22.6.12

Noia: os orzamentos que se levan ao vindeiro pleno para 2012 ascenden a nove millóns e medio de euros

  • Segundo explicou o alcalde, búscase "a prudencia e a contención do gasto dado o contexto actual de inestabilidade e incerteza económica no país galego e no estado español"
  • Con algunhas partidas búscase modernizar a administración local, por exemplo cun Centro de Control de Datos e unha Oficina Virtual de Recadación
  • Para gastos de persoal vai máis do 40%, con máis de catro millóns de euros e en inversións reais empregaranse un pouco máis de un millón cen mil euros, case o 12%.
  • No capítulo de ingresos, o Concello de Noia agarda recadar máis de tres millóns de euros en impostos directos e case dous millóns en taxas e outros. O outro capítulo de maior importancia económica, o de transferencias correntes, ascende a máis de tres millóns setecentos mil euros

Media_httpfarm2static_jfane

Noia, 22 de xuño de 2012. O vindeiro venres, 29 de xuño, no pleno ordinario, darase aprobación, coa maioría do tripartito, aos orzamentos xerais para Noia deste ano 2012. Segundo explicou o alcalde, o socialista Rafael García Guerrero, os orzamentos deste ano están elaborados cunha mistura de "prudencia e contención do gasto ante o contexto actual de inestabilidade e interceza económica. Fallan numerosas subvencións e mesmo algunhas doutros organismos como Xunta ou Deputación desaparecen, polo que temos que tirar de fondos propios".

Unha das partidas máis fortes, algo habitual en calquera concello, é a que se refire ao capítulo de gastos de persoal. "Os nosos traballadores son o principal activo", sinala o alcalde na súa memoria dos orzamentos. Supón esta partida case o 43% do total dos orzamentos, "o que garante a sostibilidade do equipo de persoal de todos aqueles traballadores propios. Só coa recadación se mantén amplamente a estrutura de persoal, pois esta supón o 123% do gasto de persoal". O alcalde reivindica a necesidade de que non se privaticen servizos nin se reduza en recursos humanos, pois impacta negativamente nos municipios e "evidencia que o persoal é o principal activo dunha administración local". Tamén lamenta que as últimas leis impidan que se aumente gasto neste capítulo, o que podería redundar nunha peor calidade dos servizos prestados polo Concello. Para que a fortaleza económica de Noia no panorama galego -unha característica que resaltou varias veces na súa intervención- non se resinta, apóstase por acaparar toda a recadación municipal, sen derivar en servizos doutros organismos (véxase Deputación) nada do que hai que cobrar. Ata o 2011 o principal imposto, o IBI, era recadado pola Deputación, co que o Concello, ao ter que ceder o 5% pola xestión, perdía 255.000 euros.

Media_httpfarm3static_dhcac

Sociedade da información: radio e OVR

No capítulo de gastos correntes obsérvase que a meirande deles son consecuencia da actualización do IPC dos servizos, co importante custe que ten, por exemplo, o tratamento do lixo na Mancomunidade Serra do Barbanza. Entre as partidas novas hai unha referida á Sociedade da Información onde se establece que haberá un servizo de radio municipal -"elemento esencial para a difusión da actividade municipal e a participación cidadá"- e unha Oficina Virtual de Recadación (OVR) para poder pagar as taxas e impostos por internet.

Obras por conta propia para crear postos de traballo na zona

Dada a cantidade de obras que se están a facer "por administración", xeito burocrático de chamarlle ás obras que fai o concello cos seus medios e materiais, apártase unha partida para mercar materiais. O capítulo de investimentos, que se queda nun 11'67% do total orzamentado, supón, segundo o alcalde "unha importante contención" pero evítase recorrer a préstamos para facer novas obras e prímase facelas por medios propios para crear postos de traballo na zona. Entre as obras con máis cartos está a da apertura da nova rúa Pintor Xenaro Carrero trala adquisición da parcela da Casa do Calvario, as obras en Bergondo para o saneamento e as do Curro, que están na segunda fase.



 



 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o colexio "Felipe de Castro", premiado no programa de dinamización lingüística "Nós tamén creamos!"

  • Xesús Vázquez Abad entregou estes premios esta mañá
  • O galardón recoñece tres curtas de animación en galego entre as máis de 60 elaboradas polos 50 centros de infantil e primaria seleccionados para participaren
  • O colexio noiés gañou coa curta "A Máscara do León". Tamén foi premiado con "mención especial" o alumnado de primaria do mesmo centro, pola curta "Maxia"

   

Noia, 21 de xuño de 2012.- A cultura audiovisual e o talento no cinema estiveron presentes unha vez máis hoxe en Santiago da man duns noieses. Trátase do alumnado do colexio Felipe de Castro, a quen o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe, no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea, un dos premios a curtas de animación en galego realizados coa técnica stop-motion do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!

De acordo coas bases do concurso, o profesorado que elaborou esta curta foi recoñecido con 20 horas de innovación educativa e o  centro recibirá unha pantalla de plasma de alta definición, un lote de libros de OQOeditora e mais un diploma acreditativo.

A gran calidade dos traballos presentados motivou que a comisión de valoración acordase realizar mencións especiais en cada categoría:

ALUMNADO DO SEGUNDO CICLO DE EDUCACION INFANTIL

Maxia, CEIP Felipe de Castro, Noia, A Coruña, pola súa orixinalidade e calidade estética.

O conselleiro mostrouse satisfeito da alta calidade das películas presentadas e felicitou tanto os gañadores coma o resto dos participantes. Dirixíndose aos docentes e ao alumnado asistente, recoñeceu que, co seu traballo, están “contribuíndo a facer do galego, non só unha lingua para o presente, senón tamén para o futuro, porque o futuro abrirá as súas portas para os idiomas que se asocien á creatividade e á innovación, á vangarda e ás novas maneiras de comunicación que as tecnoloxías da información e da comunicación fan posibles”. Na mesma liña, valorou que Nós tamén creamos! ofrecese un espazo de colaboración a prol da lingua galega entre Administración, escola e familia.

Ao acto de entrega de premios asistiron, ademais de Vázquez Abad, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a concelleira delegada de Educación e Normalización Lingüística de Santiago de Compostela, Rebeca Domínguez; a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas e o coordinador da área audiovisual de OQOeditora, Marcos López. A encargada de conducir o evento foi a actriz Uxía Blanco.

O acto tamén contou con ampla presenza de profesorado, pais e nais, do alumnado participante na elaboración das tres pezas galardoadas, así como das catro que recibiron mención especial do xurado pola súa alta calidade estética, lingüística e técnica.

Tres centros gañadores
Na modalidade de infantil recibiu o premio o traballo A tartaruga que quería durmir, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños; no primeiro ciclo de primaria, o galardoado foi Lobo feroz, elaborado por profesorado e alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña e, no segundo ciclo de primaria, resultou premiado o CEIP Felipe de Castro de Noia pola curta A máscara do león.

Os tres premios inclúen cadansúa pantalla de plasma de alta definición, cadanseu lote de libros de OQOeditora e mais diplomas acreditativos expedidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As tres curtas de animación gañadoras, que se proxectaron durante a entrega de premios, pódense ver a través dos webs da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega/nos_tamen_creamos) e mais na sección infantil do web da CRTVG (http://www.crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos).

Catro centros con mención especial do xurado
Pola alta calidade dos traballos tamén as catro curtas Maxia, A vella Lulula, Un can e un gato e A máscara do león -elaborados nos colexios CEIP Felipe de Castro (Noia), CEE Vilagarcía de Arousa, CRA Ponte da Pedra (Carballo) e CPI San Benito de Lérez (Pontevedra), respectivamente- recibiron cadansúa mención especial.

As catro pezas están igualmente accesibles a través dos espazos webs anteditos.

Nós tamén creamos!
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) puxeron en marcha, o pasado mes de febreiro, o certame Nós tamén creamos!, coa finalidade de potenciar o uso da lingua galega e a innovación educativa a través do audiovisual.

Ao concurso, que se enmarca á súa vez nun programa de dinamización lingüística que leva o mesmo nome, concorreron máis de 60 curtas de animación en galego presentadas por 50 centros de educación infantil e primaria. Na súa confección implicáronse, canda alumnado comprendido entre 3 e 9 anos de idade, máis de 200 docentes que recibiron -mediante obradoiros prácticos levados a cabo nos centros de ensino- formación específica na técnica stop-motion da man da empresa xestora do programa, OQOeditora.

A consellería dirixida por Vázquez Abad, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, recoñeceulles aos docentes autores dos tres traballos premiados a súa participación con 20 horas de innovación educativa.

Nós tamén creamos! dálle continuidade ao programa dinamización lingüística iniciado no curso 2010-2011 no marco do que todas as aulas de infantil dos centros escolares de Galicia recibiron tres curtas en galego acompañadas de cadansúa unidade didáctica. No curso 2011-2012, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, deu un paso máis na iniciativa co fin de converter o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador.

Animación en galego para a xente miúda
A iniciativa buscou incentivar o uso da lingua galega, nas franxas máis baixas de idade, en novos espazos e soportes, nomeadamente no audiovisual; favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; promover unha relación positiva dos rapaces coa lingua propia de Galicia, ao relacionala co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se achegasen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a CRTVG.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: orde do día do pleno do luns 25 de xuño

Pleno Xuño.doc Download this file





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o Bng presenta moción polo do rescate "como roubo ao pobo" e a favor da banca pública galega


O Bng quere unha banca pública galega trala debacle das caixas e a estafa das preferentes

Porto do Son, 22 de xuño de 2012. "O rescate é duplamente lesivo para Galiza, porque significará a destrución do noso sistema financeiro e o expolio do noso aforro", sinala o BNG de Porto do Son, que vén de rexistar no Concello unha moción a favor da constitución dunha Banca Pública Galega e para que se convoque de inmediato un referendo que permita á cidadanía pronunciarse ante un rescate ao Estado español que significa un “roubo ao pobo”, segundo os nacionalistas.

A portavoz municipal do BNG, Ánxela Franco, manifestou que “en realidade, o que se vai rescatar son os bancos -únicos beneficiarios desta operación- e quen vai pagar a factura da operación, en forma de xuros e de novos recortes no seu benestar, é o conxunto da sociedade. E ademais vai significar a destrución do sistema financeiro galego”.  “É por isto que a única alternativa para salvar o aforro galego, e impedir que sexa espoliado por entidades foráneas é a aposta pola Banca Pública Galega, instando á Xunta de Galiza a que demande do Estado a transferencia da participación que o FROB detenta en NGB”, engadiu o portavoz do BNG.

A estafa das preferentes

Asemade, Ánxela Franco manifestou que “queremos que se rescate ás miles de persoas afectadas pola estafa das preferentes, así que con esta moción demandamos unha solución para elas. Solución que non pode ser outra que a da restitución até o último céntimo de todos os seus aforros. Se hai 100.000 millóns de euros para rescatar a banca, debe haber, de existir vontade política, capacidade económica máis que de abondo para devolver o estafado ás vítimas desta xigantesca fraude”.

A depuración das responsabilidades ás que houber lugar polo enorme burato deixado na economía polos xestores do sistema financeiro atopa tamén acomodo na moción do BNG que demanda a creación de comisións de investigación no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados. Até agora foron vetadas, explican os nacionalistas de Porto do Son, "por un PP que claramente ampara os responsábeis dunha catástrofe financeira que, rescate á marxe, xa lle ten custado ao contribuínte 118.000 millóns de euros (máis de dúas veces o PIB galego!!!). A moción tamén se preocupa do impacto que a nova reestruturación financeira imposta polo rescate vai ter no cadro de persoal de Novagaliciabanco e na atención aos veciños e veciñas, sobre todo da zona rural. Neste sentido, o BNG demanda a adopción de medidas políticas que permitan que non se destrúa nin un só posto de traballo máis no sistema financeiro galego e se preste atención adecuada aos clientes".


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o domingo 1 de xullo, ruta cicloturista en btt polas máis fermosas praias do concello

Ruta_praias_i


Ribeira, 22 de xuño de 2012.- A peña ciclista Tahume e a Asociación As Miñoteiras, xunto co Concello e a colaboración de Sportbike e Náutica A Poutada, propoñen para o domingo 1 de xullo unha atractiva actividade consistente nunha Ruta das Praias en BTT (bicicleta de montaña).

O concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez, e o presidente da peña Tahume, Breixo Ventoso, encargáronse de explicar os pormenores desta actividade de carácter puramente cicloturista.

A acción ten como principais obxectivos fomentar o deporte e a actividade física no seu carácter lúdico recreativo, aproveitar o bo tempo que proporciona a época estival para facer actividades no medio natural e fomentar as relacións sociais e o compañeirismo.

A ruta sairá do polideportivo de Santa Uxía (en Coroso) ás 9.30 horas (os participantes deben presentarse cun mínimo de 30 minutos de antelación para a retirada de dorsais). O itinerario irá en dirección Insuela, San Alberto, Dolmen, bordearase o Tahume, Corgo, parque natural, Vilar, Fieiteira, Ribeira, paseo de Coroso e chegada ao punto de partido.

Teñen como destinatarios os ciclistas a partir dos 16 anos cun nivel medio de condición física. Os menores de idade deben facilitar autorización paterna.

120 prazas

O número máximo de participantes será de 120, que se irán apuntando segundo orde de inscrición. Os interesados poden anotarse ata o 29 de xullo, ás 13 horas, na páxina web do Concello (www.riveira.es), nas oficinas de Deportes da Fieiteira ou por teléfono (981 873 646) ou e-mail (deportes@riveira.com).

As persoas ás que se lles confirme a praza deberán facer un ingreso de 8 euros no número de conta 2091 0339 78 3000030804 (Novagalicia Banco), co nome do participante como ordenante. O uso do casco é obrigatorio.

Curso de remo

Juan Luis Martínez aproveitou este acto para comunicar que o martes 3 de xullo terá lugar a presentación no Club Náutico de Ribeira do novo Curso de Remo organizado polo Concello coa colaboración do Club de Remo Puebla para nenos a partir dos 12 anos. Será ás 12 do mediodía.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: homenaxearán a Domingos Dosil en setembro

Dscn1560

Muros, 22 de xuño de 2012. No día de hoxe representantes do BNG mantiveron unha xuntanza coa alcaldesa de Muros, Caridade González. Laura Eiras, responsábel local do BNG, puxo sobre a mesa a decisión da formación política de facerlle unha homenaxe ao exalcalde nacionalista Domingos Dosil Cubelo, falecido o pasado febreiro.

Pola súa banda Caridade González amosou a súa predisposición, en nome do concello de Muros, a colaborar no acto coa infraestrutura precisa. Así, pecháronse cuestións como a ubicación do acto, na antiga fábrica de Sel, ou a data, primeira quincena de setembro.

Noutra orde de cousas, os representantes do BNG fixéronlle saber á rexedora a súa intención de participar activamente na vida política municipal, unha vez desposuídos da súa lexítima representación institucional. Deste xeito, implementaranse mecanismos de traballo que posibiliten a esta formación levar a cabo os seus compromisos programáticos. Laura Eiras resalta “a necesidade de que tódolos veciños estean representados, tamén os votantes do BNG. Seguiremos traballando para defender os dereitos e intereses dos muradáns”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o colectivo Danzón programa cursos de baile para este verán

Bailes_danzn




Lecer en Noia: actividades de verán para nenas e nenos


Seminario en Noia: o 5 de xullo, para deixar de fumar

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: pódese ver de novo o xenio artístico de Ayaso e Costa na súa nova mostra no auditorio

  •  A expo "Entredous II" inaugurouse onte e componse de máis de medio cento de obras do artista aguiñense Manuel Ayaso e o noiés Alfonso Costa
  • Poderase visitar ata o venres 17 de agosto

 

Ribeira, 22 de xuño de 2012.- O Auditorio Municipal deu cabida na tarde de onte á inauguración da exposición Entredous II, de Manuel Ayaso e Alfonso Costa: un acto presidido polo alcalde Manuel Ruiz que contou coa asistencia da concelleira de Cultura Elvira Pisos Arnoso e, por suposto, dos artistas autores das obras que compoñen a mostra: o noiés Alfonso Costa e o veciño de Aguiño Manuel Ayaso.

 

A mostra encádrase dentro da programación de Xuño da Cultura e das Artes e poderá visitarse ata o vindeiro 17 de agosto.

 

Se hai un ano Ayaso e Costa mostraban na Sala Museo Municipal 20 obras froito da súa produción conxunta, Entredous II recolle agora máis de 50 obras que, de novo, levan a firma de ambos os dous. No proceso de elaboración destas obras cada un deles ía traballando por separado nelas, para devolverllas posteriormente ao outro; deste xeito, o pintado por cada un lles servía de inspiración mutua.

 

Segundo indicou Manuel Ayaso, esta mostra reflicte o traballo desenvolvido de forma conxunta ao longo dun ano e medio. O artista expresou o seu desexo de que a exposición sexa do agrado do público que de forma moi numerosa asistiu a este acto de apertura, como de aquel que pase posteriormente polas instalacións municipais.

 

Alfonso Costa subliñou que, ata o que el coñece, esta é a única experiencia en Galicia en que dous artistas se xuntan para facer algo único. Tamén deixou constancia da dificultade que tivo nalgunhas ocasións para adentrarse no mundo fantástico de Ayaso cando era el quen recibía unha creación iniciada polo outro. “Pero afortunadamente eu fun capaz de superalo a el e el foi quen de superarme a min”, sentenciou.

 

En canto a Manuel Ruiz, expresou o orgullo de poder acoller no Auditorio unha exposición a cargo destes dous artistas que, ás veces pola proximidade xeográfica, non sabemos valorar en toda a súa fenomenal importancia.

 

Tamén quixo salientar a aportación da Deputación Provincial a esta exposición a través da publicación na súa imprenta do catálogo da mostra e recordou que a iniciativa se celebra no marco dunha nova programación coa que se pretende poñer en valor a cultura no municipio. A este respecto, manifestou que “poder presumir de dous artistas como eles ponnos no epicentro da cultura de Galicia”.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Infraestruturas: unha empresa galega realiza unha obra de aillamento pioneira en España

  • Baunts, con sede na Coruña, constrúe en Bilbao unha pantalla de aillamento acústico que pecha o ruído do tráfico nos accesos ao estadio de San Mamés. Hospital de Basurto e edificios de arredores quedan totalmente ailladas do ruído do tráfico
  • É a primeira obra deste tipo en toda España. O seu orzamento achégase aos dous millóns de euros
  • A firma galega xa está abrindo mercado no exterior, en Turquía e países do Este europeo

A Coruña, 22 de xuño de 2012.- É un túnel-envolvente co que se busca aillar o molesto ruído do tráfico que se escoita no hospital de Basurto (Bilbao) e as edificacións de vivendas colindantes, un rebumbio que procede da autovía de acceso a San Mamés que conecta coa autopista A-8. Para facer esta estrutura, que leva máis de 600.000 quilos de aceiro, fan falla 115 pórticos recubertos por placas de metacrilato na parte superior e por paneis metálicos no resto. Son case 4.000 metros cadrados de paneis tipo sándwich metálicos que discorren por un viaduto e o ramal de acceso e que garanten o total aillamento acústico do tráfico.

Para que non sexa considerada como túnel -o que suporía adaptarse a outras normativas urbanísticas e medioambientais-, esta estrutura especial é opaca nun zócalo continuado de cor vermella e transparente por enriba, e que non chega a estar por completo pechada no seu punto máis elevado. Nestes días fixéronse as probas de carga que confirmaron que a estrutura aguanta ben o paso dos vehículos, incluso cando o tráfico é máis intenso. No futuro, este vial pode incluso aproveitarse no caso de que Renfe decida soterrar as vías que circundan o barrio de Olabeaga.


Obra pioneira en España
Cun orzamento aproximado de 1.815.000€, é unha construción pioneira en España. Baunts, empresa galega con sede principal en A Coruña e unha secundaria en Madrid, encargouse do proxecto. Esta firma, que é noviña (creouse en 2009) adícase á execución de proxectos de instalacións de barreiras fonoacústicas para alta velocidade, áreas industriais e aeroportos. Xa está a dar orzamentos para importantes obras no norte deste país, no Corredor do Mediterráneo e abrindo novos mercados nos países do Este de Europa e tamén en Turquía.

Máis info en


REPORTAJE FOTOGRÁFICO.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o conservatorio ferve coas audicións de fin de curso

 

Ribeira, 22 de xuño de 2012.- Orellas quentes e máis abertas que nunca estes días no salón de actos do Conservatorio de Música Profesional, que está a rebulir de actividade cunha nova Audición de Fin de Curso, esta vez a cargo dos alumnos de 4º de Grao Elemental e 1º e 2º de Grao Profesional.

 

Enmarcada na programación do Xuño da Cultura e as Artes, esta acción contou coa participación de 20 alumnos que fixeron resoar no recinto instrumentos como violín, o piano, a gaita ou a guitarra, interpretando obras de J.S. Bach, Schubert, Chopin ou Bela Bartok.

 

Variando de rexistro e como actuación final, tres estudantes do Conservatorio (Rebeca Maceiras, Diana Pérez e Martín Sampedro) interpretaron o tema “Karma Police” de Radiohead.

 

Entre o concorrido público estaba un día máis a concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya, xunto ao director centro, Álvaro López.


Onte:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o programa deportivo de verán denomínase "Gasta as túas zapatillas"


Tamén hai unha saída ás Cíes, destino cercano preferido e de moda nos últimos tempos entre os barbanzanos

Dodro, 22 de xuño de 2012. O Concello de Dodro pon en marcha o Programa Deportivo de Verán que leva o nome “Gasta As Túas Zapatillas”. Esténdese durante todo o mes de xullo e divídese en catro bloques:

Maiores, Nenos/as, Adultos, Eventos e Excursións

Neste programa as actividades dirixidas a maiores son a Actividade Física Adaptada, rutas camiñando e xornadas de ximnasia na praia. Para os nenos celébrase un Campus de Fútbol Base e unha actividade novedosa de Xogos e Campionatos Deportivos. Para os adultos está en marcha unha liga de tenis, un campionato de pádel e un torneo de fútbol 7.

No referente ás excursións, ábrese o prazo de inscrición o vindeiro 25 de xuño para a saída ás Illas Cíes. Esta actividade será o 7 de xullo. O custo é de 13 € por persoa.

Para máis información pódese consultar a páxina web www.concellodedodro.org ou informarse no Departamento de Deportes situado no Pavillón Polideportivo.

Excursion_santiago_deportes

EXCURSIÓN ÁS CÍES.pdf Download this file

Triptico de verán defi.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: organizan obradoiros de inglés lúdico nas parroquias dende o 2 de xullo

Noia_inglls

Noia, 22 de xuño de 2012. A asociación Enredos vai organizar este verán nas parroquias do Obre e A Barquiña, así como en Noia (Casa da Xuventude) uns obradoiros de inglés lúdico dirixido a nenos e  a nenas de 3 a 12 anos.

Para máis información, acudide á Casa da Xuventude ou chamade ao 657894819.

Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical