969; a súa proclamación como Rei de España en 1975, etc.

A montaxe da mostra compleméntase con fotos de gran tamaño de Alfonso XIII, Don Juan de Borbón, Don Juan Carlos I e o Príncipe Felipe, así como xornais que recollen nas súas portadas acontecementos históricos tan relevantes como o lanzamento do primeiro cosmonauta ó espazo (Yuri Gagarin), a celebración do Concilio Vaticano II, os asasinatos de Kennedy e Martin Luther King ou a chegada do home á Lúa.

Que é Exxpopress

O Club Exxpopress de Xornalistas de Galicia é un colectivo creado e promovido por xornalistas de prensa, radio e televisión, pero aberto a toda a sociedade, sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico. Entre os seus socios de honra figura o xornalista Fernando Ónega. Certo non pertence a este colectivo.

O obxectivo do club é a organización de actividades de promoción e dinamización do turismo, a cultura e a empresa de Galicia, implicando nelas a empresas, administracións, colectivos e xornalistas.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical